xitanos – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Miserias http://antondobao.blogaliza.org/2010/10/06/miserias/ Wed, 06 Oct 2010 11:36:48 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=733 Que polas arterias da dereita flúe un licor mesto e sinistro, está escrito con tinta indeleble nos libros da historia. Que a súa nave ideolóxica navega docemente polo cinismo e a hipocrisía, é unha realidade insculpida con lume na experiencia humana. Sistematicamente, establece unha verdade inobxectable instrumental á súa ordenación do mundo. A verdade, como nas relixións, nace da orde. Se a realidade non se axeitar á proposición previa, orixe divina de todo, entrarán en funcionamento os mecanismos correctores que foren precisos.

As deportacións masivas de xitanos que tanto excitan a Sarkozy e, por contacto e identificación, á dereita española tamén nacen argumentalmente na vileza e na mentira. Os xitanos romaneses son pobres, non traballan, rouban, complícanlles a vida aos seus veciños e exercen a mendicidade agresiva. Para garantir a pureza da sociedade francesa, a deportación masiva é a solución. Ao outro día de expulsados os xitanos, os miserables que se excitan coa deportación e arelan a pureza seguen a vivir na pobreza. Que teñan coidado; algo de impuro hai tamén neles. Convertida a mentira inicial en verdade pura, todo o consecuente é aceptable e mesmo necesario.

Europa, escenario de tanta democracia e dereitos individuais e colectivos, permanece pasmada na contemplación ansiosa do espectáculo. Ninguén di nada serio, ninguén fai nada con sentido. Talvez Viviane Reding, a Vicepresidenta da Comisión Europea e responsable de Xustiza, mantivo en voz alta un alento de dignidade. Breve. Sarkozy respondeulle coa intelixencia que o caracteriza: se a señora Vicepresidenta defende tanto os xitanos romaneses, que os leve para o seu país. Se tanto che gustan, lévaos para a casa. Sarkozy e os seus argumentos incontestables convencen coa forza da razón a Europa política. Apláudeo Berlusconi. Admírao Mariano Rajoy. Tamén a representante do PP en Cataluña. Laboratorio Badalona. Negreira está fascinado coa idea dunha La Coruña pura. Algúns feixes de respectables cidadáns que non posúen nada digno de ser roubado expresan o seu incomodo e a súa intranquilidade temerosa pola presenza de tanto inmigrante.

A Rodríguez Zapatero cónstalle, porque así di el que llo explicou o locuaz Nicolas, que Francia ten razóns para as deportacións masivas. Que nolas conte. Será que xitanos e romaneses non cadran harmoniosos no fermoso e osmótico territorio europeo, aberto á circulación de capitais e pechado coma o formigón á circulación das persoas. Cómpre protexer a torre da derrota. Din os homes de ben de toda Europa que a vicepresidenta foi excesiva ao lembrar outras deportacións da historia recente de Europa. Poida que a valente e admirada política de Sarkozy non se inspire nas deportacións nazis, pero é netamente fascista. Non tanto pola deportación en si, que tamén, coma polos efectos buscados: odio racial, desprezo e rexeitamento ao diferente, submisión plácida ao poder na miseria. Son as clases populares as destinatarias desta política. Xa se sabe, a violencia horizontal. A subalternidade adorada. A multitude ambivalente. A vella norma do fascismo.

Por iso era de esperar unha reacción contundente da esquerda europea antifascista. Pero tamén aquí parece encontrarse asombrada ante a observación silenciosa de si mesma no espello. Cóncavo.

]]>