uniformización – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Estatuto novo? http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/24/estatuto-novo/ Thu, 24 Sep 2009 18:52:35 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=530 O marco xurídico-político vixente recoñécelle a Galicia a súa condición de nacionalidade histórica. O carácter nacional de Galicia está tan fóra de discusión teórica coma o feito de o galego, e non outro idioma, ser a lingua propia. Haberá quen negue que o galego sexa a lingua propia de Galicia, ou que sexa unha lingua, e haberá quen vexa en Galicia unha entrañable e verde rexión sen entidade política. Ten que haber xente para todo. Ora, tales prexuízos só terán efecto xurídico cando se modifique a lexislación vixente. Mentres e non, o galego é a lingua propia dunha nacionalidade histórica chamada Galicia.

Mais non nos deixemos cegar pola legalidade. O Estado manexa ferramentas centralizadoras que converten en aspiracións indignas e antidemocráticas os tímidos recoñecementos formais. A periferia é unha anomalía. Non a súa existencia, que fortalece sempre a conciencia agresiva do centro, senón a súa impugnación da subalternidade. España é un proxecto nacional imposible, constantemente en crise, porque só se constrúe negando e perseguindo a diferenza e a diversidade. Criminalizándoas. O proxecto nacional español, en toda a súa amplitude política e mediática, é alérxico a toda identidade non española e a toda expresión en lingua non española. A literatura, o cinema, a música, calquera manifestación cultural que non navegue en barca de sangue e ouro será considerada irrelevante, inferior, non existirá. Cando non, abertamente hostil.

Para o pensamento nacional español, a diversidade empobrece e significa un perigo para a propia existencia. Quizais por iso é historicamente irrealizable. Hai outras nacións peninsulares que se saben diferentes, teiman en manter vivas as súas linguas e as súas culturas e en construír proxectos nacionais alternativos, aínda que non sempre sexan maioritarios. A contradición non a dá resolto España con uniformización e negación da diferenza, aínda vestida de descentralización, autonomía e respecto pola diversidade. Agudízaa.

A construción dun Estado das Autonomías en que se dilúan as diferenzas e se equipare o autogoberno das nacionalidades históricas á xestión das rexións e provincias autónomas serve para reconducir aspiracións nacionais de Galicia, Euskal Herria e Países Cataláns. Substitúese polo simulacro a posibilidade dun réxime pluralista, necesariamente republicano, de igualdade real entre as nacións española, catalá, vasca e galega. É a distancia infinita entre unha concesión de descentralización administrativa e o dereito a decidir, propio, só que fose teoricamente, dunha federación de nacións. O simulacro.

España só concibe unha soberanía, e esta reside no Congreso dos Deputados. Nin sequera no pobo español. As peripecias da reforma do Estatuto de Cataluña sacan á superficie as profundas deficiencias democráticas do réxime. O Parlamento de Cataluña, en teoría a expresión da soberanía do pobo catalán, aproba un texto estatutario co apoio de máis do 90% dos seus deputados. O texto vai ao Congreso dos Deputados e de aí sae chapodado e corrixido, é dicir, a vontade popular catalá non ten valor político. Para concluír coa farsa, o Tribunal Constitucional, non elixido, como sabemos, por sufraxio universal, terá a derradeira palabra. Un grupo de maxistrados pode desprezar, amparado na lexitimidade que o réxime lle concede, as decisións do pobo catalán mediante Parlamento e referendo e as do Congreso dos Deputados de España. En que instancia real recae a soberanía? A anomalía democrática é estridente.

Historicamente, o nacionalismo galego de esquerda —outro non hai nin é probable— está enfrontado ao réxime. Non acepta o seu marco xurídico e político por negar o pobo galego como suxeito político soberano con dereito a decidir sobre a forma de organización con España: desde a autonomía administrativa, pasando pola federación en pé de igualdade, ata a independencia. Tampouco Castelao, que nunca foi rexionalista, aceptou ningunha saída á ditadura fascista que non supuxese unha III República Federal e o recoñecemento da soberanía galega. A ruptura democrática que nunca se produciu.

Que nos últimos tempos o BNG teime na reforma estatutaria vén a romper con esa tradición histórica. Unha reforma estatutaria, mesmo nos máximos permitidos polo réxime, non conquistará dereitos para a nación galega. Como moito, un recoñecemento formalmente diferente do seu xa recoñecido carácter nacional. O custo dunha modificación insubstancial sería a automática aceptación dun marco xurídico e político que nega o dereito a decidir e mantén en réxime de subalternidade a nación galega, a súa lingua, a súa cultura e as súas posibilidades futuras. Moi caro.

Se a sentenza do Tribunal Constitucional é contraria á reforma do Estatuto de Cataluña, as xustificacións para apoiar unha reforma estatutaria e asumir o marco xurídico-político do réxime caerían a cachón nun burato negro. O nacionalismo renunciaría á potencia do seu discurso. Talvez, o indicado sería non insistir nunha reforma inconsistente, manter a as distancias, non lexitimar o réxime e forzar politicamente melloras tanto na actualización estatutaria coma no desenvolvemento de competencias. O resultado non se medirá en termos de rendemento electoral inmediato, pero si de conciencia colectiva. Conciencia nacional das necesidades e das posibilidades, único camiño para a emancipación. Que é o obxectivo, ou?

A asunción do marco xurídico e político resultante dun novo estatuto unanimemente apoiado polos grupos do Parlamento de Galicia implicaría unha reformulación histórica das forzas nacionalistas. Daquela, situaríanse á mesma distancia de Castelao que Núñez Feijóo.

]]>
Non pasarán! http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/21/non-pasaran/ Mon, 21 Sep 2009 12:04:04 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=527 Non sei por que será, pero teño a sensación de que se os mandilóns das defuntas Galescolas lucisen bordada unha luminosa bandeira encarnada e amarela non cumpriría despolitización. Se acaso, mudar nomes, para retirar do pasado os verdadeiros vestixios do mal. Vou levar os pequenos á galiña soa moito mellor, quen o dubida.

Tamén estou convencido de que as bandeiras españolas que locen nas camisetas algúns equipos de fútbol son apenas unha orgullosa mostra de patriotismo, ese sentimento tan entrañable e inocente, unha resposta contundente á politización extremista á que Laporta somete o F. C. Barcelona ao bordar nas chambras dos futbolistas unha senyera, ao se atrever a opinar, ao pedir seleccións deportivas catalás en competicións oficiais ou a teimar en darlle ao catalán sen parar. Xa se sabe; dáslles unha man e cóllenche o brazo enteiro. Non lles chega con ter unha selección que xogue partidos amigables polo nadal e unha lingua coa que cantar a beleza dos sentimentos máis puros; queren competir polo mundo adiante coa súa lingua na boca. Túzaros.

En Galicia, que somos moi serios e estamos dispostos a dar exemplo de españolidade suicida, probablemente non volveremos ver Selección Galega nin de fútbol nin de chapas. Vivimos a gloriosa era da despolitización. Sea usted inteligente, no se meta en política. Hai demasiadas bandeiras de Galicia nas zamarras dos seleccionados, así que mellor será aforrar uns cartos e pechar o ridículo bochinche. E entón escusamos cantar o himno, que ten letra monolingüe impositiva e rivaliza co lalalala que con tanta paixón berraron gorxas despolitizadas hai unhas semanas en Riazor.

Os símbolos que politizan non son benvidos. Contra eles, que separan, hai símbolos que unen. Estes deben ocupar a totalidade do espazo social, cultural, político. Para iso gañaron unha guerra, non para observaren, impávidos e atoallados, como retiran da Coruña con La a estatua dun Coruñés de Pro. Outro día haberá que falar dos resentidos. Hoxe aínda temos que navegar un pouco pola filosofía Valdano, especialista na masa do patacón: uns van de dentro para fóra e outros de dentro para aínda máis dentro. Quen non o entenda que vaia á galiña.

O bo que teñen os símbolos é que ofrecen significados de pouca precisión semántica pero con alta capacidade connotativa. Son eficaces para controlar certas tendencias potencialmente incontrolables da multitude e dos individuos. Tamén para construír discursos alternativos. En calquera dos casos, o símbolo dálle cohesión ao grupo. Se a comunicación social toda se apoiase no símbolo, triunfaría a aparencia sobre a realidade e o dominio deviría nunha brétema dificilmente visible. Diversas manifestacións do poder interveñen a nosa facultade lingüística para lle imprimir unha derivación simbólica: do significado preciso á connotación difusa. As palabras fanse símbolos e iconas cando é preciso. A estimulación das vísceras sen necesidade de facer parada nos cerebros.

Os símbolos de España non se discuten. Quen non goce ata as proximidades do orgasmo co triunfo das seleccións españolas, de Nadal ou de Fernando Alonso é persoa resentida, excluínte e cunha concepción aldeá da cultura e da vida. Un descastado. Na Radio Galega exaltábase o patriotismo de víscera e fozábase no peor chauvinismo contra un británico negro nas carreiras de Fernando Alonso, un piloto que nada ten que ver con Galicia e cuxos impostos esquivan as necesidades sociais dos extasiados pola veloz habilidade máis ca pola propia pobreza. Eran tempos do bipartito, que máis ten.

Toda a dereita española, tanto a franquista (Partido Popular e os seus medios de produción simbólica) coma a dereita monárquica (felipismo, guerrismo, outros sectores do PSOE, PRISA, UPyD, etc.), comparte a necesidade de ocupar a comunicación social con representacións simbólicas. Para eles, socios inseparables, a identidade é unha deformación que cómpre barbear porque politiza en exceso ámbitos aos que só deben acudir símbolos de unidade. Coma a política cando a practican non profesionais, a identidade é indesexable cando non é española. Cando Puyol celebrou un gol no Bernabéu ao Real Madrid bicando o brazalete coa senyera, a identidade española, ou sexa, a natural e inocente, a que ten emisoras de radio e xornais e odia a politización, indignouse coa afronta. Mais non se fixa no valor connotativo do Viva España que canta o público madridista ou da simboloxía fascista e rojigualda que tingue o Bernabéu. Claman ao ceo se vascos e cataláns asubían o himno español pero consideran un acto festivo que os seareiros españois abrouxen A Marsellesa. Moi esclarecedor.

A supervivencia dun proxecto patriótico español, incapaz de cristalizar historicamente, esencialmente negador e uniformizador, está profundamente ligada á necesidade de simbolizar toda comunicación social. Precisa facer de todo o español o natural non caracterizado e converter calquera símbolo ou manifestación das nacións non españolas en marca agresiva de imposición identitaria excluínte, en politización indesexable do que ha de estar, porque o din eles, no limbo do indiscutible. Ensinar matemáticas en galego é unha imposición inaceptable, unha politización totalitaria, e ensinalas en castelán é o natural non imposto. Misterios inescrutables, coma os Camiños do Señor.

Probablemente pasen algúns anos antes de que poidamos volver ver un partido da Selección Galega. Non é moita a perda, se temos en conta que a participación en competicións oficiais está prohibida. Pero será unha ausencia simbólica innecesaria. É a maneira que teñen de ir reconstruíndo a identidade natural. Como retirar a lingua galega do ensino e da vida pública.

Así son os demócratas orgullosos de Millán Astray.

Non pasarán.

]]>
Pulsións reactivas http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/13/pulsions-reactivas/ Tue, 12 May 2009 23:45:24 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=244 Ao ronsel da reflexión, sinxela pero cereteira, que facía Manuel Rico no seu blog La Trinchera Digital, ocórreseme estrebillar arredor de certas pulsións reactivas. Non sei se serán exclusivamente españolas, que o parecen ás veces, ou se marcan con ferro incandescente as fronteiras do inaceptable no mundo destes tempos. O terror á libre elección, á liberdade, non é algo novo da nosa época confusa pero enfociña coas reverencias extasiadas á era da comunicación de masas, o imperio da incomunicación humana en que as vellas formas mediáticas parecen mutar en corpos de texturas diferentes.

Onte, coma quen di, era a píldora poscoital. O terror agroma de golpe e coma un furuncho nos rostros, nas voces e nas penas de homes, mulleres e xornalistas de ben. Non o terror ás contraindicacións da menciña nin aos seus efectos secundarios, que segundo a ciencia non pasan dalgunha lixeira dor de cabeza. Nada diso. O terror focalízase xusto alí onde nace a posibilidade de que unha rapariga calquera acceda á píldora sen pexas e sen necesidade de tutela paterna. Manca fondo a opción en si, que teña unha posibilidade máis para elixir sen estar obrigada a deterse na alfándega, moral ou doutro tipo, dos seus pais, que talvez ela non ten por que compartir. Por que vai ser malo ou inconveniente ter máis opcións para elixir? No caso da píldora famosa son dous os temores que desolan a España que pensa en transcendente: o terror á libre elección e o pánico ao gozo sen mercadoría co propio corpo. Os medios de comunicación máis importantes téñeno claro: a decisión autónoma dun ser racional adolescente, feminino ademais, guíndanos a todos con vulgaridade ao abismo da miseria moral. E do caos, claro, e ao mellor mesmo do comunismo. Sempre tan preocupados polo noso benestar espiritual.

Non lonxe de onte, como o noso paisano Manuel Rico comentaba na súa trincheira dixital, o máis selecto dos medios de España tamén se abanea ante a posibilidade de elixir. E nese caso o consenso é aínda máis firme. O importante é que non quede nunca desvelada a posibilidade de escolla. Dereito a decidir: non hai nestes tempos sintagma que máis mereza un bo anatema. Nin que os pobos ou as cidadanías fosen adultos. Coma as adolescentes da píldora.

Restauración monárquica fronte a restitución republicana; Constitución española que non votamos os menores de 50 anos fronte a un marco xurídico político que recoñeza, por exemplo, o exercicio da libre determinación das nacionalidades históricas sen ameaza de intervención militar; uniformización españolizadora fronte á normalización das linguas e culturas minorizadas —non necesariamente minoritarias. Estes principios básicos, e outros máis que é innecesario citar, están a salvo de discusión na doxa do réxime. O pacto se cadra non está escrito, aínda que o sela unha lacra indisoluble. A súa materia é un orixinario medo á liberdade, o mesmo que transcende no caso da píldora poscoital, sempre aviado de principios morais e infalibilidade relixiosa. É un medo non recoñecido que enxendra odio con todo e disfrazarse de amor á liberdade e á vida. Incompatible con calquera concepto de democracia que non viole a etimoloxía do termo.

Tras ese consenso fundacional hai tamén outras razóns derivadas dun proceso histórico que nace coa ditadura fascista do Xeneral Franco. Varias xeracións de xornalistas foron educadas nun exercicio profesional en que o discurso do dominio non era obxecto de discusión. As consecuencias serían funestas. Como non houbo ruptura democrática trala morte do ditador, tampouco quedaron disoltos os vellos principios da comunicación de masas nin arrombadas as formas e o maxisterio de vellos mestres, moitos deles uniformados con camisa azul e gravata negra. E as empresas de comunicación, coas pertinentes mutacións, seguiron nas mesmas mans. Hoxe, o sentido común do réxime tampouco é obxecto de discusión.

As condicións actuais non son as dos anos da ditadura, por suposto. Mais a fascinación por evitar o prohibido e condenar a liberdade de opcións, o dereito a decidir, sexa individual ou colectivo, segue a ser marca xenética moi maioritaria da práctica xornalística contemporánea e da liña editorial común, sen regañas, dos medios de comunicación. Nada importante está sometido a discusión. Cando algún xornalista, que os hai, ou algún medio regala os ollos ante o descubrimento de realidades non esperadas, corren o risco de que sobre deles caia a man aberta e enorme do sentido común e os expulse para fóra do templo da sensatez e da cordura. Nas grandes cuestións de estado, e as bases do sistema e do réxime sono, ninguén escapa ao consenso, esa eficaz forma contemporánea de censura. E para os que escapan hai oficinas nas que se paga a afronta.

A liberdade non é rendible. Así que, non nos convén exercela, non lle deamos máis voltas.

]]>
Un museo para a lingua http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/28/un-museo-para-a-lingua/ Mon, 27 Apr 2009 23:39:03 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=213 Nin unha palabra de resposta a FAES e as súas liñas de pozo negro. Hai liortas na taberna en que as persoas sensatas non deben entrar. Sempre teñen máis que perder ca os matóns panforreiros. Unha labazada a destempo, unha navallada solta, cousas desagradables. Innecesarias, porque con esta caste de piratas a discusión nunca é produtiva. Non nos poñamos de cháchara cos cerebros escuros de FAES estercados co estrume do uniformismo nacional-católico e un psicótico sentido de superioridade cultural excluínte que en realidade oculta un complexo de inferioridade histórico. Sería darlle lexitimidade a quen segue designios divinos ou dunha razón absoluta antihistórica e inexistente. Se acaso, ben faría o reintegracionismo en revisar algunhas esperables coincidencias de argumentos que apuntan á vítima común: esa lingua rural, asilvestrada, de analfabetos. A lingua galega. Por elaboración, claro. Única no mundo.

Na mesma taberna beben Gloria Lago e os seus secuaces. A purrela que nela se serve, da que abusan a miúdo, causa cegueira e ausencia de actividade cerebral. A osmose entre dona Gloria e os cerebros fosilizados de FAES é frutífera. Beberán da mesma cunca? Agora, a profesora de sufridos alumnos e indignados compañeiros de claustro promete vixiar os museos. Non podía ser menos en persoa de tamaña cultura.

O novo goberno é bilingüe. Poida que non moito máis ca o anterior, que tamén o era. Aqueles ofrecéronnos un decreto e un laissez faire aburrido; estes prométennos o trío. No presente, parella tradicional con reparto de roles. Un, forte, responsable, sabio, ao mando das cousas importantes; a outra, na cociña e sen armar moito barullo. Mais o futuro brilla coa esperanza dun bo trío. E quen non soñou algunha vez con un trío?

Pouco lle vai afectar á lingua a fachenda con que FAES ostenta a súa ignorancia colectiva. Non saben nin ler en Saussure. Tampouco pasará de furuncho molesto a louca actividade de Gloria Lago e os seus. Aínda que sobre o humus do seu balorento nacionalismo, hexemónico entre os medios de produción simbólica e en boas capas da sociedade española, vaise depositando capa a capa o delirio uniformista de ambas as seitas. Que afoguen na súa propia ignorancia se así se senten máis útiles ao destino no universal.

As linguas non morren nin sobreviven por mor dos prexuízos que tecen os seus niños entre os falantes doutros idiomas. Unha lingua está viva mentres haxa dous falantes que a empreguen para se comunicaren entre si. Ao galego, non o dubide ninguén, quédalle tempo e tempo. Sobreviviranos. Os mortos que vós matades gozan de boa saúde. Por Celso Emilio. Manteñamos ese discurso.

Enfrontarnos a esta borrasca chuviosa e fría con ventos que sopran na mesma dirección mediante a manifestación e a oposición a aquelas medidas que nos parezan atentatorias contra os proxectos e as conquistas normalizadoras é un acto necesario de resistencia. Non suficiente. Talvez cómpre xa marcarmos a nosa propia axenda e non bailar ao ritmo que outros toquen, máis que nada cando eses outros son irrelevantes ignorantes. A historia da normalización da lingua galega, ou sexa, da recuperación e ocupación de todos os espazos sociais como lingua propia, debe iniciar aquí unha nova fase cuxa gran tarefa colectiva sexa reforzar a lealdade dos falantes. Ou sexa, estabilizar primeiro e reverter despois a perda de transmisión. Ese é o maior reto, pois tal perda arrinca de condicións materiais que non se transforman da noite para a mañá sen un cambio radical de sistema económico e por tanto político e social. Se cadra é o momento de reorganizarnos a partir dun grupo compacto de falantes conscientes dispostos a exercer dereitos sen condicións e sen esperar a que nolos concedan. Incluído o de educar os fillos en galego, mesmo que para iso teñamos que erguer as nosas propias escolas. E deixar constancia, alá onde se produza, da imposición real, ou sexa, da ausencia da lingua galega en moitos ámbitos da vida social. Que Gloria Lago visite os museos, que falta lle fará; tal vez empecemos nós a visitar os xulgados. E outros lugares en que o monolingüismo español se cre norma sagrada.

A única imposición que coñecemos é a que nos obriga a vivir parte da nosa existencia nunha lingua que non nos é propia. Esa experiencia histórica impúlsanos a socavar os alicerces da imposición en cada unha das súas manifestacións cotiás. Diga o que diga o goberno, Gloria Lago, FAES, os medios de comunicación e o sentido común do sistema e do réxime. Ao mellor mañá reclamamos os nosos dereitos en calquera lugar do Estado español. Xa veremos.

]]>