Tribunal Constitucional – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Indisoluble Unidade http://antondobao.blogaliza.org/2010/07/14/indisoluble-unidade/ Wed, 14 Jul 2010 12:02:27 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=699 A sentenza do Tribunal Constitucional contra o Estatuto de Autonomía de Cataluña ten algunhas virtudes que nunca moraron nos cálculos dos que presentaron o recurso nin nos dos autores da resolución.

A reforma estatutaria convertérona a dereita e o patriotismo español nunha declaración de guerra contra principios sagrados. A Indisoluble Unidade da Nación Española á fronte de todos eles. Este ben inmaterial periga ante o cruel acoso lingüístico, cultural e político dos nacionalismos destrutivos e excluentes. Levamos trinta e tantos anos aturando o mesmo discurso. Máis outros corenta anteriores. E aquí seguimos.

Nación non pode haber máis que unha, proclama con fachenda e temor o Tribunal Constitucional e así pon couto ao imposible. As nacionalidades históricas non son o que parecen. As autonomías -cos seus estatutos e institucións- non son o resultado dun pacto entre suxeitos políticos diversos senón xenerosas concesións administrativas. Igual cho dou como cho quito. Os pobos vasco, catalán e galego non existen nin existen as súas nacións. O Tribunal Constitucional establece que o marco xurídico-político é unha doazón, unha especie de novo Fuero de los Españoles. Non houbo acto constituínte senón herdanza dun poder ilexítimo. Xa o sabiamos, pero era ben que o recoñecesen.

A primacía de España sobre as outras nacións ibéricas, condenadas á non existencia e a unha condición subalterna infranqueable, reflíctese como nun espello no territorio das linguas. A Fundación FAES, inspiradora da política lingüística da Xunta de Galicia, triunfa na delirante sentenza do Tribunal Constitucional. O réxime non comprende as linguas vernáculas fóra da subalternidade. As comunidades autónomas non poderán executar políticas tendentes a situar as linguas propias sequera ao mesmo nivel ca a lingua española, que non é común nin propia neses territorios. O Tribunal Constitucional consagra a desigualdade entre linguas, real na vida diaria, e constrinxe a dimensión das políticas normalizadoras. Fosiliza o modelo lingüístico vixente no Estado español, que preserva a supremacía do castelán e profunda na subalternidade das outras linguas. Baixo o actual réxime, non hai futuro para as linguas minorizadas. Só a esperanza de que os procesos de substitución poidan ser retardados. E a resistencia.

A Indisoluble Unidade da Nación Española é a chave de bóveda do edificio político español. Pero por detrás da aparente fortaleza de tal mandamento, claramente relixioso, tanta insistencia só pode ocultar unha debilidade extrema. A nación española non é indisoluble, a menos que sexa o resultado dunha concepción e creación divina. Franquismo sen máis.

Para o proxecto patriótico español, excluínte e negador por natureza e tradición, a soñada unidade só se garante por imposición. Por iso é máis imposible que indisoluble, sempre sometida a conflito. Calquera unidade estable —nunca indisoluble— só sería posible mediante pacto libre de partes que se recoñecen mutuamente. Dunha banda, España; da outra banda, as outras nacións peninsulares. En pé de igualdade. O resultado sería un estado federal pactado libremente. Mais esa posibilidade non ten acollida dentro do vixente marco xurídico e político. A Constitución Española non a admite porque crebaría a supremacía exclusivista da nación española e a conseguinte subalternidade das outras nacións peninsulares, a base da actual arquitectura estatal. Ora ben, para que calquera pacto federal fose posible entre nacións iguais, a independencia de cada unha delas sería un requisito imprescindible. A fortaleza dun pacto baséase na liberdade das partes. O dereito a decidir é sempre irrenunciable para quen emproe cara á liberdade. Un estado federal só pode ser o resultado dun proceso constituínte protagonizado por nacións independentes. Ou sexa, a independencia é requisito ineludible para calquera solución democrática que traspase os lindes da subalternidade e a negación política, cultural e lingüística.

Para a dereita e o nacionalismo español, a unidade indisoluble da nación española é coma o matrimonio. É Deus quen o alenta e o institúe. Ao seu abeiro, á muller tócalle obedecer e ao home decidir. O divorcio ou outras formas de matrimonio non tradicionais e non patriarcais representan desviacións inaceptables e punibles. Sempre ese pracer morboso no dominio e na subalternidade do outro, do diferente. A negación como realización suprema. Talvez un acusado complexo de inferioridade, quen sabe,

O Tribunal Constitucional acaba de demostrarnos, por se non o sabiamos, que a Constitución Española é un cárcere para nacións, linguas e suxeitos políticos. E dos cárceres, os presos tenden a querer marchar. De dúas únicas maneiras: ou ben mediante fuga, ou ben mediante redución de pena, que vén a ser unha modalidade de pacto. Cando o Estado non admite a posibilidade do pacto, só queda a fuxida. O dereito a abandonar é en calquera caso irrenunciable.

Só nas decisións libres pode encontrarse expresión democrática. E en democracia, a lei ten que someterse á vontade popular, non ao revés.

]]>
As cousas, como deben ser http://antondobao.blogaliza.org/2010/07/01/sagrada-constitucion/ Thu, 01 Jul 2010 11:47:17 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=695 Por riba de todo, mesmo dun Parlamento ou de certa manifestación de soberanía popular en forma de referendo, está a necesidade de que as decisións dos representantes non alteren os principios nos que se inspiraron os constituíntes, que veñen a ser uns Pais da Patria moi listos. Esa necesidade inobxectable era expresada non hai moito tempo por un mangado de importantes xuristas españois consultados pola intelixencia mediática ao redor do parto montesío do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de Cataluña. Os especialistas ábrennos aos abismos fundamentais do sistema e do réxime. A restauración tivo as formas dun pacto. A ver quen o desata.

A Soberanía reside no Parlamento español. E non de todo. Por exemplo, no plano económico, reside no FMI, nos mercados e na súa inestable confianza. Non hai máis suxeitos soberanos. Non o é o pobo español, se é que existe. Tampouco o catalán, o vasco, o galego. Nin sequera ningún dos seus parlamentos. A Indivisible Unidad de la Patria, sintagma tenebroso que alude a unha vontade transcendente e non humana, é referencia de orde e ética suprema. Amais doutras importantes institucións, o Tribunal Constitucional vela con firmeza e sacrificio para que as bases do pacto de hai trinta e tantos anos non poida crebalas vontade popular ningunha, sexa de expresión directa sexa mediante representación.

O dereito é posterior ao poder constituínte, é o aparello legal que garante os principios e os privilexios da clase social dominante, a súa ditadura. Os gobernos representan o poder constituído, por tanto evitarán a tentación de alterar o inmutable. Ningunha política económica atacará os intereses dos propietarios; non haberá medidas lexislativas que poñan en perigo calquera aspecto crucial dun pacto constitucional que os menores de cincuenta anos non tivemos ocasión de votar. Velaí a teimuda destrución da memoria ou a non menos teimuda preservación de indecentes privilexios para a Igrexa Católica. Só pequenos detalles. Se accidentalmente a un goberno o atacase a tentación de alterar o inmutable, ao rescate virá a salvagarda constitucional. Unha cara do simulacro ten forma de Tribunal Constitucional cuxos membros non responden ante a sociedade nin son elixidos por esta.

O Estatuto de Cataluña é soamente unha anécdota. A sentenza non terá demasiada transcendencia. O realmente importante é asegurar que por riba da decisión popular ou de calquera parlamento haxa sempre un teito infranqueable. A lexitimidade dun golpe de estado contra a legalidade republicana, seguido de tres anos de guerra e corenta de ditadura. Fóra da Unidade Indisoluble de España, nada existe. Non pode haber máis nación nin máis cultura nin máis lingua nin máis pobo nin máis soberanía. Por iso non é casual que unha parte non residual da cultura española, dos seus medios de comunicación e do seu pensamento reaccione con saña contra as linguas cooficiais, contra toda manifestación de nacionalidades alternativas, contra calquera idea que poña en cuestión a posibilidade (obrigatoria) dun proxecto patriótico español uniformizador e negador. Totalitario. E imposible, eternamente sometido a conflito.

O democrático sería mudar a Constitución para dea cabida á decisión soberana de cada nación. Pero o democrático bate de fronte co constitucional, co réxime e co pacto de Restauración. Invalidar, como fai o Tribunal Constitucional, a decisión do pobo e do Parlamento de Cataluña, aínda que só afecte a unha pequena parte do articulado do Estatut, é unha proba de como se ataca a democracia no nome da propia democracia. Ou a formalidade democrática como coartada. Porque entre as formas do réxime e a democracia real media un abismo escuro e intransitable.

Lasciate ogni speranza, voi ch’entrate

]]>