traballo – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Comunismo, ou que http://antondobao.blogaliza.org/2009/11/12/comunismo-ou-que/ Thu, 12 Nov 2009 00:55:10 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=560 Todos corren a celebrar que hai vinte anos caeu un muro. Boa cousa. Á humanidade convenlle que se esborrallen muros, valados, muradellas e murallas. Materiais e simbólicos. Pero algo de estraño ten esta obsesión celebrante, nerviosa, insistente e reiterativa. Os medios de produción simbólica apuntan na dirección da arelada derrota final. A caída do muro de Berlín, contan, é o fracaso absoluto dunha ideoloxía. O comunismo, ese monstro, morreu, e ben morto está. Dino ollando nerviosos aos lados, porque por algúns lugares escuros aínda vaga algún fantasma, ora con forma de toupeira, ora con modos de cobra.

Na reunificación alemá concéntrase simbolicamente a implosión do modelo socialista do leste europeo. Aquel ensaio histórico arrastrou coa súa estrepitosa caída forzas e esperanzas dun movemento obreiro que non deu recuperado alento. Situar hoxe no modelo do chamado socialismo real o horizonte dunha clase obreira que precisa emancipación non faría máis ca a adiar eternamente a satisfacción desa necesidade. Porque o proletariado contemporáneo ten unha fasquía diferente, máis diversa, rica e numerosa, á do proletariado industrial que atravesou todos os chanzos do século XX. Porque a emancipación é liberdade, perda de cadeas, supresión do dominio e do control e mais do sometemento escravizante ao traballo asalariado, fin da explotación, igualdade. Porque a emancipación do proletariado non casa co paroxismo da disciplina, co sometemento ao traballo asalariado, coa ausencia de liberdade e a igualdade como ilusión. Certo é que seriamos demasiado inxustos se non atoparamos o que de positivo tivo a experiencia histórica para a clase obreira do mundo, pero hai demasiados asuntos transcendentais que a experiencia do socialismo real pasou por alto. Nalgunhas páxinas da súa vasta obra, Karl Marx advirte que a superación histórica do capitalismo é inevitable entre outras cousas porque o sistema atranca o imparable desenvolvemento das forzas produtivas. E velaí que os réximes do leste de Europa foron incapaces de liberar ese inevitable desenvolvemento das forzas produtivas. O socialismo real morreu de morte matada, pero tamén de inercia, de enfermidade grave e de suicidio.

Aquel fracaso é coartada para as forzas que gobernan a produción simbólica, capitalistas, madia leva. Anuncian a fin da historia e a inconveniencia dun proxecto comunista capaz de manter vivo, ameazante e necesario o soño dunha sociedade xusta, de cooperación, igualitaria e libre. A coartada é o pano opaco con que o Capital oculta a súa miseria, a súa base de podremia, a explotación, a exclusión, o dominio, o crime mesmo. Cando nos insisten tanto, coa certeza de quen todo o sabe por revelación, na fin da utopía comunista, albiscamos esa face medoña e o tremor de quen venta o perigo. Negan o inimigo para o esconxuraren. Pero a fantasma igual é inmune aos meigallos.

Teñen medo. Esa sensación de ameaza, porque saben que o antagonismo é persistente e irresoluble, convértelles a celebración destes días nunha cerimonia relixiosa de interrogación. Somos máis libres que hai vinte anos?, din os voceiros para que o interlocutor, experto en calquera cousa, asinta e demostre con tres frases ben fiadas a inobxectable verdade da relixión capitalista. Se cadra, aqueles que conquistaron a liberdade de consumir pero non a de ter con que consumir non se senten mellor.

O proxecto comunista é tan vixente coma a necesidade de emancipación das clases subalternas. Actualizado, axeitado á realidade e aos cambios na correlación de forzas, no desenvolvemento das forzas produtivas, nas condicións de vida e na propia composición de clase do proletariado contemporáneo. O comunismo é incompatible con toda obsesión relixiosa; a súa proxección é emancipadora, no colectivo e por tanto tamén no individual, laica, profundamente racional e crítica. A esquerda do século XXI ten o reto de rearmar a marabillosa utopía comunista e despoxala das deturpacións á que foi sometida. Sen medo ás palabras, sen medo aos símbolos, sen medo a aborrecer o que de aborrecible ten a propia historia, sen medo a desprenderse do superfluo, do innecesario e do daniño, sen medo a revisar cada posición e cada paso, cada análise, como esixían constantemente os autores do Manifesto Comunista. Porque o comunismo será iso e moitas máis cousas cargadas de futuro, de esperanza e dunha pulsión liberadora que acompaña ao ser humano desde as súas orixes. Nunca ese monstro demoníaco con que o caracterizan os que o temen. Comunismo liberado de mistificacións e terxiversacións. Unha nova organización humana na que a liberdade, a igualdade e a fraternidade sexan moito máis ca tres palabras ocas. Con todas as consecuencias.

]]>