teatro – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 As actas máis escuras http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/11/as-actas-mais-escuras/ Thu, 10 Sep 2009 23:18:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=514 Roberto Vidal Bolaño morreu un 11 de setembro de hai sete anos. Desde aquela, a súa figura, alta e poderosa, veu seguindo vieiros semellantes aos que transitara o ser humano que dedicou ao teatro a parte máis importante da súa vida con toda a intensidade da que era capaz, que foi moitísima. A escribilo, a facelo, a dirixilo e a articulalo como un esteo irrenunciable do noso desenvolvemento cultural e, como non, nacional. En lingua galega.

Posiblemente para que celebremos o cabodano de Roberto, algo nos vai alimentando coa sospeita de que un dos seus textos, As actas escuras, vai seguir sobrevivindo nese non-espazo que habitan algunhas das mellores obras da dramaturxia universal: literatura editada, para goce dos lectores, e fantasmal peza non representada, para tristeza dos espectadores e vergoña de quen a confina no limbo ou, simplemente, non a recoñece.

Que tras un cambio de goberno haxa renovación de cargos na administración é algo que de tan visto xa se nos fixo normal. Que a dirección do Centro Dramático Galego non sexa, neste sentido, diferente á da CRTVG, por exemplo, ou a outros cargos públicos de designación directa non debería chamarnos a atención nin convidarnos a pensar que estamos ante postos técnicos e non partidarios. Os cambios de goberno teñen estas cousas, incómodas para os afectados pero irrelevantes para a xente común.

Non teño unha idea moi precisa do labor da última directora do CDG. As xentes que traballan no teatro galego, que coñecen os seus problemas e as súas virtudes e os viven coa naturalidade coa que se respira teñen mellor coñecemento para avaliar o seu traballo. Pero non sería xusto esquecer que o seu mandato comezou coa suspensión, talvez arbitraria, dalgún proxecto que a súa antecesora tiña comprometido. O bo actor e director galego Miquel Ínsua podería contar a historia de Medos, a peza de S. Berkoff que Ánxeles Cuña, ou sexa, o Centro Dramático Galego, lle encargara adaptar e dirixir. Talvez hoxe non se lembra o que ocorreu, pero hai certa inexactitude na afirmación de que se respectou a programación existente e mais a pactada cando Cristina Domínguez substituíu a Ánxeles Cuña. Mais o pasado non xustifica as falcatruadas do presente, aínda que para algúns tenda a predicilas.

É difícil saber se a posible suspensión d’As actas escuras, unha maxistral trama de investigación arredor do que agocha o sartego do Apóstolo, responde a un acto de censura ou a unha simple casualidade. Entre as dúas, a segunda posibilidade sería a máis grave. Censurar, ao cabo, implica coñecer e manexar causas subxectivas que xustifiquen o acto repugnante. Que Roberto Varela e Juan Carlos Fasero actuasen a finais da primeira década do século XXI como censores dun texto incómodo de Roberto Vidal Bolaño sería grave, non é preciso dicir por que, mais demostraría un coñecemento aproximado da obra dun dos principais dramaturgos europeos do último cuarto do século pasado. Lóxico nas dúas persoas encargadas de manexar a política cultural dunha nación. Ora, se a suspensión é un accidente administrativo ou a reacción submisa a unha advertencia externa, que tamén é posible, entón estariamos ante unha situación terrible derivada do descoñecemento do dramaturgo e da súa obra, cando non dun estrondoso menosprezo. Ou dunha displicente desconsideración nacida non tanto no descoñecemento coma en delirantes prexuízos a respecto da lingua literaria de Roberto e da capacidade cultural e creativa da comunidade á que conscientemente pertenceu e pertencerá por sempre. Non é gratuíto o temor. O noso Conselleiro de Cultura non aforra en esforzos para demostrarse especialista en ignorar e en prexulgar todo o relacionado coa cultura de expresión en lingua galega e en elevar ao rango de modelo normativo as manifestacións culturais noutro idioma. Cultura A e cultura B, ou a inauguración fachendosa dunha política cultural diglósica. Véxase, se non, a súa fascinación ridícula coa subalternidade audiovisual en Venecia.

Sexa por desconsideración da obra literaria de Vidal Bolaño, por algunha recomendación ou aviso exterior ou ben por simple censura, a posible suspensión da montaxe d’As actas escuras actualiza as coñecidas palabras de Marx no seu 18 Brumario de Luís Bonaparte. Agora non habería xa lugar para o drama. Nesta repetición histórica reinaría a farsa. Unha farsa á que Roberto non pararía de lle tirar proveito creativo, coa mesma xenialidade coa que sabía aproximarse a todos os asuntos humanos que lle importaban. Aquí hai material abondo en tramas, escenarios e, sobre todo, en personaxes irrepetibles.

Mentres, continuaremos a confiar en que algún día os bos espectadores de teatro poidan gozar desta magnífica peza de Roberto Vidal Bolaño ben dirixida e ben interpretada por algúns dos excelentes actores que hai en Galicia.

Galicia, 11 de setembro de 2009

]]>