socialdemocracia – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Masacre e responsabilidade http://antondobao.blogaliza.org/2010/11/17/masacre-e-responsabilidade/ Wed, 17 Nov 2010 13:09:57 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=816 Non hai moitos días, mentres as forzas armadas e policiais de Marrocos masacraban saharauis ao seu antollo, a ministra de Exteriores do Reino de España andaba por Bolivia. Non é que a boa da muller apañase medo por mor das trazas que collían os acontecementos e lle dese por escapar a territorio andino, canto máis lonxe dos paus mellor. A viaxe debía estar xa prevista con certa antecedencia. Así de transcendente era a súa axenda. Trinidad Jiménez, un dos sorrisos máis liviáns do goberno de Rodríguez Zapatero, foi aló e pasou o traballo de tratar con Evo Morales asuntos de prioritaria importancia para os súbditos do Reino de España: a garantía que o Estado Boliviano debe ofrecer aos intereses de expolio de empresas españolas como BBVA, Repsol, Abertis, Santillana ou Red Eléctrica. A ver se aos indíxenas eses lles vai dar por meter atrancos ideolóxicos ás lexítimas aspiracións de tan altruístas organizacións dirixidas por filántropos. Velaí o sentido común do interese xeral.

No Sáhara ocupado, entrementres, crecía a ignominia. O goberno español necesita tempo para comprender o que sucede. Trinidad aproveita, sempre atenta á actualidade, e pídelles a ambas as partes, ou sexa, á tiranía e ao poboo despoxado, contención e moderación. Sentidiño, vaia, que é o que lles sobra aos socialdemócratas liberais, sempre tan ecuánimes e equidistantes. Como Rubalcaba. En conferencia de prensa ou en conversa privada co Ministro de Exteriores de Marrocos. Equidistante e equilibrado, non lle esixiu ao Reino de Marrocos que elixa se está coas bombas, as armas e a violencia ou se se pon a carón dos votos. Un referendo de autodeterminación, por exemplo. No fondo, Rubalcaba é un home entregado á tenrura. Coma Jáuregui, outro ministro, ao nos explicar o superflua que sería unha Lei de Liberdade Relixiosa aos anticlericais e laicistas radicais asaltadores de conventos como nos anos trinta. Lede, ignorantes. Ben di Eduardo Mendoza.

Rodríguez Zapatero, mentres acode a recibir ordes dos donos do mundo, tira de talante para tranquilizar súbditos de Xoán Carlos de España e Mohamed de Marrocos: o goberno de España actúa con responsabilidade. En argot socialdemócrata, responsabilidade significa indecencia, cinismo e falta de vergonza. Complicidade. O propio goberno de España ofrécenos a súa tenrura compasiva ao lamentar a violencia. Non o masacre de saharauis. Que dura décadas. Trinta e cinco anos. Non: a violencia, o cal vén a ser o mesmo que lamentar a chuvia, o vento ou o frío. Tan sentido lamento enche de ondas as dunas do deserto. Non lle parece conveniente esixir que Marrocos retire as poutas cheas de sangue da terra roubada. O goberno de España non condena, non se distancia, non para de lles vender armas aos asaltadores, non se enfronta ás súas violacións de toda caste. Ao contrario, a candidez estudada dos ministros e ministras españois tamén nos ofrece visión equilibrada. Rubalcaba, o inflexible Ministro do Interior, ábrelles o seu xeneroso corazón ás delirantes escusas marroquís con cheiro a argumentos. Os paus e as pedras sempre foron armas de destrución masiva. González Sinde, a Duquesa do Canon, esixe silencio: non opine quen non sexa experto. A verdade da representación feita verbo. Que calen os comúns e falen os expertos. Silencio. A cultura do debate.

Fáltame Solana. Onde anda Solana? Supoño que sen xulgar polos crimes descargados en acios sobre Iugoslavia. A Wikipedia di que dispensa aulas en ESADE. Forma en Liderado e Gobernanza Democrática dirixentes do futuro. Un gran teórico, don Javier, o Marqués do Uranio Empobrecido.

A traxedia do pobo saharaui vomita toda a indignidade da socialdemocracia liberal contemporánea. Arrogantes fronte aos pobres; submisos ante os poderosos. Se iso é esquerda, mellor será que a esquerda real se refunde noutras coordenadas. Nestas, cheira demasiado a podre.

]]>
Á beira do baleiro http://antondobao.blogaliza.org/2010/10/15/a-beira-do-baleiro/ Fri, 15 Oct 2010 19:06:36 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=738 Os sublevados en armas en 1936 gañaban a guerra e ían impoñendo a súa orde nova. Aos que defenderon a legalidade republicana, cando non os pasearon impunemente, prendéronos, acusáronos de rebelión militar con todo o cinismo fascista, xulgáronos con celeridade e asasináronos. Os fascistas tiraron proveito dunha xustiza que se volveu dilixente e rápida. Aqueles crimes demostran que non é necesariamente máis xusta unha xustiza veloz. O dereito é sempre posterior ao poder constituínte. Aquel era fascista e católico.

Ao fascismo sempre lle agradou o imperio da lei, ampararse na propia legalidade, sempre ilexítima, para actuar contra grupos e individuos incómodos e desafectos. Mesmo o asasinato máis vil pode ser legal. O imperio da lei como máxima referencia ética e política é instrumental aos grupos dominantes e aos seus intereses de dominio. Eles marcan as regras, a propiedade como referencia universal, primeiro e superior dereito ao que se han de someter todos os outros, sexan individuais ou colectivos. O Estado de Dereito é a pantalla do parlamentarismo controlado, protección e coartada para o Capital. Que a esquerda asuma a súa defensa como horizonte político, social, económico e lexislativo é, como pouco, suicida.

En fases anteriores do movemento obreiro, os fortes lazos identitarios do proletariado e unha organización eficaz lograban, mediante loitas duras e cheas de sacrificios, introducir reformas nos aparellos lexislativos dos estados burgueses. Cada reforma significaba un paso adiante en conquistas que eran observadas como puntos sen retorno. Pasaron aqueles tempos, mudou por diferentes razóns a correlación de forzas, a composición da clase obreira tamén mudou, e o Capital iniciou unha contrarreforma global destinada a deixar sen efecto, unha a unha, todas as vellas conquistas. O proletariado, desagregado, non se dá recoñecido nestes tempos en que a fábrica é a sociedade enteira. A organización converteuse nunha utopía. O sentido de cada reforma lexislativa é a desestruturación radical, a dispersión, a redución a milleiros de identidades difusas, que compitan entre si. A submisión definitiva.

Na enxurrada contrarreformista, todo é máis descarado. Ás leis non lles importa perder a aparencia de imparcialidade e de representación neutra do ben común. O cinismo é impune. Cada reforma é unha ferida que sangra. A indecencia lexislativa e argumental do Estado español ten múltiples rostros. Das reformas laborais á Lei de Partidos. Europa, tras o asalto filonazi de Sarkozy, prepara máis reformas contra grupos conflitivos. O vello poema de Martin Niemöller ten máis vixencia ca nunca. Xitanos, romaneses, húngaros, vascos, galegos, asalariados, calquera colectividade estraña ou conflitiva debe ser excluída en beneficio do interese xeral. Sen identidade, ninguén se sente afectado polo que lles pase aos expulsados. Ao contrario. E iso que segundo os fundamentos do dereito burgués o individuo só poderá ser condenado por mor dos seus actos e non por pertencer a ningún grupo social, étnico, lingüístico, nacional ou ideolóxico.

Se a esquerda, toda a esquerda, mesmo a vergonzante socialdemocracia, non é capaz de reaccionar, de organizarse, de poñer en cuestión o que ocorre, o que se ve, o que se sente e o que permanece oculto, de interpretar os mecanismos da maquinaria social, de disolverse se é preciso para renacer como expresión certeira das clases subalternas, dos asalariados, do proletariado moderno, da multitude ou de como lle queira chamar ao suxeito histórico dunha transformación improrrogable, se non sabe desfacerse de lastres e mesmo renunciar aos cálidos salóns enmoquetados da institucionalidade capitalista, daquela quedará -xa vai quedando- vía aberta para que o novo fascismo opte a representar a totalidade do corpo social co apoio entusiasta da parte máis escura dunha multitude ambivalente. Fascismo por renuncia e abandono. Un crime imperdoable.

Mentres, en Chile, o desenterramento de 33 mineiros sepultados polo capitalismo e a empresa privada convértese nun espectáculo mediático de primeira magnitude. O novo reality show baterá marcas de audiencias e dará beneficios. O lucro ten múltiples rostros. Detrás do fulgor televisivo e da santificación de Sebastián Piñera, a humidade balorenta da pobreza e a explotación. A experiencia fría do baleiro.

]]>
Encontrar outra vez a esquerda http://antondobao.blogaliza.org/2010/06/10/669/ Thu, 10 Jun 2010 10:35:59 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=669 A crise económica é unha película de estrutura clásica: presentación, nó e desenlace. E está xa todo visto. Como toda película comercial, esíxenos submisión e pasividade. Paguemos o billete e observemos. A poder ser en silencio. O espectador mira. Máis nada. Cando a imaxe nos invade, nós xa non somos nós senón eu desconectados. A insensibilidade é analxésica.

Contan algúns vellos con memoria, esa facultade que o Capital considera superflua, que hai anos se sentían máis protexidos. Quizais porque existía outro modelo de sociedade que funcionaba como referencia alternativa. Talvez porque a fábrica xuntaba baixo os seus teitos de fume tóxico as masas proletarias, que ademais compartían habitación nos mesmos barrios, bebían nos mesmos bares, vían fútbol nos mesmos estadios e botaban os cigarros nas mesmas prazas. Aqueles proletarios dirixían as súas organizacións sindicais; o movemento obreiro traía continuidade desde a Primeira Internacional. A iniciativa histórica pertencíalles. Unha clase en si e para si, dixera o vello Marx. O conflito entre clases era ofensivo. Cada paso, un avance. Cada folga, unha conquista. Cada reforma, un triunfo. Calquera xustificación da que se apropiase o reformismo xurdía das loitas obreiras. Conquista tras conquista.

Talvez a quen máis dano lle fixo a caída material e simbólica do muro foi á socialdemocracia. A implosión do Socialismo Real, con todas as súas imperfeccións, perversións e desviacións, disipou a coartada do reformismo coma se fose unha burbulla de xabón. A mediación entre as aspiracións radicais do proletariado e as necesidades de supervivencia do Capital deixa de ter sentido no momento en que se executa o proxecto de desestruturación proletaria. Ao morrer a referencia dun modelo social alternativo desaparece parte do impulso do movemento obreiro. O Capital xa non necesita intermediarios que amortezan os efectos das loitas obreiras, porque a utopía é declarada inútil, imposible. Á socialdemocracia só lle queda unha regaña pola que observar a luz mesta e sombría dun novo día: o liberalismo como acto de fe, desde a privatización masiva á exclusión da economía dos programas de acción política. A socialdemocracia é forza de choque das contrarreformas liberais. A contrarrevolución en marcha. Empezou coa derrota de maio de 1968.

A crise é unha manifestación da podremia sistémica. O Capital leva décadas en reformas. Establece condicións novas no antagonismo social. Ao reorganizar os modelos de produción, altera a vida completa do proletariado, mesmo a súa composición de clase. O Capital rompe a fábrica, esparexe os barrios proletarios, ataca a identidade de clase. O sistema crea a ilusión de que o proletariado desaparece ou queda reducido á mínima expresión, identificado en exclusiva coa vella clase obreira industrial. Agora todos gobernan para unha fantasmal clase media. A lóxica da fragmentación impón a súa norma de ferro. A esquerda naufraga entre a deslocalización ideolóxica e política dun reformismo inútil e a incapacidade de captar as engurras da nova realidade. Se o proletariado contemporáneo non se recoñece na súa totalidade, se non posúe instrumentos eficaces, organizacións que expresen os seus desexos e proxectos colectivos, mecanismos de defensa e de conquista, o Capital amósase en toda a súa voracidade insaciable. A súa ansia de reestruturación é interminable.

Saír da crise equivale a mandarlle un golpe brutal ao proletariado contemporáneo. Disolvelo na lóxica da fragmentación e da negación. A mellor noticia para o Capital é un proletariado que non se recoñece como tal. Neste escenario, soamente cabe comezar outra vez. Recoñecer a propia identidade, acudir á conciencia das necesidades, asumir a recomposición de clase, que a engorda e lle dá máis corpo e maior intelixencia. O proletariado contemporáneo, que vai máis aló da clase obreira industrial, precisa reorganizarse en unidade, superar calquera división, combater a lóxica da fragmentación e impugnar a representación e a institucionalización como fin exclusivo de toda actividade política. A esquerda é transformadora ou non é. É instrumento do proletariado, das multitudes, ou apéndice institucional do Estado. Para non retrocedermos décadas de golpe, as clases subalternas terán que reorganizarse como clase capaz de alumar instrumentos políticos e sindicais que respondan ás necesidades e lle planten batalla ao Capital. Para resistir os seus embates, si, pero sobre todo para atacar o seu edificio impoñente pero podrecido. O campo de antagonismo é cada lugar, cada pequena loita sectorial, pero tamén o mundo enteiro. A unidade de todas as sensibilidades transformadoras e o nacemento dunha nova Internacional son condición necesaria.

Nese horizonte, o acto de refundación da esquerda que se escenificou en Compostela é unha esperanzadora noticia. Un principio, nada máis, unha miga de pluralidade e unidade desde a diversidade. Oxalá haxa capacidade de reinvención e boas novas para a organización deste proletariado que ás veces parece tan difuso. O contrario será esvaecerse, perder os contornos, deixarse morrer entre as húmidas paredes das institucións burguesas. A rúa, a fábrica social na que transcorre o tempo de produción, reprodución e consumo, será o escenario privilexiado das novas loitas. Impoñamos nós a axenda das conquistas. Segue o ceo esperando a ser asaltado. Outramente, será o fascismo quen atope a terra estercada.

]]>
A confianza dos mercados http://antondobao.blogaliza.org/2010/05/24/a-confianza-dos-mercados/ Mon, 24 May 2010 11:22:58 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=651 Primeiro, está por ver que o déficit público sexa unha cousa tan perversa para a economía. Ou sexa, para a comodidade material das persoas. A economía ao servizo da xente ou todos somos súbditos da tiranía mercantil e financeira, e que me perdoen os de El País polo anatema. A biblia do sistema non dá lugar a interpretacións. O déficit é unha cousa moi malísima. E xa está. Despois, o que non teña capacidade de consumo que procure a absolución dos seus pecados mediante a adquisición de débeda, sempre privada, sempre o privado, con eses gardiáns das esencias chamados bancos. Ou caixas, sexan de onde sexan. Mira que un consumidor sen capacidade de consumo, ou sexa, sen diñeiro, non é nada. Apenas un cidadán de terceira clase, da clase dos non consumidores. Máis ou menos pura purrela social,

Así que, os especialistas determinan que o déficit é moi malo. Aínda nunca nos dixeron por que, pero tampouco nos interesa. Non en balde, a economía xa foi retirada das perigosas mans da posibilidade política. Salvagardada, que non se mesture con malas tentacións que poderían alterar a tranquilidade dos investidores, uns seres talvez humanos, como sabemos, ao parecer con certa tendencia ao desacougo. O déficit é malo porque atranca se cadra o harmonioso fluír do diñeiro. Se o estado gasta en ensino gratuíto ou en atención médica, eses negocios terán máis dificultades para competir libremente. E así seguido. A festa ten que continuar como sexa, e, xa se sabe, canto máis subsidio menos eficacia. Se nolo dan todo feito a ver se imos tender ao parasitismo. Tomemos como exemplo o empresariado exemplar e sirva a redundancia pero non hai outro léxico posible. É responsabilidade do Estado garantirlle o negocio e non ofrecerlle competencia desleal. Non que non. O Estado bastante ten con financiar a súa dimensión coercitiva, a única necesaria. En fin, e a Igrexa Católica.

Segundo, é evidente que para reducir o déficit e a débeda e o gasto do Estado en cousas tan indecentes como subsidios ou medicina ou ensino ou comunicación ou servizos sociais ou investigación ou pensións ou o que sexa que engole os impostos dos asalariados cómpre apuntar ao corazón do problema. Vale, os outros tamén pagan algo de cando en vez ao botaren gasolina e ao mercaren coches de luxo. A ciencia liberal é indiscutible, e iso quere dicir que non se debe querer discutir. As medidas do goberno de España son paradigmáticas. Nada de cargar con impostos as rendas máis altas, o patrimonio, as herdanzas, a riqueza, o capital, etc. Iso derramaría para sempre o acougo dos investidores, e a súa intranquilidade deixaríanos sen actividade económica porque escaparían coma quen foxe da peste. Apocalíptico. A solución, por tanto, é ofrecerlle plenas garantías ao Capital: competitividade, flexibilidade, xubilación, despedimento, xornada laboral, dereitos laborais, así, en xeral, e o que faga falta. Cando se pacte a inevitable reforma laboral, para alivio dun Banco de España tan exento de control democrático coma o FMI, o Banco Mundial ou o Banco Central Europeo, os sindicatos terán que buscarse nas engurras do esquecemento, a ver se alí lles quedaron enganchadas as asaduras.

Terceiro, está claro que o máis importante é a confianza dos mercados. E como se lles dá confianza aos mercados? Igual que se lles dan lavaduras aos porcos. Nin os mercados nin os marraos entenden de chuchameles. Cómpre seleccionar ben a alimentación. Para iso, a socialdemocracia é destra. Que o diga o xenio filosófico de Giddens e a praxe de Blair. Meritocracia exenta de control democrático. Nada máis ca a capacidade dun mellor manexo nas toldadas augas do mercado. E que me perdoe outravolta o agudísimo editorialista de El País. Benvidos á vía morta. En tempos de crise, o gardaagullas pon viseira socialdemócrata, sempre disposto a demostrar adhesión inquebrantable. Quen mellor ca eles para sintetizar as aspiracións dos asalariados e excluídos coas necesidades dos posuidores. A esquerda oral fede. Halitose ideolóxica. Vomita un discurso mal dixerido de compromiso social e fai gargarexos cunha política económica ultraliberal.

Marx deixou dito que para o Capitalismo a mellor forma de goberno era a República Democrática. Errou. O fascismo foi forza de choque moi útil. Agora, a confianza dos mercados é a coartada excelsa dun goberno mundial esquivo ao que non é posible aplicarlle ningún control democrático dentro das institucións vixentes. O Capitalismo sempre se sentiu incómodo coa incerteza das decisións democráticas. A confianza dos mercados é, pois, o obxectivo de calquera goberno que se queira sentir ben considerado, sexa en Madrid, sexa en Brasilia. Á socialdemocracia tócalle na función representar o papel de criado atento que procura sempre asegurar a inestable confianza do amo. Asalariados e asalariadas pagan a orxía dos donos con máis dedicación, menos salario e menos vida. Os sindicatos maioritarios navegan na fascinación do pacto, nun sentido idiota da responsabilidade e na asunción dun novo papel de narcóticos sociais. Outros permanecen atrapados nun universo paralelo no que rexen outras regras. Marx chamaríalles neoidealistas.

Concluíndo, parece obvio que a esperanza real que nos queda é a perda absoluta da nosa confianza nos mercados. A ver se é verdade.

]]>
Compradores http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/23/compradores/ Tue, 23 Jun 2009 11:34:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=448 Atención ao mercado. A súa voracidade coñecémola en todo o mundo, aínda que se sofre máis nuns lugares ca noutros. Cousas do famoso desenvolvemento desigual, ou dos desequilibrios do sistema mundo, ou do imperialismo, ou da pouco equitativa construción do Imperio. Tanto ten a nomenclatura; o importante son os efectos e as súas causas. Xa os vellos mestres falaron da necesidade que o Capitalismo ten de expandirse, de se articular no tempo pero tamén no espazo, de modelar as súas propias xeografías e ao tempo derrogar todas as cartografías, de ocupalo todo. Terra, mar e aire, corpos e mentes, a vida enteira. Substituír o Universo. Ora, o que naceu nun Big Bang pode terminar nun Big Crunch. Da expansión á contracción, e con colapso final.

A globalización foi cantada coma un paso definitivo en dirección ao maior benestar, a un mundo mellor para todos, en masculino sempre. A face brillante do capitalismo. A esquerda europea de tradición socialdemócrata desfíxose en loanzas e agora busca as súas referencias nun mundo que se negou a coñecer por observación e análise. Non comprenderon nunca que a súa existencia era funcional á necesidade de desviar a pulsión transformadora do proletariado. Son o primeiro nivel do dique de contención da conciencia. Agora queren buscar razóns e non saben onde mirar. O capitalismo pode sobrevivir sen eles, non os precisa, pode mesmo prescindir de nós. Non hai maior pureza ca a da produción continua sen necesidade de intervención operaria; o ser humano ideal será aquel que dedica a súa vida a consumir. A eterna expansión do consumo.

Coma no caso da física, observamos o mundo dos nosos días e trazamos hipóteses, tantas veces máis fascinantes ca os universos descritos pola mellor ficción científica. A crise económica destes tempos non é a que ocasiona as condicións máis inhumanas do sistema capitalista, máis ben ao contrario, pero contribúe a desvelar algunhas delas. Aínda que os medios de produción simbólica traballen con eficacia e convertan en necesidade humana o que non é máis ca necesidade de supervivencia dun sistema baseado na explotación e na despersonalización total. E na expropiación de todas as capacidades sociais das persoas. O fetichismo da mercadoría, consumir por consumir na necesidade de continuar alimentando a engrenaxe, a confusión interesada entre o valor de uso e o valor de cambio. Entre o necesario e o accesorio.

Os noticieiros, as primeiras páxinas dos xornais, as televisións, as radios e mesmo a internet non paran de nos cercar coas necesidades de consumir. Se non se venden coches, haberá parados e pobres; se non se ocupan hoteis, haberá despidos, parados e pobres; se non se compra o que sexa, haberá peches, parados e pobres. E así ata o absurdo. Ao final, en todos os sectores haberá parados e pobres e entón daquela xa ninguén poderá comprar nada absolutamente. A contracción definitiva do valor de uso e o valor de cambio. O Big Crunch.

É verdade que entre o necesario e o accesorio media demasiada subxectividade. O que para unhas persoas é accesorio, para outras é imprescindible e viceversa. Pero ten que haber un sentido común social que axude a facer os deslindes. A acumulación non é aceptable cando implica explotación e unha desigualdade abismal. Porque nese caso o necesario é a base material que asegure unha vida en condicións de dignidade. E iso o capitalismo non é capaz de ofrecelo nunca.

A cidadanía foi un soño da Revolución Francesa. Pero seguiu e segue habendo súbditos. Hoxe é o consumo a fronteira que separa o cidadán do excluído. Os dereitos sociais e políticos foron habilmente substituídos polo dereito á hipoteca e á adquisición da mercadoría material e inmaterial. Claro que esta nova cidadanía capitalista ten as súas contrapartidas. Talvez a máis evidente, a entrega eterna ao traballo asalariado en condicións cada vez máis abusivas. Co visto e prace de todos. Outras, menos evidentes, teñen máis que ver con novas formas de alienación, coa non-vida, cunha existencia en diferido, sen cartografías nin proxectos. A cambio, sempre podemos comprar reality shows ou facer que os Sims vivan por nós.

]]>