soberanía – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 As cousas, como deben ser http://antondobao.blogaliza.org/2010/07/01/sagrada-constitucion/ Thu, 01 Jul 2010 11:47:17 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=695 Por riba de todo, mesmo dun Parlamento ou de certa manifestación de soberanía popular en forma de referendo, está a necesidade de que as decisións dos representantes non alteren os principios nos que se inspiraron os constituíntes, que veñen a ser uns Pais da Patria moi listos. Esa necesidade inobxectable era expresada non hai moito tempo por un mangado de importantes xuristas españois consultados pola intelixencia mediática ao redor do parto montesío do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de Cataluña. Os especialistas ábrennos aos abismos fundamentais do sistema e do réxime. A restauración tivo as formas dun pacto. A ver quen o desata.

A Soberanía reside no Parlamento español. E non de todo. Por exemplo, no plano económico, reside no FMI, nos mercados e na súa inestable confianza. Non hai máis suxeitos soberanos. Non o é o pobo español, se é que existe. Tampouco o catalán, o vasco, o galego. Nin sequera ningún dos seus parlamentos. A Indivisible Unidad de la Patria, sintagma tenebroso que alude a unha vontade transcendente e non humana, é referencia de orde e ética suprema. Amais doutras importantes institucións, o Tribunal Constitucional vela con firmeza e sacrificio para que as bases do pacto de hai trinta e tantos anos non poida crebalas vontade popular ningunha, sexa de expresión directa sexa mediante representación.

O dereito é posterior ao poder constituínte, é o aparello legal que garante os principios e os privilexios da clase social dominante, a súa ditadura. Os gobernos representan o poder constituído, por tanto evitarán a tentación de alterar o inmutable. Ningunha política económica atacará os intereses dos propietarios; non haberá medidas lexislativas que poñan en perigo calquera aspecto crucial dun pacto constitucional que os menores de cincuenta anos non tivemos ocasión de votar. Velaí a teimuda destrución da memoria ou a non menos teimuda preservación de indecentes privilexios para a Igrexa Católica. Só pequenos detalles. Se accidentalmente a un goberno o atacase a tentación de alterar o inmutable, ao rescate virá a salvagarda constitucional. Unha cara do simulacro ten forma de Tribunal Constitucional cuxos membros non responden ante a sociedade nin son elixidos por esta.

O Estatuto de Cataluña é soamente unha anécdota. A sentenza non terá demasiada transcendencia. O realmente importante é asegurar que por riba da decisión popular ou de calquera parlamento haxa sempre un teito infranqueable. A lexitimidade dun golpe de estado contra a legalidade republicana, seguido de tres anos de guerra e corenta de ditadura. Fóra da Unidade Indisoluble de España, nada existe. Non pode haber máis nación nin máis cultura nin máis lingua nin máis pobo nin máis soberanía. Por iso non é casual que unha parte non residual da cultura española, dos seus medios de comunicación e do seu pensamento reaccione con saña contra as linguas cooficiais, contra toda manifestación de nacionalidades alternativas, contra calquera idea que poña en cuestión a posibilidade (obrigatoria) dun proxecto patriótico español uniformizador e negador. Totalitario. E imposible, eternamente sometido a conflito.

O democrático sería mudar a Constitución para dea cabida á decisión soberana de cada nación. Pero o democrático bate de fronte co constitucional, co réxime e co pacto de Restauración. Invalidar, como fai o Tribunal Constitucional, a decisión do pobo e do Parlamento de Cataluña, aínda que só afecte a unha pequena parte do articulado do Estatut, é unha proba de como se ataca a democracia no nome da propia democracia. Ou a formalidade democrática como coartada. Porque entre as formas do réxime e a democracia real media un abismo escuro e intransitable.

Lasciate ogni speranza, voi ch’entrate

]]>
Contra a certeza, dúbida http://antondobao.blogaliza.org/2009/10/29/contra-a-certeza-dubida/ Thu, 29 Oct 2009 12:11:41 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=557 As túas conviccións outórganche a certeza absoluta; as miñas obríganme a dubidar de todo. Algo así, con outras palabras, vén a dicirlle Hipatia de Alexandría ao Bispo de Cirene en Ágora, a última película de Alejandro Amenábar. Unha paráfrase da historia da humanidade, da loita entre as conviccións relixiosas e a razón.

A historia do coñecemento do que fomos e somos e do universo inabarcable que nos acolle nun recanto afastado dunha apartada e pequena galaxia é unha loita a sangue e ferro contra o poder omnímodo da fe. O coñecemento, con todo e ser intenso en moitas disciplinas, é incompleto. E probablemente non chegará a dar conta de todo o que nos esixe interrogarnos. Velaí a súa grandeza. A razón é fascinante porque dubida. E isto nada ten que ver con relativismos morais nin outras argumentacións pouco consistentes inventadas para condenar —hoxe a fogueira ou a lapidación son só simbólicas, e é un avance— a aqueles seres humanos que ousan traspasar certas fronteiras só abertas á inconmensurable sabedoría de Deus. Por sorte para nós, humanos simples, o coñecemento, e non precisamente a fe, mediante a dúbida vainos facendo máis libres.

Stephen Hawking conta que Xoán Paulo II lles pediu aos científicos, nunha conferencia sobre cosmoloxía celebrada no Vaticano, que non estudasen a orixe do Universo, pois era o momento da Creación, é dicir, obra de Deus. Hawking presentara un relatorio no que teorizaba arredor o inicio do Universo, pero alegrouse de que o Papa non se decatase; non lle chistaba a idea de ser entregado á Inquisición, como lle ocorrera a Galileo. Talvez esaxera o científico, porque en 1992 o propio Xoán Paulo II asinou unha declaración na que a Igrexa recoñecía que a acusación contra Galileo fora un erro motivado por unha tráxica e mutua incomprensión. Ao bo do Galileo déralle por teimar en que a Terra andaba a voltas ao redor do sol. A Igrexa non foi tan severa con Galileo coma con Giordano Bruno, pero é que este sumaba varios crimes ao seu currículo, desde a submisión á ciencia deica a herexía. Hipatia de Alexandría, á que Amenábar lle rende unha fermosa homenaxe, tamén morreu violentamente. Pola razón.

A militancia na fe merece todo o respecto. E non necesariamente é incompatible coa militancia na razón. Mais o conflito é inevitable cando a fe, que inviste a existencia humana de transcendencia, impón os seus principios e as súas normas tanto no ámbito privado coma no público. Aí a fe é totalitaria. É a que define a Igrexa Católica desde Constantino. E non muda nin mudará.

Nesa liña totalitaria circulaba esoutro día Carlos Luis Rodríguez ao perseguir a Carlos Callón, naquela ignominiosa entrevista, para que comparase a manifestación a prol da lingua coa que un día antes atravesara Madrid para esixir a abolición do dereito ao aborto e o correspondente castigo terreal (o eterno está garantido) contra as mulleres que decidan non culminar embarazos e contra todo aquel que practique abortos. Rodríguez, non é nada novo, recorreu insistente á técnica do sofisma infantil: se vostedes din que o Goberno ten que escoitalos por saíren á rúa milleiros de persoas, entón recoñecerán que o Goberno de España ten que escoitar o clamor dos antiabortistas ou como sexa que haxa que denominalos. Ou sexa, somete a xuízo relixioso a ocupación pacífica da rúa e acubíllase no principio totalitario de que a única lexitimidade é a da representación, que é como dicir a da lei. Obvia, por tanto, que o dereito é posterior ao poder constituínte e que muda necesariamente cando muda este. Para el, non é o pobo quen máis ordena, senón a entidade abstracta da representación, que despois de cada proceso electoral queda fixada como vontade unitaria e inmutable, non sometida á multitude, por suposto. A soberanía residirá en cada caso nesa representación absoluta exenta de todo control democrático, só sometida ao control aristocrático das empresas comunicativas.

Sobre ese castelo de fume, o xornalista Rodríguez reitérase nun discurso sen raciocinio, de superficialidade relixiosa. Porque hai mal e hai ben que eticamente han de determinar as liñas de bo ou mal goberno. E para exemplo, as dúas manifestacións. Na estrafalaria concepción do xornalista Rodríguez, unha manifestación estaba amparada polo dereito de responder a un goberno que xeraba división social cunha decisión eticamente reprobable; a outra, por contra, disparaba contra a verdadeira soberanía popular residente no goberno que actúa conforme ao sentido común, á liberdade e á non imposición. As incoherencias profundas e superficiais do hipotético pensamento de Rodríguez darían para moitas páxinas. Mais a propia comparación en si de ambas as manifestacións é, como mínimo, perversa e tramposa. Porque os puntos de partida e de chegada son non xa opostos, senón incompatibles, profundamente antagónicos.

Se o círculo é a perfección, e a perfección é cousa de Deus, o mesmo ca a Creación da Terra e do home, non haberá peor crime que concibir a Terra en movemento elíptico ao redor do Sol. Se o pobo galego lle deu a maioría absoluta ao PP -non importa que as organizacións do bipartito sumasen máis votos- e este retira a lingua da vida pública e do ensino, o pobo galego desexa a extinción da súa propia lingua; negarse a esta vontade divinizada é un crime de lesa patria. Sedición totalitaria. Ambas as argumentacións representan as prevencións totalitarias da fe contra a razón. Pensamento Rodríguez.

A manifestación de Queremos Galego non facía máis que reclamar un dereito posto en perigo por un goberno lexítimo pero sometido a crítica e contestación social. Pola contra, a manifestación antiabortista reclamaba, con coherencia tradicionalista e relixiosa, o castigo para toda aquela muller (e home) que contraveña os preceptos morais dunha confesión relixiosa. Coma con Giordano Bruno e Galileo e tantos outros. Coma con tantas mulleres. Coma con Hipatia de Alexandría. Castigo á impudicia. Certeza totalitaria contra a dúbida racional.

]]>
Estatuto novo? http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/24/estatuto-novo/ Thu, 24 Sep 2009 18:52:35 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=530 O marco xurídico-político vixente recoñécelle a Galicia a súa condición de nacionalidade histórica. O carácter nacional de Galicia está tan fóra de discusión teórica coma o feito de o galego, e non outro idioma, ser a lingua propia. Haberá quen negue que o galego sexa a lingua propia de Galicia, ou que sexa unha lingua, e haberá quen vexa en Galicia unha entrañable e verde rexión sen entidade política. Ten que haber xente para todo. Ora, tales prexuízos só terán efecto xurídico cando se modifique a lexislación vixente. Mentres e non, o galego é a lingua propia dunha nacionalidade histórica chamada Galicia.

Mais non nos deixemos cegar pola legalidade. O Estado manexa ferramentas centralizadoras que converten en aspiracións indignas e antidemocráticas os tímidos recoñecementos formais. A periferia é unha anomalía. Non a súa existencia, que fortalece sempre a conciencia agresiva do centro, senón a súa impugnación da subalternidade. España é un proxecto nacional imposible, constantemente en crise, porque só se constrúe negando e perseguindo a diferenza e a diversidade. Criminalizándoas. O proxecto nacional español, en toda a súa amplitude política e mediática, é alérxico a toda identidade non española e a toda expresión en lingua non española. A literatura, o cinema, a música, calquera manifestación cultural que non navegue en barca de sangue e ouro será considerada irrelevante, inferior, non existirá. Cando non, abertamente hostil.

Para o pensamento nacional español, a diversidade empobrece e significa un perigo para a propia existencia. Quizais por iso é historicamente irrealizable. Hai outras nacións peninsulares que se saben diferentes, teiman en manter vivas as súas linguas e as súas culturas e en construír proxectos nacionais alternativos, aínda que non sempre sexan maioritarios. A contradición non a dá resolto España con uniformización e negación da diferenza, aínda vestida de descentralización, autonomía e respecto pola diversidade. Agudízaa.

A construción dun Estado das Autonomías en que se dilúan as diferenzas e se equipare o autogoberno das nacionalidades históricas á xestión das rexións e provincias autónomas serve para reconducir aspiracións nacionais de Galicia, Euskal Herria e Países Cataláns. Substitúese polo simulacro a posibilidade dun réxime pluralista, necesariamente republicano, de igualdade real entre as nacións española, catalá, vasca e galega. É a distancia infinita entre unha concesión de descentralización administrativa e o dereito a decidir, propio, só que fose teoricamente, dunha federación de nacións. O simulacro.

España só concibe unha soberanía, e esta reside no Congreso dos Deputados. Nin sequera no pobo español. As peripecias da reforma do Estatuto de Cataluña sacan á superficie as profundas deficiencias democráticas do réxime. O Parlamento de Cataluña, en teoría a expresión da soberanía do pobo catalán, aproba un texto estatutario co apoio de máis do 90% dos seus deputados. O texto vai ao Congreso dos Deputados e de aí sae chapodado e corrixido, é dicir, a vontade popular catalá non ten valor político. Para concluír coa farsa, o Tribunal Constitucional, non elixido, como sabemos, por sufraxio universal, terá a derradeira palabra. Un grupo de maxistrados pode desprezar, amparado na lexitimidade que o réxime lle concede, as decisións do pobo catalán mediante Parlamento e referendo e as do Congreso dos Deputados de España. En que instancia real recae a soberanía? A anomalía democrática é estridente.

Historicamente, o nacionalismo galego de esquerda —outro non hai nin é probable— está enfrontado ao réxime. Non acepta o seu marco xurídico e político por negar o pobo galego como suxeito político soberano con dereito a decidir sobre a forma de organización con España: desde a autonomía administrativa, pasando pola federación en pé de igualdade, ata a independencia. Tampouco Castelao, que nunca foi rexionalista, aceptou ningunha saída á ditadura fascista que non supuxese unha III República Federal e o recoñecemento da soberanía galega. A ruptura democrática que nunca se produciu.

Que nos últimos tempos o BNG teime na reforma estatutaria vén a romper con esa tradición histórica. Unha reforma estatutaria, mesmo nos máximos permitidos polo réxime, non conquistará dereitos para a nación galega. Como moito, un recoñecemento formalmente diferente do seu xa recoñecido carácter nacional. O custo dunha modificación insubstancial sería a automática aceptación dun marco xurídico e político que nega o dereito a decidir e mantén en réxime de subalternidade a nación galega, a súa lingua, a súa cultura e as súas posibilidades futuras. Moi caro.

Se a sentenza do Tribunal Constitucional é contraria á reforma do Estatuto de Cataluña, as xustificacións para apoiar unha reforma estatutaria e asumir o marco xurídico-político do réxime caerían a cachón nun burato negro. O nacionalismo renunciaría á potencia do seu discurso. Talvez, o indicado sería non insistir nunha reforma inconsistente, manter a as distancias, non lexitimar o réxime e forzar politicamente melloras tanto na actualización estatutaria coma no desenvolvemento de competencias. O resultado non se medirá en termos de rendemento electoral inmediato, pero si de conciencia colectiva. Conciencia nacional das necesidades e das posibilidades, único camiño para a emancipación. Que é o obxectivo, ou?

A asunción do marco xurídico e político resultante dun novo estatuto unanimemente apoiado polos grupos do Parlamento de Galicia implicaría unha reformulación histórica das forzas nacionalistas. Daquela, situaríanse á mesma distancia de Castelao que Núñez Feijóo.

]]>