sindicatos – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Máis ca unha data http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/03/mais-ca-unha-data/ Sun, 03 May 2009 01:27:29 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=226 Pasado o Primeiro de Maio, as luces cegan, disólvense na noite refugallos de plástico e o nordés arremuíña a poeira que queda do día festivo. Recolléronse as bandeiras, as pancartas, os textos impresos; a feira ordinaria da vida recupera a rutina. Para algúns, talvez privilexiados, o sábado non houbo traballo. Para outros, non o hai ningún día desde hai meses ou semanas. Rexeitamento colectivo do traballo asalariado? Aínda non. Triúnfo da pilotaxe liberal da crise financeira. A caída da taxa de ganancia converteuse nunha precipitación ao inferno das rendas do traballo. Apura o descenso a ladaíña flexibilizadora, o fetiche da patronal cada vez que algunha sombra con silueta de toupa asoma o fociño. Cando máis do 30% do traballo é flexible, ou sexa, legalmente precario, constitúe cinismo confiar a saída da crise a unha maior flexibilización do mercado laboral. Flexibilidade e competitividade. Estas palabras moran alleas ao dicionario, pero existen. E teñen gume. Mancan.

Terminou o Primeiro de Maio, e, despois do paseo urbano, todos volvemos mansos aos nosos niños. Febras metálicas de luz solar rabuñánnos o pescozo, delicadas coma a liña que separa o ser do nada. Producir, consumir e, se hai lugar e tempo, reproducirse. Que o veo non pare. Coas sobras, exclusión, que agrega sabor ao cóctel de dominio e control agora que a cadea da hipoteca é débil. Foi a nosa procesión laica. Símbolo. Importante, mais non sempre efectivo de todo. Estannos reducindo a unha representación case platónica, igual ca as formas contemporáneas da política expropiada. A crise decide fragmentar os nosos últimos espazos de solidariedade. A carne máis débil, máis precaria, inmigrante, está nun tris de se ofrecer aos nosos dentes famentos. Coidado, a multitude é ambivalente, dixo Virno; a pulsión totalitaria tamén latexa. Véxase a proximidade de múltiples formas de fascismo. O poder necesita que as nosas frustracións flúan en violencia horizontal. Así evita o asalto ao pico da pirámide, alí onde reparten os das confederacións empresariais, os da maquinaria financeira e os sabios da economía despolitizada e indiscutible. Reparten beneficios para si, perdas para os máis e ordes para os gobernos. As organizacións sindicais tratan de parar o temporal.

Pasado o Primeiro de Maio, a realidade deixa a sensación dunha guerra de longa duración na que seguimos recuando para manter a salvo a retagarda. En Chicago, 1886, os traballadores daban os primeiros pasos, mortais, para reducir a xornada laboral a 8 horas. Hoxe, aquela conquista represéntaselles a moitos asalariados e asalariadas no horizonte das utopías. A compañía, a empresa, a obra dos emprendedores, como se lle queira chamar, xa non está na fábrica; instalouse nos nosos cerebros e desde aí manexa a produción e o consumo, o tempo de traballo e o tempo de lecer, se é que se poden aínda distinguir. O Capital goberna o mundo, xa o sabiamos, con man de escuma inxectada de aceiro. Gobérnanos os corpos, os tempos e as vidas, escaravéllanos nos cerebros, busca acougo nas circunvolucións, agóchase e infecta. Non é doado extirpar o furuncho. Os medios de produción simbólica manexan os textos da explotación coma se foran sagradas escrituras dunha relixión que aprendeu a non deixar para mañá a terra prometida e a vida eterna; agora ofrécea no presente, no instante, na proxección imaxinaria dunha existencia diferida a bens de consumo e símbolos de estatus. Pero o presente, o instante, é tan fugaz que sempre é pasado. E aínda non demos co buraco de verme que nos permita manexar o tempo. Mentres e non, os seus textos teñen a lexitimidade dos sabios da tribo; son inobxectables, a única verdade. Cando din crise queren dicir destrución das rendas do traballo asalariado e creba dos dereitos conquistados. O círculo vicioso. Volver comezar para chegarmos a onde estamos. Que o presente sexa o único horizonte visible. A máquina segue funcionando. Xa non nos precisa, pero sábelle a nosa carne e os nosos pensamentos.

Pasou o Primeiro de Maio. Por veces, a celebración parece enzoufarnos na perplexidade. Mudaron as condicións, mudou a composición de clase do proletariado, mudou a forma da fábrica, que agora é social e devece a totalidade, mudaron as relacións de forza, as condicións obxectivas e tamén as subxectivas. Pero existimos. Somos materia viva. O Capital soubo ler a Marx e a Engels mellor que boa parte da esquerda que inda atoutiña á espera da parousía. No momento deste presente sen futuro, cando a crise do capitalismo nos ensina a brecha profunda que lle serve de base a un sistema inxusto e tendente á descomposición, o proletariado contemporáneo, tan diverso pero tan sinxelo en intereses comúns e condicións de vida, está sen instrumento co que erguer outro mundo. A historia zigzaguea mentres desvela as súas feridas. O exército inmenso de asalariados e asalariadas, cada vez maior e máis diverso, podería alterar o ritmo ordinario das cousas. Fáltalle a nova Internacional, o instrumento de unidade que saiba ler os acontecementos e apuntar no albo exacto en cada instante. Cando o vello modelo vai perdendo carne por efecto da gangrena, as forzas do traballo sometido inda non dan armado as novas relacións que teñen que dar orixe ao mundo novo, ese que é posible. Toda a potencialidade colectiva do suxeito histórico do cambio non dá evitado converterse en mercadoría que compramos cos salarios resultantes da venda da nosa forza de traballo. Material ou inmaterial, tanto ten. Outra vez o círculo. Sen organización, os pobres do mundo, os asalariados, estamos illados, sos. Espidos.

O sindicato é o primeiro chanzo da unidade. É o ámbito que mellor debera captar a contemporaneidade coas novas formas do traballo e a nova composición de clase. Tócalle esnaquizar a lóxica da fragmentación. Para gañar en eficacia terá que fuxir da xestión, da burocracia, do pacto social a cambio de nada. A clase obreira en si e para si, consciente das súas necesidades, segue a ser a condición da emancipación. A crise económica, cuxa orixe xa ninguén parece lembrar, navega con dirección asistida. A maioría social, sen dar organizado aínda ben as súas pulsións liberadoras, non impugna con toda a súa contundencia as bases do sistema e a chantaxe do traballo asalariado. Da súa capacidade organizativa, de resistencia, de parir xa novas formas sociais e as institucións políticas que sirvan ás súas necesidades de emancipación depende o futuro da humanidade toda. Un proletariado consciente, unido e organizado mudaralle a faciana á crise. A República da Multitude. De non ser así, barbarie. Por Rosa Luxemburg.

]]>