Selección Galega de fútbol – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Non pasarán! http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/21/non-pasaran/ Mon, 21 Sep 2009 12:04:04 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=527 Non sei por que será, pero teño a sensación de que se os mandilóns das defuntas Galescolas lucisen bordada unha luminosa bandeira encarnada e amarela non cumpriría despolitización. Se acaso, mudar nomes, para retirar do pasado os verdadeiros vestixios do mal. Vou levar os pequenos á galiña soa moito mellor, quen o dubida.

Tamén estou convencido de que as bandeiras españolas que locen nas camisetas algúns equipos de fútbol son apenas unha orgullosa mostra de patriotismo, ese sentimento tan entrañable e inocente, unha resposta contundente á politización extremista á que Laporta somete o F. C. Barcelona ao bordar nas chambras dos futbolistas unha senyera, ao se atrever a opinar, ao pedir seleccións deportivas catalás en competicións oficiais ou a teimar en darlle ao catalán sen parar. Xa se sabe; dáslles unha man e cóllenche o brazo enteiro. Non lles chega con ter unha selección que xogue partidos amigables polo nadal e unha lingua coa que cantar a beleza dos sentimentos máis puros; queren competir polo mundo adiante coa súa lingua na boca. Túzaros.

En Galicia, que somos moi serios e estamos dispostos a dar exemplo de españolidade suicida, probablemente non volveremos ver Selección Galega nin de fútbol nin de chapas. Vivimos a gloriosa era da despolitización. Sea usted inteligente, no se meta en política. Hai demasiadas bandeiras de Galicia nas zamarras dos seleccionados, así que mellor será aforrar uns cartos e pechar o ridículo bochinche. E entón escusamos cantar o himno, que ten letra monolingüe impositiva e rivaliza co lalalala que con tanta paixón berraron gorxas despolitizadas hai unhas semanas en Riazor.

Os símbolos que politizan non son benvidos. Contra eles, que separan, hai símbolos que unen. Estes deben ocupar a totalidade do espazo social, cultural, político. Para iso gañaron unha guerra, non para observaren, impávidos e atoallados, como retiran da Coruña con La a estatua dun Coruñés de Pro. Outro día haberá que falar dos resentidos. Hoxe aínda temos que navegar un pouco pola filosofía Valdano, especialista na masa do patacón: uns van de dentro para fóra e outros de dentro para aínda máis dentro. Quen non o entenda que vaia á galiña.

O bo que teñen os símbolos é que ofrecen significados de pouca precisión semántica pero con alta capacidade connotativa. Son eficaces para controlar certas tendencias potencialmente incontrolables da multitude e dos individuos. Tamén para construír discursos alternativos. En calquera dos casos, o símbolo dálle cohesión ao grupo. Se a comunicación social toda se apoiase no símbolo, triunfaría a aparencia sobre a realidade e o dominio deviría nunha brétema dificilmente visible. Diversas manifestacións do poder interveñen a nosa facultade lingüística para lle imprimir unha derivación simbólica: do significado preciso á connotación difusa. As palabras fanse símbolos e iconas cando é preciso. A estimulación das vísceras sen necesidade de facer parada nos cerebros.

Os símbolos de España non se discuten. Quen non goce ata as proximidades do orgasmo co triunfo das seleccións españolas, de Nadal ou de Fernando Alonso é persoa resentida, excluínte e cunha concepción aldeá da cultura e da vida. Un descastado. Na Radio Galega exaltábase o patriotismo de víscera e fozábase no peor chauvinismo contra un británico negro nas carreiras de Fernando Alonso, un piloto que nada ten que ver con Galicia e cuxos impostos esquivan as necesidades sociais dos extasiados pola veloz habilidade máis ca pola propia pobreza. Eran tempos do bipartito, que máis ten.

Toda a dereita española, tanto a franquista (Partido Popular e os seus medios de produción simbólica) coma a dereita monárquica (felipismo, guerrismo, outros sectores do PSOE, PRISA, UPyD, etc.), comparte a necesidade de ocupar a comunicación social con representacións simbólicas. Para eles, socios inseparables, a identidade é unha deformación que cómpre barbear porque politiza en exceso ámbitos aos que só deben acudir símbolos de unidade. Coma a política cando a practican non profesionais, a identidade é indesexable cando non é española. Cando Puyol celebrou un gol no Bernabéu ao Real Madrid bicando o brazalete coa senyera, a identidade española, ou sexa, a natural e inocente, a que ten emisoras de radio e xornais e odia a politización, indignouse coa afronta. Mais non se fixa no valor connotativo do Viva España que canta o público madridista ou da simboloxía fascista e rojigualda que tingue o Bernabéu. Claman ao ceo se vascos e cataláns asubían o himno español pero consideran un acto festivo que os seareiros españois abrouxen A Marsellesa. Moi esclarecedor.

A supervivencia dun proxecto patriótico español, incapaz de cristalizar historicamente, esencialmente negador e uniformizador, está profundamente ligada á necesidade de simbolizar toda comunicación social. Precisa facer de todo o español o natural non caracterizado e converter calquera símbolo ou manifestación das nacións non españolas en marca agresiva de imposición identitaria excluínte, en politización indesexable do que ha de estar, porque o din eles, no limbo do indiscutible. Ensinar matemáticas en galego é unha imposición inaceptable, unha politización totalitaria, e ensinalas en castelán é o natural non imposto. Misterios inescrutables, coma os Camiños do Señor.

Probablemente pasen algúns anos antes de que poidamos volver ver un partido da Selección Galega. Non é moita a perda, se temos en conta que a participación en competicións oficiais está prohibida. Pero será unha ausencia simbólica innecesaria. É a maneira que teñen de ir reconstruíndo a identidade natural. Como retirar a lingua galega do ensino e da vida pública.

Así son os demócratas orgullosos de Millán Astray.

Non pasarán.

]]>