Sarkozy – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Miserias http://antondobao.blogaliza.org/2010/10/06/miserias/ Wed, 06 Oct 2010 11:36:48 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=733 Que polas arterias da dereita flúe un licor mesto e sinistro, está escrito con tinta indeleble nos libros da historia. Que a súa nave ideolóxica navega docemente polo cinismo e a hipocrisía, é unha realidade insculpida con lume na experiencia humana. Sistematicamente, establece unha verdade inobxectable instrumental á súa ordenación do mundo. A verdade, como nas relixións, nace da orde. Se a realidade non se axeitar á proposición previa, orixe divina de todo, entrarán en funcionamento os mecanismos correctores que foren precisos.

As deportacións masivas de xitanos que tanto excitan a Sarkozy e, por contacto e identificación, á dereita española tamén nacen argumentalmente na vileza e na mentira. Os xitanos romaneses son pobres, non traballan, rouban, complícanlles a vida aos seus veciños e exercen a mendicidade agresiva. Para garantir a pureza da sociedade francesa, a deportación masiva é a solución. Ao outro día de expulsados os xitanos, os miserables que se excitan coa deportación e arelan a pureza seguen a vivir na pobreza. Que teñan coidado; algo de impuro hai tamén neles. Convertida a mentira inicial en verdade pura, todo o consecuente é aceptable e mesmo necesario.

Europa, escenario de tanta democracia e dereitos individuais e colectivos, permanece pasmada na contemplación ansiosa do espectáculo. Ninguén di nada serio, ninguén fai nada con sentido. Talvez Viviane Reding, a Vicepresidenta da Comisión Europea e responsable de Xustiza, mantivo en voz alta un alento de dignidade. Breve. Sarkozy respondeulle coa intelixencia que o caracteriza: se a señora Vicepresidenta defende tanto os xitanos romaneses, que os leve para o seu país. Se tanto che gustan, lévaos para a casa. Sarkozy e os seus argumentos incontestables convencen coa forza da razón a Europa política. Apláudeo Berlusconi. Admírao Mariano Rajoy. Tamén a representante do PP en Cataluña. Laboratorio Badalona. Negreira está fascinado coa idea dunha La Coruña pura. Algúns feixes de respectables cidadáns que non posúen nada digno de ser roubado expresan o seu incomodo e a súa intranquilidade temerosa pola presenza de tanto inmigrante.

A Rodríguez Zapatero cónstalle, porque así di el que llo explicou o locuaz Nicolas, que Francia ten razóns para as deportacións masivas. Que nolas conte. Será que xitanos e romaneses non cadran harmoniosos no fermoso e osmótico territorio europeo, aberto á circulación de capitais e pechado coma o formigón á circulación das persoas. Cómpre protexer a torre da derrota. Din os homes de ben de toda Europa que a vicepresidenta foi excesiva ao lembrar outras deportacións da historia recente de Europa. Poida que a valente e admirada política de Sarkozy non se inspire nas deportacións nazis, pero é netamente fascista. Non tanto pola deportación en si, que tamén, coma polos efectos buscados: odio racial, desprezo e rexeitamento ao diferente, submisión plácida ao poder na miseria. Son as clases populares as destinatarias desta política. Xa se sabe, a violencia horizontal. A subalternidade adorada. A multitude ambivalente. A vella norma do fascismo.

Por iso era de esperar unha reacción contundente da esquerda europea antifascista. Pero tamén aquí parece encontrarse asombrada ante a observación silenciosa de si mesma no espello. Cóncavo.

]]>
Defeat The Fund! http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/06/defeat-the-fund/ Mon, 06 Apr 2009 14:51:56 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=14

Vén a crise, coma unha vaga devoradora, din desde hai meses, e os asalariados e asalariadas van moderando os seus hábitos de consumo e deixando folgos na febleza dos seus sempre febles salarios. Tiña que vir, a crise; estaba de ser. Non é que os pisos e as vivendas sexan máis accesibles nin nada diso. É máis simple; hai quen recolle a alfombra, envolve con ela o ouro acumulado e vaise gorecer na casiña dos ataques epilépticos do sistema financeiro, as bolsas, o prezo dos cartos, os créditos e o valor dixital que está a plastificar a vella abstracción monetaria. E como seica todo anda perigoso, as grandes (e non tan grandes) multinacionais (e nacionais) acampan ó sol e saborean diñeiro do que se extrae ás rendas do traballo para evitar deslocalizacións, peches, despedimentos, regulacións, conxelacións salariais. Pero non era así xa en tempos en que a crise era unha hiperbólica utopía? E iso que nunca creron no intervencionismo nin na boa saúde do Estado. Os de letras non entendemos nada de economía.

Porque a economía ten as súas regras e dinámicas á marxe do entendemento e das necesidades. Fóra das inconveniencias da política posible, os Bancos Centrais regulan as nosas vidas sen que poidamos, sequera por interposición, intervir nas súas decisións. E pese á súa infalibilidade e á grandeza sideral do mercado, hai crise. Ben o saben os recrutas do anovado exército de reserva. Crise talvez de distanciamento entre os asalariados, e elas, tan asalariadas e tantas sen contrato nin salario, e a liga vital dos seus traballos. E como nada se ama tanto coma aquilo que se perde, coa crise habemos de ir aprendendo que o traballo asalariado é o máximo ben ó que se pode aspirar. Función didáctica e instrumento de dominio e control. Quen viva na hipoteca terá como única meta en tempos de crise non escapar da hipoteca. Hai maior felicidade?

E van e xúntanse en Londres os interpostos dos amos do mundo para salvaren o capitalismo retellándolle algún buraco. E quedan nos salóns balorentos da banca, das entidades financeiras, das oficinas das multinacionais, dos almacéns da miseria, das factorías de explotación, e protéxense con policía e armas dos berros pacíficos dos manifestantes e das súas xoldas lúdicas. E debaten e deciden, cren, Obama e Lula, Zapatero, Sarkozy, Merkel e Berlusconi e outros, e remexen as pezas do dominó e proban a saír con outra ficha. Aínda que as contas teñan que acabar cadrando coma sempre. E entón os medios aplauden a unidade e as decisións progresistas e fálannos unánimes na felicidade de acordos históricos, todo queda refundado e ben fundado, a crise aínda durará pero con tal unidade os problemas minguan. Compromiso é a palabra de orde. Canto desinterese!

Os de letras non entendemos de economía. Por iso será que seguimos buscándolle a agulla de marear ós grandes acordos do G20, ou sexa, dos representantes dos que gobernan o Imperio. Tranquilízanos saber que intentarán dar cos paraísos fiscais. E abraiamos coa decisión de triplicar, co diñeiro expropiado ó traballo asalariado, os fondos do Fondo Monetario Internacional, esa organización democrática que tan ben domina a arte da usura contra os pobres. Como non se nos tería ocorrido!

E así se refunda brillantemente o capitalismo. Con máis capitalismo. E todos, conservadores e socialistas, liberais e socialdemócratas, felices de sorriso progresista e foto con Obama.

E nós para que votaremos?

Benvid@s a esta pequena República da Multitude. É vosa.

]]>