Rosa Díez – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Enunciar o imposible http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/09/enunciar-o-imposible/ Tue, 09 Mar 2010 00:15:21 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=617 O importante non é o que dixo o bo actor Willy Toledo no medio da poeira tóxica que se organizou arredor da pequena illa de Cuba. O importante é que ao falar socavou os equilibrados alicerces do real, encofrados coa comunicación pública. A especulación do ladrillo, aí está.

A opinión do actor, como toda opinión, é discutible. A resistente experiencia revolucionaria acumula, é verdade, erros e defectos ao longo do tempo. E con eles, necesidades: maior protagonismo do suxeito proletario e, por tanto, maiores espazos de liberdade, de xustiza e de participación democrática plena. E non falamos de representación, de constitucionalismo burgués nin de retorno da propiedade privada; falamos de democracia absoluta, de capacidade de decisión. Das virtudes da revolución escusarei falar. Con todo e seren silenciadas, son insultantemente visibles.

Pero volvamos. O importante non é o que opine Willy Toledo sobre Cuba; o importante é que exprese a súa opinión. O acto en si, non o contido. Se reparamos nas reaccións ao dito polo actor, nas que -ai, que casualidade!- coinciden desde Intereconomía á Cadena SER, sobresairá que o seu peor delito consiste en expresar unha posibilidade allea á doxa do réxime e do sistema.

Que os donos dos medios de produción, e descúlpeseme esta recorrencia consciente á terminoloxía clásica máis que nada para amolar os espíritos máis puros e lúgubres, falen da posibilidade dun contrato de escravitude para menores de trinta anos non é importante polo contido da súa proposta. Coma no caso de Rosa Díez (e de Arcadi Espada, oh, o irrepetible Arcadi Espada!), o discurso dos empresarios retrátaos con exactitude asombrosa. O importante, tamén neste caso, é a posibilidade, aquí con sentido diferente. Se o discurso de Willy Toledo sobre Cuba creba os límites da realidade, a proposta empresarial non fai máis que reforzala ampliándoa mediante o recurso a incluír unha nova posibilidade. Porque só o que é posible é real. Non importa que a proposta non teña éxito a curto prazo; os conceptos que manexa serán constitutivos das relacións sociais aínda que non queiramos. Non importa que Willy Toledo exprese a posibilidade dunha organización social, económica, humana, alternativa; se a doxa a prohibe, non existirá.

A configuración do mundo que nos explota, que nos expropia e que nos aliena depende dos límites entre o posible e o imposible. Por iso é importante para o poder que todo o prohibido sexa necesariamente imposible e irreal. Non existe. E o que non existe non admite discusión. Eis a razón daqueles berros a Oleguer Presas en todos os campos de fútbol de España, a prisión de Arnaldo Otegi, a persecución cruel de Pepe Rubianes ou tantos outros castigos aos intentos de recoñecer o imposible.

España é unha construción relixiosa. Como tal, sempre estivo obsesionada cos límites entre o real e o irreal, é dicir, entre o institucional e o prohibido, entre o posible e o imposible. Aí armou a súa fronteira inmóbil. A ousadía de poñer un pé en territorio prohibido será necesariamente castigada. Foino en 1936, cando as multitudes se desataron nun soño prohibido que ameazou con desfigurar a realidade e ofrecerlle outras coordenadas. E éo hoxe, cando persegue disidencias ou crucifica os que pronuncien o impronunciable, que é outra modalidade do imposible. Opinar contra a consigna con palabras diferentes, recobrando a facultade comunicativa expropiada, mesmo asumindo o risco da equivocación, desvela que a realidade é un corpo flexible e dúctil. Velaí o peor delito contra o réxime dos corpos inanimados que se nos impón.

Por iso, entre outras cousas, brindo por Willy Toledo e por quen enuncia o imposible.

]]>
Con Rosa estamos na Gloria http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/01/con-rosa-estamos-na-gloria/ Mon, 01 Mar 2010 20:30:47 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=614 Non sei se era cousa de froitos ou de obras. Pero dis que contan que o dixo Xesús Cristo. Algo así como “polos seus froitos os coñeceredes”. Certamente, hai dous mil e pico de anos pouca maneira había de saber dos homes e das mulleres —delas menos— se non era polos froitos que as súas obras puideran dar. Froitos maduros e podres, doces e amargos, saborosos e desagradables, vitais e velenosos, que de todo hai na viña do Señor, xa que estamos de referencias bíblicas. Naquela época, a comunicación era restritiva e fugaz. A Biblia asumiu a función de ordenar e interpretar o mundo, tal e como lles ocorre hoxe aos medios de comunicación de masas. Sagradas funcións! A comunicación lingüística substitúe a eficacia exemplar dos froitos que dan as obras humanas. Tamén a organizada con imaxes, de maior capacidade connotativa e menor exactitude semántica. Ideal para o caso.

Polos seus ditos os coñeceredes, poderiamos actualizar a sentenza escrituraria. No mundo da política profesional, a comunicación como mercadoría non só oculta senón que altera radicalmente o significado verdadeiro dos feitos. Sirva como exemplo a distancia real entre o discurso aparentemente progresista da socialdemocracia (esquerda oral) e as súas políticas económicas liberais. Ou a distancia entre o laicismo que se di defender e os froitos insalubres do vello e incuestionable nacional-catolicismo. Iso por non rebaixarnos ao nivel do estrume para casar certos discursos sobre imposición e dereitos lingüísticos cos froitos e as obras dos seus usuarios e inventoras.

Pero se o dicir das persoas públicas oculta convenientemente as súas intencións, tamén pode posuír a virtude de nos ofrecer o seu retrato máis exacto. Só é cuestión de saber descodificalo adecuadamente. Porque non existe o lapsus linguae. O ser humano é un animal extraordinariamente exacto no manexo da comunicación, en calquera lingua; para iso non se precisa formación de ningunha clase. Évos unha facultade innata, como durmir ou alimentarse.

O último exemplo témolo ben fresco: Rosa Díez e os galegos no sentido “máis pexorativo” do termo. Certo que a boa da deputada ten un dominio máis ben agreste da súa propia e amada lengua común por cojones. Pero iso non vén agora ao caso. Alá ela. O asunto é que tras escoitar a súa intervención e apalpar o bochorno en forma de silencio dese extraordinario profesional da aparencia que responde ao título de Gabilondo, dei en pensar que non debemos indignarnos. Non. Aproveita máis unha ollada displicente ca un cabreo.

Polas súas palabras os coñeceredes. Rosa Díez dirixe con tal destreza o Partido da Idiocia que non reparou en que cando pretendía insultar a Rodríguez Zapatero a función delatora da linguaxe estampou o seu retrato máis afinado. Comparemos. Cando un señor lle chama a outro “negro de merda”, por exemplo, non é o honor nin a dignidade do insultado o que se resente; é a imaxe do executor a que queda estampada. O reflexo de Rosa Díez no espello é atroz. Xa o era, pero ese pé mal afirmado é o trazo máis exacto da súa persoa. Non só da súa dignidade, da súa intelixencia, da súa elocuencia, da súa cultura e do seu proxecto político. Da súa persoa completiña.

Non son eu nada dado a alterarme nin a sentirme ofendido polo manexo de tópicos, chistes de galegos e demais trangalladas semellantes. Tendo a me rir un cacho largo e longo. Foi a primeira reacción que me ocasionou a ocorrencia da ilustre trapalleira. Despois lembrei a súa imaxe brazo con brazo doutra muller incomparable que se talla no seu propio espello tal cal é cada vez que abre a boquiña e se namora das simplezas que di. Hai en ambas, xuntas elas, un sentido transcendente da unidade por acumulación. Ou de anulación por duplicado. Con Rosa estamos na Gloria. Quen ousaría dubidalo? Recoñezo que tamén imaxinei a queima de Troia, Esparta, París e o propio Vaticano se algunha das moitas persoas odiadas pola caverna española —tan extensa coma escura— chega a manifestar que Rosa Díez é española no sentido máis pexorativo da palabra. Válgame Dios!

Entre o máis e o menos hai unha gradación de sentidos pexorativos, intúo. Non me importaría que Rosa Díez nolos explicase un a un con esa axilidade verbal que a caracteriza. Sería unha boa maneira de complementarmos o seu retrato. E o dos seus camaradas do Partido da Idiocia e da súa sucursal cuspida coma caguña en territorio de lingua galega.

Ao final, lembrei, e desa si que foi en serio e con inmenso pesar, a persecución langrina, necia, covarde e infame á que foi sometido aquel actor galego e catalán nos últimos anos da súa vida. Chamábase Pepe Rubianes. Iso si, quédame o consolo de que o seu nome será lembrado e recoñecido aínda cando as cinzas das obras e dos froitos de Rosa Díez e as súas camarillas anden atravesando ás apalpadas a materia escura coma neutrinos extraviados na inmensidade do cosmos. Borralla.

]]>