reforma estatutaria – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Estatuto novo? http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/24/estatuto-novo/ Thu, 24 Sep 2009 18:52:35 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=530 O marco xurídico-político vixente recoñécelle a Galicia a súa condición de nacionalidade histórica. O carácter nacional de Galicia está tan fóra de discusión teórica coma o feito de o galego, e non outro idioma, ser a lingua propia. Haberá quen negue que o galego sexa a lingua propia de Galicia, ou que sexa unha lingua, e haberá quen vexa en Galicia unha entrañable e verde rexión sen entidade política. Ten que haber xente para todo. Ora, tales prexuízos só terán efecto xurídico cando se modifique a lexislación vixente. Mentres e non, o galego é a lingua propia dunha nacionalidade histórica chamada Galicia.

Mais non nos deixemos cegar pola legalidade. O Estado manexa ferramentas centralizadoras que converten en aspiracións indignas e antidemocráticas os tímidos recoñecementos formais. A periferia é unha anomalía. Non a súa existencia, que fortalece sempre a conciencia agresiva do centro, senón a súa impugnación da subalternidade. España é un proxecto nacional imposible, constantemente en crise, porque só se constrúe negando e perseguindo a diferenza e a diversidade. Criminalizándoas. O proxecto nacional español, en toda a súa amplitude política e mediática, é alérxico a toda identidade non española e a toda expresión en lingua non española. A literatura, o cinema, a música, calquera manifestación cultural que non navegue en barca de sangue e ouro será considerada irrelevante, inferior, non existirá. Cando non, abertamente hostil.

Para o pensamento nacional español, a diversidade empobrece e significa un perigo para a propia existencia. Quizais por iso é historicamente irrealizable. Hai outras nacións peninsulares que se saben diferentes, teiman en manter vivas as súas linguas e as súas culturas e en construír proxectos nacionais alternativos, aínda que non sempre sexan maioritarios. A contradición non a dá resolto España con uniformización e negación da diferenza, aínda vestida de descentralización, autonomía e respecto pola diversidade. Agudízaa.

A construción dun Estado das Autonomías en que se dilúan as diferenzas e se equipare o autogoberno das nacionalidades históricas á xestión das rexións e provincias autónomas serve para reconducir aspiracións nacionais de Galicia, Euskal Herria e Países Cataláns. Substitúese polo simulacro a posibilidade dun réxime pluralista, necesariamente republicano, de igualdade real entre as nacións española, catalá, vasca e galega. É a distancia infinita entre unha concesión de descentralización administrativa e o dereito a decidir, propio, só que fose teoricamente, dunha federación de nacións. O simulacro.

España só concibe unha soberanía, e esta reside no Congreso dos Deputados. Nin sequera no pobo español. As peripecias da reforma do Estatuto de Cataluña sacan á superficie as profundas deficiencias democráticas do réxime. O Parlamento de Cataluña, en teoría a expresión da soberanía do pobo catalán, aproba un texto estatutario co apoio de máis do 90% dos seus deputados. O texto vai ao Congreso dos Deputados e de aí sae chapodado e corrixido, é dicir, a vontade popular catalá non ten valor político. Para concluír coa farsa, o Tribunal Constitucional, non elixido, como sabemos, por sufraxio universal, terá a derradeira palabra. Un grupo de maxistrados pode desprezar, amparado na lexitimidade que o réxime lle concede, as decisións do pobo catalán mediante Parlamento e referendo e as do Congreso dos Deputados de España. En que instancia real recae a soberanía? A anomalía democrática é estridente.

Historicamente, o nacionalismo galego de esquerda —outro non hai nin é probable— está enfrontado ao réxime. Non acepta o seu marco xurídico e político por negar o pobo galego como suxeito político soberano con dereito a decidir sobre a forma de organización con España: desde a autonomía administrativa, pasando pola federación en pé de igualdade, ata a independencia. Tampouco Castelao, que nunca foi rexionalista, aceptou ningunha saída á ditadura fascista que non supuxese unha III República Federal e o recoñecemento da soberanía galega. A ruptura democrática que nunca se produciu.

Que nos últimos tempos o BNG teime na reforma estatutaria vén a romper con esa tradición histórica. Unha reforma estatutaria, mesmo nos máximos permitidos polo réxime, non conquistará dereitos para a nación galega. Como moito, un recoñecemento formalmente diferente do seu xa recoñecido carácter nacional. O custo dunha modificación insubstancial sería a automática aceptación dun marco xurídico e político que nega o dereito a decidir e mantén en réxime de subalternidade a nación galega, a súa lingua, a súa cultura e as súas posibilidades futuras. Moi caro.

Se a sentenza do Tribunal Constitucional é contraria á reforma do Estatuto de Cataluña, as xustificacións para apoiar unha reforma estatutaria e asumir o marco xurídico-político do réxime caerían a cachón nun burato negro. O nacionalismo renunciaría á potencia do seu discurso. Talvez, o indicado sería non insistir nunha reforma inconsistente, manter a as distancias, non lexitimar o réxime e forzar politicamente melloras tanto na actualización estatutaria coma no desenvolvemento de competencias. O resultado non se medirá en termos de rendemento electoral inmediato, pero si de conciencia colectiva. Conciencia nacional das necesidades e das posibilidades, único camiño para a emancipación. Que é o obxectivo, ou?

A asunción do marco xurídico e político resultante dun novo estatuto unanimemente apoiado polos grupos do Parlamento de Galicia implicaría unha reformulación histórica das forzas nacionalistas. Daquela, situaríanse á mesma distancia de Castelao que Núñez Feijóo.

]]>