Real Academia Galega – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Anomalía http://antondobao.blogaliza.org/2010/01/25/anomalias-felices/ Mon, 25 Jan 2010 20:27:19 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=597 X. L. Méndez Ferrín chegou á Rúa Tabernas e pousou na Cadeira da Presidencia da Real Academia Galega. O camiño non é que o tivese despexado de todo; apenas dous ou tres atrancos tirando a cativos viñeron a darlle un pouco de aire a unha elección que en realidade non tiña por que saír das paredes da sede académica. Todo ten os seus significados; tamén os silencios, os barullos e as faces circunstanciais. Que algunhas obsesións persoais acomodadas ao carón de certas empresas mediáticas pretendesen capitalizar un debate que non lles correspondía e rebozalo en prexuízos sectarios e mala fe interesada non é máis ca un transparente sinal da potencia irredutible da figura do novo Presidente. Algúns teimudos sofistas aínda cospen a súa telexénica rabexa despois da elección. Ao non prender en palla seca o exemplo das súas sensatas advertencias, incorren, con destreza tan cativeira como elevada é a súa impericia cultural, en terreos para eles descoñecidos de ficción literaria. A deles non comprendeu aínda o concepto de verosimilitude nin de destreza técnica. Certos demócratas levan décadas confundidos na relixión totalizadora da seita. Viron a luz e non queren desprenderse do seu fulgor.

Poida que Ferrín como Presidente da Academia sexa unha anomalía. No mundo gris e seco que para o ser humano tece o fascinante sistema de explotación e control de pensamento e instinto, cada anomalía é unha luz que irradia enerxía nova por todas as súas partículas. Incómoda para a materia escura que nos fai mutar en seres amálgama: produtor-consumidor-mercadoría. Tamén a lingua galega é unha anomalía rugosa no liso papel de celofán que excita certas glándulas inferiores e cega de delirio as organizacións mentais dos individuos chamados a santificar as nosas derrotas. Ás veces, cando volven á casa despois de duras xornadas nas que cristalizan en todo o seu esplendor os filantrópicos proxectos que aluman as súas plumas, recitan angustiosas pregarias como epílogo das súas oracións piadosas: por que non somos coma a xente simple ou por que a xente non é tan simple coma nós? Por que nos impuxeches, ou destino, ao noso carón unha lingua de toxos e de silvas para que nos incomode o espírito con tal insistencia e nos faga cheirar a estrume? Teñen o estigma material da cursilería no ADN.

A lingua galega é, aquí e agora, na lisura dun tempo sometido aos espantados e dun espazo inclinado ao baleiro, a anomalía paradigmática. A Academia é unha anomalía institucional nunha nación (con perdón) entregada voluptuosamente á subalternidade. Ferrín é unha anomalía intelectual, humana e literaria no universo unimensional adorado por estes sacerdotes que impoñen penitencia e castigo por transgresión flagrante ou sintomática do pensamento cero. A anomalía é o que nos define. Marabillosa e liberadora anomalía.

A gran noticia destes días achégalle unha luz enerxética ao patio de sombras no que teiman en zarrapechar a lingua, a cultura e Galicia enteira. O escritor máis rico da nosa extraordinaria e fachendosa literatura é Presidente anómalo da anómala Academia dunha lingua anómala. E aquí continuamos. Case non lles queda mecha da que tirar!

 

]]>
Paixón totalitaria http://antondobao.blogaliza.org/2009/12/15/paixon-totalitaria/ Mon, 14 Dec 2009 22:54:25 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=577 O sábado pasado, a Real Academia Galega, a entidade responsable de fixar a norma da lingua galega, acolleu a Manuel Rivas no seu foro. A Academia de Curros e de Murguía —por moito que certo sector do nacionalismo oficial a aborreza— incluíu entre os seus membros un extraordinario escritor, proseguindo coa tarefa de alimentarse cos nosos mellores talentos literarios. Unha angueira ata non hai moitos anos estritamente prohibida. Rivas achega, ademais, o seu compromiso cívico. É amplamente compartida a satisfacción ao vermos que a RAG se vai reconstruíndo aos poucos como unha entidade soberana. A lingua e as expresións culturais que a manexan, fundamentalmente a literatura, son os nosos espazos soberanos, independentes, ceibes. Non é estraño que tanto a Academia, se segue esta dirección, coma a literatura e a lingua sufran agresións nacidas de certas disfuncións do córtex prefrontal dalgúns mamíferos que viñeron a pousar os pés na terra por vía de creación.  Que a RAG supere en poucos anos unha longa etapa de inanición, climatericamente admirada por algún rico editor de xornal decimonónico e non poucos dos seus caseiros, é síntoma de que a pesar dos ventos desfavorables entre nós sempre hai quen quere tamén navegar. A nación non é esencial senón unha construción humana de vontades colectivas. Ou sexa, posibilidade, sen máis. Que nos perdoen o pecado.

Estes días fálase de X. L. Méndez Ferrín como probable candidato a presidir a RAG. Máis palla seca para o lume do aborrecemento que lles entra ao fato de oficiais de varias bandas. Adiantouse en reacción un dos mestres da censura e a manipulación, como moi ben sabemos el e mais eu e algunhas outras persoas. E é alí, no recanto de acolá, onde trousa co pouco pudor que adoitan exhibir os ignorantes nas proximidades dos foros académicos. Ese papel co que se labran as actas dunha realidade creada antes de ser, duro coma unha lousa, envolve as preocupacións de tan arrebatado servo. Ao mellor, porque ninguén lle consultou ao seu patrón quen debe presidir a RAG. Igual porque neses ámbitos de soberanía —Academia, lingua, literatura, cultura— as súas homilías disólvense como faramuxas de cinsa no aire. E non por non seren estridentes e groseiras, que o son e ben, senón por ser o seu peso tan virtual coma a realidade que teiman, obtusos, en crear. Ao redactor, e supoñemos que ao seu patrón, dóelle a posibilidade de que Méndez Ferrín sexa o Presidente da RAG. Un indicio claro do acertada que sería tal elección. Tanto lle proe, que lle recomenda á superflua institución que seleccione mellor. Dígocho eu.

—A estupidez deste Luis Ventoso é digna dunha boa gargallada —dicíame a miña amiga Estrela, co dedo indicador marcando na tinta sucia do xornal. Tomabamos café na terraza dun bar de Compostela.

—E non será unha advertencia? Xa me entendes, esa maneira de actuar que ten a mafia e que tan querida lles é a estes —dixen eu para min, case, coma se reflexionase sobre o couso ese con forma de artigo xornalístico.

—Non, ho, non! Mira para aquí: “imaginación inabarcable, memoria wikipédica, elegante prosa de alta precisión”. Non o ves? Di cousas así de Borges. É que o rapaz é fato e xa está.

Estrela petaba co dediño no texto maxistral sen dar abandonado un sorriso algo cínico. E eu ía comprendendo as múltiples faces do asunto. Os fatos tamén advirten. De golpe, a miña amiga botou man ao seu abrigo de pano, colocouno por riba dos ombreiros e apertou forte a bufanda de listas ao redor do pescozo.

—Vamos para dentro, que xa está aí o frío siberiano.´

]]>
Piñeirismo esvaecido http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/16/pineirismo-esvaecido/ Thu, 16 Jul 2009 11:30:22 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=475 Non sei se co pesar e contra as intencións de alguén. Probablemente nin iso. No espectáculo da política como profesión, tan afastada á mantenta da realidade material que nos configura e nos condiciona, os actores senten moi a miúdo de máis a necesidade de gardar certas formas. Talvez porque pensan que un terremoto informativo ou un debate non moi produtivo electoralmente non son un bo mollo para o caldo que están cociñando. Se cadra, unicamente porque os seus asesores de imaxe tenden a ser moi conservadores: o que non vai producir réditos inmediatos, deixalo estar.

Non sei se Núñez Feijóo ten asesor de imaxe. É probable que non. En tempos de crise e de coches sen blindar, non hai que tirar cos cartos nun asesor que recomende simplezas obvias que o Presidente ha de ter claras. Se é que o ten, conservador non é. Máis ben arrisca toda a partida a un único naipe. E mais a partida é longa; calquera movemento en falso pode guindar á varredura o traballo e as arelas de catro anos.

O escaso goberno de Núñez Feijóo ofrece elementos para a análise xornalística, de opinión e partidaria. Aló cada quen cos seus choios. Como eu non son xornalista nin opino para ningunha publicación periódica, aínda que procuro sempre tomar partido, non repetirei os lugares comúns de certas análises políticas. Arriscarei tanto coma os asesores de Feijóo; eu teño menos que perder. Para algo estamos no ano dedicado a Ramón Piñeiro.

Arrisquemos cunha sentenza: coa dereita que ocupa os despachos desta concesión administrativa chamada Autonomía, o piñeirismo está morto. Morto. Politicamente irrelevante. E talvez a obra de Ramón Piñeiro, disolta no tempo coa simpleza coa que se desfai unha cullerada de azucre nun vaso de auga quente.

A Autonomía conseguiu manter viva a ilusión de que a obra material e inmaterial de Ramón Piñeiro fora tan importante que propiciara a instalación dun sentido común identitario nas elites políticas de Galicia, independentemente dos partidos aos que se adscribiran, desde os sectores máis galeguistas (pensemos en Realidade Galega ou en personaxes como Sixto Seco ou o propio Fernández Albor) aos máis contundentemente españolistas, como o que pivotou ao redor de Fraga Iribarne. Unha doxa galeguista insculpida xa para sempre na nosa vida pública coma un petroglifo inalterable. O propio Fraga Iribarne chegou a ofrecerlle carácter filosófico: autoidentificación. Piñeiro, o seu maxisterio, os seus soños e as súas ideas triunfaban. Ese sentido común galeguista estenderíase coma o aire que respiramos: imperceptible, cordialmente, sen imposicións, vital. Os seus puntos fortes serían a defensa da lingua como principal sinal de identidade e mais unha aceptación sen estridencias das nosas expresións culturais como marca diferencial do ser galego. A identidade focalizada na lingua e nas manifestacións culturais, expresións espirituais, nada de materialismo, nada de proxectos emancipatorios, nada de multitudes nin suxeitos colectivos. Só o espírito como protagonista da alma galega. Con todo iso, o nacionalismo sería innecesario, inútil, contraproducente, antihistórico. Que llo pregunten a Franco Grande.

Mais ves que só faltou que chegara esta nova xeración de gobernantes para que o soño feito realidade se esvaecese no aire. Núñez Feijóo e os seus borraron sen un pestanexo ese sentido común galeguista ao dinamitaren os dous esteos nos que se sostiña: a lingua como sinal de identidade, sen merecer políticas normalizadoras mais si un discurso público contrario a resucitar vellos prexuízos e lugares comúns glotofáxicos, e a aceptación das nosas manifestacións culturais como expresión dunha colectividade diferenciada.

O novo discurso respecto ao galego é coñecido: unha absurda reconstrución dos peores lugares comúns do franquismo. A lingua galega non pode ser imposta, debe ser recluída aló onde non amole nin cheire demasiado. Igualdade lingüística, reclamación cínica ao tempo que se lexisla para favorecer a expansión invasiva da lingua que consideran realmente importante. Entre o principio de distancia duns e o temor á hipercaracterización dos outros. Das políticas do laissez faire pasamos a un discurso de rexeitamento sen complexos. Coa escusa da liberdade individual, do dereito a elixir, da non discriminación e da non imposición, coma se ningún deses principios rozase co castelán, hai unha negativa organizada a executar políticas que sirvan para dar algúns pasos, só que sexa lenta e timidamente, cara a unha igualdade real. Na xustiza, na empresa, nos espectáculos, no mercado, no deporte, nos xornais, nas radios, nas televisións, nas librerías, no ensino público, no ensino privado, entre os funcionarios, na sanidade, na música, nas salas de cinema… seguimos? Os extintores non sacian nunca as súas necesidades de destrución.

O novo discurso abrangue tamén os ámbitos da cultura: demolición. Non seremos nin aquela curiosidade diferencial do galeguismo cordial. Agora somos, seica, provincianismo, ausencia de cosmopolitismo, pailanismo en estado extremo, resistencia como sinónimo de aldeanismo. O edificio que construímos contra toda a adversidade, desde Rosalía, debe ser derrubado. Tampouco se pode impoñer unha cultura. Cómpre destituír os axentes armados que, a punta de pistola, levan anos obrigando a galegos e galegas a falar galego, a esquecer o castelán, a ler sen descanso a Curros, a Pondal, a Castelao, a Dieste, a Blanco-Amor, a Novoneyra, a Ferrín, a marxinar Valle-Inclán, Torrente e Cela. E o Consello da Cultura, cuxa única función é opinar, cala cómplice. Outros, afectados polo principio de distancia, seguen disparando contra a Academia.

O proxecto é claro: a subalternidade orgánica de Galicia, a supresión pública dos seus sinais de identidade, a súa conversión nunha provincia menor da Nación Española. A ese proxecto élle hostil toda manifestación cultural e lingüística autónoma. Nese escenario, o piñeirismo amósase unha inutilidade histórica. Porque ao primeiro soprido, esborrállase o fráxil castelo de naipes en que alicerzaba aquel sentido común galeguista, en realidade nunca compartido.

Se cadra é ocasión de os sectores da dereita cómodos con certa tradición galeguista tomaren a iniciativa e abxuraren dunha acción política que degora subalternidade, silencio, desaparición. Tamén o nacionalismo político, social e cultural debe reformular moitas tácticas, certos principios, algúns códigos e non poucos anacronismos sectarios. Non xa no ámbito puramente electoral, tamén nalgúns discursos. Hai vellas dependencias hipotecarias que pexan toda posibilidade de desenvolvemento e de consolidación social e política dunha hexemonía que no ámbito da cultura é xigantesca. A lingua e a cultura de Galicia non deben dar pasos atrás para protexerse e sobrevivir. O seu camiño tira para a fronte, consiste en avanzar, gañar espazos sociais, fortalecer a súa hexemonía e debuxar o futuro. Que choren outros pola morte do piñeirismo.

E que o Consello da Cultura Galega siga co seu longo e vergonzoso silencio cómplice.

]]>