Propaganda – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Propaganda http://antondobao.blogaliza.org/2010/04/20/propaganda/ Mon, 19 Apr 2010 23:19:07 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=632

A Goebbels non lle debía importar moito que o soubesen os que o tiñan que saber. Era tal a euforia orxiástica nazi que coidaban que o futuro lles pertencía ata que o sol estoupase nunha tormenta de raios gamma. E máis aló, que tamén tiñan o seu punto esotérico. Agoiraron antes ca ninguén a fin da historia. Eles e a súa orde social eran o principio da conclusión nunha humanidade libre de imperfeccións, aria, pura, virtuosa. Máis aló deles, nada, ninguén. Empezaba a ser o mellor dos mundos posibles.

O seu paso aparentemente fugaz, pero feroz, non foi en balde. Deixaron ensinanzas, mestres e discípulos de toda condición, de múltiples categorías. E moitas prácticas e principios eficaces. O nazismo e o fascismo non só foron instrumentos contrarrevolucionarios de choque inmediato, extremas medidas de urxencia que o capitalismo puxo en práctica para evitar a desfeita que significaría a perda da propiedade. Tamén foron un encofrado resistente para as arelas de perpetuación que obsesionan o cerebro do Capital. Máis aló da especie humana. Alén do Big Crunch, se for posible e Deus o permitir. E xa sabemos de que lado opera sempre Deus.

Dis que foi o Ministro de Propaganda de Hitler, Joseph Goebbels, o autor dos coñecidos 11 principios da propaganda. Se a súa esposa non asasinase os seus fillos antes de se suicidar canda o seu home, a SGAE tería lexítimos herdeiros para os que esixir en tantos escenarios os correspondentes dereitos de autoría. Porque o espectáculo continúa. Non se rexe polos infalibles principios da Poética de Aristóteles, desagradablemente transcendente e indiscutible, por certo, senón por aqueles principios que con tanto éxito inmediato executou o réxime nazi e, pasiño a pasiño, o sistema mundo ata devir Imperio e máis aló o que faga falta. A sociedade do espectáculo, a fin da historia, o Imperio son espazos en que a única realidade posible xermina na propaganda. Benvidos ó deserto do real. O capitalismo é a vontade suprema da supervivencia, aínda que o custo for a desaparición da especie humana, da terra e do propio sistema solar. Ou que?

En España —ai, España!—, os principios da propaganda flúen desde hai décadas alagándoo todo cunha extraordinaria placidez. E sen solución de continuidade. Hai quen llo apón todo á dereita. Vénlle no código xenético. Ama a súa estirpe franquista, o cal quere dicir fascista, non xoguemos cos eufemismos. Desde a súa herdanza, todo atado e ben atado, ata os seus símbolos, e, desde logo, os tabús impronunciables da mal chamada Transición. Pero a fascinación goebbelsiana tamén aniña na banda da esquerda oral, ou sexa, na esquerda da dereita. Que é a que vai asumir con responsabilidade, por exemplo, a reforma laboral, un despedimento máis doado sen que os dereitos dos traballadores se resintan, é dicir, o funambulismo no oxímoro textual, que vén a ser máis ou menos irmán do engano. A dereita real tennos por perigosos; a esquerda oral, ou sexa, a esquerda da dereita —preguntar por MAFO—, tennos só por idiotas.

Ou se está coas bombas ou se está cos votos, dixo un día Rubalcaba mirándose ó espello e viu reflectida unha aguda intelixencia superior. E non era máis ca o reflexo dun deses once famosos principios. Unha ocorrencia, sen máis. Talvez nalgún outro lugar alguén pensaba na relación entre Afganistán ou Belgrado ou os GAL e os votos e as bombas. O poder das vísceras, a imaxe para que os idiotas remoiamos nela. Entreteñámonos. Se botamos atrás o ollar, outro pouco, poida que teñamos unha imaxe xa esvaecida de toda aquela enxurrada de probas da identidade indiscutible do desaparecido periódico Egunkaria e o terrorismo. Hoxe, cando os tribunais fan que Egunkaria quede libre de toda culpa, post mortem, iso si, como lle ocorreu ao Egin do que Grazón-protomártir algo debe saber, de seguida o espectáculo entra en punto de xiro e toma rumbo novo. Ninguén recoñece o erro. Ninguén repara a criminalización. Ninguén pide desculpas non tanto ós torturados coma ós idiotas. Todos ollan a outro lado. E o Ministerio do Interior organiza novas detencións masivas. Que ningún dos principios de identificación do Mal Absoluto quede debilitado. Que todo o edificio permaneza firme. Principio de transposición, dis que dixo Goebbels, se non se poden negar as malas noticias haberá que crear outras que as desvíen ou as distraian. E principio do inimigo único. Todo o que se move é ETA. Tamén sabe moito diso Garzón o protomártir. Garzón, o que nunca mandou prender ningún líder da extrema dereita. O que nunca atendeu unha denuncia de tortura. Garzón, o maxistrado dun tribunal de excepción, coma o vello TOP franquista. Na anulación real dos dereitos políticos e individuais da esquerda vasca, da que Garzón tanto sabe, tamén operan os principios da propaganda de Goebbels.

O espectáculo esixe un ritmo frenético que manteña o cu do espectador pegado á butaca. E nós, idiotas, só somos espectadores con necesidade de devorar espectáculo para cismar pouco en cousas ordinarias. O importante, aí, diante de nós. Do un ó once, principio a principio, toda unha guía contemporánea para escribir o guión perfecto. De éxito irremediable. E para seguir a trama sen desviacións. Aquí non hai lector implícito nin receptor ideal.

Pero os humanos temos ese estraño e incómodo vicio da dúbida. E desconfiamos. E cando aparentamos idiotas talvez só estamos pensando nas razóns de que a farsa sexa tan previsible. E ás veces mesmo chegamos a cambiar o curso da historia.

]]>