proletariado – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Á beira do baleiro http://antondobao.blogaliza.org/2010/10/15/a-beira-do-baleiro/ Fri, 15 Oct 2010 19:06:36 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=738 Os sublevados en armas en 1936 gañaban a guerra e ían impoñendo a súa orde nova. Aos que defenderon a legalidade republicana, cando non os pasearon impunemente, prendéronos, acusáronos de rebelión militar con todo o cinismo fascista, xulgáronos con celeridade e asasináronos. Os fascistas tiraron proveito dunha xustiza que se volveu dilixente e rápida. Aqueles crimes demostran que non é necesariamente máis xusta unha xustiza veloz. O dereito é sempre posterior ao poder constituínte. Aquel era fascista e católico.

Ao fascismo sempre lle agradou o imperio da lei, ampararse na propia legalidade, sempre ilexítima, para actuar contra grupos e individuos incómodos e desafectos. Mesmo o asasinato máis vil pode ser legal. O imperio da lei como máxima referencia ética e política é instrumental aos grupos dominantes e aos seus intereses de dominio. Eles marcan as regras, a propiedade como referencia universal, primeiro e superior dereito ao que se han de someter todos os outros, sexan individuais ou colectivos. O Estado de Dereito é a pantalla do parlamentarismo controlado, protección e coartada para o Capital. Que a esquerda asuma a súa defensa como horizonte político, social, económico e lexislativo é, como pouco, suicida.

En fases anteriores do movemento obreiro, os fortes lazos identitarios do proletariado e unha organización eficaz lograban, mediante loitas duras e cheas de sacrificios, introducir reformas nos aparellos lexislativos dos estados burgueses. Cada reforma significaba un paso adiante en conquistas que eran observadas como puntos sen retorno. Pasaron aqueles tempos, mudou por diferentes razóns a correlación de forzas, a composición da clase obreira tamén mudou, e o Capital iniciou unha contrarreforma global destinada a deixar sen efecto, unha a unha, todas as vellas conquistas. O proletariado, desagregado, non se dá recoñecido nestes tempos en que a fábrica é a sociedade enteira. A organización converteuse nunha utopía. O sentido de cada reforma lexislativa é a desestruturación radical, a dispersión, a redución a milleiros de identidades difusas, que compitan entre si. A submisión definitiva.

Na enxurrada contrarreformista, todo é máis descarado. Ás leis non lles importa perder a aparencia de imparcialidade e de representación neutra do ben común. O cinismo é impune. Cada reforma é unha ferida que sangra. A indecencia lexislativa e argumental do Estado español ten múltiples rostros. Das reformas laborais á Lei de Partidos. Europa, tras o asalto filonazi de Sarkozy, prepara máis reformas contra grupos conflitivos. O vello poema de Martin Niemöller ten máis vixencia ca nunca. Xitanos, romaneses, húngaros, vascos, galegos, asalariados, calquera colectividade estraña ou conflitiva debe ser excluída en beneficio do interese xeral. Sen identidade, ninguén se sente afectado polo que lles pase aos expulsados. Ao contrario. E iso que segundo os fundamentos do dereito burgués o individuo só poderá ser condenado por mor dos seus actos e non por pertencer a ningún grupo social, étnico, lingüístico, nacional ou ideolóxico.

Se a esquerda, toda a esquerda, mesmo a vergonzante socialdemocracia, non é capaz de reaccionar, de organizarse, de poñer en cuestión o que ocorre, o que se ve, o que se sente e o que permanece oculto, de interpretar os mecanismos da maquinaria social, de disolverse se é preciso para renacer como expresión certeira das clases subalternas, dos asalariados, do proletariado moderno, da multitude ou de como lle queira chamar ao suxeito histórico dunha transformación improrrogable, se non sabe desfacerse de lastres e mesmo renunciar aos cálidos salóns enmoquetados da institucionalidade capitalista, daquela quedará -xa vai quedando- vía aberta para que o novo fascismo opte a representar a totalidade do corpo social co apoio entusiasta da parte máis escura dunha multitude ambivalente. Fascismo por renuncia e abandono. Un crime imperdoable.

Mentres, en Chile, o desenterramento de 33 mineiros sepultados polo capitalismo e a empresa privada convértese nun espectáculo mediático de primeira magnitude. O novo reality show baterá marcas de audiencias e dará beneficios. O lucro ten múltiples rostros. Detrás do fulgor televisivo e da santificación de Sebastián Piñera, a humidade balorenta da pobreza e a explotación. A experiencia fría do baleiro.

]]>
Que todo o sólido quede esvaecido http://antondobao.blogaliza.org/2010/09/13/que-todo-o-solido-quede-esvaecido/ Mon, 13 Sep 2010 11:50:17 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=719 Pero hai a inevitable sensación de que todo se repite. Todo ancorado ao fondo dun tempo que non corre. Dis que a historia camiña; ás veces vénlle ben unha aceleración, que os procesos se revolucionen para que os cambios sexan reais. Mais a frecha non apunta sempre ao mesmo horizonte. Sempre podemos choutar ao pasado. A anacos non vividos do pasado.

A orde nunha sociedade de clases, de propietarios e posuídos, é un valor firme. Orde e progreso era a sentenza preferida do positivismo, tan simple. Concordan os homes de negocios igual que concordou o fascismo. Non perden ocasión para nos dicir que na orde en por si está incluído xa o progreso.

O 11 de setembro fixo nove anos do ataque ás torres e ao Pentágono. Hai algúns anos máis, tamén 11 de setembro, as poutas indisimuladas do capital esgazaron as arterias da experiencia popular chilena, do Presidente Salvador Allende, de todos os seus marabillosos cómplices. En Chile, o fascismo descarnado. Nos Estados Unidos, a coartada para unha reviravolta radical. Despois da salvaxada, un novo fascismo de dobre rostro. Policial e militarizado para o mundo inferior; perverso e de aparencia sutil para o mundo avanzado. Os rostros de Bush, Aznar, Blair e Durão Barroso. Aqueles rostros…

Paolo Virno coida que a Multitude como suxeito histórico, ou sexa, o proletariado moderno, é ambivalente porque no seu proceso político aniña o xerme da liberación, da revolución, da República, pero tamén o do fascismo. A reestruturación catártica do capitalismo en crise exalta na multitude a tendencia ao barullo caótico ao se ver nun espello deformante e crer que a representación é exacta. A destrución de dereitos, aplaudida e alentada polos filósofos de cuarto de hora con cátedra en emisoras de radio, é a manifestación moderada da catarse triunfal. A violencia horizontal é aí outra volta prioritaria. É silenciosa. Ou sexa, non existe para os libros de actas da sociedade do espectáculo aínda que incuba a serpe. As iniciativas racistas de Sarkozy non son contestadas con contundencia. Berlusconi impera. A alternativa a Zapatero é Rajoy. A esquerda segue extasiada ollando para os botes de maquillaxe.

Marx e Engels concibiron o traballo asalariado como un moderno modo de escravitude pactada á forza. Calquera sociedade futura xusta e libre ten que pasar pola súa abolición . A esquerda, por algunha estraña razón máxica, leva décadas sacralizando a escravitude pactada. Toda Folga Xeral impugna o traballo asalariado. E a do 29 de setembro?

Dispersión, incremento -legal ou non- das xornadas laborais, redución salarial, flexibilidade, competitividade, expropiación vital completa, un prezo de mercado para a nosa forza de traballo, dedicación exclusiva, todo sacrificio é pouco para que todos poidamos gozar do maior e máis prezado de todos os bens: un traballo asalariado. A Folga do día 29 non debería impugnar a reforma laboral, senón o comercio da nosa forza de traballo.

O instinto de supervivencia é animal. O capital terá longa vida se deshumaniza, se perfecciona este circo mortal en que a derrota persegue os menos aptos para a supervivencia. A selección natural, chave do coñecemento de nós mesmos e da nosa liberación como humanos, é substituída criminalmente pola selección social. A exclusión permanente como norma. O fascismo como referencia. A solidificación pétrea dunha construción ideolóxica funcional ao interese da propiedade: arriba, o Capital ordena o mundo e as vidas. Abaixo, a multitude agoniza no circo da supervivencia e obedece.

Esa orde ha de ser crebada se o ser humano quere vivir con dignidade. Os discursos teñen que ser combatidos e violentados. Non é certo que para sobrevivirmos sexa necesario que uns poucos se enriquezan infinitamente coa nosa suor, a nosa intelixencia, a nosa habilidade física e a nosa capacidade comunicativa. Non é imposible unha organización social sen sometemento aos caprichos divinos do mercado. Ser esquerda é combater esta falsidade, non axudar á súa constitución en verdade irrebatible. Non se pode organizar o mundo do traballo asalariado sen impugnar o discurso dominante con todas as consecuencias, sen crebar as teas de vidro opacas que nos clausuran as ventás.

O proletariado está desorganizado, fragmentado, satelizado, sen capacidade para recoñecerse nin para profundar na conciencia das súas necesidades. Sen partidos nin sindicatos nin organizacións masivas sometidas á súa vontade colectiva de liberación e de abolición do traballo asalariado é un ermo entregado á maior ofensiva desestruturadora do Capital. O novo fascismo reestrutura, troca dereitos republicanos por falsa sensación de seguridade, reordena o mundo do traballo, atolda o zume da intelixencia e da creatividade e da arte ata a asfixia, reorganiza salarios, beneficios e plusvalías, tortura a semántica, expropia vidas. A Folga Xeral debería impugnar todos os seus principios e as razóns das súas necesidades opresivas. E as súas formas ás veces cínicas e ás veces hipócritas. Non pode ser apenas a protesta contra unha simple reforma que só modifica anteriores reformas pactadas entre os sindicatos maioritarios, os empresarios e o Goberno de España.

O 11 de setembro, por distintas razóns, é unha data de derrotas. Pero o deste ano viu como as Redes Escarlata lle entregaban o VII Premio Vidal Bolaño a Iván Prado e aos seus Pallasos en Rebeldía. Beizón a eles e á memoria de Roberto.

]]>
Encontrar outra vez a esquerda http://antondobao.blogaliza.org/2010/06/10/669/ Thu, 10 Jun 2010 10:35:59 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=669 A crise económica é unha película de estrutura clásica: presentación, nó e desenlace. E está xa todo visto. Como toda película comercial, esíxenos submisión e pasividade. Paguemos o billete e observemos. A poder ser en silencio. O espectador mira. Máis nada. Cando a imaxe nos invade, nós xa non somos nós senón eu desconectados. A insensibilidade é analxésica.

Contan algúns vellos con memoria, esa facultade que o Capital considera superflua, que hai anos se sentían máis protexidos. Quizais porque existía outro modelo de sociedade que funcionaba como referencia alternativa. Talvez porque a fábrica xuntaba baixo os seus teitos de fume tóxico as masas proletarias, que ademais compartían habitación nos mesmos barrios, bebían nos mesmos bares, vían fútbol nos mesmos estadios e botaban os cigarros nas mesmas prazas. Aqueles proletarios dirixían as súas organizacións sindicais; o movemento obreiro traía continuidade desde a Primeira Internacional. A iniciativa histórica pertencíalles. Unha clase en si e para si, dixera o vello Marx. O conflito entre clases era ofensivo. Cada paso, un avance. Cada folga, unha conquista. Cada reforma, un triunfo. Calquera xustificación da que se apropiase o reformismo xurdía das loitas obreiras. Conquista tras conquista.

Talvez a quen máis dano lle fixo a caída material e simbólica do muro foi á socialdemocracia. A implosión do Socialismo Real, con todas as súas imperfeccións, perversións e desviacións, disipou a coartada do reformismo coma se fose unha burbulla de xabón. A mediación entre as aspiracións radicais do proletariado e as necesidades de supervivencia do Capital deixa de ter sentido no momento en que se executa o proxecto de desestruturación proletaria. Ao morrer a referencia dun modelo social alternativo desaparece parte do impulso do movemento obreiro. O Capital xa non necesita intermediarios que amortezan os efectos das loitas obreiras, porque a utopía é declarada inútil, imposible. Á socialdemocracia só lle queda unha regaña pola que observar a luz mesta e sombría dun novo día: o liberalismo como acto de fe, desde a privatización masiva á exclusión da economía dos programas de acción política. A socialdemocracia é forza de choque das contrarreformas liberais. A contrarrevolución en marcha. Empezou coa derrota de maio de 1968.

A crise é unha manifestación da podremia sistémica. O Capital leva décadas en reformas. Establece condicións novas no antagonismo social. Ao reorganizar os modelos de produción, altera a vida completa do proletariado, mesmo a súa composición de clase. O Capital rompe a fábrica, esparexe os barrios proletarios, ataca a identidade de clase. O sistema crea a ilusión de que o proletariado desaparece ou queda reducido á mínima expresión, identificado en exclusiva coa vella clase obreira industrial. Agora todos gobernan para unha fantasmal clase media. A lóxica da fragmentación impón a súa norma de ferro. A esquerda naufraga entre a deslocalización ideolóxica e política dun reformismo inútil e a incapacidade de captar as engurras da nova realidade. Se o proletariado contemporáneo non se recoñece na súa totalidade, se non posúe instrumentos eficaces, organizacións que expresen os seus desexos e proxectos colectivos, mecanismos de defensa e de conquista, o Capital amósase en toda a súa voracidade insaciable. A súa ansia de reestruturación é interminable.

Saír da crise equivale a mandarlle un golpe brutal ao proletariado contemporáneo. Disolvelo na lóxica da fragmentación e da negación. A mellor noticia para o Capital é un proletariado que non se recoñece como tal. Neste escenario, soamente cabe comezar outra vez. Recoñecer a propia identidade, acudir á conciencia das necesidades, asumir a recomposición de clase, que a engorda e lle dá máis corpo e maior intelixencia. O proletariado contemporáneo, que vai máis aló da clase obreira industrial, precisa reorganizarse en unidade, superar calquera división, combater a lóxica da fragmentación e impugnar a representación e a institucionalización como fin exclusivo de toda actividade política. A esquerda é transformadora ou non é. É instrumento do proletariado, das multitudes, ou apéndice institucional do Estado. Para non retrocedermos décadas de golpe, as clases subalternas terán que reorganizarse como clase capaz de alumar instrumentos políticos e sindicais que respondan ás necesidades e lle planten batalla ao Capital. Para resistir os seus embates, si, pero sobre todo para atacar o seu edificio impoñente pero podrecido. O campo de antagonismo é cada lugar, cada pequena loita sectorial, pero tamén o mundo enteiro. A unidade de todas as sensibilidades transformadoras e o nacemento dunha nova Internacional son condición necesaria.

Nese horizonte, o acto de refundación da esquerda que se escenificou en Compostela é unha esperanzadora noticia. Un principio, nada máis, unha miga de pluralidade e unidade desde a diversidade. Oxalá haxa capacidade de reinvención e boas novas para a organización deste proletariado que ás veces parece tan difuso. O contrario será esvaecerse, perder os contornos, deixarse morrer entre as húmidas paredes das institucións burguesas. A rúa, a fábrica social na que transcorre o tempo de produción, reprodución e consumo, será o escenario privilexiado das novas loitas. Impoñamos nós a axenda das conquistas. Segue o ceo esperando a ser asaltado. Outramente, será o fascismo quen atope a terra estercada.

]]>
Comunismo, ou que http://antondobao.blogaliza.org/2009/11/12/comunismo-ou-que/ Thu, 12 Nov 2009 00:55:10 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=560 Todos corren a celebrar que hai vinte anos caeu un muro. Boa cousa. Á humanidade convenlle que se esborrallen muros, valados, muradellas e murallas. Materiais e simbólicos. Pero algo de estraño ten esta obsesión celebrante, nerviosa, insistente e reiterativa. Os medios de produción simbólica apuntan na dirección da arelada derrota final. A caída do muro de Berlín, contan, é o fracaso absoluto dunha ideoloxía. O comunismo, ese monstro, morreu, e ben morto está. Dino ollando nerviosos aos lados, porque por algúns lugares escuros aínda vaga algún fantasma, ora con forma de toupeira, ora con modos de cobra.

Na reunificación alemá concéntrase simbolicamente a implosión do modelo socialista do leste europeo. Aquel ensaio histórico arrastrou coa súa estrepitosa caída forzas e esperanzas dun movemento obreiro que non deu recuperado alento. Situar hoxe no modelo do chamado socialismo real o horizonte dunha clase obreira que precisa emancipación non faría máis ca a adiar eternamente a satisfacción desa necesidade. Porque o proletariado contemporáneo ten unha fasquía diferente, máis diversa, rica e numerosa, á do proletariado industrial que atravesou todos os chanzos do século XX. Porque a emancipación é liberdade, perda de cadeas, supresión do dominio e do control e mais do sometemento escravizante ao traballo asalariado, fin da explotación, igualdade. Porque a emancipación do proletariado non casa co paroxismo da disciplina, co sometemento ao traballo asalariado, coa ausencia de liberdade e a igualdade como ilusión. Certo é que seriamos demasiado inxustos se non atoparamos o que de positivo tivo a experiencia histórica para a clase obreira do mundo, pero hai demasiados asuntos transcendentais que a experiencia do socialismo real pasou por alto. Nalgunhas páxinas da súa vasta obra, Karl Marx advirte que a superación histórica do capitalismo é inevitable entre outras cousas porque o sistema atranca o imparable desenvolvemento das forzas produtivas. E velaí que os réximes do leste de Europa foron incapaces de liberar ese inevitable desenvolvemento das forzas produtivas. O socialismo real morreu de morte matada, pero tamén de inercia, de enfermidade grave e de suicidio.

Aquel fracaso é coartada para as forzas que gobernan a produción simbólica, capitalistas, madia leva. Anuncian a fin da historia e a inconveniencia dun proxecto comunista capaz de manter vivo, ameazante e necesario o soño dunha sociedade xusta, de cooperación, igualitaria e libre. A coartada é o pano opaco con que o Capital oculta a súa miseria, a súa base de podremia, a explotación, a exclusión, o dominio, o crime mesmo. Cando nos insisten tanto, coa certeza de quen todo o sabe por revelación, na fin da utopía comunista, albiscamos esa face medoña e o tremor de quen venta o perigo. Negan o inimigo para o esconxuraren. Pero a fantasma igual é inmune aos meigallos.

Teñen medo. Esa sensación de ameaza, porque saben que o antagonismo é persistente e irresoluble, convértelles a celebración destes días nunha cerimonia relixiosa de interrogación. Somos máis libres que hai vinte anos?, din os voceiros para que o interlocutor, experto en calquera cousa, asinta e demostre con tres frases ben fiadas a inobxectable verdade da relixión capitalista. Se cadra, aqueles que conquistaron a liberdade de consumir pero non a de ter con que consumir non se senten mellor.

O proxecto comunista é tan vixente coma a necesidade de emancipación das clases subalternas. Actualizado, axeitado á realidade e aos cambios na correlación de forzas, no desenvolvemento das forzas produtivas, nas condicións de vida e na propia composición de clase do proletariado contemporáneo. O comunismo é incompatible con toda obsesión relixiosa; a súa proxección é emancipadora, no colectivo e por tanto tamén no individual, laica, profundamente racional e crítica. A esquerda do século XXI ten o reto de rearmar a marabillosa utopía comunista e despoxala das deturpacións á que foi sometida. Sen medo ás palabras, sen medo aos símbolos, sen medo a aborrecer o que de aborrecible ten a propia historia, sen medo a desprenderse do superfluo, do innecesario e do daniño, sen medo a revisar cada posición e cada paso, cada análise, como esixían constantemente os autores do Manifesto Comunista. Porque o comunismo será iso e moitas máis cousas cargadas de futuro, de esperanza e dunha pulsión liberadora que acompaña ao ser humano desde as súas orixes. Nunca ese monstro demoníaco con que o caracterizan os que o temen. Comunismo liberado de mistificacións e terxiversacións. Unha nova organización humana na que a liberdade, a igualdade e a fraternidade sexan moito máis ca tres palabras ocas. Con todas as consecuencias.

]]>
O masivo encanto da subalternidade http://antondobao.blogaliza.org/2009/08/10/o-masivo-encanto-da-subalternidade/ Mon, 10 Aug 2009 10:32:05 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=500 A segunda vez que Percival saíu ao Xardín das Outas Árbores bateu con dous homes nun chao sen herba. Un estaba deitado; o outro esmagáballe a cabeza co pé. O home deitado tiña un incensario co que incensaba ao erguido. E loábao con verdadeira sinceridade e admiración. Cando Percival, inxenuo e xusticeiro, quixo liberalo, comprobou que o pé do opresor nacía da cabeza do oprimido. Eran inseparables.

O conto de Méndez Ferrín non narra a alucinación dun personaxe extraordinario, nace da realidade igual ca o pé do opresor nace da cabeza do oprimido. Ou ao revés, que tanto ten. Ao cabo, historicamente algo hai de submisión aparentemente natural na relación entre seres humanos. Talvez o que Percival experimenta é unha pulsión inserida no código xenético do ser humano, unha tendencia ancestral ao acougo na subalternidade que non abandonará nunca a nosa especie. E con todo, a pulsión liberadora do ser humano impúlsao historicamente a emanciparse, a achegarse ás estrelas da razón desapegándose da forza gravitatoria da lei natural, que turra de nós cara aos abismos animais.

Galicia, coma calquera nación subalterna, sofre patoloxías semellantes á do home da cabeza no chao que aborrece a axuda de Percival. Calquera diría que nos senta ben a subalternidade. Que lle acae ben á nosa lingua, ás nosas artes, ao noso benestar, a unha economía que aínda non nos permite a todos vivir cómoda e sarisfactoriamente, sen necesidade de buscar pan fóra da casa. Coma se sermos unha nación subalterna século tras século nos permitise apañar inmellorables cotas de progreso e de benestar. Que sería de nós se non nos gobernaran. É o argumento habitual para invalidar proxectos políticos estraños ao statu quo, alleos ao réxime e ao sistema, emancipadores. Unha necesidade de protección que expresa nidiamente unha condición colectiva máis propia de servos ca de cidadáns, esa aínda nunca uliscada. Non é que o servo non desexe ser libre, é que non concibe esa posibilidade. Non é, logo, unha cuestión xenética, por suposto que non, senón unha acumulación de impresións culturais superpostas e ben afincadas ao través da historia. E dunha base material inalterada que as determina.

Esa masiva fascinación pola subalternidade non é propia só das camadas sociais inferiores. Adora a transversalidade. Talvez soamente o ámbito da literatura resiste heroicamente o seu encanto. Por iso o atacan sistematicamente os comisionados regulares para unha Galicia subalterna en proceso de disolución no líquido nutricio español. Con saña e con teima. O prezo da resistencia é o silencio, a invisibilidade, o andel da alteridade nas librerías ou a necesidade de cavar con aixada para atopar literatura galega nas feiras do libro. É o que hai. Fóra da literatura, ese espazo case mítico, a subalternidade namora.

Na política, incapaces de dotarnos das ferramentas de verdadeiro autogoberno, parecemos condenados a traballar coma Sísifo encerrados nunha máquina de movemento continuo. Nin que nos dera pracer ser gobernadas sen pausa por quen despreza a posibilidade dunha Galicia con capacidade para decidir sobre as súas cousas; por quen sente alerxia preto da lingua que falamos e na que vivimos; por quen estraga o noso medio natural (ai, esa fermosa Galicia Terra Meiga!) en beneficio privado dos amigos; por quen socava o ensino e a sanidade públicas para favorecer o lucro coa saúde e a formación; por quen paga fachendosamente a pedagoxía da segregación; por quen, como di Miranda, prefire o ensino da relixión ao da ciencia; por quen teima obsesivamente en descapitalizarnos económica, social e politicamente e colocarnos como unha provincia, tal como Albacete ou Guadalajara, no incomparable abrazo da Madre Patria que leva séculos demostrándonos cales son os seus plans para nosoutros. O gozo da subalternidade non só abrangue a política (cando a política o é todo); inclúe a industria, a empresa, o comercio, a economía, as finanzas e as Caixiñas de Aforros, o audiovisual, o fútbol, a comunicación… eu que sei, case todo. Mesmo a lingua, o único que realmente nos permitirá superar a subalternidade, non para de ser obxecto da fascinación: entre a subsunción subalterna na Lingua Grande de Cultura, que é, como sabemos, o español, e a subsunción subalterna na Língua Grande de Cultura, que é, como sabemos, o portugués. Entremedias, o horror a sermos nós sen tutela.

Non somos galegos e galegas os únicos sometidos a ese delirio de protección, a esa necesidade de renunciar a todo e entregalo todo, incluso o propio ser. A subalternidade circula polo mundo con tanta liberdade coma o Capital, montada nos seus asentos contables. Afecta a nacións enteiras, culturas e clases dominadas. A vella sabedoría popular, tan eficaz ás veces para o dominio e o control mediante a coerción simbólica, proclámao claramente: sempre houbo pobres e sempre os haberá; por tanto, mellor nos irá se aos ricos lles vai ben. Esa é a guía política da dereita e da esquerda institucional. Dá gusto saberse dependente. Cando a xeración de riqueza non precisa de capitalistas e si de traballadores e traballadoras, a idealización da subalternidade inverte a percepción da realidade. O proletariado contemporáneo, orfo de organización e incomodamente invisible para partidos e sindicatos do sistema, considérase prescindible e acredita na necesidade de cada capitalista. Os medios de produción simbólica relámbense na pintura aparente do real. Será aínda rendible o concepto marxiano de alienación? Non o podemos dicir en voz moi alta.

En Galicia temos longa experiencia no manexo hábil da subalternidade. Parecemos máis cómodos no banco de suplentes dun equipo da 2ª División B (o audiovisual español, por exemplo) que de titulares nun equipo da 1ª División, coma se a responsabilidade nos enfrontase ao abismo. Calquera podería pensar que no Medulio pereceu para sempre a caste dos valentes e só nos quedaron moléculas de rebeldía que terminaron por desaparecer no crime selectivo do fascismo franquista. A historia non nos deu a cara. Os gobernantes sempre acreditaron nesa teoría e por iso tenden á displicencia e non lles treme a man para escachizar dun golpe todas as ventaíñas que nos deu por lle ir poñendo a unha casa na que leva moito tempo instalada unha escuridade fría. A nosa laboriosidade inmemorial, pensan, faranos calar a boca, agochar o lombo, recoller os anacos case invisibles de cristais partidos e volver poñer fiestras desde o primeiro, máis pequenas por temor a que nolas volvan escachizar. Sempre Sísifo. Ás veces, ao ollarmos para a nosa lingua, para os nosos bens culturais, para o noso patrimonio natural, artístico e histórico, para o noso benestar e para todas as cousas importantes, vemos o pequeniñas que nos van quedando. Pero sempre hai quen fai o posible para que todas esas cousas non paren de crecer. Os destrutores chámanlle resistencia despectivamente. Nós, futuro.

Os nosos gobernantes e os medios que producen símbolos, pensamento e comunicación, e certas industrias culturais e xentes e organismos así polo estilo miran para nós, un pobo de bois mansos que pide amo que o conduza polo carreiro, e séntense ben porque desexan que sexamos, en todo e para todo, un curruncho irrelevante e pasivo de España. E reláxanse e viven felices con esa sensación de cumpriren unha función sagrada na historia desa unidade indivisible que anda a camiñar cara un mesmo destino no universal, que é un concepto simple que recoñezo que nunca comprendín.

Pero o masivo encanto da subalternidade ten os seus límites. E aquí, neste curruncho resignado, sabemos sobrevivir en condicións radicalmente inhabitables. E ás veces, cando a negrura dos tempos nos abafa, tamén nos dá gusto converternos nun Percival colectivo que se despega do pé que o esmaga. Sen avisar. Coma un alustre.

]]>
Compradores http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/23/compradores/ Tue, 23 Jun 2009 11:34:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=448 Atención ao mercado. A súa voracidade coñecémola en todo o mundo, aínda que se sofre máis nuns lugares ca noutros. Cousas do famoso desenvolvemento desigual, ou dos desequilibrios do sistema mundo, ou do imperialismo, ou da pouco equitativa construción do Imperio. Tanto ten a nomenclatura; o importante son os efectos e as súas causas. Xa os vellos mestres falaron da necesidade que o Capitalismo ten de expandirse, de se articular no tempo pero tamén no espazo, de modelar as súas propias xeografías e ao tempo derrogar todas as cartografías, de ocupalo todo. Terra, mar e aire, corpos e mentes, a vida enteira. Substituír o Universo. Ora, o que naceu nun Big Bang pode terminar nun Big Crunch. Da expansión á contracción, e con colapso final.

A globalización foi cantada coma un paso definitivo en dirección ao maior benestar, a un mundo mellor para todos, en masculino sempre. A face brillante do capitalismo. A esquerda europea de tradición socialdemócrata desfíxose en loanzas e agora busca as súas referencias nun mundo que se negou a coñecer por observación e análise. Non comprenderon nunca que a súa existencia era funcional á necesidade de desviar a pulsión transformadora do proletariado. Son o primeiro nivel do dique de contención da conciencia. Agora queren buscar razóns e non saben onde mirar. O capitalismo pode sobrevivir sen eles, non os precisa, pode mesmo prescindir de nós. Non hai maior pureza ca a da produción continua sen necesidade de intervención operaria; o ser humano ideal será aquel que dedica a súa vida a consumir. A eterna expansión do consumo.

Coma no caso da física, observamos o mundo dos nosos días e trazamos hipóteses, tantas veces máis fascinantes ca os universos descritos pola mellor ficción científica. A crise económica destes tempos non é a que ocasiona as condicións máis inhumanas do sistema capitalista, máis ben ao contrario, pero contribúe a desvelar algunhas delas. Aínda que os medios de produción simbólica traballen con eficacia e convertan en necesidade humana o que non é máis ca necesidade de supervivencia dun sistema baseado na explotación e na despersonalización total. E na expropiación de todas as capacidades sociais das persoas. O fetichismo da mercadoría, consumir por consumir na necesidade de continuar alimentando a engrenaxe, a confusión interesada entre o valor de uso e o valor de cambio. Entre o necesario e o accesorio.

Os noticieiros, as primeiras páxinas dos xornais, as televisións, as radios e mesmo a internet non paran de nos cercar coas necesidades de consumir. Se non se venden coches, haberá parados e pobres; se non se ocupan hoteis, haberá despidos, parados e pobres; se non se compra o que sexa, haberá peches, parados e pobres. E así ata o absurdo. Ao final, en todos os sectores haberá parados e pobres e entón daquela xa ninguén poderá comprar nada absolutamente. A contracción definitiva do valor de uso e o valor de cambio. O Big Crunch.

É verdade que entre o necesario e o accesorio media demasiada subxectividade. O que para unhas persoas é accesorio, para outras é imprescindible e viceversa. Pero ten que haber un sentido común social que axude a facer os deslindes. A acumulación non é aceptable cando implica explotación e unha desigualdade abismal. Porque nese caso o necesario é a base material que asegure unha vida en condicións de dignidade. E iso o capitalismo non é capaz de ofrecelo nunca.

A cidadanía foi un soño da Revolución Francesa. Pero seguiu e segue habendo súbditos. Hoxe é o consumo a fronteira que separa o cidadán do excluído. Os dereitos sociais e políticos foron habilmente substituídos polo dereito á hipoteca e á adquisición da mercadoría material e inmaterial. Claro que esta nova cidadanía capitalista ten as súas contrapartidas. Talvez a máis evidente, a entrega eterna ao traballo asalariado en condicións cada vez máis abusivas. Co visto e prace de todos. Outras, menos evidentes, teñen máis que ver con novas formas de alienación, coa non-vida, cunha existencia en diferido, sen cartografías nin proxectos. A cambio, sempre podemos comprar reality shows ou facer que os Sims vivan por nós.

]]>
Azul Europa http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/11/azul-europa/ Wed, 10 Jun 2009 22:05:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=419 Cando a Núñez Feijoo lle deu por dicir que votar polo BNG era votar a ERC estaba a manexar unha imaxe-estímulo. As campañas electorais non serven para facer chegar propostas, senón para probar na masa informe de votantes-consumidores a eficacia de estímulos diversos. Moi útil experimento para o mercado. A alusión a a unha formación legal e lexítima como ERC por parte do Presidente da Xunta de Galicia responde á técnica de aplicar o estímulo da irracionalidade para conseguir reaccións funcionais aos propios intereses. É a lóxica publicitaria. Moi democrática, como intuímos, pois potencia a liberdade de elección esa que tanto lles gusta. Todos somos autómatas.

O BNG respondeu asumindo o complexo de can. Mente Feijóo, bradou o Portavoz Nacional, votar BNG non é votar ERC. Pero Feijóo non mentía: votar a lista na que estaban os candidatos do BNG implicaba votar candidatos de ERC, e tamén de Aralar, de Eusko Alkartasuna e doutras forzas. Quen votou esa candidatura conseguiu colocar en Europa un deputado de ERC, non a Ana Miranda, aínda que os acordos lle permitan estar en Estrasburgo arredor de ano e medio. Ninguén sabe como se lles vai explicar aos votantes galegos desa candidatura, que introduciron na urna unha papeleta co anagrama do BNG e só cos candidatos do BNG.

Obviamente, o problema non é que o BNG concorra en coalición con outros partidos nacionalistas de centro esquerda. Ao contrario; é o normal, dadas as afinidades ideolóxicas (menos na cuestión nacional, curiosamente: ERC, Aralar e Eusko Alkartasuna son independentistas; o BNG, non). O grave é asumir o discurso do inimigo, aceptalo e contribuír a espallalo na práctica. Dada a mala prensa dos independentistas de ERC, o BNG prefire esquivar a realidade ante os propios electores. Xoga na representación que o réxime lle ofrece, acéptaa e reprodúcea. O desexo de ocultar a súa coalición é a reacción ao pánico que sente a formación nacionalista ante a potencia da doxa do réxime e do sistema. Ocultar antes que explicar. Un dique de contención da conciencia, única forza liberadora. Quen sabe se ese pánico e a práctica que xera ten algo que ver coa hemorraxia electoral.

Dos 40.000 votos que renunciaron ao BNG, parece que ningún quixo buscar acomodo en Iniciativa Internacionalista, que consegue en Galicia apenas os 3.000 votos que habitualmente recaen no peto da FPG. Un clásico. É certo que a ilusionante candidatura tivo un parto accidentado, sufriu criminalización primeiro e despois tragou silencio, mais iso non pode ser explicación suficiente para tal inmobilidade nunhas eleccións nas que tanta xente deixa de votar polo BNG. Xa ocorreu coa FPG nas autonómicas, a pesar dun candidato extraordinario e dunha campaña humilde pero moi ben armada e cun discurso forte.

Non será doado dar con todas as razóns desta acumulación de derrotas, pero a esquerda está na obriga de realizar o esforzo. Sería talvez necesario que se abrise algún proceso de reorganización da esquerda nacionalista, pero iso requiriría tanto unha reflexión sen prexuízos como un desprendemento xeneroso que, sinceramente, non se albisca próximo. Sempre é máis cómodo abeirarse á calor do lume da lareira. Fóra vai frío.

E é certo. Toda Europa sofre unha vaga de frío azul na que só conserva a temperatura corporal a dereita liberal. A esquerda ten síntomas de conxelación. Esa esquerda nominal, entregada desde hai décadas á relixión do Capital, que recibe o pagamento adecuado ás súas políticas de dereita ou aos seus pactos con Merkel para lle pexar os pés á esquerda de Lafontaine. E tamén a esquerda real, que segue escachizada, presa nuns casos de desorientación e noutros de incapacidade de reorganizar as forzas despois das batallas perdidas. Con razóns pero sen forzas.

É verdade que os índices de participación son tan ridículos que deslexitiman as futuras decisións dese Parlamento sen capacidade lexislativa. Esta Europa ármase tan distante dos pobos que a compoñen que representa a expropiación da capacidade política e dos dereitos de participación da multitude. A cidadanía excluída, por Francisco Sampedro. Mais a impugnación radical desta Europa das multinacionais e do mercado non deben cegarnos nin evitar que recoñezamos que en tempo de crise, cando as siglas ERE dominan as primeiras páxinas de todos os xornais, cando a banca non para de acumular beneficios, cando o recorte de dereitos laborais conquistados é obxectivo político de primeira necesidade, cando se carga o peso da crise nos lombos máis febles, a maioría social non está organizada, carece de capacidade de resposta e déixase fascinar polos discursos da dereita liberal e da extrema dereita. Porque entre o medio millón de votantes do PP en Galicia hai obreiros, labregos e mariñeiros pobres. E así, nación a nación, en toda Europa. Hai nestas condicións eido estercado para que prenda o fascismo? Probablemente non co rostro do fascismo do século XX, pero si con novos modos. Non é tan difícil cheiralo.

Nesta altura histórica, o proletariado contemporáneo, a multitude, non posúe organización. Nin política nin sindical, por moito que haxa partidos e sindicatos que cumpren máis que dignamente coas súas responsabilidades. Iso quere dicir que a esquerda ten a necesidade inmediata de reconstituírse. O ideal sería partir de cero e empezar a nacer no seo dos diferentes sectores de asalariados e asalariadas. Pero teño a sensación de que ninguén está disposto a renunciar á propia miseria.

]]>
Non compraremos http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/07/non-compraremos/ Sun, 07 Jun 2009 18:41:19 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=339 Eu téñoo claro. Non comprarei marca Caramelo. Esa será a miña maneira, humilde e silenciosa, de lles dicir o que me importan os seus beneficios e o que me doe o futuro dos seus asalariados a eses directivos con apelidos dobres, pelo ben recortadiño, modos físicos e verbais de escola privada de barrio alto e sorriso a medio debuxar.

Recoñezámolo. O proceso de deslocalización ou, como din estes, de externalización parece inevitable. A necesidade de maiores beneficios implica man de obra máis barata e menos regulada, ou sexa, sen dereitos nin descanso. Por iso, a empresa Caramelo, coma tantas outras, desexa levar as súas factorías a lugares como Marrocos ou Tánxer, onde as traballadoras téxtiles sofren xornadas de 12 a 16 horas e soldos de miseria. Ou a China, onde as asalariadas traballan sete días á semana durante 16 horas diarias.

Non aceptar as condicións unilaterais que o capitalismo impón, con crise ou sen ela, é imprescindible para asalariados e asalariadas, pero reclamar unha volta atrás nas prácticas do sistema é tan inútil como absurdo. As empresas seguirán buscando man de obra en condicións extremas, e nada fará que cambien de criterio. Deberían as organizacións sindicais, por tanto, mudar estratexias e tácticas. A reivindicación non pode ser o imposible contra a utopía. De nada valerá reclamar que as empresas non externalicen a súa produción, porque procurar man de obra sobreexplotada e mundializar esa práctica fai parte das súas necesidades e da súa razón de ser. Negar a evidencia é reaccionario e favorece os intereses corporativos. En calquera caso, non é a mellor maneira de afrontar a realidade, de alterala, de vencela.

Tamén aquí parecemos ter perdida a batalla simbólica da comunicación. Os conceptos e as ideas hexemónicas non proveñen do universo das maiorías sociais senón das elites. O sentido común do sistema determina que a propiedade é o ben supremo mesmo para aqueles que carecemos dela; que o beneficio do empresario ha de ser infinito inda que para iso o asalariado teña que traballar doce ou dezaseis horas, cobrar o xusto para amortizar mensualmente a hipoteca ou marchar ao paro antes de que unha empresa teña que reducir beneficios. Os medios de produción simbólica, os medios de comunicación masiva, saben ben como e contra quen articular os seus discursos. Mais este sentido común triunfante porta en si o xerme da propia destrución. A ecuación é simple mesmo para os que somos de letras. Se os asalariados paran de percibir os seus salarios non poderán consumir; se non poden consumir, as actividades comerciais das empresas non serán rendibles; se non son rendibles, terán que pechar; se ameazan con pechar, haberá ERE e o Estado redistribuirá os impostos sobre a renda dos asalariados en incentivos ao consumo. Pero se non quedan asalariados, non haberá ERE nin impostos nin renda nin consumo: o sistema colapsa definitivamente. Xa sei que o fago moi simple, pero ás veces o simple é o probable.

Todo este proceso de desregulación e externalización (viva o eufemismo!) é un búmerang que volverá co verdadeiro proxecto do cazador: levar o traballo a zonas de desregularización para espallar por todo o territorio do Imperio o virus contaxioso das novas condicións, ou sexa, as xornadas de 12 – 16 horas, os salarios ínfimos e os dereitos na lembranza. A lóxica da fragmentación pide estratificar ata o paroxismo o traballo asalariado, acentuar a súa división, desconectar o cerebro común do proletariado contemporáneo, abolir o general intellect (Marx), evitar así a súa configuración como suxeito activo. Mais se o proxecto é dividirnos entre non consumidores e consumidores de diversos graos, tamén nese caso o sistema colapsará. Ao final, o antagonismo entre burgueses e proletarios (Marx e Engels) non podería obviarse de ningunha maneira. Ben farían, logo, as organizacións sindicais en formar a conciencia de pertenza a unha mesma clase, independentemente do lugar e das condicións en que se desenvolve o traballo de cadaquén. Porque esa batalla, coma a da comunicación, tamén se está perdendo, sometidos como estamos á ineludible urxencia das nosas necesidades. En tempos de revolución tecnolóxica, a man de obra tería que necesitar menos horas de traballo para producir máis. Ou sexa, a redución da xornada e, con ela, emprego pleno e mellores salarios. Se ocorre xustamente o contrario é porque o sistema, ademais de inxusto, é irracional.

Se a empresa Caramelo ten que externalizar a produción para poder continuar, que non continúe. Que o seguinte paso nas loitas de asalariadas e asalariados sexa a ocupación. Os seus coñecementos e as súas habilidades non precisan de executivos de soldos millonarios nin de donos de empresa. Elas e eles abondan. Se cesan executivos e donos, todo podería continuar o mesmo. Se todos os asalariados e asalariadas do mundo decidisen parar só que fora un día completo, o colapso sería brutal e irreversible. Probamos, a ver?

Algo hai no interior do sistema que cheira a podre. Talvez é tempo de facer limpeza.

]]>
Imaxes e folgas http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/27/imaxes-e-folgas/ Tue, 26 May 2009 22:45:23 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=286 A imaxe acaba sempre por se repetir. Nun mundo que tende a cada pouco a perder profundidade semántica, substituída por evocación connotativa pouco precisa, a imaxe parece valer máis ca mil palabras. Valor de cambio.

Os signos deben expresar o menos posible. Ás múltiples formas que adopta o poder, algunhas ben ocultas, a claridade significativa non lles interesa. Se a comunicación fose clara e precisa, se as linguas estivesen á marxe das relacións de poder e de dominio e de explotación, talvez xa non existiría antagonismo porque as desigualdades, o dominio, o control, a explotación e a propiedade serían ecos difusos do pasado. Radiación cósmica de fondo.

Pero a comunicación segue a ser obxecto de mercado. Fetichismo da imaxe convertida en mercadoría. Suxeita, por tanto, ao capital. Subsumida a este, que dicía Marx. Producimos en cadea nesa nova factoría postindustrial en que se converteu a sociedade completa, cos seus ámbitos públicos e privados fundidos. E somos consumidores de realidade. Os medios de comunicación veñen a ser simples canles dos fluxos necesarios para que a engrenaxe de explotación, produción, mercantilización e consumo non pare de traballar.

Cando os traballadores espertan á conciencia colectiva e se chantan diante das formas de dominio vital, algo no fráxil equilibrio que caracteriza o decorado social en que se interpreta o filme das nosas existencias empeza a abanearse. Se os traballadores do metal, poñamos por caso, deciden suspender legalmente as súas actividades e reclaman o que lles pertence, arrincan a un tempo todos os mecanismos de protección do sistema, mobilízanse os anticorpos para inxectar nos cerebros e nas vísceras da maioría social as pautas ríxidas do aceptable e do inaceptable. A violencia pasa a caracterizar xusto aqueles e aquelas que a sofren a diario. Non soamente a da policía, que sempre está aí para o que a necesiten, senón a dos que ordenan que actúe a policía. Os mesmos que pagan mal, que obrigan a traballar máis do aceptable, que manteñen a precariedade como ancoraxe do seu poder e símbolo da súa práctica social, que coñecen milleiros de formas de despedimento legal e ilegal, que fachendean de relacións íntimas co poder político, que gozan amosándose opulentos nunha crise cuxa orixe non lles é allea aínda que teimen en que a pague o traballo asalariado. Ameazan coa chantaxe do peche contra a lexítima esixencia de soldos que se aproximen o que poidan, que nunca é suficiente, ao valor do producido polas mans, os cerebros e os corpos dos asalariados. E teñen sempre a coartada amable e cómplice de xornalistas, medios de comunicación, políticos profesionais, profesionais da opinión que tremen co pánico cando escoitan a palabra lume ou proclaman o dereito da cidadanía, esa entidade abstracta e quimérica nun reino de súbditos, a non se ver afectada polas molestias que os pousos dunha folga, legal, pode ir deixando polas rúas dunha cidade. Todos eses, os que van gañar as próximas eleccións europeas, pase o que pase, representados na casa común de calquera das dúas pólas matizadas do Partido da Orde. Un único modelo.

Cando os traballadores toman as rúas, tamén brilla ao lonxe a imaxe, difusa, dunha era nova. Non é o cambio de base, non; soamente, o exercicio dun dereito e a esixencia de mellores condicións de traballo. Unha esixencia indefinida —non coma os contratos— mentres o mundo non sexa transformado polas mesmas mans, os mesmos cerebros e os mesmos corpos que lle dan vida a toda caste de produción. Cando unha folga, coas súas manifestacións e formas de acción directa, manca as purísimas meniñas dos ollos da xente de orde, non é ben visto falar das causas da mobilización, de como a combaten os empresarios, das armas que posúe cada quen. Para a xente de orde, toda aspiración proletaria non debe traspasar o horizonte de posuír un traballo, ese privilexio, non importa en que condicións. Ou iso, ou o terror. Velaí a cerna anoréxica dos modelos de comunicación contemporánea. A imaxe baleirada: pobres empresarios, cuxo obxectivo de producir riqueza para a sociedade a conta do seu sacrificio persoal está posto en perigo pola forza de rudos traballadores que empregan sen pudor a violencia e a coacción. Quen vai vir a investir se damos este mal exemplo con folgas e conflitos, din os sabios. Violencia, coacción, imposición… Soa reseso este produto seriado das fábricas do discurso e do pensamento?

Se vivira Roberto Vidal Bolaño había escribir a farsa en que financeiros, empresarios, políticos profesionais e especialistas mediáticos comparten mesa, conversas preocupadas e xogos inocentes e talvez nada inocentes. De fronte, no patio de butacas, espectadores silenciosos temerosos da violenta horda proletaria. A distancia brechtiana quedou rota. Nesta farsa, o espectador sofre. A conexión entre o escenario e o patio de butacas é perversa; empezou a forxarse cando o público perdeu conciencia de si e asumiu un rol de personaxe pasivo na función.

Sempre queda a posibilidade de abandonar a función. Eis o estreito fío de papel mollado que lle dá consistencia a este mundo. Se todos os asalariados deciden simultaneamente deterse e parar de producir a palloza esborrállase. Esa é sempre unha posibilidade aberta. Os actores da farsa sábense ridículos se non hai quen manteña a función, innecesarios, inservibles. De aí a súa necesidade de extremar as relacións de subalternidade e submisión, de dominio, de explotación. Facendo que recaian certos efectos da crise financeira nas contas exiguas do mundo do traballo asalariado: en precariedade, en salario e en tempo de traballo. Mesmo reinterpretando o dereito á negociación colectiva.

Farsa negra de personaxes mesquiños. Mala literatura.

]]>
Máis ca unha data http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/03/mais-ca-unha-data/ Sun, 03 May 2009 01:27:29 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=226 Pasado o Primeiro de Maio, as luces cegan, disólvense na noite refugallos de plástico e o nordés arremuíña a poeira que queda do día festivo. Recolléronse as bandeiras, as pancartas, os textos impresos; a feira ordinaria da vida recupera a rutina. Para algúns, talvez privilexiados, o sábado non houbo traballo. Para outros, non o hai ningún día desde hai meses ou semanas. Rexeitamento colectivo do traballo asalariado? Aínda non. Triúnfo da pilotaxe liberal da crise financeira. A caída da taxa de ganancia converteuse nunha precipitación ao inferno das rendas do traballo. Apura o descenso a ladaíña flexibilizadora, o fetiche da patronal cada vez que algunha sombra con silueta de toupa asoma o fociño. Cando máis do 30% do traballo é flexible, ou sexa, legalmente precario, constitúe cinismo confiar a saída da crise a unha maior flexibilización do mercado laboral. Flexibilidade e competitividade. Estas palabras moran alleas ao dicionario, pero existen. E teñen gume. Mancan.

Terminou o Primeiro de Maio, e, despois do paseo urbano, todos volvemos mansos aos nosos niños. Febras metálicas de luz solar rabuñánnos o pescozo, delicadas coma a liña que separa o ser do nada. Producir, consumir e, se hai lugar e tempo, reproducirse. Que o veo non pare. Coas sobras, exclusión, que agrega sabor ao cóctel de dominio e control agora que a cadea da hipoteca é débil. Foi a nosa procesión laica. Símbolo. Importante, mais non sempre efectivo de todo. Estannos reducindo a unha representación case platónica, igual ca as formas contemporáneas da política expropiada. A crise decide fragmentar os nosos últimos espazos de solidariedade. A carne máis débil, máis precaria, inmigrante, está nun tris de se ofrecer aos nosos dentes famentos. Coidado, a multitude é ambivalente, dixo Virno; a pulsión totalitaria tamén latexa. Véxase a proximidade de múltiples formas de fascismo. O poder necesita que as nosas frustracións flúan en violencia horizontal. Así evita o asalto ao pico da pirámide, alí onde reparten os das confederacións empresariais, os da maquinaria financeira e os sabios da economía despolitizada e indiscutible. Reparten beneficios para si, perdas para os máis e ordes para os gobernos. As organizacións sindicais tratan de parar o temporal.

Pasado o Primeiro de Maio, a realidade deixa a sensación dunha guerra de longa duración na que seguimos recuando para manter a salvo a retagarda. En Chicago, 1886, os traballadores daban os primeiros pasos, mortais, para reducir a xornada laboral a 8 horas. Hoxe, aquela conquista represéntaselles a moitos asalariados e asalariadas no horizonte das utopías. A compañía, a empresa, a obra dos emprendedores, como se lle queira chamar, xa non está na fábrica; instalouse nos nosos cerebros e desde aí manexa a produción e o consumo, o tempo de traballo e o tempo de lecer, se é que se poden aínda distinguir. O Capital goberna o mundo, xa o sabiamos, con man de escuma inxectada de aceiro. Gobérnanos os corpos, os tempos e as vidas, escaravéllanos nos cerebros, busca acougo nas circunvolucións, agóchase e infecta. Non é doado extirpar o furuncho. Os medios de produción simbólica manexan os textos da explotación coma se foran sagradas escrituras dunha relixión que aprendeu a non deixar para mañá a terra prometida e a vida eterna; agora ofrécea no presente, no instante, na proxección imaxinaria dunha existencia diferida a bens de consumo e símbolos de estatus. Pero o presente, o instante, é tan fugaz que sempre é pasado. E aínda non demos co buraco de verme que nos permita manexar o tempo. Mentres e non, os seus textos teñen a lexitimidade dos sabios da tribo; son inobxectables, a única verdade. Cando din crise queren dicir destrución das rendas do traballo asalariado e creba dos dereitos conquistados. O círculo vicioso. Volver comezar para chegarmos a onde estamos. Que o presente sexa o único horizonte visible. A máquina segue funcionando. Xa non nos precisa, pero sábelle a nosa carne e os nosos pensamentos.

Pasou o Primeiro de Maio. Por veces, a celebración parece enzoufarnos na perplexidade. Mudaron as condicións, mudou a composición de clase do proletariado, mudou a forma da fábrica, que agora é social e devece a totalidade, mudaron as relacións de forza, as condicións obxectivas e tamén as subxectivas. Pero existimos. Somos materia viva. O Capital soubo ler a Marx e a Engels mellor que boa parte da esquerda que inda atoutiña á espera da parousía. No momento deste presente sen futuro, cando a crise do capitalismo nos ensina a brecha profunda que lle serve de base a un sistema inxusto e tendente á descomposición, o proletariado contemporáneo, tan diverso pero tan sinxelo en intereses comúns e condicións de vida, está sen instrumento co que erguer outro mundo. A historia zigzaguea mentres desvela as súas feridas. O exército inmenso de asalariados e asalariadas, cada vez maior e máis diverso, podería alterar o ritmo ordinario das cousas. Fáltalle a nova Internacional, o instrumento de unidade que saiba ler os acontecementos e apuntar no albo exacto en cada instante. Cando o vello modelo vai perdendo carne por efecto da gangrena, as forzas do traballo sometido inda non dan armado as novas relacións que teñen que dar orixe ao mundo novo, ese que é posible. Toda a potencialidade colectiva do suxeito histórico do cambio non dá evitado converterse en mercadoría que compramos cos salarios resultantes da venda da nosa forza de traballo. Material ou inmaterial, tanto ten. Outra vez o círculo. Sen organización, os pobres do mundo, os asalariados, estamos illados, sos. Espidos.

O sindicato é o primeiro chanzo da unidade. É o ámbito que mellor debera captar a contemporaneidade coas novas formas do traballo e a nova composición de clase. Tócalle esnaquizar a lóxica da fragmentación. Para gañar en eficacia terá que fuxir da xestión, da burocracia, do pacto social a cambio de nada. A clase obreira en si e para si, consciente das súas necesidades, segue a ser a condición da emancipación. A crise económica, cuxa orixe xa ninguén parece lembrar, navega con dirección asistida. A maioría social, sen dar organizado aínda ben as súas pulsións liberadoras, non impugna con toda a súa contundencia as bases do sistema e a chantaxe do traballo asalariado. Da súa capacidade organizativa, de resistencia, de parir xa novas formas sociais e as institucións políticas que sirvan ás súas necesidades de emancipación depende o futuro da humanidade toda. Un proletariado consciente, unido e organizado mudaralle a faciana á crise. A República da Multitude. De non ser así, barbarie. Por Rosa Luxemburg.

]]>