profesorado – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 A lección dos mestres http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/23/a-leccion-dos-mestres/ Tue, 23 Mar 2010 11:42:12 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=625 Unha sociedade que desconfía dos seus mestres está en grao de putrefacción terminal. Non busques os indicios da corrupción do Imperio nos lugares comúns: non no hedonismo, nin no materialismo (tan lonxe!), nin no matrimonio homosexual nin no dereito ao aborto nin na tan insatisfeita como necesaria laicidade. Búscaos no odio aos mestres. Aí tes o impulso primario dos que desexan un rabaño de ovellas antes ca unha multitude de homes e mulleres libres. O antagonismo subxacente enfronta o coñecemento coa superstición, a liberdade coa submisión, a razón co escurantismo e coa fe. O mestre transmite coñecemento e, se é ousado, proxecta desexos de liberdade e xustiza. E iso, ben o sabes, non é funcional ás necesidades do poder.

O poder é a malla de relacións sociais que estruturan o dominio do amo sobre os súbditos. O control, calado e discreto, imperceptible, é máis eficaz ca o dominio, sempre estridente. O poder quere súbditos orgullosos da súa condición, agradecidos. Prefire a un asalariado consciente un explotado que goce coa fascinación pola subalternidade e se acurrunche na pulsión de regreso eterno á infancia na procura de protección paterna. O amo como arquetipo do ser forte e intelixente, protector. Para que ese proxecto vital siga sendo viable, a figura do mestre ten que ser baleirada.

A dereita detesta a liberdade de cátedra. Sempre a detestou. Tamén a Igrexa Católica. Ambas comparten motivos, intereses e, por tanto, identidade. Percórrelles o corpo un arreguizo punzante coa imaxe dunha escola pública en cuxas cadeiras pousen os cus indignos os fillos dos pobres, nacidos para fozar na terra ou na area e no cemento entre ladrillos e xeada. Failles tanto mal como ao vampiro a luz solar a posibilidade de que nas aulas reine a ciencia e non Deus. A escola pública é para eles o xerme das peores infeccións dunha sociedade decente. E o mestre, o transmisor do mal. En 1936 decidiron resolver o problema pola brava; encheron os camiños de cadáveres de mestres. Hoxe aplican menciñas menos agresivas: abonda con baleirar a figura do profesor.

A educación segue a ser unha das grandes obsesións do poder. Devolverlle á elite o monopolio da cultura e da formación, combater o incómodo pensamento científico e substituílo polo pensamento mítico, terminar coa escola pública mediante a súa redución ao gueto e á indixencia material e moral, formar man de obra submisa e barateira para os seus negocios. Velaí tes o programa educativo da dereita. Adeus á cultura e á ciencia; benvido, negocio, e loada sexa a fe. Para que volvamos vivir tranquilos, coma cando Franco, non sabes?

As ovellas do rabaño de Deus teñen o deber de impugnar a educación para a cidadanía e de esixir a ensinanza da relixión. A táctica é a transmisión de responsabilidades aos pais. Dun só disparo derruban o edificio republicano da formación universal, extirpan a potestade comunitaria de formar futuros homes e mulleres libres desde o coñecemento e a razón e convértena nun asunto de interese estritamente privado, asocial, anticomunitario.

Ese é o modelo seguido ao pé da letra polo Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia para a expulsión da lingua galega das aulas, que equivale a expulsar os indignos cus dos fillos dos pobres. Estaríache boa que obriguen aos nosos fillos, comentan nas súas soirées de cunca de té verde e infusión de xasmín, a mesturarse con eses badulaques que nin saben falar coma as persoas e din catro ao caldeiro. ¡¡¡Quítame las matemáticas de ese suplicio del gallego!!!

As elites non casan ben coa gandallada. Aos mestres hai que retirarlles a potestade de manexar a adquisición de coñecementos e de competencias das persoas en idade de formación. Só faltaba, pensan eles no seu delirio triunfal, que un profesor decida o que ten que aprender a miña nena, o meu pequeno. Sempre a propiedade como guía absoluta. E o goberno da Comunidade Autónoma de Galicia converte o delirio en norma, velaí tes o seu gran logro. Desangrar o público para alimentar a decisión privada, exclusiva, dos círculos de poder e de dominio social. Evitar o perigo da razón extirpando a liberdade de cátedra e sementar a boa nova da fe e a vixencia dos prexuízos. E non che vou dicir que non aterrorice pensar que hai pais que desexan para os seus fillos unha sobredose de ignorancia.

O goberno da Comunidade Autónoma de Galicia é covarde. Traslada as súas responsabilidades aos prexuízos condicionados de certos grupos gozosos de barbaridades pedagóxicas e temerarios no dislate. Comparten programa: fóra a lingua galega da escola. É un crime de lesa patria impedir a formación completa e libre das xeracións máis novas. E facelo baleirando a figura dos mestres é, ademais, sinal de putrefacción. Pero tamén indicio de desaparición. Contra a derrota da razón, agardamos a lección dos mestres.

]]>