pederastia – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Corpos http://antondobao.blogaliza.org/2010/04/13/corpos/ Mon, 12 Apr 2010 23:30:07 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=629 Creo que é unha torpeza considerar os casos de pederastia que se lles van coñecendo a tantos santísimos padres exemplares da Igrexa Católica como unha consecuencia directa ou indirecta do celibato. Non entendo moito destas cousas, pero imaxino que incluír no mesmo argumento o abuso sexual e a castidade argalla un oxímoro textual, se iso é posible. Non. Ó meu ver, as razóns cumprirá buscalas noutros territorios.

A Igrexa Católica é unha institución historicamente confundida co poder. Aínda que o Reino de Cristo seica non é deste mundo, o da xerarquía católica si. Riquezas, pompa, ostentación, banca, Estado, impunidade, diñeiro son riscos distintivos de tan sagrada institución. Se alguén quere saber que significa o trato católico coa riqueza e co mercado non ten que facer longas viaxes nin recorrer á metáfora. Hai en cada lugar un exemplo elocuente. Pero, con todo e ser a máis aparente e a que mellor se detecta, non é a externa a máis importante relación da Igrexa co poder senón a obsesión institucional con que poder e Igrexa se confundan nun mesmo todo orgánico. A aspiración transcendente da Igrexa é ser poder e que o poder sexa Igrexa. E a súa historia, amais de fonte de inspiración, é unha superabundancia de morriña.

O poder, sábeo ben quen goza del e quen sofre o seu dominio, non é tanto unha institución identificable coma unha relación perversa de submisión e mando que presenta aparencias cada vez máis difusas. E nesas artes do difuso, da aparencia, da palabra suave con xesto doce e man agresiva e firme no castigo, a Igrexa leva dezaseis séculos sendo mestra. Como pouco.

Os casos múltiples de pederastia veñen adobados cunha indigna actitude vitimista da xerarquía e dos seus medios de produción simbólica. A mística da persecución dos lacaios do mal élles produtiva. Santa e rendible hipocrisía. Pero en realidade aquí non hai desviacións duns homes de recta vontade e torto proceder causadas polo demo, polo pecado ou pola contención dunha sexualidade explosiva, senón as expresións dun poder que sempre se manifesta como dominio, submisión, castigo e, sobre todo, posesión.

Para a Igrexa Católica, o corpo humano é pecaminoso, desprezables e sucio. Non sei ben se porque sabe que o noso corpo é o resultado dunha evolución a partir dun puro accidente cósmico ou porque cren de veras que Deus, na súa inmensa sabedoría, pechou as nosas almas puras nun cárcere terreal indigno. En calquera dos casos, latexa nese odio unha verdadeira razón utilitaria: dominar os corpos é posuír a totalidade do ser. Porque o cerebro é corpo, e a razón unha marabillosa actividade corporal, como a vontade, o desexo e a teima en colmalo. Se o poder domina o noso corpo, é dicir, se nolo expropia, o dominio absoluto sobre todas as dimensións humanas será un feito. Sen corpo non hai desexo, non hai razón, non hai vontade, non hai conciencia das necesidades, non hai, por tanto, humanidade en si. E moito menos a posibilidade dunha idea de liberdade neste mundo. A anulación do corpo é a anulación absoluta do ser humano. A negación. É aí, no ataque ó corpo, onde cómpre esculcar as razóns da pederastia. E tamén do clásico castigo corporal, dos malos tratos, dos abusos, sempre co neno como vítima indefensa, a árbore que cómpre endereitar antes de que creza. Outramente, non quedaría máis remedio ca unha Santa Cruzada, coma en 1936, de curas con camisa azul e pistola ó cinto.

O dominio do corpo, ou sexa, a explotación, a submisión, a posesión radical da persoa, é ilustra a razón católica. Cando un arcebispo advirte ós fieis de que unha muller que aborta lle entrega ó seu home autoridade total para facer o que queira con ela, licenza absoluta e sen límites para abusar do seu corpo, manifesta as dúas facianas do dominio sobre o corpo. Neste caso, a muller, outra das zonas febles da sociedade ideal para a xerarquía católica, é un ser desposuído do seu propio corpo desde antes mesmo do seu nacemento. Ó cabo, só é unha vulgar costela.

Fronte ó integrismo católico, a razón laica, antes de que os seus medios de produción simbólica terminen de degradar tan elevado concepto. Nunha sociedade rexida por esa razón laica, que é unha aspiración lexítima de homes e mulleres con arela de liberdade, ninguén máis ca nós mandará nos nosos corpos, a propiedade máis prezada que posuímos.

]]>