Núñez Feijóo – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Estatuto novo? http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/24/estatuto-novo/ Thu, 24 Sep 2009 18:52:35 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=530 O marco xurídico-político vixente recoñécelle a Galicia a súa condición de nacionalidade histórica. O carácter nacional de Galicia está tan fóra de discusión teórica coma o feito de o galego, e non outro idioma, ser a lingua propia. Haberá quen negue que o galego sexa a lingua propia de Galicia, ou que sexa unha lingua, e haberá quen vexa en Galicia unha entrañable e verde rexión sen entidade política. Ten que haber xente para todo. Ora, tales prexuízos só terán efecto xurídico cando se modifique a lexislación vixente. Mentres e non, o galego é a lingua propia dunha nacionalidade histórica chamada Galicia.

Mais non nos deixemos cegar pola legalidade. O Estado manexa ferramentas centralizadoras que converten en aspiracións indignas e antidemocráticas os tímidos recoñecementos formais. A periferia é unha anomalía. Non a súa existencia, que fortalece sempre a conciencia agresiva do centro, senón a súa impugnación da subalternidade. España é un proxecto nacional imposible, constantemente en crise, porque só se constrúe negando e perseguindo a diferenza e a diversidade. Criminalizándoas. O proxecto nacional español, en toda a súa amplitude política e mediática, é alérxico a toda identidade non española e a toda expresión en lingua non española. A literatura, o cinema, a música, calquera manifestación cultural que non navegue en barca de sangue e ouro será considerada irrelevante, inferior, non existirá. Cando non, abertamente hostil.

Para o pensamento nacional español, a diversidade empobrece e significa un perigo para a propia existencia. Quizais por iso é historicamente irrealizable. Hai outras nacións peninsulares que se saben diferentes, teiman en manter vivas as súas linguas e as súas culturas e en construír proxectos nacionais alternativos, aínda que non sempre sexan maioritarios. A contradición non a dá resolto España con uniformización e negación da diferenza, aínda vestida de descentralización, autonomía e respecto pola diversidade. Agudízaa.

A construción dun Estado das Autonomías en que se dilúan as diferenzas e se equipare o autogoberno das nacionalidades históricas á xestión das rexións e provincias autónomas serve para reconducir aspiracións nacionais de Galicia, Euskal Herria e Países Cataláns. Substitúese polo simulacro a posibilidade dun réxime pluralista, necesariamente republicano, de igualdade real entre as nacións española, catalá, vasca e galega. É a distancia infinita entre unha concesión de descentralización administrativa e o dereito a decidir, propio, só que fose teoricamente, dunha federación de nacións. O simulacro.

España só concibe unha soberanía, e esta reside no Congreso dos Deputados. Nin sequera no pobo español. As peripecias da reforma do Estatuto de Cataluña sacan á superficie as profundas deficiencias democráticas do réxime. O Parlamento de Cataluña, en teoría a expresión da soberanía do pobo catalán, aproba un texto estatutario co apoio de máis do 90% dos seus deputados. O texto vai ao Congreso dos Deputados e de aí sae chapodado e corrixido, é dicir, a vontade popular catalá non ten valor político. Para concluír coa farsa, o Tribunal Constitucional, non elixido, como sabemos, por sufraxio universal, terá a derradeira palabra. Un grupo de maxistrados pode desprezar, amparado na lexitimidade que o réxime lle concede, as decisións do pobo catalán mediante Parlamento e referendo e as do Congreso dos Deputados de España. En que instancia real recae a soberanía? A anomalía democrática é estridente.

Historicamente, o nacionalismo galego de esquerda —outro non hai nin é probable— está enfrontado ao réxime. Non acepta o seu marco xurídico e político por negar o pobo galego como suxeito político soberano con dereito a decidir sobre a forma de organización con España: desde a autonomía administrativa, pasando pola federación en pé de igualdade, ata a independencia. Tampouco Castelao, que nunca foi rexionalista, aceptou ningunha saída á ditadura fascista que non supuxese unha III República Federal e o recoñecemento da soberanía galega. A ruptura democrática que nunca se produciu.

Que nos últimos tempos o BNG teime na reforma estatutaria vén a romper con esa tradición histórica. Unha reforma estatutaria, mesmo nos máximos permitidos polo réxime, non conquistará dereitos para a nación galega. Como moito, un recoñecemento formalmente diferente do seu xa recoñecido carácter nacional. O custo dunha modificación insubstancial sería a automática aceptación dun marco xurídico e político que nega o dereito a decidir e mantén en réxime de subalternidade a nación galega, a súa lingua, a súa cultura e as súas posibilidades futuras. Moi caro.

Se a sentenza do Tribunal Constitucional é contraria á reforma do Estatuto de Cataluña, as xustificacións para apoiar unha reforma estatutaria e asumir o marco xurídico-político do réxime caerían a cachón nun burato negro. O nacionalismo renunciaría á potencia do seu discurso. Talvez, o indicado sería non insistir nunha reforma inconsistente, manter a as distancias, non lexitimar o réxime e forzar politicamente melloras tanto na actualización estatutaria coma no desenvolvemento de competencias. O resultado non se medirá en termos de rendemento electoral inmediato, pero si de conciencia colectiva. Conciencia nacional das necesidades e das posibilidades, único camiño para a emancipación. Que é o obxectivo, ou?

A asunción do marco xurídico e político resultante dun novo estatuto unanimemente apoiado polos grupos do Parlamento de Galicia implicaría unha reformulación histórica das forzas nacionalistas. Daquela, situaríanse á mesma distancia de Castelao que Núñez Feijóo.

]]>
Normalidade sen anomalías http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/03/normalidade-sen-anomalias/ Thu, 03 Sep 2009 12:02:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=506 En Chile, a xustiza puxo orde de busca e captura contra militares implicados na criminal represión do réxime do golpista Pinochet, que enterrou o goberno lexítimo de Salvador Allende vai facer 36 anos de aquí a uns días. En Galicia, un tal Antonio D. Olano deleita co seu pregón das festas de Vilalba os mecanismos viscerais da dereita franquista española. E perdón pola redundancia. Ao seu carón, nas pouquiñas fotografías que nos ofrecen uns medios mestres na ocultación, o novo Conselleiro de Cultura escacha coa risa. Alguén os cría para se eles arrexuntaren.

Olano non é a excepción que luxa a tradición democrática da dereita española; todos zugan do mesmo chafariz. Na Europa republicana de filiación democrática burguesa, a dereita é antifascista. En España non sabe nin pode nin quere selo. En Europa, o negacionismo está perseguido; en España, non só concorren ás eleccións cantas candidaturas fascistas queiran presentarse senón que o revisionismo filofranquista espállase en emisoras de radio, xornais e televisións, xusto alá onde gusta de alternar o noso Presidente Feijóo, que se ve por Intereconomía ou pola COPE máis fachendoso ca un rato no pico dun queixo.

Que Antonio D. Olano vaia a Vilalba e largue no seu pregón de don Franco coa admiración que se lle supoñía é unha anécdota sen importancia. Pero dá indicios. Alguén imaxina que ocorrería en Francia se o seu Ministro de Cultura acudise a lle aplaudir e a lle rir as ocorrencias a un conferenciante que se dedicase a loar a Pétain? Tan inverosímil a posibilidade como que á súa Ministra de Sanidade lle dera por se guiar publicamente conforme ás súas lexítimas crenzas relixiosas e desprezase a falta de forza moral de cidadáns e cidadás que non comparten o seu pensamento mítico e supersticioso, e perdón agora polo oxímoro. Pilar Farjas e Roberto Varela son, por contra, unha beizón hispana.

Mentres os xuíces de Chile poñen en orde de busca e captura militares implicados na represión da ditadura, os españois estudan a maneira de esbarrancar decisións parlamentarias, ou sexa, teoricamente, da soberanía popular. A soberanía española que non reside en militares, xuíces, banca e igrexa é só aparente. A tutela destes sectores vixía calquera posibilidade de decisión das diferentes nacións do Estado. A morte do ditador non supuxo un cambio de réxime senón unha restauración que lle poñía o ramo a calquera remota esperanza de reposición histórica da República asaltada polos militares fascistas un 18 de xullo de 1936 como reacción contra as conquistas das nacións sen estado e das clases traballadoras. Non houbo saneamento, non houbo castigo, non houbo restitución, non houbo xustiza histórica. Por iso Pilar Farjas, Antonio D. Olano, Roberto Varela ou Mayor Oreja non son anomalías; son a normalidade española. Contra as linguas, contra as culturas, contra as nacións, contra a capacidade de decidir, contra a tradición republicana, contra o laicismo, contra a liberdade, contra o proletariado. Contra a democracia, en definitiva, adobíen como adobíen o seu nacional-catolicismo.

Menos mal que temos aí a Don Santiago Rey, ese home enteiro, de aspecto xuvenil aínda que rexo, de peso intelectual apoiado en man dereita e mirada ao infinito, certeiro, primeira persoa, sempre el, que vela por nosoutros, que nos axuda a comprender a realidade, que sufriu e sofre por Galicia, que foi reprimido, que non dorme para ofrecernos a súa sabenza e entrega xenerosa, que é galeguista ben entendido, que usa o seu xornal para acumular diñeiro público por actividades que despois ataca, que chantaxea desde as súas páxinas con ameazas ao estilo das mafias menos sutís. O filántropo, editor, intelectual polifacético, sabio, fillo predilecto de Galicia enteira se non do Universo en expansión, volveunos iluminar hai días esta gruta lóbrega cun tratado breve pero excelso. A súa prosa é brillante, sinxela pero profunda. Lóxico é que haxa quen non dea penetrado en toda a carne do seu ser dialéctico. Non hai problema. Para mellora vital deses seres vulgares, Xosé Luís Barreiro veu a glosárnolo con próxima, aínda que non parella, iso nunca, mestría. Ao lelo, calquera tería a sensación de ulir o betume de lle limpar as botas co que o profesor enxaugaba a boca. Imprescindible, Barreiro.

Se eu fora Feijóo, que por sorte para el non o son, pedíalle audiencia inmediata ao Gran Editor-Filántropo-Filósofo-Fillo Predilecto Universal para lle solicitar de contado informe de todo o que precisa, do que desexa, do negocio que mellor lle viría. Outramente, talvez corra perigo o Presidente de ver borrosa a súa impoluta imaxe nas exemplares páxinas xornalísticas que don Santiago mantén ao noso servizo. Este non é Mefistófeles. Manexa o lume infernal con mellor destreza.

Deus, o da Conselleira, lle conserve por moitos anos ese aspecto xuvenil.

]]>
Enquisas, encuestas e inquéritos http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/28/482/ Tue, 28 Jul 2009 12:04:37 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=482 A un xornal coruñés, de longa traxectoria obsesiva contra a lingua e a cultura de Galicia cando non son inocente exotismo, úrxelle acariñar con aparencia científica os seus desvelos polo goberno de Galicia presidido por Núñez Feijoo. Para celebrar os seus primeiros cen días, o antedito xornal regala unha enquisa para quen teña asaduras resistentes. De se repetiren hoxe as eleccións autonómicas, seica, o partido do presidente andaría a orbitar ao redor de Marte mentres os coitados que buscan os seus farrapos polos asentos da oposición andarían a escaravellar na terra que os sepulta para ver algo de luz, respirar un pouco aire e albiscar a esperanza de saír do foxo profundo.

A lectura á que convida o xornal, a de primeiro nivel que evita rozar o cerebro e acampa nalgunha víscera espida de neuronas, ten doada descodificación: o goberno de Núñez Feijóo atina coma ninguén cos intereses, gustos, desexos e proxectos da maioría silenciosa, esa que nunca teñen en conta intelectuais orgánicos, escritores e demais xente de certa cultura e penoso costume de se enfeitaren con posicións galeguistas. Pero de galeguismo político, non do cordial chachi. Ao decatármonos de que o máis luminoso facho do goberno emite radiación de subalternidade cultural e extinción lingüística, tampouco ha de ser moi complicado interpretar as lecturas máis profundas de tan necesaria enquisa. A filantropía ten estas cousas. Xa nolo avisou o Gran Editor antes das eleccións.

Fermín Bouza, que disto sabe infinitamente máis ca min, analiza no seu blog a enquisa esta. Non é preciso engadir máis nada. Se acaso, subliñar a idea de que esta caste de enquisas se fan para convencer o derrotado da inutilidade da súa perseveranza no erro. Pase vostede ás ringleiras do vencedor, vén a dicirnos o xornal seica liberal; as dos vencidos son unha acumulación de desorientado vagar á valga, a paráfrase do naufraxio. Vostede verá, pero a historia leva un impulso diferente.

Por se o lector non anda moi avisado e non dá coa correcta interpretación de tan necesarios datos, sempre aleuto e con dispoñibilidade absoluta para os desexos do amo, o editorialista oficioso do xornal, Roberto Blanco Valdés, afía a plumiña cativa, ignorante e exenta de brillantez. Como non podía ser doutra maneira, no seu artigo do 26 de xullo ilumínanos cunha lectura da realidade tan profunda como é norma no seu labor analítico. Desvélanos o significado verdadeiro de tan importante traballo demoscópico e exalta, un por un, os asuntos que definiron a acción do goberno e mediante os cales Núñez Feijóo asegurará sucederse a si mesmo co contento dunha masa entusiasmada de súbditos: austeridade e redución de cargos, derrogación do decreto e enquisa sobre o galego e redución da gratuidade dos libros de texto. En contra da opinión que o xornal coruñés ten dos seus lectores, que ao parecer precisan da interpretación maxistral de tan alto intelectual nada orgánico, eu non comentarei eses remarcados logros do goberno desvelados polo soldado de Fernández Latorre. O seu enunciado fala por eles.

Como o destacado labor de articulistas, xornalistas, editor e demais achegados do xornal aludido foi notable durante a campaña das últimas eleccións autonómicas e estas tiveron o resultado que coñecemos, sectores ligados ao goberno bipartito, fundamentalmente os nacionalistas, situaron o xornal coruñés entre os culpables da derrota. Xa se sabe, sempre factores externos. Pero nin os intereses do xornal son estritamente electorais, nin unha derrota se produce só pola influencia dun medio de comunicación, a menos que este sexa capaz de xerar unha realidade paralela e obrigue a lectores e votantes a habitárena sen se decataren. Ocorreu iso en Galicia? Que o digan os partidos do réxime, porque en tal caso quedaría deslexitimado de raíz o sistema e o propio réxime.

O xornal de Fernández Latorre non espertou hai dous días a unha conciencia que o impulsase a cavar unha gabia de mesquindade ao redor das tímidas políticas do anterior goberno. A súa militancia contra a cultura e a lingua de Galicia é vella, de tan vella, balorecida. Anterior a cando concellos e institucións de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos políticos, ían investindo a don Santiago fillo predilecto e adorado. Algún concelleiro do BNG na Coruña chegou a referirse, feliz, á imprescindible contribución a todo o que somos e non somos do xornal e do seu dono polo simple feito de existiren. Mentres Henrique Tello desexaba que La Voz de Galicia nos sobrevivise a todos, porque os gobernos e nós pasamos pero o xornal e a obra do seu dono permanecen, a empresa editora ofrecía libros co periódico mediante campañas consistentes en asegurar que a mellor literatura galega se escribía en castelán. O oxímoro pailán só era un dos diarios exemplos dun universo conceptual que agora reproduce Núñez Feijóo coma se fose de colleita propia. O propio Blanco Valdés ten razón de ser na medida en que siga vivo o discurso de subalternidade e submisión plena, de extinción calada da lingua, adornada co manexo de conceptos cinicamente manipulados. Augusto Assía, aquel vello editorialista camuflado, xa era cordialmente defensor da liberdade de elección cando berraba tronante contra calquera tímido intento de recuperar espazos de uso social para unha lingua que estes incultos consideran tamén subalterna. Seguro que o daquela Director Xeral de Cultura, Luís Álvarez Pousa, ten boa memoria da época. Esqueceríao todo Barreiro Rivas?

O discurso e a praxe política de Núñez Feijóo non son novidosos. Abonda con facermos un percorrido histórico polas páxinas do aclamado xornal coruñés para comprobalo. Que o BNG se dea conta agora produce perplexidade, porque indica que a organización nacionalista focaliza as súas preocupacións e as súas respostas na propia posición electoral e non nos ataques frontais, nunca abandonados, sen camuflaxe, nese estilo cínico de Augusto Assía e de sofisma infantil de Blanco Valdés, contra a lingua e a cultura de Galicia. Quizais as maquinarias institucionais sofren esa irremisible e penosa tendencia á autorreprodución que as obriga a interpretar os ritmos sociais segundo os seus intereses grupais, nunca de clase, e por expectativas inmediatas de ocupación institucional. Atravesar as institucións galegas durante unha lexislatura non xa sen transformar anacos da realidade subalterna imposta senón renunciando a mudar as vellas políticas lingüísticas e culturais segue a insculpirse como unha lembranza dolorosa, sobre todo ao sufrirmos a política de demolición que practican o xornal coruñés e o seu brazo executor. Nunca o anterior goberno deixou de subvencionar sobexamente a rede empresarial do imprescindible e inevitable Fernández Latorre. A renuncia a planificar unha política lingüística e cultural normalizadora por primeira vez na nosa historia recente non lle acaeu ben a un goberno de esquerda e con participación nacionalista. Non mudar os vellos marcos na anterior lexislatura permítelles aos novos gobernantes e ao xornal que os sostén unha política e un discurso de extinción e subalternidade. Posto que se renunciou a fortalecer con medidas de avance un edificio feble, hoxe a demolición é máis doada e invasora.

Se a lección servise para corrixir rumbos, benvida sería.

]]>
Piñeirismo esvaecido http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/16/pineirismo-esvaecido/ Thu, 16 Jul 2009 11:30:22 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=475 Non sei se co pesar e contra as intencións de alguén. Probablemente nin iso. No espectáculo da política como profesión, tan afastada á mantenta da realidade material que nos configura e nos condiciona, os actores senten moi a miúdo de máis a necesidade de gardar certas formas. Talvez porque pensan que un terremoto informativo ou un debate non moi produtivo electoralmente non son un bo mollo para o caldo que están cociñando. Se cadra, unicamente porque os seus asesores de imaxe tenden a ser moi conservadores: o que non vai producir réditos inmediatos, deixalo estar.

Non sei se Núñez Feijóo ten asesor de imaxe. É probable que non. En tempos de crise e de coches sen blindar, non hai que tirar cos cartos nun asesor que recomende simplezas obvias que o Presidente ha de ter claras. Se é que o ten, conservador non é. Máis ben arrisca toda a partida a un único naipe. E mais a partida é longa; calquera movemento en falso pode guindar á varredura o traballo e as arelas de catro anos.

O escaso goberno de Núñez Feijóo ofrece elementos para a análise xornalística, de opinión e partidaria. Aló cada quen cos seus choios. Como eu non son xornalista nin opino para ningunha publicación periódica, aínda que procuro sempre tomar partido, non repetirei os lugares comúns de certas análises políticas. Arriscarei tanto coma os asesores de Feijóo; eu teño menos que perder. Para algo estamos no ano dedicado a Ramón Piñeiro.

Arrisquemos cunha sentenza: coa dereita que ocupa os despachos desta concesión administrativa chamada Autonomía, o piñeirismo está morto. Morto. Politicamente irrelevante. E talvez a obra de Ramón Piñeiro, disolta no tempo coa simpleza coa que se desfai unha cullerada de azucre nun vaso de auga quente.

A Autonomía conseguiu manter viva a ilusión de que a obra material e inmaterial de Ramón Piñeiro fora tan importante que propiciara a instalación dun sentido común identitario nas elites políticas de Galicia, independentemente dos partidos aos que se adscribiran, desde os sectores máis galeguistas (pensemos en Realidade Galega ou en personaxes como Sixto Seco ou o propio Fernández Albor) aos máis contundentemente españolistas, como o que pivotou ao redor de Fraga Iribarne. Unha doxa galeguista insculpida xa para sempre na nosa vida pública coma un petroglifo inalterable. O propio Fraga Iribarne chegou a ofrecerlle carácter filosófico: autoidentificación. Piñeiro, o seu maxisterio, os seus soños e as súas ideas triunfaban. Ese sentido común galeguista estenderíase coma o aire que respiramos: imperceptible, cordialmente, sen imposicións, vital. Os seus puntos fortes serían a defensa da lingua como principal sinal de identidade e mais unha aceptación sen estridencias das nosas expresións culturais como marca diferencial do ser galego. A identidade focalizada na lingua e nas manifestacións culturais, expresións espirituais, nada de materialismo, nada de proxectos emancipatorios, nada de multitudes nin suxeitos colectivos. Só o espírito como protagonista da alma galega. Con todo iso, o nacionalismo sería innecesario, inútil, contraproducente, antihistórico. Que llo pregunten a Franco Grande.

Mais ves que só faltou que chegara esta nova xeración de gobernantes para que o soño feito realidade se esvaecese no aire. Núñez Feijóo e os seus borraron sen un pestanexo ese sentido común galeguista ao dinamitaren os dous esteos nos que se sostiña: a lingua como sinal de identidade, sen merecer políticas normalizadoras mais si un discurso público contrario a resucitar vellos prexuízos e lugares comúns glotofáxicos, e a aceptación das nosas manifestacións culturais como expresión dunha colectividade diferenciada.

O novo discurso respecto ao galego é coñecido: unha absurda reconstrución dos peores lugares comúns do franquismo. A lingua galega non pode ser imposta, debe ser recluída aló onde non amole nin cheire demasiado. Igualdade lingüística, reclamación cínica ao tempo que se lexisla para favorecer a expansión invasiva da lingua que consideran realmente importante. Entre o principio de distancia duns e o temor á hipercaracterización dos outros. Das políticas do laissez faire pasamos a un discurso de rexeitamento sen complexos. Coa escusa da liberdade individual, do dereito a elixir, da non discriminación e da non imposición, coma se ningún deses principios rozase co castelán, hai unha negativa organizada a executar políticas que sirvan para dar algúns pasos, só que sexa lenta e timidamente, cara a unha igualdade real. Na xustiza, na empresa, nos espectáculos, no mercado, no deporte, nos xornais, nas radios, nas televisións, nas librerías, no ensino público, no ensino privado, entre os funcionarios, na sanidade, na música, nas salas de cinema… seguimos? Os extintores non sacian nunca as súas necesidades de destrución.

O novo discurso abrangue tamén os ámbitos da cultura: demolición. Non seremos nin aquela curiosidade diferencial do galeguismo cordial. Agora somos, seica, provincianismo, ausencia de cosmopolitismo, pailanismo en estado extremo, resistencia como sinónimo de aldeanismo. O edificio que construímos contra toda a adversidade, desde Rosalía, debe ser derrubado. Tampouco se pode impoñer unha cultura. Cómpre destituír os axentes armados que, a punta de pistola, levan anos obrigando a galegos e galegas a falar galego, a esquecer o castelán, a ler sen descanso a Curros, a Pondal, a Castelao, a Dieste, a Blanco-Amor, a Novoneyra, a Ferrín, a marxinar Valle-Inclán, Torrente e Cela. E o Consello da Cultura, cuxa única función é opinar, cala cómplice. Outros, afectados polo principio de distancia, seguen disparando contra a Academia.

O proxecto é claro: a subalternidade orgánica de Galicia, a supresión pública dos seus sinais de identidade, a súa conversión nunha provincia menor da Nación Española. A ese proxecto élle hostil toda manifestación cultural e lingüística autónoma. Nese escenario, o piñeirismo amósase unha inutilidade histórica. Porque ao primeiro soprido, esborrállase o fráxil castelo de naipes en que alicerzaba aquel sentido común galeguista, en realidade nunca compartido.

Se cadra é ocasión de os sectores da dereita cómodos con certa tradición galeguista tomaren a iniciativa e abxuraren dunha acción política que degora subalternidade, silencio, desaparición. Tamén o nacionalismo político, social e cultural debe reformular moitas tácticas, certos principios, algúns códigos e non poucos anacronismos sectarios. Non xa no ámbito puramente electoral, tamén nalgúns discursos. Hai vellas dependencias hipotecarias que pexan toda posibilidade de desenvolvemento e de consolidación social e política dunha hexemonía que no ámbito da cultura é xigantesca. A lingua e a cultura de Galicia non deben dar pasos atrás para protexerse e sobrevivir. O seu camiño tira para a fronte, consiste en avanzar, gañar espazos sociais, fortalecer a súa hexemonía e debuxar o futuro. Que choren outros pola morte do piñeirismo.

E que o Consello da Cultura Galega siga co seu longo e vergonzoso silencio cómplice.

]]>
Trapalladas http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/19/trapalladas/ Fri, 19 Jun 2009 11:09:19 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=438 A José María Aznar todos o coñecemos ben. Aquel rostro sereno, pétreo, coma o dun semideus mentres posa para os dedos hábiles do escultor da historia. O bigote impávido, impasible o ademán, inmóbil. Aquela voz de seguridade dun home coas poutas espetadas no leme dunha España que ía moi avante toda á conquista do curuto do podio do Imperio. Daquela vella fotografía de familia, só sobrevive un. Os outros viven coma reis.

Hai ausencia de Aznar. Unha sutil e lene dor pola súa ausencia, luctuosa. Os propagandistas son persistentes coma as follas dos castiñeiros. Todo o día a remoer en voz alta, e algo de pouso sempre queda. A Grande Ausencia non a amortece Mariano, non, ben o saben na COPE-El Mundo-Libertad Digital-Vocento e o que faga falta. Mariano, ao cabo, é galego malgré lui. Tampouco Feijóo ten moitos admiradores e talvez por iso contratou a Gloria Lago para embaixadora ante a Santa Sé da comunicación.

Aznar é o recordado. A todos lles doe case como lles doe España. Dóelles na alma que a súa saída da Moncloa estivese tan atestada de infamia, indignidade e mesquindade. Para os testamenteiros da súa obra, o período que transcorre desde aquel infausto 14 de marzo é ilexítimo, unha paréntese á espera da restauración e de todo o que esta arrastra canda ela. ¡Vivan las cadenas! Mais para o seu acougo, Aznar vive a pesar de todo. Vive na súa obra política e tamén, xa, na ensaística. Escritor de best sellers, coma César Vidal, por exemplo, e superior a Pío Moa. Á Coruña chegou estes días para presentar unha nova peza bibliográfica. Xosé Manuel Pereiro deixounos unha crónica maxistral. Manuel Rico, outro galego, glosa o brillante ensaio aznariano.

A Miguel Ángel Fernández Ordóñez, Gobernador (sen sufraxio universal) do Banco de España non o coñece tanta xente. Lástima. O seu leme é sensible; non manexa un buque tan aparente coma o de Aznar, pero terma da súa carga con astucia e habilidade de renarte. Os méritos de Aznar son de dominio público, innumerables; os de Fernández Ordoñez fóronsenos da cabeza, ninguén os apuntou. Pero tenos, seguro. Igual foi número un da súa promoción ou sacou as oposicións sen estudar ou naceu no lugar adecuado e no momento xusto, que é o que adoita pasarlles aos homes senlleiros. E digo eu que para chegar á gobernación (sen sufraxio universal) do Banco de España e manexar a economía e a palabra con tal maxisterio algunha forma singular de aliñamento planetario se tivo que producir.

Aznar descóbrenos no seu ensaio a receita máxica para que España, ai, España, saia da crise nun pestanexo. Miguel Ángel Fernández Ordóñez predica para o seu cenobio de eremitas austeros e contemplativos a necesidade de certas reformas novidosas que nos botarán fóra da crise e do paro en menos do que canta un galo. Os dous homes notables coinciden, é o que pasa coa filosofía profunda cando rebota entre homes sabios. A reformar do mercado laboral, ese graal simbólico arrebolado de sangue mártir. Fernández Ordóñez chámalle reformas que permitan avanzar en produtividade e axustar custos, marxes e prezos. A pedra filosofal da comunicación non decodificable para obreiros, asalariados varios e demais persoas de escasa formación e menor cultura. Aznar engade España á ecuación infalible. Máis España!, consigna nacionalcatólica para tempos de crise. Felipe González, posiblemente un dos presidentes máis indignos, e el sabe por que, da historia de Occidente, tamén se uniu ao pranto: a ver se os traballadores prescinden do seu egoísmo e contribúen a que os empresarios durman tranquilos aceptando unha reforma do mercado laboral. Pena que ninguén lles axuste a eles os custos, as marxes nin os prezos. Trapalleiros.

A indecencia tende a non coñecer fronteiras. A crise dun modelo económico, dunha práctica especulativa, dun universo financeiro ha de resolverse, segundo estes (e outros) “cráneos previlegiados” (por don Latino de Hispalis) con máis traballo e menos salario, máis precariedade, máis despido barato ou gratis. Con menos custos, menores prezos e maiores marxes para os empresarios; con maiores cargas para os insolidarios asalariados. E asalariadas, moitas delas sen contrato. Precarios e precarias, eses que lles poñen a funcionar ás enxurradas as glándulas salivares a Aznar e a Fernández Ordóñez. E a Felipe González.

]]>
Azul Europa http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/11/azul-europa/ Wed, 10 Jun 2009 22:05:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=419 Cando a Núñez Feijoo lle deu por dicir que votar polo BNG era votar a ERC estaba a manexar unha imaxe-estímulo. As campañas electorais non serven para facer chegar propostas, senón para probar na masa informe de votantes-consumidores a eficacia de estímulos diversos. Moi útil experimento para o mercado. A alusión a a unha formación legal e lexítima como ERC por parte do Presidente da Xunta de Galicia responde á técnica de aplicar o estímulo da irracionalidade para conseguir reaccións funcionais aos propios intereses. É a lóxica publicitaria. Moi democrática, como intuímos, pois potencia a liberdade de elección esa que tanto lles gusta. Todos somos autómatas.

O BNG respondeu asumindo o complexo de can. Mente Feijóo, bradou o Portavoz Nacional, votar BNG non é votar ERC. Pero Feijóo non mentía: votar a lista na que estaban os candidatos do BNG implicaba votar candidatos de ERC, e tamén de Aralar, de Eusko Alkartasuna e doutras forzas. Quen votou esa candidatura conseguiu colocar en Europa un deputado de ERC, non a Ana Miranda, aínda que os acordos lle permitan estar en Estrasburgo arredor de ano e medio. Ninguén sabe como se lles vai explicar aos votantes galegos desa candidatura, que introduciron na urna unha papeleta co anagrama do BNG e só cos candidatos do BNG.

Obviamente, o problema non é que o BNG concorra en coalición con outros partidos nacionalistas de centro esquerda. Ao contrario; é o normal, dadas as afinidades ideolóxicas (menos na cuestión nacional, curiosamente: ERC, Aralar e Eusko Alkartasuna son independentistas; o BNG, non). O grave é asumir o discurso do inimigo, aceptalo e contribuír a espallalo na práctica. Dada a mala prensa dos independentistas de ERC, o BNG prefire esquivar a realidade ante os propios electores. Xoga na representación que o réxime lle ofrece, acéptaa e reprodúcea. O desexo de ocultar a súa coalición é a reacción ao pánico que sente a formación nacionalista ante a potencia da doxa do réxime e do sistema. Ocultar antes que explicar. Un dique de contención da conciencia, única forza liberadora. Quen sabe se ese pánico e a práctica que xera ten algo que ver coa hemorraxia electoral.

Dos 40.000 votos que renunciaron ao BNG, parece que ningún quixo buscar acomodo en Iniciativa Internacionalista, que consegue en Galicia apenas os 3.000 votos que habitualmente recaen no peto da FPG. Un clásico. É certo que a ilusionante candidatura tivo un parto accidentado, sufriu criminalización primeiro e despois tragou silencio, mais iso non pode ser explicación suficiente para tal inmobilidade nunhas eleccións nas que tanta xente deixa de votar polo BNG. Xa ocorreu coa FPG nas autonómicas, a pesar dun candidato extraordinario e dunha campaña humilde pero moi ben armada e cun discurso forte.

Non será doado dar con todas as razóns desta acumulación de derrotas, pero a esquerda está na obriga de realizar o esforzo. Sería talvez necesario que se abrise algún proceso de reorganización da esquerda nacionalista, pero iso requiriría tanto unha reflexión sen prexuízos como un desprendemento xeneroso que, sinceramente, non se albisca próximo. Sempre é máis cómodo abeirarse á calor do lume da lareira. Fóra vai frío.

E é certo. Toda Europa sofre unha vaga de frío azul na que só conserva a temperatura corporal a dereita liberal. A esquerda ten síntomas de conxelación. Esa esquerda nominal, entregada desde hai décadas á relixión do Capital, que recibe o pagamento adecuado ás súas políticas de dereita ou aos seus pactos con Merkel para lle pexar os pés á esquerda de Lafontaine. E tamén a esquerda real, que segue escachizada, presa nuns casos de desorientación e noutros de incapacidade de reorganizar as forzas despois das batallas perdidas. Con razóns pero sen forzas.

É verdade que os índices de participación son tan ridículos que deslexitiman as futuras decisións dese Parlamento sen capacidade lexislativa. Esta Europa ármase tan distante dos pobos que a compoñen que representa a expropiación da capacidade política e dos dereitos de participación da multitude. A cidadanía excluída, por Francisco Sampedro. Mais a impugnación radical desta Europa das multinacionais e do mercado non deben cegarnos nin evitar que recoñezamos que en tempo de crise, cando as siglas ERE dominan as primeiras páxinas de todos os xornais, cando a banca non para de acumular beneficios, cando o recorte de dereitos laborais conquistados é obxectivo político de primeira necesidade, cando se carga o peso da crise nos lombos máis febles, a maioría social non está organizada, carece de capacidade de resposta e déixase fascinar polos discursos da dereita liberal e da extrema dereita. Porque entre o medio millón de votantes do PP en Galicia hai obreiros, labregos e mariñeiros pobres. E así, nación a nación, en toda Europa. Hai nestas condicións eido estercado para que prenda o fascismo? Probablemente non co rostro do fascismo do século XX, pero si con novos modos. Non é tan difícil cheiralo.

Nesta altura histórica, o proletariado contemporáneo, a multitude, non posúe organización. Nin política nin sindical, por moito que haxa partidos e sindicatos que cumpren máis que dignamente coas súas responsabilidades. Iso quere dicir que a esquerda ten a necesidade inmediata de reconstituírse. O ideal sería partir de cero e empezar a nacer no seo dos diferentes sectores de asalariados e asalariadas. Pero teño a sensación de que ninguén está disposto a renunciar á propia miseria.

]]>
Fausto e Mefistófeles http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/20/fausto-e-mefistofeles/ Wed, 20 May 2009 14:38:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=277 Durante a campaña electoral, o doutor Fausto entregouse ao pauto con Mefistófeles. O trato parecía vantaxoso: Mefistófeles evitaría a fuga de votos ao partido ultranacionalista de Rosa Díez a cambio da alma do doutor Fausto transubstanciada en novas políticas lingüísticas acordes coas esixencias do Demo Maior, ese poderoso espírito multiforme: de COPE a FAES, de Blanco Valdés e La Voz de Galicia a Carlos Luis Rodríguez e Libertad Digital; sempre o imposible proxecto patriótico español, negador e uniformizador, pura quimera. Mefistófeles, carrexador de almas, un simple gregario, adopta na nosa historia a forma dun pintoresco trasno de xénero feminino que esixe agora, pasadas as eleccións, a satisfacción da prenda prometida. O doutor Fausto dubida. Deus é bo, pero o demo non é malo.

Fausto parece cómodo na dualidade. Ao tempo que mantén o pauto intacto, nomea a Anxo Lorenzo Secretario Xeral de Política Lingüística, un nome que soa a exorcismo e casa mal con ese absurdo discurso baseado en tres piares -imposición, discriminación, igualdade- e un decorado -liberdade de elección. Desexará expulsar o demo do corpo? Talvez. Polo de agora, a Secretaría Xeral de Política Lingüística perde a transversalidade necesaria e pasa a depender organicamente da Consellería de Educación. Mais ao mesmo tempo, conforme ao que puidemos ir lendo e oíndo estes días, será ao propio Presidente, e non ao Conselleiro de Educación, a quen teña que lle render contas Anxo Lorenzo. Temos que interpretar con iso que a Política Lingüística será transversal aínda dependendo organicamente de Educación? Pois non o sabemos.

Anxo Lorenzo, que acumula máis méritos que todos os seus antecesores, merece toda a nosa confianza crítica, quitado que lle dea por cometer algunha desfeita, o cal non me parece moi probable. Sería imprudente condenalo antes de comezar a realizar o seu traballo. E inxusto, sobre todo se temos en conta que os seus antecesores no cargo moran no limbo exactamente por non facer absolutamente nada. Ou sexa, por executaren a política lingüística do laissez faire, de deixar andar o proceso de substitución sen sobresalto, sen que se manifeste o conflito, co ritmo pausado do inevitable. Esa foi a verdadeira característica de todas as políticas lingüísticas anteriores. Incluída a do bipartito. Non nos enganemos.

Igualdade, imposición, discriminación e liberdade de elección. Eses parecen ser os eixos, en negativo e en positivo, da política lingüística do novo goberno. Con tales alicerces, as medidas estelares parecen resumirse, á marxe da derrogación ou modificación do famoso decreto, na elaboración dunha enquisa entre os pais que garanta, supoño, a súa liberdade de elección. Postos a facer enquisas, que ten que ser un mundo de divertido, tamén podían aproveitar e preguntarlles se prefiren que os seus fillos aprendan que o Universo responde ás intuicións de Aristóteles, tan poético e harmonioso, ou que coñezan as hipóteses, os traballos, as deducións e algunhas das conclusións de Copérnico, de Newton, de Einstein, de Hawkins. Postos a preguntar, que lles dean a elixir entre Xeografía, Historia, Literatura, Matemáticas ou un compendio intensivo de teoría e práctica futbolística. Un futbolista de elite ten un futuro económico ben máis brillante ca un licenciado, doutor ou catedrático calquera.

Non hai no mundo un país cuxo poder executivo consulte cos pais cal vai ser a lingua vehicular dos diferentes niveis do ensino. Ademais de absurda, a hipotética consulta é tramposa. Ou ben se realiza ano a ano e se modifican segundo os resultados os programas de estudos, os libros de texto e as linguas vehiculares, ou ben se obriga ás futuras xeracións a apandaren coa opinión e os prexuízos dos consultados, ese exquisito grupo de escollidos. E que ocorrería cos que non atinen nas enquisas? Serán varridos os seus dereitos só por seren minoría? Ou nese caso xa non serían pertinentes tales dereitos como non o son hoxe de feito para os galegófonos? Non sei. A ocorrencia da consulta soa máis a coartada ca a outra cousa. Porque tal elección é imposible, absurda e xera desigualdades insostibles. Un pai de Guadalajara, poñamos por caso, non tería o mesmo dereito a esa elección ca un de Melide. Un pai galego que viva en Madrid, en Asturias ou en Cantabria, tampouco gozaría do dereito a elixir a lingua vehicular dos estudos dos seus fillos. Pero non quedamos en que todos eramos iguais ante a lei?

Outra variante do mesmo delirio é a posibilidade de separar os alumnos en aulas diferentes segundo opten seus pais por galego ou por castelán. A Lei de Normalización Lingüística (LNL), que identifica o galego como Lingua Propia de Galicia, con todo o que iso significa, é bastante clara cando obriga as autoridades educativas da Comunidade Autónoma a “arbitrar as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino”. O cal quere dicir, ata onde chega o meu entendemento, un uso cada vez maior do galego como lingua vehicular nos diferentes niveis do ensino. Casa esta prescrición do Artigo 13.2 coas pretendidas intencións do Goberno? As manifestacións de Núñez Feijóo e do seu Conselleiro de Educación parecen distanciarse da legalidade vixente. Non parece moi boa cousa en dous membros tan cualificados do poder executivo. O seguinte punto da LNL, o Artigo 13.3 tamén é transparente: “Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razóns da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas diferentes.” Tamén neste caso parece o poder executivo galego disposto a promover a creba do estipulado con tanta claridade na lexislación vixente.

Non pode ser verdade, parecemos pensar todos. Non hai maneira real de implementar esa política lingüística que, coma se fose unha alma antes pura, Mefistófeles lle segue esixindo ao doutor Fausto como pagamento. Non a hai, a menos que o discurso dea un paso máis e declare a inferioridade obxectiva da lingua galega respecto á Lengua Nacional de todos los españoles e, por tanto, superior en si mesma. E iso non vai ocorrer tan axiña, aínda que certas manifestacións mefistofélicas non teñen reparo en manexarse neses termos. O rebumbio parece, iso si, outorgarlles unha boa baza aos defensores dun esmorecemento paulatino, lento pero seguro, dunha lingua que aínda consideran non apta para o mundo contemporáneo.

No medio de tanto balbordo, e sen case decatármonos do que ocorría, atentos aos movementos tácticos de demos, demiños e trasnos, fomos deixando encartados nalgún armario hermético obxectivos e necesidades de normalización. Coma se de golpe nos conformaramos coas políticas lingüísticas institucionais que precederon a Núñerz Feijóo. Coma se ante a visión arrepiante dese monstro de feira denominado “bilingüismo cordial” orásemos polo regreso urxente do vello “bilingüismo harmónico”. De socato, da noite para a mañá, represéntansenos salvadoras as políticas lingüísticas anteriores e non paramos de clamar polo cumprimento da legalidade vixente e pola volta a un consenso que en case 30 anos non deu freado o proceso de substitución lingüística, que non impediu que acelerase, que non foi capaz de inverter tendencias. A eficacia do barullo en que enfociñamos consiste precisamente en obrigarnos a abandonar, coma se fose decisión propia, os criterios que deben guiar toda política lingüística normalizadora. Trocamos necesidades de normalización por posicións de supervivencia precaria. Ninguén parece atreverse a esixir políticas verdadeiramente ambiciosas, audaces, normalizadoras. Ninguén parece querer falar de inmersión lingüística, unha forma democrática e necesaria de recuperar usos sociais para a lingua propia de Galicia, para a que sofre substitución, con todo o que iso significa. E esa modificación tácita de obxectivos normalizadores é o triunfo verdadeiro do seu discurso. Conseguiron empurrarnos contra a trincheira, e teño a sensación de que non dámos saído dela. Pero para situarmos a lingua no futuro cómpre abandonar a trincheira, dar pasos adiante, construírmos a nosa propia axenda, promover para a lingua propia de Galicia medidas de protección, de desenvolvemento, de discriminación positiva que como mínimo a equiparen en usos sociais á que lidera o proceso de substitución. Porque o obxectivo será reverter o proceso de substitución, para o cal a política do laissez faire é ineficaz e sobre todo suicida. Se para iso hai que tirar á varredura un decreto que non garante nunca que a escola deixe de ser un elemento de desgaleguización, pois tirámolo. Sen fetichismos. Peor é caer nas redes do seu discurso e dalo por bo coas nosas involuntarias renuncias motivadas pola súa estratexia.

A manifestación do Día das Letras, multitudinaria, demostra que a percepción social da lingua é positiva. A lingua vívese, non é un cadáver. A sociedade galega no seu conxunto e os núcleos de falantes máis conscientes debemos manexarnos coa lingua neses termos. Serios e belixerantes pero optimistas. Trazando a nosa propia axenda normalizadora, elaborando un discurso propio. Mentres haxa falantes, haberá lingua. Os que percorremos o domingo as rúas de Compostela non faciamos mais que proclamar a nosa decisión de exercer o dereito a vivir a nosa vida na nosa lingua, un dereito que non está garantido nin de lonxe, por certo, pese a esa teima na inversión da proba que caracteriza o discurso uniformizador. E proclamamos esa decisión por enriba de tácticas partidarias inmediatas, con toda a pluralidade e a diversidade, desde puntos de vista coincidentes en moitos aspectos e diverxentes noutros. Porque a lingua, necesariamente, é de todos.

E que opinará o silencioso Consello da Cultura Galega?

]]>
Dimensión reiterada http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/18/dimension-reiterada/ Fri, 17 Apr 2009 23:52:00 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=138 Houbo xa investidura e dis que hai novo Presidente, que seica gañou a votación Núñez Feijóo, aínda que non tomou posesión por ante as multitudes. Nada diferente ao xa coñecido se non fora por esa sensación de virmos de traspasar un burato de verme de estraños efectos na psicoloxía colectiva. Durante mes e pico vímonos expulsados da actualidade mentres iamos caendo, ao pairo pero sen remedio, nunha fracción bastante anterior da dimensión espazotemporal. Talvez as fantásticas viaxes no tempo, eses desvelos íntimos de calquera de nós nalgún momento das nosas vidas, consisten nun suave afundimento depresivo que nos fai sentir desolados, os seres máis desamparados do universo, e nos converte en protagonistas dun dejà vu colectivo que a ninguén lle apetece experimentar. Mais a política ten esas cousas. A representación ofrece case todas as posibilidades virtuais, mesmo o retroceso temporal. A realidade tanxible, a que se sofre, apenas ten permiso para coñecer cambios aparentes nos niveis máis superficiais. Talvez Matrix non nos é tan alleo. Benvidos ao deserto do real.

O profesor Alonso Montero dicía nunha entrevista en Vieiros que o importante non é a nación nin os seus mitos, senón a Seguridade Social, á que habería que lle facer unha homenaxe. Apúntome ás homenaxes que faga falta, pero creo que se engana. Porque os mitos son consubstanciais ás culturas humanas, por tanto instrumentos posibles de dominación e tamén de liberación, imprescindibles mesmo para existirmos como seres sociais, algo tan simple e tan complexo ás veces. Porque a propia Seguridade Social é un mito, un mito dunha esquerda sen utopía que teima en se azorrar ao aparente. Porque o realmente importante non é a Seguridade Social, que mesmo pode ser base eficaz da privatización da saúde, senón a Propiedade. Esa que ninguén ousa discutir. Alonso Montero enganábase nesa entrevista igual que se enganaba ao proclamar que o pobo galego ditou hai tempo a sentenza de morte contra a súa lingua. Porque todo materialista comprende que tras un conflito lingüístico hai unha base material que o explica e que empurra ás persoas a manexaren as súas identidades con sentidos de absoluta urxencia. Mais de lingua habemos ter ocasión de falar.

A sesión de Investidura non debeu dar moito de si. Pero espértanos e colócanos no presente, fainos ver que a viaxe no tempo polo de agora aínda é un soño da ciencia —todo se andará!—, que os retrocesos históricos nunca nos levan a momentos xa vividos senón á farsa do que outrora foi drama ou mesmo traxedia. A representación repítese. É o mesmo festival sempre. Dese lado, a absorción da capacidade política do pobo, o seu diferimento mediante expropiación; do lado de acó, nós, espectadores sempre. Simpatizamos máis con uns ca con outros, madia leva; o xogo así o esixe. Mais as nosas vidas pouco cambian porque, como moito, todo o que se xoga no envite son palabras relacionadas coa Seguridade Social; nunca está en perigo a Propiedade. No deserto do real, as vidas seguen os seus cursos, profilacticamente sometidas á representación, escindidas, aínda que aparentemente protagonistas do espectáculo. A dereita nunca defrauda os seus votantes; a esquerda está condenada a defraudalos sistematicamente mentres a representación política acugule as súas aspiracións. Refén da súa propia contradición.

A sensación de retorno temporal que atacou esta pequena nación durante mes e pico tal vez non se resolve coa investidura do novo Presidente de Galicia. Ao outro día, continúa o sometemento vital ao traballo asalariado. Exactamente igual que cando os protagonistas foron Touriño e Quintana. Nada mudou nestes anos con todo e seren os asalariados e as asalariadas (moitas delas sen salario) quen se mobilizaran para lle pegar á historia un pequeno empurrón. Ao parecer, a historia estaba adormecida; catro anos despois, o traballo asalariado segue fóra das marxes da representación.

No escenario da derrota, os vencidos buscan a maneira de retornar ao estrado. Se esa necesidade responde a unha pulsión transformadora, estariamos vivindo o paso atrás que inevitablemente acompaña os dous pasos adiante de todo cambio real. Demasiada inxenuidade, talvez. Sigamos con ela. Se o obxectivo é mudar as cousas para que mude todo, e máis que calquera outra cousa a vida da vil multitude, o esforzo non pode esgotarse nun cambio de líder ou nunha mellor ocupación dos espazos que a representación lle ofrece a ese actor de reparto con nula capacidade para improvisar. Hexemonía e unidade serán as palabras de orde. E a hexemonía só se conquista mediante a disolución na carne sen órganos da maioría social, chámese proletariado contemporáneo, multitude ou clases populares, tanto ten. Dándolle corpo, forma e vida orgánica a esa carne doente.

Esa é unha opción. A outra é lembrar con morriña que o logro máis visible do finado goberno bipartito foi mudarnos o horizonte, acoutárnolo con xigantescos muíños de vento. Privatizárnolo? Talvez.

]]>