negacionismo – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Socialización lingüística http://antondobao.blogaliza.org/2010/05/15/socializacion-linguistica/ Sat, 15 May 2010 00:17:34 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=647 Posto que nos anda a roldar o Día das Letras Galegas cun ollar de esculca e ironía, deberiamos proceder a combinar algunhas reflexións idiomáticas. Por escapar de tópicos e consignas coma quen foxe do lume, aínda que pirómanos háivolos mesmo debaixo das pedras. As reflexións que eu propoño, só algunhas das necesarias, aman a desorde, son desestruturadas, apenas un asalto de ideas que estes tempos van mirando xerminar. Orixinalidade, pouca. Máis ben certo desexo de novas formas discursivas. A lingua galega, e non ningunha outra xustificación accesoria.

Ata o ano 2009 non vivimos no mellor dos mundos posibles. A ver se agora, aterecidos polo vento do leste, sempre o vento do leste, empezamos a mistificar unha Idade de Ouro imaxinaria como Paraíso Perdido en que a Lingua era usada en todos os ámbitos. O proceso de substitución lingüística camiñaba imparable, talvez caladiño pero teimudo, e sempre na mesma dirección. Hoxe igual. A perda de transmisión é só unha das manifestacións do proceso. A máis dolorosa. Hoxe camiña carreiros semellantes, a paso de boi, pero sen deterse a tomar alento.

Para saírmos airosos de certos conflitos sociais, manifestacións de antagonismos de difícil síntese, cómpre arrincarmos en posición de resistencia, articular despois contrapoder e trazar a posibilidade dun novo poder constituínte. A normalización da lingua, un proceso alicerzado en complexas relacións sociais, de clase, tería que estudar esta folla de ruta. Que todo arrinque en posición de resistencia non esixe fosilización; ao contrario, nada hai menos eficaz ca unha perenne posición de resistencia. A min gustaríame pensar, só que fose por un día, que as forzas normalizadoras comezan a meter o pé en fase nova de contrapoder. Se así for, abandonaremos tácticas defensivas e pasaremos a ensaiar o contragolpe primeiro e o ataque despois. Iso quere dicir que serán as forzas normalizadoras, nós, quen determinen a axenda das políticas e do debate lingüístico en Galicia. Non se lle permitirá ao negacionismo tomar a iniciativa e elixir o terreo de xogo. Nós trazaremos os cursos dos camiños porque coñecemos as necesidades, sufrímolas, temos conciencia delas. Elaboremos programa de avances e impoñamos os ritmos, os debates, as accións e os obxectivos. Rexeitemos o recanto inhabitable que nos ofrecen.

Levamos décadas asegurando que unha política lingüística normalizadora ten que ser transversal, que a súa redución ao ámbito educativo invalídaa por deixar fóra o resto da complexa trama social na que a lingua aínda é residual, da que pode ser expulsada, na que está prohibida. Mais levamos ano e pico falando só de ensino. Moi importante, quen o dubida, pero frustrante. Asumirmos a axenda que nos impoñen condúcenos a extraviar calquera horizonte normalizador. O seu maior triunfo é limar os nosos horizontes normalizadores. Xa non nos propoñemos asaltar o ceo; simplemente pedimos permiso para existir. Mal asunto.

A batalla contra o novo Decreto está dada. Cómpre unha nova fase. Os xulgados agardan. As forzas normalizadoras teñen que transcender a limitadísima eira que propón o negacionismo e conducir o antagonismo á totalidade social. So aí as contradicións poden facer saltar polo aire o cristal puro do edificio que sostén o proceso de substitución lingüística. Ao mesmo tempo, é imprescindible reavivar discursos. Un contradiscurso severo e directo para acompañar un contrapoder que aspire a novo poder constituínte. O suxeito colectivo dese contrapoder, os falantes e os seus dereitos, ten que ser o centro e a referencia dese novo discurso. A determinación de non renunciar a ningún dereito, estea ou non recollido pola lexislación vixente. A posibilidade, esixida, de vivirmos toda unha vida completa, sen fisuras, en lingua galega. Velaí o programa de acción. Só o protagonismo dos falantes pode salvar unha lingua. Illarnos dos falantes por mor de certos temores á contaminación é unha manifestación perversa do principio de distancia.

Se os falantes teñen que ser suxeito de contrapoder e dun novo discurso normalizador, tamén se xerará unha nova perspectiva pública a respecto da lingua galega. O discurso ten que ser positivo, vital, decidido. Non falamos unha lingua moribunda. Non admitimos a posibilidade da catástrofe. A lingua galega non desaparecerá. Somos maioría. Eles son minoría, e ademais inculta, interesada, fanática. Non estamos en fase terminal. Temos tanto futuro coma o universo. Non renunciamos.

Substituamos a canción fúnebre pola festa orgullosa. Sairemos gañando.

]]>
Normalidade sen anomalías http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/03/normalidade-sen-anomalias/ Thu, 03 Sep 2009 12:02:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=506 En Chile, a xustiza puxo orde de busca e captura contra militares implicados na criminal represión do réxime do golpista Pinochet, que enterrou o goberno lexítimo de Salvador Allende vai facer 36 anos de aquí a uns días. En Galicia, un tal Antonio D. Olano deleita co seu pregón das festas de Vilalba os mecanismos viscerais da dereita franquista española. E perdón pola redundancia. Ao seu carón, nas pouquiñas fotografías que nos ofrecen uns medios mestres na ocultación, o novo Conselleiro de Cultura escacha coa risa. Alguén os cría para se eles arrexuntaren.

Olano non é a excepción que luxa a tradición democrática da dereita española; todos zugan do mesmo chafariz. Na Europa republicana de filiación democrática burguesa, a dereita é antifascista. En España non sabe nin pode nin quere selo. En Europa, o negacionismo está perseguido; en España, non só concorren ás eleccións cantas candidaturas fascistas queiran presentarse senón que o revisionismo filofranquista espállase en emisoras de radio, xornais e televisións, xusto alá onde gusta de alternar o noso Presidente Feijóo, que se ve por Intereconomía ou pola COPE máis fachendoso ca un rato no pico dun queixo.

Que Antonio D. Olano vaia a Vilalba e largue no seu pregón de don Franco coa admiración que se lle supoñía é unha anécdota sen importancia. Pero dá indicios. Alguén imaxina que ocorrería en Francia se o seu Ministro de Cultura acudise a lle aplaudir e a lle rir as ocorrencias a un conferenciante que se dedicase a loar a Pétain? Tan inverosímil a posibilidade como que á súa Ministra de Sanidade lle dera por se guiar publicamente conforme ás súas lexítimas crenzas relixiosas e desprezase a falta de forza moral de cidadáns e cidadás que non comparten o seu pensamento mítico e supersticioso, e perdón agora polo oxímoro. Pilar Farjas e Roberto Varela son, por contra, unha beizón hispana.

Mentres os xuíces de Chile poñen en orde de busca e captura militares implicados na represión da ditadura, os españois estudan a maneira de esbarrancar decisións parlamentarias, ou sexa, teoricamente, da soberanía popular. A soberanía española que non reside en militares, xuíces, banca e igrexa é só aparente. A tutela destes sectores vixía calquera posibilidade de decisión das diferentes nacións do Estado. A morte do ditador non supuxo un cambio de réxime senón unha restauración que lle poñía o ramo a calquera remota esperanza de reposición histórica da República asaltada polos militares fascistas un 18 de xullo de 1936 como reacción contra as conquistas das nacións sen estado e das clases traballadoras. Non houbo saneamento, non houbo castigo, non houbo restitución, non houbo xustiza histórica. Por iso Pilar Farjas, Antonio D. Olano, Roberto Varela ou Mayor Oreja non son anomalías; son a normalidade española. Contra as linguas, contra as culturas, contra as nacións, contra a capacidade de decidir, contra a tradición republicana, contra o laicismo, contra a liberdade, contra o proletariado. Contra a democracia, en definitiva, adobíen como adobíen o seu nacional-catolicismo.

Menos mal que temos aí a Don Santiago Rey, ese home enteiro, de aspecto xuvenil aínda que rexo, de peso intelectual apoiado en man dereita e mirada ao infinito, certeiro, primeira persoa, sempre el, que vela por nosoutros, que nos axuda a comprender a realidade, que sufriu e sofre por Galicia, que foi reprimido, que non dorme para ofrecernos a súa sabenza e entrega xenerosa, que é galeguista ben entendido, que usa o seu xornal para acumular diñeiro público por actividades que despois ataca, que chantaxea desde as súas páxinas con ameazas ao estilo das mafias menos sutís. O filántropo, editor, intelectual polifacético, sabio, fillo predilecto de Galicia enteira se non do Universo en expansión, volveunos iluminar hai días esta gruta lóbrega cun tratado breve pero excelso. A súa prosa é brillante, sinxela pero profunda. Lóxico é que haxa quen non dea penetrado en toda a carne do seu ser dialéctico. Non hai problema. Para mellora vital deses seres vulgares, Xosé Luís Barreiro veu a glosárnolo con próxima, aínda que non parella, iso nunca, mestría. Ao lelo, calquera tería a sensación de ulir o betume de lle limpar as botas co que o profesor enxaugaba a boca. Imprescindible, Barreiro.

Se eu fora Feijóo, que por sorte para el non o son, pedíalle audiencia inmediata ao Gran Editor-Filántropo-Filósofo-Fillo Predilecto Universal para lle solicitar de contado informe de todo o que precisa, do que desexa, do negocio que mellor lle viría. Outramente, talvez corra perigo o Presidente de ver borrosa a súa impoluta imaxe nas exemplares páxinas xornalísticas que don Santiago mantén ao noso servizo. Este non é Mefistófeles. Manexa o lume infernal con mellor destreza.

Deus, o da Conselleira, lle conserve por moitos anos ese aspecto xuvenil.

]]>