multitude – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Que todo o sólido quede esvaecido http://antondobao.blogaliza.org/2010/09/13/que-todo-o-solido-quede-esvaecido/ Mon, 13 Sep 2010 11:50:17 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=719 Pero hai a inevitable sensación de que todo se repite. Todo ancorado ao fondo dun tempo que non corre. Dis que a historia camiña; ás veces vénlle ben unha aceleración, que os procesos se revolucionen para que os cambios sexan reais. Mais a frecha non apunta sempre ao mesmo horizonte. Sempre podemos choutar ao pasado. A anacos non vividos do pasado.

A orde nunha sociedade de clases, de propietarios e posuídos, é un valor firme. Orde e progreso era a sentenza preferida do positivismo, tan simple. Concordan os homes de negocios igual que concordou o fascismo. Non perden ocasión para nos dicir que na orde en por si está incluído xa o progreso.

O 11 de setembro fixo nove anos do ataque ás torres e ao Pentágono. Hai algúns anos máis, tamén 11 de setembro, as poutas indisimuladas do capital esgazaron as arterias da experiencia popular chilena, do Presidente Salvador Allende, de todos os seus marabillosos cómplices. En Chile, o fascismo descarnado. Nos Estados Unidos, a coartada para unha reviravolta radical. Despois da salvaxada, un novo fascismo de dobre rostro. Policial e militarizado para o mundo inferior; perverso e de aparencia sutil para o mundo avanzado. Os rostros de Bush, Aznar, Blair e Durão Barroso. Aqueles rostros…

Paolo Virno coida que a Multitude como suxeito histórico, ou sexa, o proletariado moderno, é ambivalente porque no seu proceso político aniña o xerme da liberación, da revolución, da República, pero tamén o do fascismo. A reestruturación catártica do capitalismo en crise exalta na multitude a tendencia ao barullo caótico ao se ver nun espello deformante e crer que a representación é exacta. A destrución de dereitos, aplaudida e alentada polos filósofos de cuarto de hora con cátedra en emisoras de radio, é a manifestación moderada da catarse triunfal. A violencia horizontal é aí outra volta prioritaria. É silenciosa. Ou sexa, non existe para os libros de actas da sociedade do espectáculo aínda que incuba a serpe. As iniciativas racistas de Sarkozy non son contestadas con contundencia. Berlusconi impera. A alternativa a Zapatero é Rajoy. A esquerda segue extasiada ollando para os botes de maquillaxe.

Marx e Engels concibiron o traballo asalariado como un moderno modo de escravitude pactada á forza. Calquera sociedade futura xusta e libre ten que pasar pola súa abolición . A esquerda, por algunha estraña razón máxica, leva décadas sacralizando a escravitude pactada. Toda Folga Xeral impugna o traballo asalariado. E a do 29 de setembro?

Dispersión, incremento -legal ou non- das xornadas laborais, redución salarial, flexibilidade, competitividade, expropiación vital completa, un prezo de mercado para a nosa forza de traballo, dedicación exclusiva, todo sacrificio é pouco para que todos poidamos gozar do maior e máis prezado de todos os bens: un traballo asalariado. A Folga do día 29 non debería impugnar a reforma laboral, senón o comercio da nosa forza de traballo.

O instinto de supervivencia é animal. O capital terá longa vida se deshumaniza, se perfecciona este circo mortal en que a derrota persegue os menos aptos para a supervivencia. A selección natural, chave do coñecemento de nós mesmos e da nosa liberación como humanos, é substituída criminalmente pola selección social. A exclusión permanente como norma. O fascismo como referencia. A solidificación pétrea dunha construción ideolóxica funcional ao interese da propiedade: arriba, o Capital ordena o mundo e as vidas. Abaixo, a multitude agoniza no circo da supervivencia e obedece.

Esa orde ha de ser crebada se o ser humano quere vivir con dignidade. Os discursos teñen que ser combatidos e violentados. Non é certo que para sobrevivirmos sexa necesario que uns poucos se enriquezan infinitamente coa nosa suor, a nosa intelixencia, a nosa habilidade física e a nosa capacidade comunicativa. Non é imposible unha organización social sen sometemento aos caprichos divinos do mercado. Ser esquerda é combater esta falsidade, non axudar á súa constitución en verdade irrebatible. Non se pode organizar o mundo do traballo asalariado sen impugnar o discurso dominante con todas as consecuencias, sen crebar as teas de vidro opacas que nos clausuran as ventás.

O proletariado está desorganizado, fragmentado, satelizado, sen capacidade para recoñecerse nin para profundar na conciencia das súas necesidades. Sen partidos nin sindicatos nin organizacións masivas sometidas á súa vontade colectiva de liberación e de abolición do traballo asalariado é un ermo entregado á maior ofensiva desestruturadora do Capital. O novo fascismo reestrutura, troca dereitos republicanos por falsa sensación de seguridade, reordena o mundo do traballo, atolda o zume da intelixencia e da creatividade e da arte ata a asfixia, reorganiza salarios, beneficios e plusvalías, tortura a semántica, expropia vidas. A Folga Xeral debería impugnar todos os seus principios e as razóns das súas necesidades opresivas. E as súas formas ás veces cínicas e ás veces hipócritas. Non pode ser apenas a protesta contra unha simple reforma que só modifica anteriores reformas pactadas entre os sindicatos maioritarios, os empresarios e o Goberno de España.

O 11 de setembro, por distintas razóns, é unha data de derrotas. Pero o deste ano viu como as Redes Escarlata lle entregaban o VII Premio Vidal Bolaño a Iván Prado e aos seus Pallasos en Rebeldía. Beizón a eles e á memoria de Roberto.

]]>
Encontrar outra vez a esquerda http://antondobao.blogaliza.org/2010/06/10/669/ Thu, 10 Jun 2010 10:35:59 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=669 A crise económica é unha película de estrutura clásica: presentación, nó e desenlace. E está xa todo visto. Como toda película comercial, esíxenos submisión e pasividade. Paguemos o billete e observemos. A poder ser en silencio. O espectador mira. Máis nada. Cando a imaxe nos invade, nós xa non somos nós senón eu desconectados. A insensibilidade é analxésica.

Contan algúns vellos con memoria, esa facultade que o Capital considera superflua, que hai anos se sentían máis protexidos. Quizais porque existía outro modelo de sociedade que funcionaba como referencia alternativa. Talvez porque a fábrica xuntaba baixo os seus teitos de fume tóxico as masas proletarias, que ademais compartían habitación nos mesmos barrios, bebían nos mesmos bares, vían fútbol nos mesmos estadios e botaban os cigarros nas mesmas prazas. Aqueles proletarios dirixían as súas organizacións sindicais; o movemento obreiro traía continuidade desde a Primeira Internacional. A iniciativa histórica pertencíalles. Unha clase en si e para si, dixera o vello Marx. O conflito entre clases era ofensivo. Cada paso, un avance. Cada folga, unha conquista. Cada reforma, un triunfo. Calquera xustificación da que se apropiase o reformismo xurdía das loitas obreiras. Conquista tras conquista.

Talvez a quen máis dano lle fixo a caída material e simbólica do muro foi á socialdemocracia. A implosión do Socialismo Real, con todas as súas imperfeccións, perversións e desviacións, disipou a coartada do reformismo coma se fose unha burbulla de xabón. A mediación entre as aspiracións radicais do proletariado e as necesidades de supervivencia do Capital deixa de ter sentido no momento en que se executa o proxecto de desestruturación proletaria. Ao morrer a referencia dun modelo social alternativo desaparece parte do impulso do movemento obreiro. O Capital xa non necesita intermediarios que amortezan os efectos das loitas obreiras, porque a utopía é declarada inútil, imposible. Á socialdemocracia só lle queda unha regaña pola que observar a luz mesta e sombría dun novo día: o liberalismo como acto de fe, desde a privatización masiva á exclusión da economía dos programas de acción política. A socialdemocracia é forza de choque das contrarreformas liberais. A contrarrevolución en marcha. Empezou coa derrota de maio de 1968.

A crise é unha manifestación da podremia sistémica. O Capital leva décadas en reformas. Establece condicións novas no antagonismo social. Ao reorganizar os modelos de produción, altera a vida completa do proletariado, mesmo a súa composición de clase. O Capital rompe a fábrica, esparexe os barrios proletarios, ataca a identidade de clase. O sistema crea a ilusión de que o proletariado desaparece ou queda reducido á mínima expresión, identificado en exclusiva coa vella clase obreira industrial. Agora todos gobernan para unha fantasmal clase media. A lóxica da fragmentación impón a súa norma de ferro. A esquerda naufraga entre a deslocalización ideolóxica e política dun reformismo inútil e a incapacidade de captar as engurras da nova realidade. Se o proletariado contemporáneo non se recoñece na súa totalidade, se non posúe instrumentos eficaces, organizacións que expresen os seus desexos e proxectos colectivos, mecanismos de defensa e de conquista, o Capital amósase en toda a súa voracidade insaciable. A súa ansia de reestruturación é interminable.

Saír da crise equivale a mandarlle un golpe brutal ao proletariado contemporáneo. Disolvelo na lóxica da fragmentación e da negación. A mellor noticia para o Capital é un proletariado que non se recoñece como tal. Neste escenario, soamente cabe comezar outra vez. Recoñecer a propia identidade, acudir á conciencia das necesidades, asumir a recomposición de clase, que a engorda e lle dá máis corpo e maior intelixencia. O proletariado contemporáneo, que vai máis aló da clase obreira industrial, precisa reorganizarse en unidade, superar calquera división, combater a lóxica da fragmentación e impugnar a representación e a institucionalización como fin exclusivo de toda actividade política. A esquerda é transformadora ou non é. É instrumento do proletariado, das multitudes, ou apéndice institucional do Estado. Para non retrocedermos décadas de golpe, as clases subalternas terán que reorganizarse como clase capaz de alumar instrumentos políticos e sindicais que respondan ás necesidades e lle planten batalla ao Capital. Para resistir os seus embates, si, pero sobre todo para atacar o seu edificio impoñente pero podrecido. O campo de antagonismo é cada lugar, cada pequena loita sectorial, pero tamén o mundo enteiro. A unidade de todas as sensibilidades transformadoras e o nacemento dunha nova Internacional son condición necesaria.

Nese horizonte, o acto de refundación da esquerda que se escenificou en Compostela é unha esperanzadora noticia. Un principio, nada máis, unha miga de pluralidade e unidade desde a diversidade. Oxalá haxa capacidade de reinvención e boas novas para a organización deste proletariado que ás veces parece tan difuso. O contrario será esvaecerse, perder os contornos, deixarse morrer entre as húmidas paredes das institucións burguesas. A rúa, a fábrica social na que transcorre o tempo de produción, reprodución e consumo, será o escenario privilexiado das novas loitas. Impoñamos nós a axenda das conquistas. Segue o ceo esperando a ser asaltado. Outramente, será o fascismo quen atope a terra estercada.

]]>
Contra a certeza, dúbida http://antondobao.blogaliza.org/2009/10/29/contra-a-certeza-dubida/ Thu, 29 Oct 2009 12:11:41 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=557 As túas conviccións outórganche a certeza absoluta; as miñas obríganme a dubidar de todo. Algo así, con outras palabras, vén a dicirlle Hipatia de Alexandría ao Bispo de Cirene en Ágora, a última película de Alejandro Amenábar. Unha paráfrase da historia da humanidade, da loita entre as conviccións relixiosas e a razón.

A historia do coñecemento do que fomos e somos e do universo inabarcable que nos acolle nun recanto afastado dunha apartada e pequena galaxia é unha loita a sangue e ferro contra o poder omnímodo da fe. O coñecemento, con todo e ser intenso en moitas disciplinas, é incompleto. E probablemente non chegará a dar conta de todo o que nos esixe interrogarnos. Velaí a súa grandeza. A razón é fascinante porque dubida. E isto nada ten que ver con relativismos morais nin outras argumentacións pouco consistentes inventadas para condenar —hoxe a fogueira ou a lapidación son só simbólicas, e é un avance— a aqueles seres humanos que ousan traspasar certas fronteiras só abertas á inconmensurable sabedoría de Deus. Por sorte para nós, humanos simples, o coñecemento, e non precisamente a fe, mediante a dúbida vainos facendo máis libres.

Stephen Hawking conta que Xoán Paulo II lles pediu aos científicos, nunha conferencia sobre cosmoloxía celebrada no Vaticano, que non estudasen a orixe do Universo, pois era o momento da Creación, é dicir, obra de Deus. Hawking presentara un relatorio no que teorizaba arredor o inicio do Universo, pero alegrouse de que o Papa non se decatase; non lle chistaba a idea de ser entregado á Inquisición, como lle ocorrera a Galileo. Talvez esaxera o científico, porque en 1992 o propio Xoán Paulo II asinou unha declaración na que a Igrexa recoñecía que a acusación contra Galileo fora un erro motivado por unha tráxica e mutua incomprensión. Ao bo do Galileo déralle por teimar en que a Terra andaba a voltas ao redor do sol. A Igrexa non foi tan severa con Galileo coma con Giordano Bruno, pero é que este sumaba varios crimes ao seu currículo, desde a submisión á ciencia deica a herexía. Hipatia de Alexandría, á que Amenábar lle rende unha fermosa homenaxe, tamén morreu violentamente. Pola razón.

A militancia na fe merece todo o respecto. E non necesariamente é incompatible coa militancia na razón. Mais o conflito é inevitable cando a fe, que inviste a existencia humana de transcendencia, impón os seus principios e as súas normas tanto no ámbito privado coma no público. Aí a fe é totalitaria. É a que define a Igrexa Católica desde Constantino. E non muda nin mudará.

Nesa liña totalitaria circulaba esoutro día Carlos Luis Rodríguez ao perseguir a Carlos Callón, naquela ignominiosa entrevista, para que comparase a manifestación a prol da lingua coa que un día antes atravesara Madrid para esixir a abolición do dereito ao aborto e o correspondente castigo terreal (o eterno está garantido) contra as mulleres que decidan non culminar embarazos e contra todo aquel que practique abortos. Rodríguez, non é nada novo, recorreu insistente á técnica do sofisma infantil: se vostedes din que o Goberno ten que escoitalos por saíren á rúa milleiros de persoas, entón recoñecerán que o Goberno de España ten que escoitar o clamor dos antiabortistas ou como sexa que haxa que denominalos. Ou sexa, somete a xuízo relixioso a ocupación pacífica da rúa e acubíllase no principio totalitario de que a única lexitimidade é a da representación, que é como dicir a da lei. Obvia, por tanto, que o dereito é posterior ao poder constituínte e que muda necesariamente cando muda este. Para el, non é o pobo quen máis ordena, senón a entidade abstracta da representación, que despois de cada proceso electoral queda fixada como vontade unitaria e inmutable, non sometida á multitude, por suposto. A soberanía residirá en cada caso nesa representación absoluta exenta de todo control democrático, só sometida ao control aristocrático das empresas comunicativas.

Sobre ese castelo de fume, o xornalista Rodríguez reitérase nun discurso sen raciocinio, de superficialidade relixiosa. Porque hai mal e hai ben que eticamente han de determinar as liñas de bo ou mal goberno. E para exemplo, as dúas manifestacións. Na estrafalaria concepción do xornalista Rodríguez, unha manifestación estaba amparada polo dereito de responder a un goberno que xeraba división social cunha decisión eticamente reprobable; a outra, por contra, disparaba contra a verdadeira soberanía popular residente no goberno que actúa conforme ao sentido común, á liberdade e á non imposición. As incoherencias profundas e superficiais do hipotético pensamento de Rodríguez darían para moitas páxinas. Mais a propia comparación en si de ambas as manifestacións é, como mínimo, perversa e tramposa. Porque os puntos de partida e de chegada son non xa opostos, senón incompatibles, profundamente antagónicos.

Se o círculo é a perfección, e a perfección é cousa de Deus, o mesmo ca a Creación da Terra e do home, non haberá peor crime que concibir a Terra en movemento elíptico ao redor do Sol. Se o pobo galego lle deu a maioría absoluta ao PP -non importa que as organizacións do bipartito sumasen máis votos- e este retira a lingua da vida pública e do ensino, o pobo galego desexa a extinción da súa propia lingua; negarse a esta vontade divinizada é un crime de lesa patria. Sedición totalitaria. Ambas as argumentacións representan as prevencións totalitarias da fe contra a razón. Pensamento Rodríguez.

A manifestación de Queremos Galego non facía máis que reclamar un dereito posto en perigo por un goberno lexítimo pero sometido a crítica e contestación social. Pola contra, a manifestación antiabortista reclamaba, con coherencia tradicionalista e relixiosa, o castigo para toda aquela muller (e home) que contraveña os preceptos morais dunha confesión relixiosa. Coma con Giordano Bruno e Galileo e tantos outros. Coma con tantas mulleres. Coma con Hipatia de Alexandría. Castigo á impudicia. Certeza totalitaria contra a dúbida racional.

]]>
Lingua, e xa está http://antondobao.blogaliza.org/2009/10/20/lingua-e-xa-esta/ Tue, 20 Oct 2009 17:51:11 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=550 JohanisAlexander[1]

A lingua é obxecto de debate social. Non teño claro se iso é bo ou é malo, pero que a política lingüística dun goberno autonómico reciba a contestación contundente que está recibindo cando só leva executándose uns poucos meses é indicativo de que algo se move. Non parece que os galegos e as galegas esteamos detidos no medio dunha escada a velas vir. Isto anda coma a Terra, que sempre se moveu aínda que o ser humano botase tempo e tempo a ignoralo, e algúns a queimar os seus conxéneres por se atreveren a dubidar da harmonía divina xeocéntrica. Os seus herdeiros manifestábanse hai dous días contra o dereito a abortar, é dicir, esixían castigo para as mulleres que decidan sobre os seus corpos e as súas vidas. Pouco muda.

A lingua non nos é indiferente. Non pode selo, porque é a nosa vida. Organizamos a nosa percepción do mundo con ela, socializámonos con ela, vivímola. Calquera indocumentado, din algúns, dáche clases de lingua. É normal; a lingua tamén é propiedade dos indocumentados, que, ademais, posúen idéntica capacidade para construír infinitos enunciados cun corpus de signos reducido.

No que levamos de lexislatura, a lingua foi á rúa en dúas ocasións. Na primeira, o pasado 17 de maio, a reacción do goberno de Núñez Feijóo foi tan moderada coma a imaxe que a nova xeración do PP de Galicia quería ofrecerlles aos votantes: é unha manifestación preventiva, non hai razóns obxectivas para facela. Era curiosa esa alusión negativa á prevención nun partido que con tanta zunia promoveu e defende a guerra e a represión preventivas. Os que nos manifestamos por Compostela aquel 17 de maio se cadra andabamos coa area no zoco e saïamos á rúa para advertir. Non para ameazar; a multitude non sabe o que é iso, actúa e xa está. Preocupábanos un discurso radical contra a lingua, alicerzado nun limo de prexuízos, ignorancias e falsidades. Este domingo, o 18 de outubro, xustamente cinco meses despois daquel acto de prevención, non sei se se multiplicou ou se sumou a cantidade de navegantes das rúas de Compostela, pero o clamor foi máis contundente e decidido. A proba desa contundencia podemos rastrexala baixo a tona do desacougo público do Partido Popular e do goberno galego. Teño a sensación de que a manifestación amolou máis do agardado.

O goberno de Galicia tería que tirar conclusións. A lingua galega necesita gañar e recuperar espazos sociais, e para iso cómpre unha política de discriminación positiva e medidas de restitución, non vale o laissez faire. O sarillo obsesivo do goberno e de sectores próximos contra esta necesidade pode converter a torta en pan e acabar restándolle máis votos ca os que pretendía aforrar botándose no colo dun grupúsculo sectario, ignorante, reaccionario e tuzaramente galegófobo. Quizais tamén o empeño en manterlle un sorriso de aceptación á caverna mediática e social española, que fede a incenso máis ca a xofre, e á extrema dereita clerical non lle sirva ao Presidente de Galicia máis que para pasar doces soirées nos estudos da COPE e de Intereconomía. Que fagan como mellor lles conveña, pero que lle dean á lingua propia de Galicia o trato que calquera goberno do mundo lle dá á lingua propia da súa comunidade. É só iso.

Mais tamén cómpre tirar conclusións desde esta banda de quen estamos pola plena normalización. Porque hai que desarmar o discurso falsificador, cínico e analfabeto dos que manexan os termos fetiche: imposición, liberdade, bilingüismo. Cómpre recuperar os verdadeiros significados das palabras. E tamén porque debera concluír o tempo dos discursos da derrota. Nas rúas de Compostela había o 18 de outubro demasiada xente como para que nos permitamos o luxo de insistir na desaparición e na morte coma se prevalecese en nós unha pulsión suicida. A mobilización indica determinación da multitude, ou sexa, a necesidade dun discurso de esperanza, firmeza e futuro. Viviremos na nosa lingua e seremos barreira contra todos os ataques que se lle dirixan. E seremos arrogantes: por moito que lles revire as asaduras, a lingua está e estará viva, ocupando espazos sociais e fachendosa da súa hexemonía en ámbitos coma o cultural. Digámolo sempre e en voz ben alta.

O discurso normalizador ten que conectar principalmente cos falantes. Non pode haber fronteiras entre os falantes conscientes e os espontáneos. Haberá que esborrallar vellas interpretacións do conflito lingüístico de substitución psicoloxistas, idealistas, antimaterialistas e culpabilizadoras das propias vítimas. Haberá que ofrecer interpretacións materialistas e fortalecer as proteccións, a autoestima e a lealdade lingüística dos falantes, convidalos a ser os protagonistas deste camiño tan complicado como necesario. Sen distancia.

Co 18 de outubro non terminan as mobilizacións pola lingua. Seguirán. A aparición de iniciativas diversas que se mesturan e avanzan sinuosas, sen seren detectadas polos vellos e inservibles radares, é un sinal de madurez e de vitalidade. O próximo 14 de novembro volveremos atoparnos. Antes, probablemente haxa outras ocasións de seguir obrigando aos ignorantes a se repetiren como papagaios grises: imposición, liberdade, bilingüismo. Pero a cada volta, máis indignados e incómodos, con maior claridade de intencións, ao descuberto a estrutura profunda do seu discurso, os seus principios, a súa cosmografía paiola, o seu analfabetismo rotundo e as interferencias da súa capacidade cognitiva e de abstracción. Morre ese discurso que quixo xogar á metáfora sen se decatar de que a metáfora eran os propios emisores.

A liña de fuga ofrécellela Intereconomía: El ministro de Justicia, contra el bilingüismo. El masón (con entoación enfática) Francisco Caamaño ha participado esta misma tarde en una manifestación junto a independentistas gallegos (imaxes de Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich e Teresa Táboas) en la que ha reclamado la supresión del Castellano en el sistema educativo de Galicia.”

Amén.

]]>
Democracia cualitativa http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/13/democracia-cualitativa/ Mon, 13 Jul 2009 10:19:53 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=467 Ninguén dos que estamos a esta banda do muro que organizan os medios de comunicación para distanciarnos convenientemente da realidade sabe como vai terminar o golpe de estado de Honduras. Desde o día en que xurdiu a noticia, aterradora pola súa brutal capacidade evocadora, outra vez coma visitación dalgún fragmento espacio-temporal antigo, observamos a sucesión dos poucos acontecementos que nos é dado coñecer. E esperamos un final inmediato con derrota para os golpistas. Sempre derrota e golpistas xuntas na fraseoloxía dos nosos desexos.

Pero hai que recoñecer que os golpes de estado non parecen o que eran. Agora adoptan formas contemporáneas que non teñen moito que ver formalmente coas intervencións militares de hai trinta e tantos anos, aínda que a correlación de forzas e a toma de partido dos militares seguen semellando fundamentais. No golpe de estado contra o presidente de Honduras, Manuel Zelaya, reprodúcese un vello axioma: as forzas armadas responden instrumentalmente aos intereses das elites económicas e sociais que ven ameazados os seus privilexios pola teimosía dun gobernante lexitimamente elixido e maioritariamente apoiado polo pobo. Pero a cuestión non é de cantidade, senón de calidade. A democracia cualitativa e o seu sentido común non permiten certas desviacións dos cometidos que aos gobernantes e ás masas populares, organizadas ou non, lles corresponde.

A reacción ao golpe de estado en Honduras foi novidosa. Como os Estados Unidos manifestaron a súa oposición ao golpe, os estados e organizacións internacionais néganse a darlle lexitimidade e recoñecemento ao goberno ilexítimo de Roberto Micheletti. Obama distínguese en certos xestos importantes, sen dúbida. Tamén é novidosa a raíz do golpe. Manuel Zelaya foi elixido presidente como candidato do Partido Liberal. A súa viaxe a posicións esquerdistas detráelle o apoio do seu propio partido pero amécelle o soporte das masas populares, dos pobres, dos excluídos. A reviravolta de Zelaya, coma outros exemplos da Latinoamérica dos nosos días, pon en corentena vellas mitoloxías arredor dos partidos como únicos mediadores posibles entre o pobo e os aparellos institucionais. A organización da multitude reborda por todas as marxes os estreitos lindes das vellas institucións políticas. En termos de transformación social, pode haber multitude sen partido, pero non partido sen multitude. Cando así ocorre, este só é un instrumento de autorreprodución, enxoito, infértil, inútil, un atranco para calquera avance colectivo. Diso a vella esquerda institucional europea debera saber moito.

Zelaya é deposto polos gardiáns da Constitución Hondureña, polo exército e mais pola clase política e xudicial do seu país, contra a maioría social que o apoia mesmo a risco real da propia vida. O golpe xa se alimentou con sangue, como non podía ser doutra maneira. Na democracia cualitativa, está prohibido consultar. O pobo, concibido polas elites da política profesional como unha entidade indiferenciada, monolítica, inmutable, só ten dereito a elixir periodicamente, entre dous ou tres candidatos selectos, quen vai gobernar algunhas cousas públicas. A económica, non; esa é para expertos, exentos de se someteren ao sufraxio de cidadáns e cidadás sen nocións reais da gran relixión da economía.

A democracia cualitativa non ten retorno. Ti depositas unha papeleta hoxe nunha urna, elixes o que as burocracias partidistas deciden e agardas o período correspondente para exercer a túa capacidade política de exame do traballo realizado polos teus hipotéticos representantes. Os partidos do sistema din que cada proceso electoral é unha oportunidade para exercer o dereito de revogación, pero tamén aí menten: cando as posibilidades de escoller están taxadas, non hai liberdade de elección nin dereito á revogación. Non hai democracia real, esa é a primeira lei da democracia cualitativa.

Na democracia cualitativa non hai dereito á devolución. Haino no mercado, pero non na política. En canto o voto escapa da nosa man facemos entrega total da soberanía política. Con razón insisten os medios de comunicación en que a soberanía reside no parlamento, contravindo así os principios democráticos da ilustración, que propugnaban que fose o pobo a súa residencia permanente. Que a soberanía abandone as mans da multitude para quedar pechada na caixa forte do Consello de Administración dos negocios da clase dominante ten as súas consecuencias. Unha delas é a inmutabilidade radical das formas políticas. O estrito rigor co que se vela para que non haxa gromos que enturben o natural discorrer das institucións e das tomas de decisión. En Honduras, Manuel Zelaya cae por cometer a imperdoable ousadía de querer consultar en referendo se unha parte pequena dese edificio podería ser obxecto dalgunha reforma. A consulta, na democracia cualitativa, é unha das maiores afrontas que un gobernante pode cometer. Porque pon en dúbida os alicerces mesmos de todo o edificio xurídico e institucional, que se ha de sentir firme e inabordable para poder cumprir cos seus cometidos. Porque alude sen rubor ao dereito a decidir. E ese é incompatible coa orde xurídica e institucional.

Quizais non sexa necesario acudir a Honduras para apalpar máis manifestacións deste fenómeno inherente á representación política na era do capitalismo serodio. No estado español viviuse como preocupación diaria de cada súbdito o abaneo daquela cruel ousadía do Lehendakari Ibarretxe, cuxa proposta política incluía unha consulta popular. No caso vasco, o golpe de estado non se produce cos mesmos modos, senón mediante a prohibición sistemática dunha opción electoral e o consecuente pacto parlamentario entre as dúas pólas do Partido da Orde: PP e PSOE. A prohibición política dunha parte importante da sociedade vasca crea a ilusión dunha maioría parlamentaria do nacionalismo español que non casa coa realidade social. España segue a ser modélica en formas democráticas inalterables: rexe unha constitución sobre cuxa vixencia non temos dereito a opinar os menores de 50 anos. A monarquía vai no mesmo paquete. Non é casual que os medios de comunicación condenen coa boca pequena o golpe de estado en Honduras ao tempo que anatemizan a indesexable intención plebiscitaria de Zelaya.

O delito é patente: atentar contra a doxa.

Nunha democracia real, a lexitimidade non reside nas propias institucións. Iso é lexitimidade auto-outorgada, non ten mérito. É a multitude, o pobo, a única instancia que outorga lexitimidade. Núñez Feijóo aínda non o comprende.

]]>
Violencia http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/15/violencia/ Mon, 15 Jun 2009 19:56:25 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=431 Nun mundo levantado sobre piares de crueldade, chama a atención observar como se arman discursos de intereses ao redor de certos conceptos de violencia. O universo da competencia salvaxe, da miseria e da exclusión, da acumulación e o empobrecemento parece levarse mal coa violencia. E nós aínda lle acreditamos no conto.

A violencia vén cabo de nós, non se nos desapega, co seu alento frío debúxanos no espiñazo a cartografía do arreguizo. Unha veces escapamos ás súas poutas; outras, deixámonos conquistar pola fascinación, unhas veces épica e outras romántica, dos seus vapores. Na sociedade do simulacro, as formas máis evidentes de violencia cedéronlle terreo á representación. Esta engánchanos, introduce en nós un interese morboso, mergúllanos nas ficcións langrinas, sanguinarias. Quen non acouga ante a versión violenta da xustiza poética en ficción audiovisual? Ás veces o informativo tamén nos impulsa a ese acougo mórbido.

A violencia é a parteira da historia. Rodéanos como unha segunda pel. Ás veces parece unha garantía de supervivencia; sempre, expresa con múltiples rostros os fundamentos do sistema social e económico vixente. É o sangue da sociedade simulacro. Esta violencia múltiple, de infinitos rostros adopta formas suaves e invisibles, expresa a coerción sutil, o control baixo os avíos dunha liberdade só aparente. Quitados os momentos climáticos en forma de batallas sanguinarias e operacións bélico-policiais, a violencia da minoría poderosa contra a multitude é calada, sutil, constante, inalterable. Inxéctanos a alucinóxena aparencia de habitarmos a paz social absoluta. Mais non por iso deixa de ser violencia constitutiva e persistente, inseparable dos fundamentos do sistema, garante absoluta da propiedade, núcleo sistemático da explotación. O traballo asalariado sería imposible de non mediar unha potente violencia cotiá, disciplinaria, existencial.

A violencia repulsa, sen dúbida. Un bo obxectivo social é a súa redución á mínima expresión. Evidenciar as súas formas ocultas tamén axudará a expulsala. Mais ese obxectivo non fai parte do programa dos medios de comunicación de masas, cuxa gran preocupación é impedir que os marcos conceptuais, ideolóxicos, do sentido común se movan tanto que poidan chegar a poñer en perigo o sistema. Esa función conservadora adornarana cun teórico e hipotético respecto á liberdade de expresión e de opinión que nunca dá cristalizado. Que non se note que pola noite alguén vai ás leiras e volve mover os marcos para deixalos onde teñen que estar. Todos os medios teñen dono. As súas leccións coas violencias lexítimas e ilexítimas, reais e aparentes, instrumentais e estruturais son a miúdo moi produtivas.

Que a violencia poida ser unha arma política só é a constatación dun feito histórico. Non luxemos con isto a ética nin a estética. Que os traballadores do metal recorran a ínfimos anacos de aparente violencia para facer visibles as súas reivindicacións vitais non pode suxeitarse hipocritamente á consideración ética se non se mostra en toda a súa magnitude brutal a violencia xorda á que se enfrontan, o seu poder, o seu peso, as súas armas e o seu carácter invasivo. Aplíquese o mesmo para cada gromiño de violencia colectiva cuxa amplificación mediática contrasta grotescamente coa capacidade de ocultación da violencia contra a que se responde.

Gloria Lago exerce violencia contra a lingua galega, o cal quere dicir que intenta aplicárllela aos falantes, que, no seu patético imaxinario perturbado, somos seres cultural e socialmente incompletos, anomalías contaxiosas. Aos exterminadores non lle molesta a existencia da lingua galega nin dos seus falantes mentres non teñamos a ousadía de nos mesturar con eles. Os partidarios da extinción do galego, ou sexa, da ocultación da vergoña, exercen violencia simbólica e psicolóxica para borrar de todo escenario público unha lingua que asocian coa inferioridade social e cultural dos seus falantes. Será, daquela, comparable obxectivamente esa violencia continua co ataque que sufriu unha propiedade de Gloria Lago hai uns días? De ningunha maneira, pero é evidente que os medios de comunicación saberán manexar o caso en interese propio. O martiroloxio entra en escena. Mártires da liberdade e da tolerancia. Niso un tal Roberto Blanco Valdés é bo especialista.

Aí entran en xogo outras consideracións de determinadas manifestacións aparentemente violentas. Unha, relacionada cunha nova ética emancipadora que debera expulsar o castigo do propio universo conceptual pois é constitutivo das formas de violencia sistémicas. A outra, instrumental, porque cando un acto dana a quen se pretende defender é politicamente absurdo, inútil, propio de impulsos pouco lúcidos, contrario a toda lóxica racional. Ambas as reflexións deberan servirlles aos pouco lúcidos autores da gamberrada.

A violencia fai con nosoutros o traxecto da historia deica os nosos días. Contra o aparente, o sistema érguese en piares de violencia fundacional, estrutural e perversa, a máis xorda e eficaz, a que pretende deixarnos sen resposta, a que nos esixe interiorización e identificación coas súas causas, a que nos ata á explotación e ao control, a que nos somete. Os medios de comunicación vixían os nosos movementos. Necesitan que teñamos fe en que esta organización social e económica é pacífica e tende a proscribir toda manifestación de violencia. A nosa aspiración humana é esa, mais a realidade desmente a esperanza. Polo de agora, todo encirra a que unha lasca de violencia de abaixo arriba sufra todas as condenas. Mentres, a violencia estrutural é aceptada como virtude ao tempo que se promove a violencia horizontal nas camadas sociais inferiores para que a frustración existencial teña válvulas de escape constantes.

Crebar esa cadea ideolóxica e discursiva sería un triunfo no camiño dunha sociedade en paz, só posible sen clases enfrontadas entre si. Entrementres, cumpriría esixirlles a Gloria Lago e aos seus, sobre todo ao goberno de Galicia, que deteñan a súa violencia obsesiva contra o galego e os seus falantes.

]]>
Azul Europa http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/11/azul-europa/ Wed, 10 Jun 2009 22:05:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=419 Cando a Núñez Feijoo lle deu por dicir que votar polo BNG era votar a ERC estaba a manexar unha imaxe-estímulo. As campañas electorais non serven para facer chegar propostas, senón para probar na masa informe de votantes-consumidores a eficacia de estímulos diversos. Moi útil experimento para o mercado. A alusión a a unha formación legal e lexítima como ERC por parte do Presidente da Xunta de Galicia responde á técnica de aplicar o estímulo da irracionalidade para conseguir reaccións funcionais aos propios intereses. É a lóxica publicitaria. Moi democrática, como intuímos, pois potencia a liberdade de elección esa que tanto lles gusta. Todos somos autómatas.

O BNG respondeu asumindo o complexo de can. Mente Feijóo, bradou o Portavoz Nacional, votar BNG non é votar ERC. Pero Feijóo non mentía: votar a lista na que estaban os candidatos do BNG implicaba votar candidatos de ERC, e tamén de Aralar, de Eusko Alkartasuna e doutras forzas. Quen votou esa candidatura conseguiu colocar en Europa un deputado de ERC, non a Ana Miranda, aínda que os acordos lle permitan estar en Estrasburgo arredor de ano e medio. Ninguén sabe como se lles vai explicar aos votantes galegos desa candidatura, que introduciron na urna unha papeleta co anagrama do BNG e só cos candidatos do BNG.

Obviamente, o problema non é que o BNG concorra en coalición con outros partidos nacionalistas de centro esquerda. Ao contrario; é o normal, dadas as afinidades ideolóxicas (menos na cuestión nacional, curiosamente: ERC, Aralar e Eusko Alkartasuna son independentistas; o BNG, non). O grave é asumir o discurso do inimigo, aceptalo e contribuír a espallalo na práctica. Dada a mala prensa dos independentistas de ERC, o BNG prefire esquivar a realidade ante os propios electores. Xoga na representación que o réxime lle ofrece, acéptaa e reprodúcea. O desexo de ocultar a súa coalición é a reacción ao pánico que sente a formación nacionalista ante a potencia da doxa do réxime e do sistema. Ocultar antes que explicar. Un dique de contención da conciencia, única forza liberadora. Quen sabe se ese pánico e a práctica que xera ten algo que ver coa hemorraxia electoral.

Dos 40.000 votos que renunciaron ao BNG, parece que ningún quixo buscar acomodo en Iniciativa Internacionalista, que consegue en Galicia apenas os 3.000 votos que habitualmente recaen no peto da FPG. Un clásico. É certo que a ilusionante candidatura tivo un parto accidentado, sufriu criminalización primeiro e despois tragou silencio, mais iso non pode ser explicación suficiente para tal inmobilidade nunhas eleccións nas que tanta xente deixa de votar polo BNG. Xa ocorreu coa FPG nas autonómicas, a pesar dun candidato extraordinario e dunha campaña humilde pero moi ben armada e cun discurso forte.

Non será doado dar con todas as razóns desta acumulación de derrotas, pero a esquerda está na obriga de realizar o esforzo. Sería talvez necesario que se abrise algún proceso de reorganización da esquerda nacionalista, pero iso requiriría tanto unha reflexión sen prexuízos como un desprendemento xeneroso que, sinceramente, non se albisca próximo. Sempre é máis cómodo abeirarse á calor do lume da lareira. Fóra vai frío.

E é certo. Toda Europa sofre unha vaga de frío azul na que só conserva a temperatura corporal a dereita liberal. A esquerda ten síntomas de conxelación. Esa esquerda nominal, entregada desde hai décadas á relixión do Capital, que recibe o pagamento adecuado ás súas políticas de dereita ou aos seus pactos con Merkel para lle pexar os pés á esquerda de Lafontaine. E tamén a esquerda real, que segue escachizada, presa nuns casos de desorientación e noutros de incapacidade de reorganizar as forzas despois das batallas perdidas. Con razóns pero sen forzas.

É verdade que os índices de participación son tan ridículos que deslexitiman as futuras decisións dese Parlamento sen capacidade lexislativa. Esta Europa ármase tan distante dos pobos que a compoñen que representa a expropiación da capacidade política e dos dereitos de participación da multitude. A cidadanía excluída, por Francisco Sampedro. Mais a impugnación radical desta Europa das multinacionais e do mercado non deben cegarnos nin evitar que recoñezamos que en tempo de crise, cando as siglas ERE dominan as primeiras páxinas de todos os xornais, cando a banca non para de acumular beneficios, cando o recorte de dereitos laborais conquistados é obxectivo político de primeira necesidade, cando se carga o peso da crise nos lombos máis febles, a maioría social non está organizada, carece de capacidade de resposta e déixase fascinar polos discursos da dereita liberal e da extrema dereita. Porque entre o medio millón de votantes do PP en Galicia hai obreiros, labregos e mariñeiros pobres. E así, nación a nación, en toda Europa. Hai nestas condicións eido estercado para que prenda o fascismo? Probablemente non co rostro do fascismo do século XX, pero si con novos modos. Non é tan difícil cheiralo.

Nesta altura histórica, o proletariado contemporáneo, a multitude, non posúe organización. Nin política nin sindical, por moito que haxa partidos e sindicatos que cumpren máis que dignamente coas súas responsabilidades. Iso quere dicir que a esquerda ten a necesidade inmediata de reconstituírse. O ideal sería partir de cero e empezar a nacer no seo dos diferentes sectores de asalariados e asalariadas. Pero teño a sensación de que ninguén está disposto a renunciar á propia miseria.

]]>
Máis ca unha data http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/03/mais-ca-unha-data/ Sun, 03 May 2009 01:27:29 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=226 Pasado o Primeiro de Maio, as luces cegan, disólvense na noite refugallos de plástico e o nordés arremuíña a poeira que queda do día festivo. Recolléronse as bandeiras, as pancartas, os textos impresos; a feira ordinaria da vida recupera a rutina. Para algúns, talvez privilexiados, o sábado non houbo traballo. Para outros, non o hai ningún día desde hai meses ou semanas. Rexeitamento colectivo do traballo asalariado? Aínda non. Triúnfo da pilotaxe liberal da crise financeira. A caída da taxa de ganancia converteuse nunha precipitación ao inferno das rendas do traballo. Apura o descenso a ladaíña flexibilizadora, o fetiche da patronal cada vez que algunha sombra con silueta de toupa asoma o fociño. Cando máis do 30% do traballo é flexible, ou sexa, legalmente precario, constitúe cinismo confiar a saída da crise a unha maior flexibilización do mercado laboral. Flexibilidade e competitividade. Estas palabras moran alleas ao dicionario, pero existen. E teñen gume. Mancan.

Terminou o Primeiro de Maio, e, despois do paseo urbano, todos volvemos mansos aos nosos niños. Febras metálicas de luz solar rabuñánnos o pescozo, delicadas coma a liña que separa o ser do nada. Producir, consumir e, se hai lugar e tempo, reproducirse. Que o veo non pare. Coas sobras, exclusión, que agrega sabor ao cóctel de dominio e control agora que a cadea da hipoteca é débil. Foi a nosa procesión laica. Símbolo. Importante, mais non sempre efectivo de todo. Estannos reducindo a unha representación case platónica, igual ca as formas contemporáneas da política expropiada. A crise decide fragmentar os nosos últimos espazos de solidariedade. A carne máis débil, máis precaria, inmigrante, está nun tris de se ofrecer aos nosos dentes famentos. Coidado, a multitude é ambivalente, dixo Virno; a pulsión totalitaria tamén latexa. Véxase a proximidade de múltiples formas de fascismo. O poder necesita que as nosas frustracións flúan en violencia horizontal. Así evita o asalto ao pico da pirámide, alí onde reparten os das confederacións empresariais, os da maquinaria financeira e os sabios da economía despolitizada e indiscutible. Reparten beneficios para si, perdas para os máis e ordes para os gobernos. As organizacións sindicais tratan de parar o temporal.

Pasado o Primeiro de Maio, a realidade deixa a sensación dunha guerra de longa duración na que seguimos recuando para manter a salvo a retagarda. En Chicago, 1886, os traballadores daban os primeiros pasos, mortais, para reducir a xornada laboral a 8 horas. Hoxe, aquela conquista represéntaselles a moitos asalariados e asalariadas no horizonte das utopías. A compañía, a empresa, a obra dos emprendedores, como se lle queira chamar, xa non está na fábrica; instalouse nos nosos cerebros e desde aí manexa a produción e o consumo, o tempo de traballo e o tempo de lecer, se é que se poden aínda distinguir. O Capital goberna o mundo, xa o sabiamos, con man de escuma inxectada de aceiro. Gobérnanos os corpos, os tempos e as vidas, escaravéllanos nos cerebros, busca acougo nas circunvolucións, agóchase e infecta. Non é doado extirpar o furuncho. Os medios de produción simbólica manexan os textos da explotación coma se foran sagradas escrituras dunha relixión que aprendeu a non deixar para mañá a terra prometida e a vida eterna; agora ofrécea no presente, no instante, na proxección imaxinaria dunha existencia diferida a bens de consumo e símbolos de estatus. Pero o presente, o instante, é tan fugaz que sempre é pasado. E aínda non demos co buraco de verme que nos permita manexar o tempo. Mentres e non, os seus textos teñen a lexitimidade dos sabios da tribo; son inobxectables, a única verdade. Cando din crise queren dicir destrución das rendas do traballo asalariado e creba dos dereitos conquistados. O círculo vicioso. Volver comezar para chegarmos a onde estamos. Que o presente sexa o único horizonte visible. A máquina segue funcionando. Xa non nos precisa, pero sábelle a nosa carne e os nosos pensamentos.

Pasou o Primeiro de Maio. Por veces, a celebración parece enzoufarnos na perplexidade. Mudaron as condicións, mudou a composición de clase do proletariado, mudou a forma da fábrica, que agora é social e devece a totalidade, mudaron as relacións de forza, as condicións obxectivas e tamén as subxectivas. Pero existimos. Somos materia viva. O Capital soubo ler a Marx e a Engels mellor que boa parte da esquerda que inda atoutiña á espera da parousía. No momento deste presente sen futuro, cando a crise do capitalismo nos ensina a brecha profunda que lle serve de base a un sistema inxusto e tendente á descomposición, o proletariado contemporáneo, tan diverso pero tan sinxelo en intereses comúns e condicións de vida, está sen instrumento co que erguer outro mundo. A historia zigzaguea mentres desvela as súas feridas. O exército inmenso de asalariados e asalariadas, cada vez maior e máis diverso, podería alterar o ritmo ordinario das cousas. Fáltalle a nova Internacional, o instrumento de unidade que saiba ler os acontecementos e apuntar no albo exacto en cada instante. Cando o vello modelo vai perdendo carne por efecto da gangrena, as forzas do traballo sometido inda non dan armado as novas relacións que teñen que dar orixe ao mundo novo, ese que é posible. Toda a potencialidade colectiva do suxeito histórico do cambio non dá evitado converterse en mercadoría que compramos cos salarios resultantes da venda da nosa forza de traballo. Material ou inmaterial, tanto ten. Outra vez o círculo. Sen organización, os pobres do mundo, os asalariados, estamos illados, sos. Espidos.

O sindicato é o primeiro chanzo da unidade. É o ámbito que mellor debera captar a contemporaneidade coas novas formas do traballo e a nova composición de clase. Tócalle esnaquizar a lóxica da fragmentación. Para gañar en eficacia terá que fuxir da xestión, da burocracia, do pacto social a cambio de nada. A clase obreira en si e para si, consciente das súas necesidades, segue a ser a condición da emancipación. A crise económica, cuxa orixe xa ninguén parece lembrar, navega con dirección asistida. A maioría social, sen dar organizado aínda ben as súas pulsións liberadoras, non impugna con toda a súa contundencia as bases do sistema e a chantaxe do traballo asalariado. Da súa capacidade organizativa, de resistencia, de parir xa novas formas sociais e as institucións políticas que sirvan ás súas necesidades de emancipación depende o futuro da humanidade toda. Un proletariado consciente, unido e organizado mudaralle a faciana á crise. A República da Multitude. De non ser así, barbarie. Por Rosa Luxemburg.

]]>
Os avíos do pirata http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/23/os-avios-do-pirata/ Wed, 22 Apr 2009 22:57:43 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=190 The Pirate Bay é unha páxina coñecida por millóns de persoas en todo o mundo ás que lles deu por compartir cousas. Maiormente produtos inmateriais, que son os que mellor viaxan polas estradas da rede. A sona da páxina leva unha temporada esbolsando en enxurrada grazas ao xuízo aos seus responsables, en Suecia, que os acaba de condenar a un ano de cadea e a indemnizar con 2.700.000 euros a catro sufridas e pobres entidades que mal fan para chegar a fin de mes: Warner Bros, Sony Music, EMI e Columbia Pictures. A razón desta condena posúe denominacións oficiais: piratería, así, na liña tradicional, ou ben descargas ilegais, segundo din os xornalistas que esquecen que descargar arquivos de internet non é ilegal. A reacción dos usuarios é contundente: as entradas en The Pirate Bay multiplícanse a diario.

A noticia case coincide co nomeamento de Ángeles González-Sinde como Ministra de Cultura de España. As reaccións foron unánimes. Os usuarios da rede deron en esixir o seu cesamento antes mesmo de que a señora prometese o cargo. Hai quen di dela que é o Ramoncín do cinema español dado o seu talento artístico e a súa contundencia verbal e visceral contra os piratas que fan descargas ilegais. Con tal bagaxe, a acollida parecía cantada. A estrela de Zapatero inspirou un grupo en Facebook, SINDE PÍRATE!, que integran xa 28.000 membros. A outra achega cultural da nova ministra é sen dúbida o seu apoio ao “Manifiesto por una lengua común”. A preocupación da cineasta polo descoñecemento que os nenos de certas autonomías teñen da Gran Lingua é xa un clásico en todos os foros e espazos da internet. A maiores, a nova ministra, que non parece especialmente dotada para a retórica, é empresaria do sector audiovisual español.

Nin a condena aos donos da páxina sueca nin o traxecto futuro da ministra nin sequera a máis que probable aprobación da nova lei francesa de propiedade intelectual, que enlama con deleite dereitos fundamentais, darán acabado cunha práctica multitudinaria, ou sexa, da multitude, que non ten volta atrás. Compartir contidos culturais, maiormente música e películas, ten o seu aquel inocente, pero non tanto. Impugna as bases do sistema económico e de relacións sociais. Mesmo non o querendo. Porque fai saltar polos aires toda mediación, censora en por si, manexada polos intereses das grandes industrias, e por tanto democratiza radicalmente o acceso dos creadores ao público e viceversa. As emisoras comerciais de radio perden o poder de decidir a música que cómpre escoitar e a que non debe existir fóra do gueto marxinal. A industria dos contidos, como aparatosamente se denomina, non está capacitada para conter a hemorraxia de forzas materiais e inmateriais que ata hai nada tiña controladas. Dominar os produtos, os circuítos e os fluxos culturais, reducilos ás estreitas marxes do mercado e permitir só un consumidor pasivo, é imprescindible para controlar os imaxinarios colectivos e facelos instrumentais ao poder en calquera das súas formas e manifestacións. Mais o intercambio de produtos culturais é desinteresacommunismdo, non persegue o lucro privado senón o gozo colectivo do que se considera obra de todos por estar elaborada con materia prima que a todos pertence, pola que ninguén paga ningún canon. Esa desmercantilización do produto cultural socava radicalmente os principios nos que se asenta o modo de produción capitalista.

Os esforzos da industria por lle poñer cancelas ao mar é inútil. Nin todas as leis xuntas, nin tribunais nin ministras poderán impedir que haxa intercambio desinteresado. Calquera persoa lle pode emprestar a un amigo un libro, un disco unha película. O desenvolvemento das forzas produtivas propicia que ese empréstimo se multiplique por millóns de persoas, o cal xera ocasións favorables a unha relación sen intermediarios entre o creador e o usuario. Só aos autores colocados nos postos privilexiados do establishment lles preocupa a morte das vellas mediacións industriais e a súa substitución por unha relación directa e aberta entre creadores e usuarios. Porque eles son, coas industrias, os principais beneficiarios dun sistema que xa non ten camiños de saída. As súas forzas de resistencia son poderosas, sen dúbida, e aínda se tensarán con certa contundencia. Mais o seu paso ao faiado da historia é un feito tan irreversible como o paso da produción artesanal á produción industrial. Só os reaccionarios, como diría Marx, senten morriña dos modos de produción que a historia xa desterrou. Quen son os verdadeiros piratas?

]]>
Dimensión reiterada http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/18/dimension-reiterada/ Fri, 17 Apr 2009 23:52:00 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=138 Houbo xa investidura e dis que hai novo Presidente, que seica gañou a votación Núñez Feijóo, aínda que non tomou posesión por ante as multitudes. Nada diferente ao xa coñecido se non fora por esa sensación de virmos de traspasar un burato de verme de estraños efectos na psicoloxía colectiva. Durante mes e pico vímonos expulsados da actualidade mentres iamos caendo, ao pairo pero sen remedio, nunha fracción bastante anterior da dimensión espazotemporal. Talvez as fantásticas viaxes no tempo, eses desvelos íntimos de calquera de nós nalgún momento das nosas vidas, consisten nun suave afundimento depresivo que nos fai sentir desolados, os seres máis desamparados do universo, e nos converte en protagonistas dun dejà vu colectivo que a ninguén lle apetece experimentar. Mais a política ten esas cousas. A representación ofrece case todas as posibilidades virtuais, mesmo o retroceso temporal. A realidade tanxible, a que se sofre, apenas ten permiso para coñecer cambios aparentes nos niveis máis superficiais. Talvez Matrix non nos é tan alleo. Benvidos ao deserto do real.

O profesor Alonso Montero dicía nunha entrevista en Vieiros que o importante non é a nación nin os seus mitos, senón a Seguridade Social, á que habería que lle facer unha homenaxe. Apúntome ás homenaxes que faga falta, pero creo que se engana. Porque os mitos son consubstanciais ás culturas humanas, por tanto instrumentos posibles de dominación e tamén de liberación, imprescindibles mesmo para existirmos como seres sociais, algo tan simple e tan complexo ás veces. Porque a propia Seguridade Social é un mito, un mito dunha esquerda sen utopía que teima en se azorrar ao aparente. Porque o realmente importante non é a Seguridade Social, que mesmo pode ser base eficaz da privatización da saúde, senón a Propiedade. Esa que ninguén ousa discutir. Alonso Montero enganábase nesa entrevista igual que se enganaba ao proclamar que o pobo galego ditou hai tempo a sentenza de morte contra a súa lingua. Porque todo materialista comprende que tras un conflito lingüístico hai unha base material que o explica e que empurra ás persoas a manexaren as súas identidades con sentidos de absoluta urxencia. Mais de lingua habemos ter ocasión de falar.

A sesión de Investidura non debeu dar moito de si. Pero espértanos e colócanos no presente, fainos ver que a viaxe no tempo polo de agora aínda é un soño da ciencia —todo se andará!—, que os retrocesos históricos nunca nos levan a momentos xa vividos senón á farsa do que outrora foi drama ou mesmo traxedia. A representación repítese. É o mesmo festival sempre. Dese lado, a absorción da capacidade política do pobo, o seu diferimento mediante expropiación; do lado de acó, nós, espectadores sempre. Simpatizamos máis con uns ca con outros, madia leva; o xogo así o esixe. Mais as nosas vidas pouco cambian porque, como moito, todo o que se xoga no envite son palabras relacionadas coa Seguridade Social; nunca está en perigo a Propiedade. No deserto do real, as vidas seguen os seus cursos, profilacticamente sometidas á representación, escindidas, aínda que aparentemente protagonistas do espectáculo. A dereita nunca defrauda os seus votantes; a esquerda está condenada a defraudalos sistematicamente mentres a representación política acugule as súas aspiracións. Refén da súa propia contradición.

A sensación de retorno temporal que atacou esta pequena nación durante mes e pico tal vez non se resolve coa investidura do novo Presidente de Galicia. Ao outro día, continúa o sometemento vital ao traballo asalariado. Exactamente igual que cando os protagonistas foron Touriño e Quintana. Nada mudou nestes anos con todo e seren os asalariados e as asalariadas (moitas delas sen salario) quen se mobilizaran para lle pegar á historia un pequeno empurrón. Ao parecer, a historia estaba adormecida; catro anos despois, o traballo asalariado segue fóra das marxes da representación.

No escenario da derrota, os vencidos buscan a maneira de retornar ao estrado. Se esa necesidade responde a unha pulsión transformadora, estariamos vivindo o paso atrás que inevitablemente acompaña os dous pasos adiante de todo cambio real. Demasiada inxenuidade, talvez. Sigamos con ela. Se o obxectivo é mudar as cousas para que mude todo, e máis que calquera outra cousa a vida da vil multitude, o esforzo non pode esgotarse nun cambio de líder ou nunha mellor ocupación dos espazos que a representación lle ofrece a ese actor de reparto con nula capacidade para improvisar. Hexemonía e unidade serán as palabras de orde. E a hexemonía só se conquista mediante a disolución na carne sen órganos da maioría social, chámese proletariado contemporáneo, multitude ou clases populares, tanto ten. Dándolle corpo, forma e vida orgánica a esa carne doente.

Esa é unha opción. A outra é lembrar con morriña que o logro máis visible do finado goberno bipartito foi mudarnos o horizonte, acoutárnolo con xigantescos muíños de vento. Privatizárnolo? Talvez.

]]>