Memoria Histórica – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Con Garzón, non http://antondobao.blogaliza.org/2010/04/28/con-garzon-non/ Wed, 28 Apr 2010 18:00:57 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=637 O malo destas cousas é que todo se confunde, nada queda claro, e no barullo nunca gañamos. O peor do manexo de consignas é o baleirado semántico, co que os feitos pasan a ser arquetipos de gran capacidade connotativa. Afectiva, por tanto. Sempre ó gusto de quen manexe as mensaxes e as canles. Cando a comunicación é unidireccional, manexar vontades e afectos dos receptores non é obxectivo menor.

Que fixo Garzón para merecer isto? Investigar os crimes do franquismo, disque. Mais cando un procura datos máis específicos, un coñecemento pormenorizado do que pode significar exactamente “investigar os crimes do franquismo”, termina a viaxe no punto de inicio. Entón, pode ocorrérsenos que nestas tres últimas décadas houbo momentos, ocasións e escusas para investigar cando menos un dos crimes do franquismo. E, vaia, home, ninguén considerou oportuno facelo. E había responsables aínda vivos, seguramente. Non foi nunca oportuno? Talvez. Baltasar Garzón ten un sexto sentido para aproveitar oportunidades.

Tamén é posible que daquela Baltasar Garzón soubera que os alicerces do réxime que con tanto esforzo el contribúe a robustecer teñen textura semellante ós do pasado inmediatamente anterior. O réxime de monarquía parlamentaria é a continuidade histórica dos corenta anos de ditadura. Quedou así fixado polo réxime, pactouno parte dunha esquerda desorientada, acovardada e desertora da historia. En xullo de 1936 levantouse o exército contra a República Española, fíxolle a guerra, reprimiuna, asasinouna, borroulle a face da superficie da terra, luxou a súa memoria, e ó cabo duns anos restaurou a orde natural das cousas. Contra o pensamento exclusivo, cómpre lembrar que a Transición non vai de 1975 a 1978, senón de 1936 a 1975. Tras eses corenta anos de transición volveron as formas de goberno anteriores a 1931, as bandeiras, os himnos, todo. Talvez Garzón non o sabía. É probable que aínda non o saiba.

O malo destas cousas é que ninguén pode permanecer alleo ó que ocorre. España prohibe a memoria, iso é evidente. A Garzón séntao no banco dos acusados a ultradereita contra a que el nunca actuou. Non tiña tempo. Andaba ocupado en lapidar outras expresións políticas máis incómodas. Lembroullo hai uns anos o Subcomandante Marcos, e o maxistrado respondeu cunha ameazadora indignación. Pero así e todo, ninguén poderá permanecer imparcial cando se enfronta o desexo de tantas persoas, coma as que se manifestaron estes días, de que a memoria dos seus sexa restablecida, contra a determinación da extrema dereita de tradición franquista, de Mayor Oreja a Manos Limpias, de impedir con todo o seu poder sequera unha pequena parte do recoñecemento que se lles debe ás vítimas do fascismo, que ó cabo somos todas e todos. Entre os manifestantes que portaban rostros dos seus desaparecidos e os irados e ofendidos fillos da serpe, calquera persoa de ben sabe a quen acompañar. Que falen, se queren, de vinganza. Eles, que nunca a sufriron, que defenden aínda hoxe, con impudicia extrema, a eliminación dos derrotados, daqueles inxenuos que ousaron un día soñar con alteralo todo e espertaron do soño en fosas comúns.

O malo é esa ansia por simplificalo todo. Nin o goberno español tivo valor nin ganas de elaborar unha Lei de Memoria Histórica que merecese tal nome e non quedase nun covarde acto de propaganda que nin serve para anular xuízos criminais. Sen simplificación, hoxe o debate poñería en cuestión o que está prohibido remover e as súas razóns. Mais para que non treman os alicerces nin as coartadas do réxime cómpre a simplificación e reducilo todo a unha persecución contra Baltasar Garzón. Cando todo se simplifica, nada se coñece.

Baltasar Garzón é un maxistrado de espectaculares operacións televisadas e escasa eficacia. Nin vitorias contra o narcotráfico, nin contra a corrupción, nin persecución de crimes contra a Humanidade. Por algunha estraña razón, as instrucións deste maxistrado terminan en auga de bacallau. Triunfa o espectáculo sobre a realidade. Baltasar Garzón é probablemente o maxistrado que pode presumir do maior número de persoas encarceradas pola súa militancia política e pola súa ideoloxía. E, sen dúbida, o que máis medios de comunicación pechou. A súa actuación no caso da clausura de Egin é paradigmática, pero non a única. Peches inxustificados e rexeitados posteriormente pola propia xustiza, detencións indiscriminadas, incomunicación de detidos, burla das denuncias de tortura… Garzón é un experto en accións xudiciais de excepción contra as diversas manifestacións de disidencia. A súa carreira profesional non se entendería sen lle dar sentido de estado a ese tribunal de excepción que é a Audiencia Nacional.

Reducir á figura de Garzón este proceso da extrema dereita fronte á memoria histórica, con todo o que esta debera significar, é un mal favor ás razóns dos derrotados, ás súas arelas de xustiza, e ademais unha ironía. Aquí o antagonismo ten outros nomes. E a esquerda no Estado Español debera ter valentía suficiente para pronuncialos sen que lle treman os órganos fonadores. Por primeira vez en trinta e tantos anos.

Eu, con Garzón, non.

]]>