Matrix – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Dimensión reiterada http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/18/dimension-reiterada/ Fri, 17 Apr 2009 23:52:00 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=138 Houbo xa investidura e dis que hai novo Presidente, que seica gañou a votación Núñez Feijóo, aínda que non tomou posesión por ante as multitudes. Nada diferente ao xa coñecido se non fora por esa sensación de virmos de traspasar un burato de verme de estraños efectos na psicoloxía colectiva. Durante mes e pico vímonos expulsados da actualidade mentres iamos caendo, ao pairo pero sen remedio, nunha fracción bastante anterior da dimensión espazotemporal. Talvez as fantásticas viaxes no tempo, eses desvelos íntimos de calquera de nós nalgún momento das nosas vidas, consisten nun suave afundimento depresivo que nos fai sentir desolados, os seres máis desamparados do universo, e nos converte en protagonistas dun dejà vu colectivo que a ninguén lle apetece experimentar. Mais a política ten esas cousas. A representación ofrece case todas as posibilidades virtuais, mesmo o retroceso temporal. A realidade tanxible, a que se sofre, apenas ten permiso para coñecer cambios aparentes nos niveis máis superficiais. Talvez Matrix non nos é tan alleo. Benvidos ao deserto do real.

O profesor Alonso Montero dicía nunha entrevista en Vieiros que o importante non é a nación nin os seus mitos, senón a Seguridade Social, á que habería que lle facer unha homenaxe. Apúntome ás homenaxes que faga falta, pero creo que se engana. Porque os mitos son consubstanciais ás culturas humanas, por tanto instrumentos posibles de dominación e tamén de liberación, imprescindibles mesmo para existirmos como seres sociais, algo tan simple e tan complexo ás veces. Porque a propia Seguridade Social é un mito, un mito dunha esquerda sen utopía que teima en se azorrar ao aparente. Porque o realmente importante non é a Seguridade Social, que mesmo pode ser base eficaz da privatización da saúde, senón a Propiedade. Esa que ninguén ousa discutir. Alonso Montero enganábase nesa entrevista igual que se enganaba ao proclamar que o pobo galego ditou hai tempo a sentenza de morte contra a súa lingua. Porque todo materialista comprende que tras un conflito lingüístico hai unha base material que o explica e que empurra ás persoas a manexaren as súas identidades con sentidos de absoluta urxencia. Mais de lingua habemos ter ocasión de falar.

A sesión de Investidura non debeu dar moito de si. Pero espértanos e colócanos no presente, fainos ver que a viaxe no tempo polo de agora aínda é un soño da ciencia —todo se andará!—, que os retrocesos históricos nunca nos levan a momentos xa vividos senón á farsa do que outrora foi drama ou mesmo traxedia. A representación repítese. É o mesmo festival sempre. Dese lado, a absorción da capacidade política do pobo, o seu diferimento mediante expropiación; do lado de acó, nós, espectadores sempre. Simpatizamos máis con uns ca con outros, madia leva; o xogo así o esixe. Mais as nosas vidas pouco cambian porque, como moito, todo o que se xoga no envite son palabras relacionadas coa Seguridade Social; nunca está en perigo a Propiedade. No deserto do real, as vidas seguen os seus cursos, profilacticamente sometidas á representación, escindidas, aínda que aparentemente protagonistas do espectáculo. A dereita nunca defrauda os seus votantes; a esquerda está condenada a defraudalos sistematicamente mentres a representación política acugule as súas aspiracións. Refén da súa propia contradición.

A sensación de retorno temporal que atacou esta pequena nación durante mes e pico tal vez non se resolve coa investidura do novo Presidente de Galicia. Ao outro día, continúa o sometemento vital ao traballo asalariado. Exactamente igual que cando os protagonistas foron Touriño e Quintana. Nada mudou nestes anos con todo e seren os asalariados e as asalariadas (moitas delas sen salario) quen se mobilizaran para lle pegar á historia un pequeno empurrón. Ao parecer, a historia estaba adormecida; catro anos despois, o traballo asalariado segue fóra das marxes da representación.

No escenario da derrota, os vencidos buscan a maneira de retornar ao estrado. Se esa necesidade responde a unha pulsión transformadora, estariamos vivindo o paso atrás que inevitablemente acompaña os dous pasos adiante de todo cambio real. Demasiada inxenuidade, talvez. Sigamos con ela. Se o obxectivo é mudar as cousas para que mude todo, e máis que calquera outra cousa a vida da vil multitude, o esforzo non pode esgotarse nun cambio de líder ou nunha mellor ocupación dos espazos que a representación lle ofrece a ese actor de reparto con nula capacidade para improvisar. Hexemonía e unidade serán as palabras de orde. E a hexemonía só se conquista mediante a disolución na carne sen órganos da maioría social, chámese proletariado contemporáneo, multitude ou clases populares, tanto ten. Dándolle corpo, forma e vida orgánica a esa carne doente.

Esa é unha opción. A outra é lembrar con morriña que o logro máis visible do finado goberno bipartito foi mudarnos o horizonte, acoutárnolo con xigantescos muíños de vento. Privatizárnolo? Talvez.

]]>