Martin Niemöller – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Á beira do baleiro http://antondobao.blogaliza.org/2010/10/15/a-beira-do-baleiro/ Fri, 15 Oct 2010 19:06:36 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=738 Os sublevados en armas en 1936 gañaban a guerra e ían impoñendo a súa orde nova. Aos que defenderon a legalidade republicana, cando non os pasearon impunemente, prendéronos, acusáronos de rebelión militar con todo o cinismo fascista, xulgáronos con celeridade e asasináronos. Os fascistas tiraron proveito dunha xustiza que se volveu dilixente e rápida. Aqueles crimes demostran que non é necesariamente máis xusta unha xustiza veloz. O dereito é sempre posterior ao poder constituínte. Aquel era fascista e católico.

Ao fascismo sempre lle agradou o imperio da lei, ampararse na propia legalidade, sempre ilexítima, para actuar contra grupos e individuos incómodos e desafectos. Mesmo o asasinato máis vil pode ser legal. O imperio da lei como máxima referencia ética e política é instrumental aos grupos dominantes e aos seus intereses de dominio. Eles marcan as regras, a propiedade como referencia universal, primeiro e superior dereito ao que se han de someter todos os outros, sexan individuais ou colectivos. O Estado de Dereito é a pantalla do parlamentarismo controlado, protección e coartada para o Capital. Que a esquerda asuma a súa defensa como horizonte político, social, económico e lexislativo é, como pouco, suicida.

En fases anteriores do movemento obreiro, os fortes lazos identitarios do proletariado e unha organización eficaz lograban, mediante loitas duras e cheas de sacrificios, introducir reformas nos aparellos lexislativos dos estados burgueses. Cada reforma significaba un paso adiante en conquistas que eran observadas como puntos sen retorno. Pasaron aqueles tempos, mudou por diferentes razóns a correlación de forzas, a composición da clase obreira tamén mudou, e o Capital iniciou unha contrarreforma global destinada a deixar sen efecto, unha a unha, todas as vellas conquistas. O proletariado, desagregado, non se dá recoñecido nestes tempos en que a fábrica é a sociedade enteira. A organización converteuse nunha utopía. O sentido de cada reforma lexislativa é a desestruturación radical, a dispersión, a redución a milleiros de identidades difusas, que compitan entre si. A submisión definitiva.

Na enxurrada contrarreformista, todo é máis descarado. Ás leis non lles importa perder a aparencia de imparcialidade e de representación neutra do ben común. O cinismo é impune. Cada reforma é unha ferida que sangra. A indecencia lexislativa e argumental do Estado español ten múltiples rostros. Das reformas laborais á Lei de Partidos. Europa, tras o asalto filonazi de Sarkozy, prepara máis reformas contra grupos conflitivos. O vello poema de Martin Niemöller ten máis vixencia ca nunca. Xitanos, romaneses, húngaros, vascos, galegos, asalariados, calquera colectividade estraña ou conflitiva debe ser excluída en beneficio do interese xeral. Sen identidade, ninguén se sente afectado polo que lles pase aos expulsados. Ao contrario. E iso que segundo os fundamentos do dereito burgués o individuo só poderá ser condenado por mor dos seus actos e non por pertencer a ningún grupo social, étnico, lingüístico, nacional ou ideolóxico.

Se a esquerda, toda a esquerda, mesmo a vergonzante socialdemocracia, non é capaz de reaccionar, de organizarse, de poñer en cuestión o que ocorre, o que se ve, o que se sente e o que permanece oculto, de interpretar os mecanismos da maquinaria social, de disolverse se é preciso para renacer como expresión certeira das clases subalternas, dos asalariados, do proletariado moderno, da multitude ou de como lle queira chamar ao suxeito histórico dunha transformación improrrogable, se non sabe desfacerse de lastres e mesmo renunciar aos cálidos salóns enmoquetados da institucionalidade capitalista, daquela quedará -xa vai quedando- vía aberta para que o novo fascismo opte a representar a totalidade do corpo social co apoio entusiasta da parte máis escura dunha multitude ambivalente. Fascismo por renuncia e abandono. Un crime imperdoable.

Mentres, en Chile, o desenterramento de 33 mineiros sepultados polo capitalismo e a empresa privada convértese nun espectáculo mediático de primeira magnitude. O novo reality show baterá marcas de audiencias e dará beneficios. O lucro ten múltiples rostros. Detrás do fulgor televisivo e da santificación de Sebastián Piñera, a humidade balorenta da pobreza e a explotación. A experiencia fría do baleiro.

]]>