manipulación – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Televisión… Manipulación? http://antondobao.blogaliza.org/2009/11/26/television-manipulacion/ Thu, 26 Nov 2009 00:16:53 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=572

Rimar televisión con manipulación non queda demasiado brillante. Se analizamos todas as noticias dos medios de comunicación e as filtramos pola nosa percepción dos acontecementos, dos seus antecedentes e contextos, dos suxeitos participantes, chegaremos a conclusións divertidas. A primeira adiántoa eu: contar a realidade implica manipulala. Desde cando e quen decide o que se debe contar e o que non ata o propio proceso de elaboración, pasando pola posición que unha noticia ocupa nunha páxina dun xornal ou nun espazo informativo radiofónico ou televisivo. Falar, por tanto, de manipulación como marca de identidade dunha televisión (neste caso, que casualidade, pública) fronte aos outros medios vén a ser como non dicir nada. Haberá máis manipulación na TVG que na SER, na COPE, en Intereconomía, en VEO, en Tele5, en Antena3, en TVE, en La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, El País e así deica o infinito? Rotundamente, non. O problema é que se faga digna de confianza a lenda urbana segundo a cal os medios públicos están sometidos á censura e á manipulación política mentres os privados responden a intereses de información e servizo á cidadanía e son garantía de liberdade.

A TVG leva 25 anos apegada a non poucas mensaxes críticas. Habendo múltiples aspectos dos nosos medios públicos profundamente mellorables, sorprende que toda preocupación recaia na información e na súa relación coas forzas parlamentarias. Instrumentalización a tres bandas. A obsesión dos funcionarios dos partidos non é a contribución dos nosos medios públicos aos procesos de normalización, a creación de universos simbólicos propios, a configuración dun audiovisual galego que mereza realmente tal nome. O que lles quita o sono é o cronómetro: cantos segundos de atención informativa merece cada partido ou en que medida están representados -eles e ninguén máis ca eles, é a perversión da representación- en diferentes zonas da programación. Pero a ninguén lle importa que a CRTVG reciba case un 8% menos de investimento público para o ano 2010.

Ninguén reflexiona sobre os medios de comunicación que necesitamos e para que os precisamos. Iso obrigaríanos a abandonar a consigna, tan doada como baleira, tan eficaz para socavar, palabra a palabra, o prestixio que os medios públicos precisan nunha batalla desigual cos medios privados e os seus intereses. Sobre todo cando os medios públicos son unha illa anómala en lingua galega rodeada por todas as partes por medios monolingües en castelán. A irresponsabilidade é compartida. Non sería mala cousa saber que rumbo leva o barco que tanto precisamos para non afogar no medio dun océano hostil e alleante, tan imprescindible para a lingua e a cultura de Galicia coma o osíxeno para os nosos pulmóns. O barco, quero dicir.

A reformulación necesaria dos medios públicos de Galicia pasa por un compromiso co seu futuro plasmado, en primeiro lugar, nun novo Consello de Administración non ocupado polas burocracias partidistas nin polo capital privado das produtoras audiovisuais, senón por sectores diversos da sociedade non condicionados por intereses de lucro nin de hexemonía partidaria. Unha nova concepción das audiencias televisivas tería que iluminar esta reformulación. Cómpre acabar coa imaxe falsa dunha audiencia monolítica e uniforme manexada polos intereses das axencias publicitarias, aos que se somete todo o mundo. Cómpre abrirlle a porta á multiplicidade de audiencias potenciais, con gustos e intereses diferentes, que merecen igual atención dunha televisión pública.

Encetemos o debate con xenerosidade e coa intención de posuírmos uns medios públicos ao servizo dunha lingua e dunha cultura, que estean en mans da sociedade. Seguirá habendo diferenzas de criterio no tocante ás informacións, porque a comunicación de masas crea a realidade, non a reflicte. O importante será determinar que realidade desexamos que os nosos medios públicos contribúan a crear. En todos os seus espazos, non só no reducido, endogámico, sobrevalorado e sectario ámbito da información.

As tres forzas parlamentarias deberan dar o primeiro paso. Pero non creo que o fagan.

]]>