Lingua – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 É a nosa anomalía http://antondobao.blogaliza.org/2010/07/29/e-a-nosa-anomalia/ Thu, 29 Jul 2010 12:07:03 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=704 Foron 25 anos o 25 de xullo. Con ela e o seu paso atravesado polas engurras temporais fomos crecendo; fixémonos adultos, pasamos como todo ser humano por alegrías, tristezas, euforias e derrotas. Por veces púxosenos desagradable e distante; noutras ocasións, soubo ser próxima e amable. Nunca deu sido como desexamos. Pero estivo sempre aí. É moza, talvez inexperta, pero parece levar toda a vida entre nós. Ten defectos, pero é a única que temos. Non hai outra.

A TVG non é Telegaita. Ás veces, o desprezo agocha unha complexa necesidade de distancia, de non sermos identificados co que somos. Nada novo neste país de contrastes entre o ser e o esvaecemento. Se viramos arredor do menú das televisións que nos invaden as casas e a vida, afogaremos nun mar de alleamento tan atoldado que impide a visión máis aló dos seus reflexos. As dúas canles da TVG son minúsculas illas de lingua galega no océano dunha abusiva supremacía española que tamén se basea en piares autóctonos, coma esas canles concedidas por Fraga Iribarne uns minutos antes de abandonar o goberno. Pero entre tanto baleiro intelectual, tanto folclore faralaes, tanto touro, peineta e copla, tanta saturación de decibelios, tanto significante sen significado, tanta amálgama de nacionalismo visceral e esencialista español, tanta emoción a enxurradas, tanta entrega gozosa ao mando dos mercados, tanto negocio con vidas exemplares, tanto universo simbólico degradante e alienante, só a TVG parece merecer o desprezo displicente. O complexo do colonizado esixe a pose impostada dun distanciamento fachendoso. Que non vaian pensar que somos coma eses pailáns. A lingua sabe ben como operan as múltiples manifestacións do principio de distancia.

A TVG leva vividos 25 anos. Un cuarto de século das nosas vidas sendo o único medio audiovisual monolingüe en galego na era da comunicación masiva. A institucionalización da anomalía. Esa condición de singularidade monolingüe debería esixir a defensa radical da súa existencia, do seu desenvolvemento, do seu futuro, da súa liberdade. É a nosa anomalía. E nin así. Un cuarto de século a esquivar os múltiples proxectos de desestruturación, de entrega ao privado, de desnaturalización, de uniformización aínda que sexa camuflada. Son incansables. Ao outro día do 25 de xullo, esa cacharela de intelixencia total, editor dun xornal español con sede na Coruña, advirte aos seus devotos lectores do gasto absurdo que en tempos de crise significan as televisións públicas. A corporación que o posúe leva vinte e cinco anos expropiándolle a vida e o diñeiro á televisión pública de Galicia, día tras día, coas mellores artes dun grupo mafioso que esixe coa arma enriba da mesa o que un día decidiu que lle correspondía por razón da forza.

Vinte e cinco anos despois, o Parlamento de Galicia debate o futuro da CRTVG. Está ben. Ao mellor é o momento de que os tres partidos parlamentarios pensen o seu modelo de medios públicos e o expoñan detalladamente. Non sería mala cousa que ao mesmo tempo abandonasen a estraña idea de que a TVG é soamente un instrumento para a información, que a única preocupación que nos pode mover vén integrada nese sintagma tan baleiro coma tautolóxico da manipulación informativa. Porque os nosos medios públicos son moitísimo máis. Posúen dúas dimensións que calquera modificación lexislativa deberá ter necesariamente en conta. Por unha banda, son o máis poderoso instrumento de normalización lingüística e cultural de Galicia. Nas pantallas da TVG a lingua galega funciona como un idioma plenamente normalizado, como unha variedade lingüística viva en todas as situacións comunicativas e de uso común a todos os falantes, independentemente da súa procedencia social e xeográfica. Do outro lado, a TVG ten enorme responsabilidade na elaboración de universos simbólicos que nos identifiquen como un nós-outros ante nós mesmos e ante o mundo. Na súa programación, da que deberan desaparecer certas visións pintorescas dun ser galego que se abanea entre a idiotez, a incultura e o narcotráfico, se nos fiamos polos retratos comunitarios de certas series de ficción ou certos filmes. Tamén, precisamente, noutras responsabilidades sociais e culturais, como a de contribuír á construción dunha industria audiovisual que necesita novos rumbos se Galicia quere posuír unha expresión propia, diferente, de calidade, na súa lingua.

Se os grupos parlamentarios se comprometen ben co futuro dos nosos medios públicos saberán fortalecer estes dous aspectos. Sería bo que o debate pisase estes terreos e arrombase vellos tópicos relativos ao mundo do xornalismo, que segue a considerarse o centro de todo proxecto comunicativo cando non é máis ca un accesorio periférico moi necesitado de actualización e compromiso.

Porque a TVG segue a ser imprescindible. Máis ca nunca.

Lémonos outra volta en setembro. Deica aló, felices e merecidas vacacións.

]]>
Indisoluble Unidade http://antondobao.blogaliza.org/2010/07/14/indisoluble-unidade/ Wed, 14 Jul 2010 12:02:27 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=699 A sentenza do Tribunal Constitucional contra o Estatuto de Autonomía de Cataluña ten algunhas virtudes que nunca moraron nos cálculos dos que presentaron o recurso nin nos dos autores da resolución.

A reforma estatutaria convertérona a dereita e o patriotismo español nunha declaración de guerra contra principios sagrados. A Indisoluble Unidade da Nación Española á fronte de todos eles. Este ben inmaterial periga ante o cruel acoso lingüístico, cultural e político dos nacionalismos destrutivos e excluentes. Levamos trinta e tantos anos aturando o mesmo discurso. Máis outros corenta anteriores. E aquí seguimos.

Nación non pode haber máis que unha, proclama con fachenda e temor o Tribunal Constitucional e así pon couto ao imposible. As nacionalidades históricas non son o que parecen. As autonomías -cos seus estatutos e institucións- non son o resultado dun pacto entre suxeitos políticos diversos senón xenerosas concesións administrativas. Igual cho dou como cho quito. Os pobos vasco, catalán e galego non existen nin existen as súas nacións. O Tribunal Constitucional establece que o marco xurídico-político é unha doazón, unha especie de novo Fuero de los Españoles. Non houbo acto constituínte senón herdanza dun poder ilexítimo. Xa o sabiamos, pero era ben que o recoñecesen.

A primacía de España sobre as outras nacións ibéricas, condenadas á non existencia e a unha condición subalterna infranqueable, reflíctese como nun espello no territorio das linguas. A Fundación FAES, inspiradora da política lingüística da Xunta de Galicia, triunfa na delirante sentenza do Tribunal Constitucional. O réxime non comprende as linguas vernáculas fóra da subalternidade. As comunidades autónomas non poderán executar políticas tendentes a situar as linguas propias sequera ao mesmo nivel ca a lingua española, que non é común nin propia neses territorios. O Tribunal Constitucional consagra a desigualdade entre linguas, real na vida diaria, e constrinxe a dimensión das políticas normalizadoras. Fosiliza o modelo lingüístico vixente no Estado español, que preserva a supremacía do castelán e profunda na subalternidade das outras linguas. Baixo o actual réxime, non hai futuro para as linguas minorizadas. Só a esperanza de que os procesos de substitución poidan ser retardados. E a resistencia.

A Indisoluble Unidade da Nación Española é a chave de bóveda do edificio político español. Pero por detrás da aparente fortaleza de tal mandamento, claramente relixioso, tanta insistencia só pode ocultar unha debilidade extrema. A nación española non é indisoluble, a menos que sexa o resultado dunha concepción e creación divina. Franquismo sen máis.

Para o proxecto patriótico español, excluínte e negador por natureza e tradición, a soñada unidade só se garante por imposición. Por iso é máis imposible que indisoluble, sempre sometida a conflito. Calquera unidade estable —nunca indisoluble— só sería posible mediante pacto libre de partes que se recoñecen mutuamente. Dunha banda, España; da outra banda, as outras nacións peninsulares. En pé de igualdade. O resultado sería un estado federal pactado libremente. Mais esa posibilidade non ten acollida dentro do vixente marco xurídico e político. A Constitución Española non a admite porque crebaría a supremacía exclusivista da nación española e a conseguinte subalternidade das outras nacións peninsulares, a base da actual arquitectura estatal. Ora ben, para que calquera pacto federal fose posible entre nacións iguais, a independencia de cada unha delas sería un requisito imprescindible. A fortaleza dun pacto baséase na liberdade das partes. O dereito a decidir é sempre irrenunciable para quen emproe cara á liberdade. Un estado federal só pode ser o resultado dun proceso constituínte protagonizado por nacións independentes. Ou sexa, a independencia é requisito ineludible para calquera solución democrática que traspase os lindes da subalternidade e a negación política, cultural e lingüística.

Para a dereita e o nacionalismo español, a unidade indisoluble da nación española é coma o matrimonio. É Deus quen o alenta e o institúe. Ao seu abeiro, á muller tócalle obedecer e ao home decidir. O divorcio ou outras formas de matrimonio non tradicionais e non patriarcais representan desviacións inaceptables e punibles. Sempre ese pracer morboso no dominio e na subalternidade do outro, do diferente. A negación como realización suprema. Talvez un acusado complexo de inferioridade, quen sabe,

O Tribunal Constitucional acaba de demostrarnos, por se non o sabiamos, que a Constitución Española é un cárcere para nacións, linguas e suxeitos políticos. E dos cárceres, os presos tenden a querer marchar. De dúas únicas maneiras: ou ben mediante fuga, ou ben mediante redución de pena, que vén a ser unha modalidade de pacto. Cando o Estado non admite a posibilidade do pacto, só queda a fuxida. O dereito a abandonar é en calquera caso irrenunciable.

Só nas decisións libres pode encontrarse expresión democrática. E en democracia, a lei ten que someterse á vontade popular, non ao revés.

]]>
Socialización lingüística http://antondobao.blogaliza.org/2010/05/15/socializacion-linguistica/ Sat, 15 May 2010 00:17:34 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=647 Posto que nos anda a roldar o Día das Letras Galegas cun ollar de esculca e ironía, deberiamos proceder a combinar algunhas reflexións idiomáticas. Por escapar de tópicos e consignas coma quen foxe do lume, aínda que pirómanos háivolos mesmo debaixo das pedras. As reflexións que eu propoño, só algunhas das necesarias, aman a desorde, son desestruturadas, apenas un asalto de ideas que estes tempos van mirando xerminar. Orixinalidade, pouca. Máis ben certo desexo de novas formas discursivas. A lingua galega, e non ningunha outra xustificación accesoria.

Ata o ano 2009 non vivimos no mellor dos mundos posibles. A ver se agora, aterecidos polo vento do leste, sempre o vento do leste, empezamos a mistificar unha Idade de Ouro imaxinaria como Paraíso Perdido en que a Lingua era usada en todos os ámbitos. O proceso de substitución lingüística camiñaba imparable, talvez caladiño pero teimudo, e sempre na mesma dirección. Hoxe igual. A perda de transmisión é só unha das manifestacións do proceso. A máis dolorosa. Hoxe camiña carreiros semellantes, a paso de boi, pero sen deterse a tomar alento.

Para saírmos airosos de certos conflitos sociais, manifestacións de antagonismos de difícil síntese, cómpre arrincarmos en posición de resistencia, articular despois contrapoder e trazar a posibilidade dun novo poder constituínte. A normalización da lingua, un proceso alicerzado en complexas relacións sociais, de clase, tería que estudar esta folla de ruta. Que todo arrinque en posición de resistencia non esixe fosilización; ao contrario, nada hai menos eficaz ca unha perenne posición de resistencia. A min gustaríame pensar, só que fose por un día, que as forzas normalizadoras comezan a meter o pé en fase nova de contrapoder. Se así for, abandonaremos tácticas defensivas e pasaremos a ensaiar o contragolpe primeiro e o ataque despois. Iso quere dicir que serán as forzas normalizadoras, nós, quen determinen a axenda das políticas e do debate lingüístico en Galicia. Non se lle permitirá ao negacionismo tomar a iniciativa e elixir o terreo de xogo. Nós trazaremos os cursos dos camiños porque coñecemos as necesidades, sufrímolas, temos conciencia delas. Elaboremos programa de avances e impoñamos os ritmos, os debates, as accións e os obxectivos. Rexeitemos o recanto inhabitable que nos ofrecen.

Levamos décadas asegurando que unha política lingüística normalizadora ten que ser transversal, que a súa redución ao ámbito educativo invalídaa por deixar fóra o resto da complexa trama social na que a lingua aínda é residual, da que pode ser expulsada, na que está prohibida. Mais levamos ano e pico falando só de ensino. Moi importante, quen o dubida, pero frustrante. Asumirmos a axenda que nos impoñen condúcenos a extraviar calquera horizonte normalizador. O seu maior triunfo é limar os nosos horizontes normalizadores. Xa non nos propoñemos asaltar o ceo; simplemente pedimos permiso para existir. Mal asunto.

A batalla contra o novo Decreto está dada. Cómpre unha nova fase. Os xulgados agardan. As forzas normalizadoras teñen que transcender a limitadísima eira que propón o negacionismo e conducir o antagonismo á totalidade social. So aí as contradicións poden facer saltar polo aire o cristal puro do edificio que sostén o proceso de substitución lingüística. Ao mesmo tempo, é imprescindible reavivar discursos. Un contradiscurso severo e directo para acompañar un contrapoder que aspire a novo poder constituínte. O suxeito colectivo dese contrapoder, os falantes e os seus dereitos, ten que ser o centro e a referencia dese novo discurso. A determinación de non renunciar a ningún dereito, estea ou non recollido pola lexislación vixente. A posibilidade, esixida, de vivirmos toda unha vida completa, sen fisuras, en lingua galega. Velaí o programa de acción. Só o protagonismo dos falantes pode salvar unha lingua. Illarnos dos falantes por mor de certos temores á contaminación é unha manifestación perversa do principio de distancia.

Se os falantes teñen que ser suxeito de contrapoder e dun novo discurso normalizador, tamén se xerará unha nova perspectiva pública a respecto da lingua galega. O discurso ten que ser positivo, vital, decidido. Non falamos unha lingua moribunda. Non admitimos a posibilidade da catástrofe. A lingua galega non desaparecerá. Somos maioría. Eles son minoría, e ademais inculta, interesada, fanática. Non estamos en fase terminal. Temos tanto futuro coma o universo. Non renunciamos.

Substituamos a canción fúnebre pola festa orgullosa. Sairemos gañando.

]]>
A lección dos mestres http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/23/a-leccion-dos-mestres/ Tue, 23 Mar 2010 11:42:12 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=625 Unha sociedade que desconfía dos seus mestres está en grao de putrefacción terminal. Non busques os indicios da corrupción do Imperio nos lugares comúns: non no hedonismo, nin no materialismo (tan lonxe!), nin no matrimonio homosexual nin no dereito ao aborto nin na tan insatisfeita como necesaria laicidade. Búscaos no odio aos mestres. Aí tes o impulso primario dos que desexan un rabaño de ovellas antes ca unha multitude de homes e mulleres libres. O antagonismo subxacente enfronta o coñecemento coa superstición, a liberdade coa submisión, a razón co escurantismo e coa fe. O mestre transmite coñecemento e, se é ousado, proxecta desexos de liberdade e xustiza. E iso, ben o sabes, non é funcional ás necesidades do poder.

O poder é a malla de relacións sociais que estruturan o dominio do amo sobre os súbditos. O control, calado e discreto, imperceptible, é máis eficaz ca o dominio, sempre estridente. O poder quere súbditos orgullosos da súa condición, agradecidos. Prefire a un asalariado consciente un explotado que goce coa fascinación pola subalternidade e se acurrunche na pulsión de regreso eterno á infancia na procura de protección paterna. O amo como arquetipo do ser forte e intelixente, protector. Para que ese proxecto vital siga sendo viable, a figura do mestre ten que ser baleirada.

A dereita detesta a liberdade de cátedra. Sempre a detestou. Tamén a Igrexa Católica. Ambas comparten motivos, intereses e, por tanto, identidade. Percórrelles o corpo un arreguizo punzante coa imaxe dunha escola pública en cuxas cadeiras pousen os cus indignos os fillos dos pobres, nacidos para fozar na terra ou na area e no cemento entre ladrillos e xeada. Failles tanto mal como ao vampiro a luz solar a posibilidade de que nas aulas reine a ciencia e non Deus. A escola pública é para eles o xerme das peores infeccións dunha sociedade decente. E o mestre, o transmisor do mal. En 1936 decidiron resolver o problema pola brava; encheron os camiños de cadáveres de mestres. Hoxe aplican menciñas menos agresivas: abonda con baleirar a figura do profesor.

A educación segue a ser unha das grandes obsesións do poder. Devolverlle á elite o monopolio da cultura e da formación, combater o incómodo pensamento científico e substituílo polo pensamento mítico, terminar coa escola pública mediante a súa redución ao gueto e á indixencia material e moral, formar man de obra submisa e barateira para os seus negocios. Velaí tes o programa educativo da dereita. Adeus á cultura e á ciencia; benvido, negocio, e loada sexa a fe. Para que volvamos vivir tranquilos, coma cando Franco, non sabes?

As ovellas do rabaño de Deus teñen o deber de impugnar a educación para a cidadanía e de esixir a ensinanza da relixión. A táctica é a transmisión de responsabilidades aos pais. Dun só disparo derruban o edificio republicano da formación universal, extirpan a potestade comunitaria de formar futuros homes e mulleres libres desde o coñecemento e a razón e convértena nun asunto de interese estritamente privado, asocial, anticomunitario.

Ese é o modelo seguido ao pé da letra polo Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia para a expulsión da lingua galega das aulas, que equivale a expulsar os indignos cus dos fillos dos pobres. Estaríache boa que obriguen aos nosos fillos, comentan nas súas soirées de cunca de té verde e infusión de xasmín, a mesturarse con eses badulaques que nin saben falar coma as persoas e din catro ao caldeiro. ¡¡¡Quítame las matemáticas de ese suplicio del gallego!!!

As elites non casan ben coa gandallada. Aos mestres hai que retirarlles a potestade de manexar a adquisición de coñecementos e de competencias das persoas en idade de formación. Só faltaba, pensan eles no seu delirio triunfal, que un profesor decida o que ten que aprender a miña nena, o meu pequeno. Sempre a propiedade como guía absoluta. E o goberno da Comunidade Autónoma de Galicia converte o delirio en norma, velaí tes o seu gran logro. Desangrar o público para alimentar a decisión privada, exclusiva, dos círculos de poder e de dominio social. Evitar o perigo da razón extirpando a liberdade de cátedra e sementar a boa nova da fe e a vixencia dos prexuízos. E non che vou dicir que non aterrorice pensar que hai pais que desexan para os seus fillos unha sobredose de ignorancia.

O goberno da Comunidade Autónoma de Galicia é covarde. Traslada as súas responsabilidades aos prexuízos condicionados de certos grupos gozosos de barbaridades pedagóxicas e temerarios no dislate. Comparten programa: fóra a lingua galega da escola. É un crime de lesa patria impedir a formación completa e libre das xeracións máis novas. E facelo baleirando a figura dos mestres é, ademais, sinal de putrefacción. Pero tamén indicio de desaparición. Contra a derrota da razón, agardamos a lección dos mestres.

]]>
Que non se confundan http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/15/que-non-se-confundan/ Mon, 15 Mar 2010 19:42:51 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=621 Primeiro cóllente por facerche un favor. Tes que lle estar eternamente agradecido, deixar que a vida che corra por diante sen notala e cun sorriso eternamente zurcido entre as dúas meixelas. Procura que o embarazo non te pexe demasiado ou que a menstruación non diminúa o teu rendemento, mira de deixar as hormonas na casa. Canda as preocupacións, que ti non arriscas nada no envite. Nin diñeiro, nin patrimonio. Só uns poucos elixidos teñen nas súas mans outras existencias. A vida coma un stock de saída constante. E esa éche unha responsabilidade grande, amiga miña, meu amigo, que quita o sono, enche o caletre de peso e reflexións que ti nin albiscas e saca anos de diante. Ti es dos moitos que non; eles, dos poucos que si. Ti nada. É lei de vida, dinche, e ti moves os ombreiros nun xesto de desaire que eles confunden coa resignación. Consólate. Es maioría silenciosa. Non tes necesidade de expresarte, de desexar, de conseguir, de soñar. Xa outros o fan por ti. Saben o que pensas, o que sentes, o que desexas e o que necesitas. Sé feliz na túa pobreza e na miniatura do teu mundo e da túa estatura. Non penses nin digas nada.

Pero un día vas e encabrónaste. Porque esixen de ti máis esforzo, máis tempo, máis traballo, menos descanso e máis pobreza. Aínda que che soe a chantaxe, tes que comprendelo. Eles non poden gañar menos. Se non multiplican cada ano os seus ingresos, algo marcha mal para todos. E ti non vas ter traballo que agradecerlles. É que custas diñeiro. E en tempos de crise non sobran os cartos para enterralos en salarios. Pero ti aceptas mal esa verdade. E encabrónaste. Non porque queiras mudar o mundo, que querías pero tes a todo maría santísima a berrarche na orella que o mundo non muda, senón porque queres vivir sen demasiadas penurias. E igual che dá por ir á folga, deus nos aparte, ou por saír en manifestación pola cidade adiante. E á xente éntralle o pánico cando te ve nesa actitude. Que todo se nos esborralla ao lado e a democracia é un ben inapreciable. E hai que dialogar, mulleriña, hai que pactar, meu home. E chegar ao consenso. E non trabar na man que che dá de comer tan xenerosamente, que se non gaña diñeiro non pagará e pechará a empresa porque xa non será competitiva se lle segues roendo o espiñazo e teimas en gañar máis do que che pode pagar e en traballar menos do que necesita para multiplicar os seus beneficios, e entón non lle quedará máis remedio que ir descansar a unha das súas casas e botarase na hamaca a carón da piscina cunha copa na man e a vivir e ao mundo que lle dean, que cos aforros que ten, porque sempre foi persoa de non consumilo todo nun día, pode vivir como dios sen preocupacións e sen ter que che aturar as neuras a ti e a mil máis coma ti e andar cada día coa tensión de sacar adiante unha empresa e tantas familias ao seu coidado e o progreso da sociedade e todas esas cousas que ben saben todos incluídos os do sindicato no que xa deixaches de estar porque non queres pagarlles aos que pactan salarios de merda cando a ti xa non che queda excedente para llelo regalares, e tamén o saben ben os xornais e as radios e os economistas e os do goberno e mais os da oposición e toma polo cu por irresponsable e egoísta e por pensares máis en ti ca no ben común, que non mereces ter un contrato de traballo nin cobrar o paro nin médico gratis nin escola para os fillos nin o aire que respiras. E quedas avisado, avisadiña estás. Sentidiño. A maioría silenciosa non pensa coma ti, calquera cho di. Estás en minoría e sen conexión. E non quererás impoñerlle á cidadanía de ollada limpa os teus desexos e arelas liberticidas. Así porque si, porque che deu por aí ou por resentimento ou porque che encanta menosprezar os dereitos dos demais. Ou por puta envexa.

Así que, vas e recóllesteme cagando melodías, chegas á casiña e axúdaslles aos pequenos a facer os deberes, en castelán, madia leva, que é a lingua común de todo jesucristo que teña dous dedos de fronte e non sexa un puto intolerante, excluínte, ignorante e pailán, para que enganarnos, que se teus pais non che falaran na lingua que eles falaban porque outra non sabían hoxe eras mestre ou avogado ou médico ou rico e xa está. Despois méteste na camiña e dormes, que mañá é día de garabullos e quérente desde o primeiro rompente co sorriso ben zurcido entre as dúas meixelas.

Mírate ben no espello, amiga, ou amigo, ou ambos. Porque che é esa a vida aquí e hoxe mesmo. E ao teu carón están reproducindo o proceso do que vai saír condenada á perpetua, con cinismo provocativo, coma a túa propia existencia, a nosa, a lingua que che explica o mundo. Prohíbencha, arrástrancha para que a abandones, cóspenchelle, retíranlle ata o saúdo, patéana e arrómbana polas beiras das corredoiras como fixeron os seus devanceiros máis queridos, por tradición e por convicción, quítancha das escolas para que os teus pequenos non saiban que existiu, encérrana nunha urna opaca para que os seus fillos non sucumban ao contaxio, proclaman aos catro ventos a súa inutilidade, o seu cheiro a rancio, erguen muros de vergoña e de indignidade ao seu redor coa esperanza de que axee e con ela ti e quen veña tras de ti, vomítanchelle os seus complexos e chámanlle pobre, que para eles é o peor dos insultos. E despois, esíxenche acougo, consenso, acordo, e silencio, sobre todo silencio. Para sempre.

Eu non sei ti, pero a min xa non che me queda paciencia con tanta indignidade. Ou collemos as nosas cousas coas nosas mans, ou nos fan desaparecer sen que quede rastro.

Empecemos por apuntar os seus nomes no caderno da ignominia.

]]>
Con Rosa estamos na Gloria http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/01/con-rosa-estamos-na-gloria/ Mon, 01 Mar 2010 20:30:47 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=614 Non sei se era cousa de froitos ou de obras. Pero dis que contan que o dixo Xesús Cristo. Algo así como “polos seus froitos os coñeceredes”. Certamente, hai dous mil e pico de anos pouca maneira había de saber dos homes e das mulleres —delas menos— se non era polos froitos que as súas obras puideran dar. Froitos maduros e podres, doces e amargos, saborosos e desagradables, vitais e velenosos, que de todo hai na viña do Señor, xa que estamos de referencias bíblicas. Naquela época, a comunicación era restritiva e fugaz. A Biblia asumiu a función de ordenar e interpretar o mundo, tal e como lles ocorre hoxe aos medios de comunicación de masas. Sagradas funcións! A comunicación lingüística substitúe a eficacia exemplar dos froitos que dan as obras humanas. Tamén a organizada con imaxes, de maior capacidade connotativa e menor exactitude semántica. Ideal para o caso.

Polos seus ditos os coñeceredes, poderiamos actualizar a sentenza escrituraria. No mundo da política profesional, a comunicación como mercadoría non só oculta senón que altera radicalmente o significado verdadeiro dos feitos. Sirva como exemplo a distancia real entre o discurso aparentemente progresista da socialdemocracia (esquerda oral) e as súas políticas económicas liberais. Ou a distancia entre o laicismo que se di defender e os froitos insalubres do vello e incuestionable nacional-catolicismo. Iso por non rebaixarnos ao nivel do estrume para casar certos discursos sobre imposición e dereitos lingüísticos cos froitos e as obras dos seus usuarios e inventoras.

Pero se o dicir das persoas públicas oculta convenientemente as súas intencións, tamén pode posuír a virtude de nos ofrecer o seu retrato máis exacto. Só é cuestión de saber descodificalo adecuadamente. Porque non existe o lapsus linguae. O ser humano é un animal extraordinariamente exacto no manexo da comunicación, en calquera lingua; para iso non se precisa formación de ningunha clase. Évos unha facultade innata, como durmir ou alimentarse.

O último exemplo témolo ben fresco: Rosa Díez e os galegos no sentido “máis pexorativo” do termo. Certo que a boa da deputada ten un dominio máis ben agreste da súa propia e amada lengua común por cojones. Pero iso non vén agora ao caso. Alá ela. O asunto é que tras escoitar a súa intervención e apalpar o bochorno en forma de silencio dese extraordinario profesional da aparencia que responde ao título de Gabilondo, dei en pensar que non debemos indignarnos. Non. Aproveita máis unha ollada displicente ca un cabreo.

Polas súas palabras os coñeceredes. Rosa Díez dirixe con tal destreza o Partido da Idiocia que non reparou en que cando pretendía insultar a Rodríguez Zapatero a función delatora da linguaxe estampou o seu retrato máis afinado. Comparemos. Cando un señor lle chama a outro “negro de merda”, por exemplo, non é o honor nin a dignidade do insultado o que se resente; é a imaxe do executor a que queda estampada. O reflexo de Rosa Díez no espello é atroz. Xa o era, pero ese pé mal afirmado é o trazo máis exacto da súa persoa. Non só da súa dignidade, da súa intelixencia, da súa elocuencia, da súa cultura e do seu proxecto político. Da súa persoa completiña.

Non son eu nada dado a alterarme nin a sentirme ofendido polo manexo de tópicos, chistes de galegos e demais trangalladas semellantes. Tendo a me rir un cacho largo e longo. Foi a primeira reacción que me ocasionou a ocorrencia da ilustre trapalleira. Despois lembrei a súa imaxe brazo con brazo doutra muller incomparable que se talla no seu propio espello tal cal é cada vez que abre a boquiña e se namora das simplezas que di. Hai en ambas, xuntas elas, un sentido transcendente da unidade por acumulación. Ou de anulación por duplicado. Con Rosa estamos na Gloria. Quen ousaría dubidalo? Recoñezo que tamén imaxinei a queima de Troia, Esparta, París e o propio Vaticano se algunha das moitas persoas odiadas pola caverna española —tan extensa coma escura— chega a manifestar que Rosa Díez é española no sentido máis pexorativo da palabra. Válgame Dios!

Entre o máis e o menos hai unha gradación de sentidos pexorativos, intúo. Non me importaría que Rosa Díez nolos explicase un a un con esa axilidade verbal que a caracteriza. Sería unha boa maneira de complementarmos o seu retrato. E o dos seus camaradas do Partido da Idiocia e da súa sucursal cuspida coma caguña en territorio de lingua galega.

Ao final, lembrei, e desa si que foi en serio e con inmenso pesar, a persecución langrina, necia, covarde e infame á que foi sometido aquel actor galego e catalán nos últimos anos da súa vida. Chamábase Pepe Rubianes. Iso si, quédame o consolo de que o seu nome será lembrado e recoñecido aínda cando as cinzas das obras e dos froitos de Rosa Díez e as súas camarillas anden atravesando ás apalpadas a materia escura coma neutrinos extraviados na inmensidade do cosmos. Borralla.

]]>
Inmersión e equilibrio http://antondobao.blogaliza.org/2010/02/11/608/ Thu, 11 Feb 2010 21:12:58 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=608

O Presidente da Xunta respondeu aos informes precisos, contundentes e brillantes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega cunha ocorrencia: fronte á inmersión, equilibrio. Velaí outro apartado que engadir ao libro que Prolingua presentou o pasado venres, 5 de febreiro, en arañeira, coa determinación aparentemente dispersa do enxamio, coa cartografía da toupeira e o camiñar sinuoso da cobra. Ou inmersión, ou equilibrio. Vaia, home, vaia.

Dar un paso decidido, poñer os pés na rúa, na administración, na televisión, na radio, na prensa, no cinema, no deporte, no comercio, na empresa pública e na privada, no ensino (tamén, si, no ensino!), na igrexa, na xustiza, na vida social de Galicia, é unha clase práctica perfecta para que calquera persoa formada, libre de todo prexuízo etnófobo, de toda variedade de fobia social, comprenda o verdadeiro significado dos termos inmersión e equilibrio.

O Presidente da Xunta non innovou discurso. Recorreu a un vello manual que volve estar de moda en certos círculos selectos: o enfrontamento maniqueo de contrarios, o Ben e o Mal en batalla cruenta. Ai, a relixión outravolta! Dun lado, a terminoloxía ligada ao Mal: imposición, inmersión, discriminación, persecución, exterminio, lingua vernácula -ou sexa, de escravos-, nacionalismo, apocalipse hispana. Doutro lado, a terminoloxía do Ben: liberdade, dereitos individuais, igualdade, equilibrio, unidad nacional, lengua común, cultura, un anxo fermoso (e exterminador, se é preciso, pero coa Xustiza Divina da súa parte) como modelo de referencia. Quen non prefire o Ben? Quen se deixaría engulir polas fedorentas queixadas do Mal?

O discurso anoréxico non fala só de linguas. O seu fiel apego ao dualismo nace de conviccións máis profundas e inconfesables. Do lado negativo, o rural, o atraso, o familiar, o local, o analfabetismo, a pobreza, as clases inferiores, obreiros, mariñeiros e labregos, o pasado, o inmediato, o material. Do bando positivo, o urbano, o progreso, a cultura, a ciencia, o coñecemento, o universal, a riqueza, as clases superiores, os ricos e fermosos, o futuro, a creatividade, a abstracción. A invasión urticante dun principio de distancia exacerbado. Ao discurso negacionista repúgnalle a lingua galega polo que representa máis que polo que é, ou sexa, polas persoas que a teñen como lingua de vida mais que polos seus trazos filolóxicos. Por iso queren equilibrio: dun lado, eles, a limpeza, a pureza, a pulcritude; do outro lado, sen que os invada, a merda. O terror á inmersión é pánico a enzoufarse na merda. Pureza contra mesturas indignas. Aturarannos mentres nos teñan lonxe, sempre que non contaminemos as súas rúas, as súas escolas, as súas salas de cine, os seus xornais, os seus comercios, os seus lugares de ocio ou os seus campos de fútbol.

Chámalle como queiras.

Un curmán meu asistiu a unha das 69 presentacións de ProLingua. Cando nos vimos, entre a pequena multitude que fixo pequena a Librería Couceiro, veu a dicirme que a resposta chegaba un pouco tarde, cando mesmo seus pais, que só falaron galego ata que lles deu por ir perdendo a vida aos poucos en Alemaña, sucumbirían ao mito de que todos os idiomas do mundo afogan no pozo negro en que algúns radicais andamos loucos por somerxelos. Tiña razón meu primo. Tardouse en tratar as mentiras como mentiras, deixouse que as indignas falsidades xerminasen nunha política lingüística perversa sobre todo pola súa capacidade para inxectar prexuízos coma virus.

Pero agora estamos aquí, díxenlle, e noutros 68 lugares de Galicia e de todo o mundo. Todas e todos. E isto non é máis ca o primeiro paso dun longo labourar arreo, que diría o poeta. A sala de máquinas tira que se esfraga.

E despois, contento pola pequena multitude consciente que arma unha cartografía de 69 capitais galegas, convideino a tomar un viño para celebrar o noso reencontro tras unha década sen vernos No bar onde vinte anos antes celebraramos a súa despedida de solteiro, falamos de cousas nosas. E vimos na televisión a Emilio Botín fachendear de beneficios en tempos de crise. E vimos tamén a esquerda oral e a dereita real, que tanto ten, ofrecernos o sinapismo milagroso para superar a fochanca: máis beneficios para uns, máis traballo e menos dereitos para os máis. Para o goberno do Imperio, o Ben e o Mal tamén teñen rostro e palabras. Entón lembrei os versos daquela canción: no pasará esa gran mentira liberal. E díxenlle que pasar, pasa. Polo de agora.

Ollámonos e brindamos polo venres de ProLingua, quere dicir, da lingua e dos seus usuarios.

Fóra era noite, pero non ía frío. Non parecía tanto inverno. E a luz repetía en ecos rebotados pola pedra de Compostela a determinación común: a lingua é o futuro.

]]>
Anomalía http://antondobao.blogaliza.org/2010/01/25/anomalias-felices/ Mon, 25 Jan 2010 20:27:19 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=597 X. L. Méndez Ferrín chegou á Rúa Tabernas e pousou na Cadeira da Presidencia da Real Academia Galega. O camiño non é que o tivese despexado de todo; apenas dous ou tres atrancos tirando a cativos viñeron a darlle un pouco de aire a unha elección que en realidade non tiña por que saír das paredes da sede académica. Todo ten os seus significados; tamén os silencios, os barullos e as faces circunstanciais. Que algunhas obsesións persoais acomodadas ao carón de certas empresas mediáticas pretendesen capitalizar un debate que non lles correspondía e rebozalo en prexuízos sectarios e mala fe interesada non é máis ca un transparente sinal da potencia irredutible da figura do novo Presidente. Algúns teimudos sofistas aínda cospen a súa telexénica rabexa despois da elección. Ao non prender en palla seca o exemplo das súas sensatas advertencias, incorren, con destreza tan cativeira como elevada é a súa impericia cultural, en terreos para eles descoñecidos de ficción literaria. A deles non comprendeu aínda o concepto de verosimilitude nin de destreza técnica. Certos demócratas levan décadas confundidos na relixión totalizadora da seita. Viron a luz e non queren desprenderse do seu fulgor.

Poida que Ferrín como Presidente da Academia sexa unha anomalía. No mundo gris e seco que para o ser humano tece o fascinante sistema de explotación e control de pensamento e instinto, cada anomalía é unha luz que irradia enerxía nova por todas as súas partículas. Incómoda para a materia escura que nos fai mutar en seres amálgama: produtor-consumidor-mercadoría. Tamén a lingua galega é unha anomalía rugosa no liso papel de celofán que excita certas glándulas inferiores e cega de delirio as organizacións mentais dos individuos chamados a santificar as nosas derrotas. Ás veces, cando volven á casa despois de duras xornadas nas que cristalizan en todo o seu esplendor os filantrópicos proxectos que aluman as súas plumas, recitan angustiosas pregarias como epílogo das súas oracións piadosas: por que non somos coma a xente simple ou por que a xente non é tan simple coma nós? Por que nos impuxeches, ou destino, ao noso carón unha lingua de toxos e de silvas para que nos incomode o espírito con tal insistencia e nos faga cheirar a estrume? Teñen o estigma material da cursilería no ADN.

A lingua galega é, aquí e agora, na lisura dun tempo sometido aos espantados e dun espazo inclinado ao baleiro, a anomalía paradigmática. A Academia é unha anomalía institucional nunha nación (con perdón) entregada voluptuosamente á subalternidade. Ferrín é unha anomalía intelectual, humana e literaria no universo unimensional adorado por estes sacerdotes que impoñen penitencia e castigo por transgresión flagrante ou sintomática do pensamento cero. A anomalía é o que nos define. Marabillosa e liberadora anomalía.

A gran noticia destes días achégalle unha luz enerxética ao patio de sombras no que teiman en zarrapechar a lingua, a cultura e Galicia enteira. O escritor máis rico da nosa extraordinaria e fachendosa literatura é Presidente anómalo da anómala Academia dunha lingua anómala. E aquí continuamos. Case non lles queda mecha da que tirar!

 

]]>
Paixón totalitaria http://antondobao.blogaliza.org/2009/12/15/paixon-totalitaria/ Mon, 14 Dec 2009 22:54:25 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=577 O sábado pasado, a Real Academia Galega, a entidade responsable de fixar a norma da lingua galega, acolleu a Manuel Rivas no seu foro. A Academia de Curros e de Murguía —por moito que certo sector do nacionalismo oficial a aborreza— incluíu entre os seus membros un extraordinario escritor, proseguindo coa tarefa de alimentarse cos nosos mellores talentos literarios. Unha angueira ata non hai moitos anos estritamente prohibida. Rivas achega, ademais, o seu compromiso cívico. É amplamente compartida a satisfacción ao vermos que a RAG se vai reconstruíndo aos poucos como unha entidade soberana. A lingua e as expresións culturais que a manexan, fundamentalmente a literatura, son os nosos espazos soberanos, independentes, ceibes. Non é estraño que tanto a Academia, se segue esta dirección, coma a literatura e a lingua sufran agresións nacidas de certas disfuncións do córtex prefrontal dalgúns mamíferos que viñeron a pousar os pés na terra por vía de creación.  Que a RAG supere en poucos anos unha longa etapa de inanición, climatericamente admirada por algún rico editor de xornal decimonónico e non poucos dos seus caseiros, é síntoma de que a pesar dos ventos desfavorables entre nós sempre hai quen quere tamén navegar. A nación non é esencial senón unha construción humana de vontades colectivas. Ou sexa, posibilidade, sen máis. Que nos perdoen o pecado.

Estes días fálase de X. L. Méndez Ferrín como probable candidato a presidir a RAG. Máis palla seca para o lume do aborrecemento que lles entra ao fato de oficiais de varias bandas. Adiantouse en reacción un dos mestres da censura e a manipulación, como moi ben sabemos el e mais eu e algunhas outras persoas. E é alí, no recanto de acolá, onde trousa co pouco pudor que adoitan exhibir os ignorantes nas proximidades dos foros académicos. Ese papel co que se labran as actas dunha realidade creada antes de ser, duro coma unha lousa, envolve as preocupacións de tan arrebatado servo. Ao mellor, porque ninguén lle consultou ao seu patrón quen debe presidir a RAG. Igual porque neses ámbitos de soberanía —Academia, lingua, literatura, cultura— as súas homilías disólvense como faramuxas de cinsa no aire. E non por non seren estridentes e groseiras, que o son e ben, senón por ser o seu peso tan virtual coma a realidade que teiman, obtusos, en crear. Ao redactor, e supoñemos que ao seu patrón, dóelle a posibilidade de que Méndez Ferrín sexa o Presidente da RAG. Un indicio claro do acertada que sería tal elección. Tanto lle proe, que lle recomenda á superflua institución que seleccione mellor. Dígocho eu.

—A estupidez deste Luis Ventoso é digna dunha boa gargallada —dicíame a miña amiga Estrela, co dedo indicador marcando na tinta sucia do xornal. Tomabamos café na terraza dun bar de Compostela.

—E non será unha advertencia? Xa me entendes, esa maneira de actuar que ten a mafia e que tan querida lles é a estes —dixen eu para min, case, coma se reflexionase sobre o couso ese con forma de artigo xornalístico.

—Non, ho, non! Mira para aquí: “imaginación inabarcable, memoria wikipédica, elegante prosa de alta precisión”. Non o ves? Di cousas así de Borges. É que o rapaz é fato e xa está.

Estrela petaba co dediño no texto maxistral sen dar abandonado un sorriso algo cínico. E eu ía comprendendo as múltiples faces do asunto. Os fatos tamén advirten. De golpe, a miña amiga botou man ao seu abrigo de pano, colocouno por riba dos ombreiros e apertou forte a bufanda de listas ao redor do pescozo.

—Vamos para dentro, que xa está aí o frío siberiano.´

]]>
Xustiza sen xusteza http://antondobao.blogaliza.org/2009/11/20/xustiza-sen-xusteza/ Fri, 20 Nov 2009 10:16:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=570 A Xustiza española non para de nos dar pé a manternos na tradición galega de observala con prevención e distancia. A lingua vén a ser desta volta a cerna de dúas resolucións xudiciais tan contraditorias como incompatibles. É posible tal cousa nun mesmo sistema xurídico con idénticos aparellos encargados de ditar sentenzas baseadas en idénticas leis? Pois é.

As dúas sentenzas son de sobras coñecidas. Unha, a do maxistrado de Alcorcón que lle denega a unha nai galega o dereito (inalienable ou non?) de escoller o seu lugar de residencia por culpa da imposición no ensino dunha lingua claramente inútil, o cal redundará nun menoscabo da educación, dos coñecementos e da saúde mental dos pequenos, abocados tamén á absoluta inutilidade. A outra, a do Tribunal Supremo, que por unha vez recoñece o obvio: a responsabilidade do ensino obrigatorio é do Estado, tanto no tocante ás materias coma ás linguas vehiculares. É dicir, os pais non teñen dereito a impedir que os seus fillos sexan escolarizados na lingua propia do territorio, por moi irresponsables que sexan. Profesaren pouco amor polo desenvolvemento intelectual dos seus descendentes non é unha causa obxectiva. Chegados aquí, a ver quen ousa discernir se é máis irresponsable atentar contra a saúde física dos fillos ou atentar contra o seu desenvolvemento intelectual. Por que a Xunta intervén para evitar a deterioración dun menor con obesidade mórbida e por contra favorece a deterioración intelectual, cognitiva e psicolóxica á que certos pais sectarios someten aos seus fillos co adaxo de se consideraren donos de decidir o que deben coñecer e o que teñen que estar obrigados a ignorar? Misterios dos nosos tempos.

O antagonismo das dúas resolucións non desvela tanto as regañas do aparello xurídico español como a tradición da súa maxistratura. Talvez hai unha mala interpretación do concepto de independencia xudicial. E talvez, digo só talvez, parte importante da xudicatura é herdeira directa do franquismo, como tantas outras instancias non depuradas na restauración monárquica. E hai herdanzas que pesan o demo.

Que os xuíces prexulguen é o peor que lle pode pasar á xustiza. E vai e resulta que hai un bo feixe de maxistrados que prexulgan, sexa cando se asombran ante linguas inútiles, sexa cando deciden que o mellor lugar para certas actividades políticas desafectas é o cárcere. Ao mellor, cando a maxistratura estea sometida ao control popular e dependa do sufraxio universal poderemos falar dunha Xustiza democrática. Mentres, notamos máis simulacro que verdade. E iso implica que as resolucións poden ser tan razoables coma a do Tribunal Supremo ou tan disparatadas coma a do Xuíz de Alcorcón. E así non hai quen se remexa.

]]>