liberalismo – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 A pallasada liberal de Vargas Llosa http://antondobao.blogaliza.org/2010/12/14/a-pallasada-liberal-de-vargas-llosa/ Tue, 14 Dec 2010 12:05:41 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=828 Ninguén poñerá en dúbida os merecementos de Vargas Llosa para recibir o Premio Nobel de Literatura. Por semellantes razóns, ninguén deberá alterarse se a figura pública é acedamente criticada cando reparte doutrina desde unha cadeira convertida en púlpito. Un premio, o que sexa, non é ao cabo máis ca o galardón concedido por seres humanos cuxos criterios non é obrigatorio compartir aínda que sexan lexítimos e honestos. Que llo pregunten a Valle-Inclán. E a tantos e tantas.

Vargas Llosa orou. Converteu en espectáculo o que estaba concibido como acto literario. Fiel que é el ao catecismo liberal. Pero literatura é vida, totalidade orgánica, e o escritor insiste libremente nas súas teimas, axeónllase ante a luz do capitalismo máis criminal –descúlpeseme a redundancia—, reverencia silencioso as súas sombras e converte en auga mineral todo o limo que o Gran Sistema produce. Eis o poder creativo da Gran Literatura. Se para iso cómpre tratar de pallasada aquilo que rompe a harmonía da explotación e a miseria dos incapaces, pois faise e xa está. Non, non se refería o Premio Nobel a Honduras, nin a Guatemala nin a Colombia ou a México, non. O pinchacarneiro intelectual de Vargas Llosa sería unha ruín imitación da peor das pallasadas se non fose pura ignominia. Mala raza, din algúns.

O home liberal é fachendoso e cínico. Sorrí con gozosa superioridade. Observa, distante, os intentos dos desposuídos por se faceren co control das súas propias vidas. Altérase cando ve perigo de éxito no intento. E sempre imparte doutrina, que é listo de máis. Apréndenos resignación co argumento da súa propia autoridade moral, que para iso é el liberal e demócrata. Losquea coa superioridade conceptual e ética do mundo tal como o concibe o negocio. Rise da inutilidade da esquerda, esa caste de insuficiencia sináptica propia da infancia, material antigo, obsoleto, inservible. Non soñes máis liberdade ca a que tes. Non areles o que non serás nunca. Deixade na porta do inferno toda esperanza.

Os liberais téñeno todo claro. Por iso presumen. Están dotados para comprender a substancia etérea das cousas e desprezar todo tacto material que non teña raíz no lucro. Por iso desprezan a pequenez das existencias de quen vende a súa forza de traballo. Moi aburridas. Insuficientes mesmo para un pintoresco material literario. A miseria é para eles un problema conceptual. O sufrimento, un poema.

O mercado é deus, iso xa o sabemos. Por iso, a inscrición na porta mesma do inferno. El, o mercado divino, garante a eficacia, a liberdade, a democracia. O liberal non che lerá a letra pequena do contrato forzoso. Porque o prazo de devolución é indefinido, a condición de consumidor con dereito a voto é revogable e o benestar é unha reprodución en papel couché dunha pintura figurativa de dúas cores. O home é para el unidimensional e previsible, e a muller o seu reflexo. Só os pallasos teimamos en que a eficacia ten que lle deixar todo o espazo ao benestar. Pero alterar ou interromper o rito do simulacro merece a excomuñón. É crime de sacrilexio. A transcendencia, tan querida.

Vargas Llosa oficiou unha vez máis de sacerdote liberal. Separou o mundo en bos, malos, pallasos, perversos e idiotas pobres. E nacionalistas, que, condenados, soñan continuamente con facer o mal e derrubar ese cristalino edificio de luz e harmonía que se chama España. Esa modélica familia. Xa hai uns cantos meses, acompañado por luminosos modistas, artistas e ciclistas, propiciou un piadoso manifesto en defensa dunha (mal) chamada Lengua Común, que, como calquera sabe, só é común para os seus falantes. Nunca galegos, cataláns ou vascos atacaron a lingua española coa vehemencia e a xenreira coa que este liberal e os seus diáconos trataron as linguas destas tres nacións sen estado. Soamente persoas moi indignas están capacitadas para desprezar os falantes de linguas que consideran inferiores.

Mal escritor é aquel que postula a inferioridade dunhas linguas fronte a outras. Mala gente que camina y va apestando la tierra, por Antonio Machado. Peores, madia leva, ca pallasos.

]]>
Encontrar outra vez a esquerda http://antondobao.blogaliza.org/2010/06/10/669/ Thu, 10 Jun 2010 10:35:59 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=669 A crise económica é unha película de estrutura clásica: presentación, nó e desenlace. E está xa todo visto. Como toda película comercial, esíxenos submisión e pasividade. Paguemos o billete e observemos. A poder ser en silencio. O espectador mira. Máis nada. Cando a imaxe nos invade, nós xa non somos nós senón eu desconectados. A insensibilidade é analxésica.

Contan algúns vellos con memoria, esa facultade que o Capital considera superflua, que hai anos se sentían máis protexidos. Quizais porque existía outro modelo de sociedade que funcionaba como referencia alternativa. Talvez porque a fábrica xuntaba baixo os seus teitos de fume tóxico as masas proletarias, que ademais compartían habitación nos mesmos barrios, bebían nos mesmos bares, vían fútbol nos mesmos estadios e botaban os cigarros nas mesmas prazas. Aqueles proletarios dirixían as súas organizacións sindicais; o movemento obreiro traía continuidade desde a Primeira Internacional. A iniciativa histórica pertencíalles. Unha clase en si e para si, dixera o vello Marx. O conflito entre clases era ofensivo. Cada paso, un avance. Cada folga, unha conquista. Cada reforma, un triunfo. Calquera xustificación da que se apropiase o reformismo xurdía das loitas obreiras. Conquista tras conquista.

Talvez a quen máis dano lle fixo a caída material e simbólica do muro foi á socialdemocracia. A implosión do Socialismo Real, con todas as súas imperfeccións, perversións e desviacións, disipou a coartada do reformismo coma se fose unha burbulla de xabón. A mediación entre as aspiracións radicais do proletariado e as necesidades de supervivencia do Capital deixa de ter sentido no momento en que se executa o proxecto de desestruturación proletaria. Ao morrer a referencia dun modelo social alternativo desaparece parte do impulso do movemento obreiro. O Capital xa non necesita intermediarios que amortezan os efectos das loitas obreiras, porque a utopía é declarada inútil, imposible. Á socialdemocracia só lle queda unha regaña pola que observar a luz mesta e sombría dun novo día: o liberalismo como acto de fe, desde a privatización masiva á exclusión da economía dos programas de acción política. A socialdemocracia é forza de choque das contrarreformas liberais. A contrarrevolución en marcha. Empezou coa derrota de maio de 1968.

A crise é unha manifestación da podremia sistémica. O Capital leva décadas en reformas. Establece condicións novas no antagonismo social. Ao reorganizar os modelos de produción, altera a vida completa do proletariado, mesmo a súa composición de clase. O Capital rompe a fábrica, esparexe os barrios proletarios, ataca a identidade de clase. O sistema crea a ilusión de que o proletariado desaparece ou queda reducido á mínima expresión, identificado en exclusiva coa vella clase obreira industrial. Agora todos gobernan para unha fantasmal clase media. A lóxica da fragmentación impón a súa norma de ferro. A esquerda naufraga entre a deslocalización ideolóxica e política dun reformismo inútil e a incapacidade de captar as engurras da nova realidade. Se o proletariado contemporáneo non se recoñece na súa totalidade, se non posúe instrumentos eficaces, organizacións que expresen os seus desexos e proxectos colectivos, mecanismos de defensa e de conquista, o Capital amósase en toda a súa voracidade insaciable. A súa ansia de reestruturación é interminable.

Saír da crise equivale a mandarlle un golpe brutal ao proletariado contemporáneo. Disolvelo na lóxica da fragmentación e da negación. A mellor noticia para o Capital é un proletariado que non se recoñece como tal. Neste escenario, soamente cabe comezar outra vez. Recoñecer a propia identidade, acudir á conciencia das necesidades, asumir a recomposición de clase, que a engorda e lle dá máis corpo e maior intelixencia. O proletariado contemporáneo, que vai máis aló da clase obreira industrial, precisa reorganizarse en unidade, superar calquera división, combater a lóxica da fragmentación e impugnar a representación e a institucionalización como fin exclusivo de toda actividade política. A esquerda é transformadora ou non é. É instrumento do proletariado, das multitudes, ou apéndice institucional do Estado. Para non retrocedermos décadas de golpe, as clases subalternas terán que reorganizarse como clase capaz de alumar instrumentos políticos e sindicais que respondan ás necesidades e lle planten batalla ao Capital. Para resistir os seus embates, si, pero sobre todo para atacar o seu edificio impoñente pero podrecido. O campo de antagonismo é cada lugar, cada pequena loita sectorial, pero tamén o mundo enteiro. A unidade de todas as sensibilidades transformadoras e o nacemento dunha nova Internacional son condición necesaria.

Nese horizonte, o acto de refundación da esquerda que se escenificou en Compostela é unha esperanzadora noticia. Un principio, nada máis, unha miga de pluralidade e unidade desde a diversidade. Oxalá haxa capacidade de reinvención e boas novas para a organización deste proletariado que ás veces parece tan difuso. O contrario será esvaecerse, perder os contornos, deixarse morrer entre as húmidas paredes das institucións burguesas. A rúa, a fábrica social na que transcorre o tempo de produción, reprodución e consumo, será o escenario privilexiado das novas loitas. Impoñamos nós a axenda das conquistas. Segue o ceo esperando a ser asaltado. Outramente, será o fascismo quen atope a terra estercada.

]]>