Israel – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Freedom Gaza http://antondobao.blogaliza.org/2010/06/01/freedom-gaza/ Tue, 01 Jun 2010 10:52:28 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=658 Primeiro trataron o noso Ivan Prado e os seus Pallasos en Rebeldía coma se fosen un perigo extremo para a supervivencia do pobo elixido. Elixido por Deus, non esquecer, entre todos os moitos e diversos pobos do mundo. Os outros tivemos a desgraza de nacer fóra do colo protector dun Ser Supremo tan implacable, sectario e cruel coma os seus devotos criminais da actualidade. Para vivirmos felices, prescindiremos de Deus e as súas neuras, dos seus camiños ateigados de minas antipersoais, das súas terras prometidas e os seus mares tráxicos de miseria, sangue, sufrimento e morte.

Foi un bo espectáculo o de Ivan e os Pallasos. Os amigos rimos coa ocorrencia obsesiva da seguridade israelí. Rimos o que non puideron rir os nenos e nenas de Palestina. E dicir Palestina é como dicir Ningures. Cousas da xeopolítica contemporánea, que tan ben manexa a respectable e sabia Comunidade Internacional, ese espectro inmaterial. Era importante que aqueles nenos e nenas non riran, porque o riso tende a esgazar os cristais febles que lle dan armazón ao edificio do sistema mundo. Israel parounos, impediulles a entrada, mofouse da súa e nosa intelixencia, pero aos medios de produción simbólica de Galicia pouco lles preocupou o ataque. As Redes Escarlata acaban de lles outorgar o Premio Vidal Bolaño. Roberto estaría feliz con esta decisión.

Pero os primeiros non foron en sufrir as medidas de lexítima defensa do Estado de Israel. O conto vén de vello, así que non pagará a pena insistir moito nel. Agora soamente se cumpre unha máis das accións criminais deste Estado aborrecible que nace e se perpetúa no estrume dunha concepción esencialista da violencia e da brutalidade. Do terrorismo institucionalizado. Tan próximos ao fascismo, cando non irmáns xemelgos. Con cada acción israelí, as palabras esgótanse na punta da lingua e nos tentos dos dedos. Non se pode describir tanta indignación como invade a calquera persoa de ben. Exclúo, xaora, a Malkovich, a Juaristi, a Albiac, a xente así. Mala xente.

Agora foi a Flota da Liberdade, Freedom Gaza, atacada en augas internacionais. Querían crebar simbolicamente un bloqueo asasino. Outro. Non se sabe con exactitude cantos mortos; Israel mantén a información tan bloqueada coma a franxa de Gaza. O bloqueo é a súa única lexitimidade. As vítimas, segundo contan, son culpables. Israel volve aparecer coma un Estado ao que non lle queda máis saída que defenderse con esa proporción de violencia institucionalizada, esencial. Tanto ten que sexa unha cooperante esmagada por unha escavadora coma un neno furado a balazos. A vergonzosa Comunidade Internacional condena a acción pero evita molestar o descanso posterior á batalla desigual do guerreiro unxido polo alento divino. Na Flota da Liberdade viaxaban mesmo deputados europeos. Europa, porén, mídese e evita contundencia. Vergonza, medo ou infamia. Interesa que este novo episodio de asasinato masivo permanente perpetrado polo Estado de Israel vaia sendo devorado polo transcorrer do tempo. Desde que a noticia pasa ao rango da normalidade, superado o sobresalto inicial, todo termina. Coma se nada ocorrese. España e toda a Unión Europea acaban sendo cómplices activos e conscientes da carnicería que estes nazis contemporáneos practican con esmero. Algún xornalista con sentido crítico, se o houber, debera preguntarlle a Rubalcaba se o Goberno de España está coas bombas, coas pistolas ou con ambas.

A impunidade israelí segue asombrando. Atravesa a historia de máis da metade do Século XX e todo o que levamos de Sécuilo XXI. Alicérzase na complicidade dos Estados Unidos e de Europa. Nin a auga de todas as chuvias do que queda de século poderá lavar tanta infamia compartida.

Non podo nin imaxinar que fose outro estado o que expulsase pallasos e asasinase cooperantes desarmados en augas internacionais. A realidade tería estes días outra cara. Cada día que pasa é unha marca de vergonza no podrecido rostro de occidente.

]]>