Iniciativa Internacionalista – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Azul Europa http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/11/azul-europa/ Wed, 10 Jun 2009 22:05:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=419 Cando a Núñez Feijoo lle deu por dicir que votar polo BNG era votar a ERC estaba a manexar unha imaxe-estímulo. As campañas electorais non serven para facer chegar propostas, senón para probar na masa informe de votantes-consumidores a eficacia de estímulos diversos. Moi útil experimento para o mercado. A alusión a a unha formación legal e lexítima como ERC por parte do Presidente da Xunta de Galicia responde á técnica de aplicar o estímulo da irracionalidade para conseguir reaccións funcionais aos propios intereses. É a lóxica publicitaria. Moi democrática, como intuímos, pois potencia a liberdade de elección esa que tanto lles gusta. Todos somos autómatas.

O BNG respondeu asumindo o complexo de can. Mente Feijóo, bradou o Portavoz Nacional, votar BNG non é votar ERC. Pero Feijóo non mentía: votar a lista na que estaban os candidatos do BNG implicaba votar candidatos de ERC, e tamén de Aralar, de Eusko Alkartasuna e doutras forzas. Quen votou esa candidatura conseguiu colocar en Europa un deputado de ERC, non a Ana Miranda, aínda que os acordos lle permitan estar en Estrasburgo arredor de ano e medio. Ninguén sabe como se lles vai explicar aos votantes galegos desa candidatura, que introduciron na urna unha papeleta co anagrama do BNG e só cos candidatos do BNG.

Obviamente, o problema non é que o BNG concorra en coalición con outros partidos nacionalistas de centro esquerda. Ao contrario; é o normal, dadas as afinidades ideolóxicas (menos na cuestión nacional, curiosamente: ERC, Aralar e Eusko Alkartasuna son independentistas; o BNG, non). O grave é asumir o discurso do inimigo, aceptalo e contribuír a espallalo na práctica. Dada a mala prensa dos independentistas de ERC, o BNG prefire esquivar a realidade ante os propios electores. Xoga na representación que o réxime lle ofrece, acéptaa e reprodúcea. O desexo de ocultar a súa coalición é a reacción ao pánico que sente a formación nacionalista ante a potencia da doxa do réxime e do sistema. Ocultar antes que explicar. Un dique de contención da conciencia, única forza liberadora. Quen sabe se ese pánico e a práctica que xera ten algo que ver coa hemorraxia electoral.

Dos 40.000 votos que renunciaron ao BNG, parece que ningún quixo buscar acomodo en Iniciativa Internacionalista, que consegue en Galicia apenas os 3.000 votos que habitualmente recaen no peto da FPG. Un clásico. É certo que a ilusionante candidatura tivo un parto accidentado, sufriu criminalización primeiro e despois tragou silencio, mais iso non pode ser explicación suficiente para tal inmobilidade nunhas eleccións nas que tanta xente deixa de votar polo BNG. Xa ocorreu coa FPG nas autonómicas, a pesar dun candidato extraordinario e dunha campaña humilde pero moi ben armada e cun discurso forte.

Non será doado dar con todas as razóns desta acumulación de derrotas, pero a esquerda está na obriga de realizar o esforzo. Sería talvez necesario que se abrise algún proceso de reorganización da esquerda nacionalista, pero iso requiriría tanto unha reflexión sen prexuízos como un desprendemento xeneroso que, sinceramente, non se albisca próximo. Sempre é máis cómodo abeirarse á calor do lume da lareira. Fóra vai frío.

E é certo. Toda Europa sofre unha vaga de frío azul na que só conserva a temperatura corporal a dereita liberal. A esquerda ten síntomas de conxelación. Esa esquerda nominal, entregada desde hai décadas á relixión do Capital, que recibe o pagamento adecuado ás súas políticas de dereita ou aos seus pactos con Merkel para lle pexar os pés á esquerda de Lafontaine. E tamén a esquerda real, que segue escachizada, presa nuns casos de desorientación e noutros de incapacidade de reorganizar as forzas despois das batallas perdidas. Con razóns pero sen forzas.

É verdade que os índices de participación son tan ridículos que deslexitiman as futuras decisións dese Parlamento sen capacidade lexislativa. Esta Europa ármase tan distante dos pobos que a compoñen que representa a expropiación da capacidade política e dos dereitos de participación da multitude. A cidadanía excluída, por Francisco Sampedro. Mais a impugnación radical desta Europa das multinacionais e do mercado non deben cegarnos nin evitar que recoñezamos que en tempo de crise, cando as siglas ERE dominan as primeiras páxinas de todos os xornais, cando a banca non para de acumular beneficios, cando o recorte de dereitos laborais conquistados é obxectivo político de primeira necesidade, cando se carga o peso da crise nos lombos máis febles, a maioría social non está organizada, carece de capacidade de resposta e déixase fascinar polos discursos da dereita liberal e da extrema dereita. Porque entre o medio millón de votantes do PP en Galicia hai obreiros, labregos e mariñeiros pobres. E así, nación a nación, en toda Europa. Hai nestas condicións eido estercado para que prenda o fascismo? Probablemente non co rostro do fascismo do século XX, pero si con novos modos. Non é tan difícil cheiralo.

Nesta altura histórica, o proletariado contemporáneo, a multitude, non posúe organización. Nin política nin sindical, por moito que haxa partidos e sindicatos que cumpren máis que dignamente coas súas responsabilidades. Iso quere dicir que a esquerda ten a necesidade inmediata de reconstituírse. O ideal sería partir de cero e empezar a nacer no seo dos diferentes sectores de asalariados e asalariadas. Pero teño a sensación de que ninguén está disposto a renunciar á propia miseria.

]]>
Candidatos de mérito http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/03/candidatos-de-merito/ Wed, 03 Jun 2009 19:32:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=332 O desenvolvemento da campaña electoral presente non dista moito do sucedido en todas as anteriores. A candidatura de Iniciativa Internacionalista non ía estrearse en condicións diferentes. Sorte tivo, pensarán algúns, de non ser prohibida e de atopar un sitio para esparexer as súas proclamas incendiarias: o dereito a decidir e a crítica ao capitalismo. Así de simple, así de grave.

A práctica inspirada na doutrina Aznar dá sempre os seus froitos. Desta volta, foi Rubalcaba pluma ilustre da máis fermosa poesía social: ou se está cos votos, ou se está coas bombas. Non se sabe se tería por inspiración a Javier Solana, a Felipe González ou a Toni Blair. Ou a ámbolos tres, como dixera hai anos unha xornalista da Radio Galega ao informar sobre a toma de posesión de tres Conselleiros de Coalición Galega naquel famoso goberno de González Laxe. Eu téñoo claro; estou cos votos. Non me gusta que me priven dese dereito aínda sendo un impenitente pecador por entender que a democracia reducida a ese exercicio é unha caste de simulacro totalitario. Teimas miñas. En calquera democracia real, Rubalcaba estaría fóra da actividade política despois de o Tribunal Constitucional sentenciar que todo o proceso ese dos votos contra as bombas (ou as bombas contra os votos) non viña moi ó dereito. A democracia tería estas cousas. Dereito de revogación? Iso soa a programa da Comuna. Ou sexa, terrorismo.

Ó final, a candidatura do ruín Alfonso Sastre, en palabras dunha novelista española que se cadra nunca leu La mordaza, pode concorrer ás Eleccións ó Parlamento Europeo en teórica igualdade de oportunidades co resto das candidaturas presentadas. Pero o proceso iniciado coa impugnación da candidatura tivo o seu éxito. No estado español, sobre todo a partir da doutrina Aznar (todos somos terroristas mentres non se demostre o contrario), a acusación implica culpa. Non sempre, iso non; só no caso de organizacións, de grupos, de persoas que se xuntan para transformar algún anaco de realidade. As persoas serán seguramente inocentes, pero ó se xuntaren e determinaren actuar politicamente xeran un instrumento que por principio é reo de todos os crimes e, por tanto, suprimible. Ben mediante a prohibición, ben mediante a súa non existencia na realidade contada e transmitida, recreada.

X. L. Méndez Ferrín achega o seu extenso historial político á candidatura que encabeza o ruín Sastre. Pode achegar tamén o seu valor literario, porque o ser humano non debe escindirse, pero non é o caso. Ocorre igual con Sastre. Ferrín achega, cos outros integrantes da candidatura, as arelas de emancipación dunha parte dos galegos e galegas que non lles temen aos soños, ao futuro nin aos desexos. Unha parte pequena, é certo, pero non por iso irrelevante nin menos importante.

Marta Rivera e Xosé Luís Franco Grande coincidiron estes días, curiosamente, ou non, en disparar contra o candidato Ferrín. Probablemente a novelista e o espantallo tráxico están de acordo en máis do que parece. É posible que, entre outras cousas, no desprezo, expresado con modos semellantes, polo que Ferrín poida representar politicamente. Ambas as (dúas, neste caso) intervencións son viscerais e achegan unha carga de necidade que nunca é conveniente no debate político, literario ou cultural. En calquera caso, ambas as persoas teñen dereito a opinar o que desexen acerca de Ferrín, de Piñeiro, de Sastre, da esquerda, do nacionalismo ou da saia da Carolina sen que o Universo deixe de expandirse ou contraerse ou permanecer arrebolado nunha éxtase celestial.

Defender a Ferrín destas dúas xoias literarias e xornalísticas sería tan absurdo como innecesario. Non é cousa de perder o tempo en tales asuntos banais habendo, por exemplo, tan boa literatura por ler, como tal a do propio Ferrín, que a novelista talvez non coñece. O importante será que o domingo á noite o candidato Sastre sexa proclamado, entre outros compañeiros de lista, Deputado no Parlamento Europeo. Será un honor para Europa. Como o é o candidato Ferrín e cada un dos compoñentes desa lista furunculosa chamada Iniciativa Internacionalista.

]]>