impostos – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Chantaxes orixinarias http://antondobao.blogaliza.org/2009/08/31/chantaxes-orixinarias/ Mon, 31 Aug 2009 10:00:47 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=503 A lexitimidade do capitalismo estéase en varias chantaxes orixinarias. Talvez por iso sempre está suxeita a impugnación e é tan evanescente que se disipa no aire en canto nota unha turbulencia. Coa acumulación primitiva, a chantaxe inicial, nace o monstro. Os seus mecanismos aínda latexan; así ocorre en Galicia e noutros territorios en que os efectos do desenvolvemento desigual mancan máis. O capitalismo nace desposuíndo de toda propiedade os suxeitos humanos que se verán obrigados a vender a prezo de saldo a súa forza de traballo para poder sobrevivir. O único que lles queda.

Outra chantaxe orixinaria, se cadra non tan patente, proxéctase coma un halo relixioso sobre o asunto económico, esa materia que nos afecta e sobre a que carecemos de potestade. Esta chantaxe, moi ligada a aquela masiva forza gravitatoria da subalternidade, esíxenos a fe inmutable nun concepto tan simple como eficaz: para que a economía progrese (non importa o que iso realmente signifique), é imprescindible que os donos dos medios de produción acumulen riqueza sen taxa. Ou sexa, que incrementen progresivamente o seu beneficio. Que fagamos o necesario para que non opere a caída tendencial da taxa de ganancia. Só así poderemos aspirar a un progreso e benestar aparentes, é dicir, a ser consumidores Outramente, o mundo esborrallaría en anacos. O reino da entropía social. Os nacidos para traballar terán que se sacrificar polo ben común, que, como sabemos de hai tempo, é a acumulación de beneficios. Serán recompensados co Reino dos Ceos, no que admirarán o acougado repouso contemplativo dos ricos á Dereita de deus Padre. Sempre á dereita.

Na incubadora da súa lexitimidade institucional e ideolóxica, o capitalismo disfraza as súas chantaxes cos avíos dunha natural orde das cousas; a súa lexitimación é relixiosa. O sacerdocio liberal exérceno os medios de produción simbólica ao carón dos políticos profesionais, da dereita e da mal chamada esquerda. Os integristas, coma un tal Ramón Tamames ou os seus ridículos e pintorescos discípulos galegos, ofrecen as súas pregarias máis estridentes ao Deus omnipotente para que abra portelos e portóns e disolva calquera linde que poña atranco á gloriosa explotación permanente e sen pexa, ese estado místico de perfección polo que ouvean día tras día desde a súa caverna. Contra o paro, salmodian, a mellor receita é o despedimento libre e gratuíto e a abolición de dereitos e conquistas: a protección requírea o empresario. Capitalismo como Deus manda, beneficio para o empresario e traballos para os de abaixo.

Para paliar os efectos da crise, os gobernos, ora liberais ora socialdemócratas, focalizan necesidades e expectativas dos donos do diñeiro. Entréganlle a riqueza pública á banca, que enfeita os seus balances e se nega ás necesidades da xente e ás economías produtivas para impoñer o seu modelo universal especulativo, incluído o investimento en masivas doses opiáceas coma a coñecida operación Cristiano Ronaldo, que tanto contento orgulloso transporta ás casas dos pobres. Tamén os produtores de automóbiles reciben cartos detraídos dos salarios, cos que tamén se axuda a manter e acrecentar os beneficios das grandes empresas e a precariedade laboral. Alixéirase a presión fiscal aos podentes pero elévase a que recae con máis dureza nos que menos teñen: impostos indirectos e IVE, que por algunha estraña lei da física tende a quedar atoado nos angostos circuítos do capital. A fraude fiscal, unha práctica consubstancial ao mundo dos filántropos emprendedores, resólvea o Estado incrementando os impostos indirectos.

Visto que España é un estado moderno que procura sempre estar á altura das circunstancias, o seu goberno, aparentemente progresista, formalmente interesado no benestar da maioría social, cumpre ao pé da letra os seus compromisos co poder. A socialdemocracia saborea coma ninguén a dozura acaramelada dos salóns institucionais e comprende que a súa principal función na vida política consiste en aparentar verbalmente a defensa dos intereses das maiorías sociais traballadoras ao tempo que executa políticas económicas reaccionarias que benefician a acumulación de riqueza da clase empresarial. O simulacro progresista consiste en aparentar o que nunca se fará. Tal que a defensa dos intereses dos traballadores, da sanidade pública ou da laicidade do Estado, por exemplo. Entre os meneos verbais e as medidas reais adoptadas polos gobernos socialdemócratas florece unha ecuación de capitalismo impúdico. Cando o ministro José Blanco bota a voar o globo sonda dunha suba de impostos ás rendas máis altas, cumpre a primeira fase de acción de goberno socialdemócrata clásica, que consiste en adormecer verbalmente os sectores sociais dos que se extrae o combustible electoral. Ä hora de lexislar, xa o farán, coma sempre, a favor da minoría social que detén o poder real. Por se acaso, as reaccións á prospección gobernamental dun posible incremento impositivo sobre as rendas máis altas non demoraron: desde o PP ao Xornal de Galicia, pasando por CiU, a preocupación é notoria: ningún poderoso está disposto a ceder un céntimo ao ben común. Soamente aceptar a posibilidade dunha política impositiva de esquerda real espiría a chantaxe orixinaria e con ela a lexitimidade mesma do sistema. O PSOE coñece ben a súa responsabilidade: nada de que paguen máis os que máis teñen. O seguinte paso virá co incremento das taxas indirectas e do IVE envolto na alegría de que os impostos non soben, esa chave de bóveda para a reactivación da economía, seica. O capitalismo é mestre en paradoxos.

Toda medida económica ten que pasar por reverter a caída de ganancia dos que acumulan riqueza sen pausa para que asalariados e asalariadas poidan seguir vendendo barata a súa forza de traballo, é dicir, a súa vida, e non teñan necesidade de descender aos abismos do paro, ou sexa, da exclusión e da perda da privilexiada condición de consumidores.

É o natural. Como din os sabios, sempre foi e sempre será. Ou sexa, uns vão bem e outros mal.

]]>