identidade – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Estatuto novo? http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/24/estatuto-novo/ Thu, 24 Sep 2009 18:52:35 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=530 O marco xurídico-político vixente recoñécelle a Galicia a súa condición de nacionalidade histórica. O carácter nacional de Galicia está tan fóra de discusión teórica coma o feito de o galego, e non outro idioma, ser a lingua propia. Haberá quen negue que o galego sexa a lingua propia de Galicia, ou que sexa unha lingua, e haberá quen vexa en Galicia unha entrañable e verde rexión sen entidade política. Ten que haber xente para todo. Ora, tales prexuízos só terán efecto xurídico cando se modifique a lexislación vixente. Mentres e non, o galego é a lingua propia dunha nacionalidade histórica chamada Galicia.

Mais non nos deixemos cegar pola legalidade. O Estado manexa ferramentas centralizadoras que converten en aspiracións indignas e antidemocráticas os tímidos recoñecementos formais. A periferia é unha anomalía. Non a súa existencia, que fortalece sempre a conciencia agresiva do centro, senón a súa impugnación da subalternidade. España é un proxecto nacional imposible, constantemente en crise, porque só se constrúe negando e perseguindo a diferenza e a diversidade. Criminalizándoas. O proxecto nacional español, en toda a súa amplitude política e mediática, é alérxico a toda identidade non española e a toda expresión en lingua non española. A literatura, o cinema, a música, calquera manifestación cultural que non navegue en barca de sangue e ouro será considerada irrelevante, inferior, non existirá. Cando non, abertamente hostil.

Para o pensamento nacional español, a diversidade empobrece e significa un perigo para a propia existencia. Quizais por iso é historicamente irrealizable. Hai outras nacións peninsulares que se saben diferentes, teiman en manter vivas as súas linguas e as súas culturas e en construír proxectos nacionais alternativos, aínda que non sempre sexan maioritarios. A contradición non a dá resolto España con uniformización e negación da diferenza, aínda vestida de descentralización, autonomía e respecto pola diversidade. Agudízaa.

A construción dun Estado das Autonomías en que se dilúan as diferenzas e se equipare o autogoberno das nacionalidades históricas á xestión das rexións e provincias autónomas serve para reconducir aspiracións nacionais de Galicia, Euskal Herria e Países Cataláns. Substitúese polo simulacro a posibilidade dun réxime pluralista, necesariamente republicano, de igualdade real entre as nacións española, catalá, vasca e galega. É a distancia infinita entre unha concesión de descentralización administrativa e o dereito a decidir, propio, só que fose teoricamente, dunha federación de nacións. O simulacro.

España só concibe unha soberanía, e esta reside no Congreso dos Deputados. Nin sequera no pobo español. As peripecias da reforma do Estatuto de Cataluña sacan á superficie as profundas deficiencias democráticas do réxime. O Parlamento de Cataluña, en teoría a expresión da soberanía do pobo catalán, aproba un texto estatutario co apoio de máis do 90% dos seus deputados. O texto vai ao Congreso dos Deputados e de aí sae chapodado e corrixido, é dicir, a vontade popular catalá non ten valor político. Para concluír coa farsa, o Tribunal Constitucional, non elixido, como sabemos, por sufraxio universal, terá a derradeira palabra. Un grupo de maxistrados pode desprezar, amparado na lexitimidade que o réxime lle concede, as decisións do pobo catalán mediante Parlamento e referendo e as do Congreso dos Deputados de España. En que instancia real recae a soberanía? A anomalía democrática é estridente.

Historicamente, o nacionalismo galego de esquerda —outro non hai nin é probable— está enfrontado ao réxime. Non acepta o seu marco xurídico e político por negar o pobo galego como suxeito político soberano con dereito a decidir sobre a forma de organización con España: desde a autonomía administrativa, pasando pola federación en pé de igualdade, ata a independencia. Tampouco Castelao, que nunca foi rexionalista, aceptou ningunha saída á ditadura fascista que non supuxese unha III República Federal e o recoñecemento da soberanía galega. A ruptura democrática que nunca se produciu.

Que nos últimos tempos o BNG teime na reforma estatutaria vén a romper con esa tradición histórica. Unha reforma estatutaria, mesmo nos máximos permitidos polo réxime, non conquistará dereitos para a nación galega. Como moito, un recoñecemento formalmente diferente do seu xa recoñecido carácter nacional. O custo dunha modificación insubstancial sería a automática aceptación dun marco xurídico e político que nega o dereito a decidir e mantén en réxime de subalternidade a nación galega, a súa lingua, a súa cultura e as súas posibilidades futuras. Moi caro.

Se a sentenza do Tribunal Constitucional é contraria á reforma do Estatuto de Cataluña, as xustificacións para apoiar unha reforma estatutaria e asumir o marco xurídico-político do réxime caerían a cachón nun burato negro. O nacionalismo renunciaría á potencia do seu discurso. Talvez, o indicado sería non insistir nunha reforma inconsistente, manter a as distancias, non lexitimar o réxime e forzar politicamente melloras tanto na actualización estatutaria coma no desenvolvemento de competencias. O resultado non se medirá en termos de rendemento electoral inmediato, pero si de conciencia colectiva. Conciencia nacional das necesidades e das posibilidades, único camiño para a emancipación. Que é o obxectivo, ou?

A asunción do marco xurídico e político resultante dun novo estatuto unanimemente apoiado polos grupos do Parlamento de Galicia implicaría unha reformulación histórica das forzas nacionalistas. Daquela, situaríanse á mesma distancia de Castelao que Núñez Feijóo.

]]>
Non pasarán! http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/21/non-pasaran/ Mon, 21 Sep 2009 12:04:04 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=527 Non sei por que será, pero teño a sensación de que se os mandilóns das defuntas Galescolas lucisen bordada unha luminosa bandeira encarnada e amarela non cumpriría despolitización. Se acaso, mudar nomes, para retirar do pasado os verdadeiros vestixios do mal. Vou levar os pequenos á galiña soa moito mellor, quen o dubida.

Tamén estou convencido de que as bandeiras españolas que locen nas camisetas algúns equipos de fútbol son apenas unha orgullosa mostra de patriotismo, ese sentimento tan entrañable e inocente, unha resposta contundente á politización extremista á que Laporta somete o F. C. Barcelona ao bordar nas chambras dos futbolistas unha senyera, ao se atrever a opinar, ao pedir seleccións deportivas catalás en competicións oficiais ou a teimar en darlle ao catalán sen parar. Xa se sabe; dáslles unha man e cóllenche o brazo enteiro. Non lles chega con ter unha selección que xogue partidos amigables polo nadal e unha lingua coa que cantar a beleza dos sentimentos máis puros; queren competir polo mundo adiante coa súa lingua na boca. Túzaros.

En Galicia, que somos moi serios e estamos dispostos a dar exemplo de españolidade suicida, probablemente non volveremos ver Selección Galega nin de fútbol nin de chapas. Vivimos a gloriosa era da despolitización. Sea usted inteligente, no se meta en política. Hai demasiadas bandeiras de Galicia nas zamarras dos seleccionados, así que mellor será aforrar uns cartos e pechar o ridículo bochinche. E entón escusamos cantar o himno, que ten letra monolingüe impositiva e rivaliza co lalalala que con tanta paixón berraron gorxas despolitizadas hai unhas semanas en Riazor.

Os símbolos que politizan non son benvidos. Contra eles, que separan, hai símbolos que unen. Estes deben ocupar a totalidade do espazo social, cultural, político. Para iso gañaron unha guerra, non para observaren, impávidos e atoallados, como retiran da Coruña con La a estatua dun Coruñés de Pro. Outro día haberá que falar dos resentidos. Hoxe aínda temos que navegar un pouco pola filosofía Valdano, especialista na masa do patacón: uns van de dentro para fóra e outros de dentro para aínda máis dentro. Quen non o entenda que vaia á galiña.

O bo que teñen os símbolos é que ofrecen significados de pouca precisión semántica pero con alta capacidade connotativa. Son eficaces para controlar certas tendencias potencialmente incontrolables da multitude e dos individuos. Tamén para construír discursos alternativos. En calquera dos casos, o símbolo dálle cohesión ao grupo. Se a comunicación social toda se apoiase no símbolo, triunfaría a aparencia sobre a realidade e o dominio deviría nunha brétema dificilmente visible. Diversas manifestacións do poder interveñen a nosa facultade lingüística para lle imprimir unha derivación simbólica: do significado preciso á connotación difusa. As palabras fanse símbolos e iconas cando é preciso. A estimulación das vísceras sen necesidade de facer parada nos cerebros.

Os símbolos de España non se discuten. Quen non goce ata as proximidades do orgasmo co triunfo das seleccións españolas, de Nadal ou de Fernando Alonso é persoa resentida, excluínte e cunha concepción aldeá da cultura e da vida. Un descastado. Na Radio Galega exaltábase o patriotismo de víscera e fozábase no peor chauvinismo contra un británico negro nas carreiras de Fernando Alonso, un piloto que nada ten que ver con Galicia e cuxos impostos esquivan as necesidades sociais dos extasiados pola veloz habilidade máis ca pola propia pobreza. Eran tempos do bipartito, que máis ten.

Toda a dereita española, tanto a franquista (Partido Popular e os seus medios de produción simbólica) coma a dereita monárquica (felipismo, guerrismo, outros sectores do PSOE, PRISA, UPyD, etc.), comparte a necesidade de ocupar a comunicación social con representacións simbólicas. Para eles, socios inseparables, a identidade é unha deformación que cómpre barbear porque politiza en exceso ámbitos aos que só deben acudir símbolos de unidade. Coma a política cando a practican non profesionais, a identidade é indesexable cando non é española. Cando Puyol celebrou un gol no Bernabéu ao Real Madrid bicando o brazalete coa senyera, a identidade española, ou sexa, a natural e inocente, a que ten emisoras de radio e xornais e odia a politización, indignouse coa afronta. Mais non se fixa no valor connotativo do Viva España que canta o público madridista ou da simboloxía fascista e rojigualda que tingue o Bernabéu. Claman ao ceo se vascos e cataláns asubían o himno español pero consideran un acto festivo que os seareiros españois abrouxen A Marsellesa. Moi esclarecedor.

A supervivencia dun proxecto patriótico español, incapaz de cristalizar historicamente, esencialmente negador e uniformizador, está profundamente ligada á necesidade de simbolizar toda comunicación social. Precisa facer de todo o español o natural non caracterizado e converter calquera símbolo ou manifestación das nacións non españolas en marca agresiva de imposición identitaria excluínte, en politización indesexable do que ha de estar, porque o din eles, no limbo do indiscutible. Ensinar matemáticas en galego é unha imposición inaceptable, unha politización totalitaria, e ensinalas en castelán é o natural non imposto. Misterios inescrutables, coma os Camiños do Señor.

Probablemente pasen algúns anos antes de que poidamos volver ver un partido da Selección Galega. Non é moita a perda, se temos en conta que a participación en competicións oficiais está prohibida. Pero será unha ausencia simbólica innecesaria. É a maneira que teñen de ir reconstruíndo a identidade natural. Como retirar a lingua galega do ensino e da vida pública.

Así son os demócratas orgullosos de Millán Astray.

Non pasarán.

]]>
Piñeirismo esvaecido http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/16/pineirismo-esvaecido/ Thu, 16 Jul 2009 11:30:22 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=475 Non sei se co pesar e contra as intencións de alguén. Probablemente nin iso. No espectáculo da política como profesión, tan afastada á mantenta da realidade material que nos configura e nos condiciona, os actores senten moi a miúdo de máis a necesidade de gardar certas formas. Talvez porque pensan que un terremoto informativo ou un debate non moi produtivo electoralmente non son un bo mollo para o caldo que están cociñando. Se cadra, unicamente porque os seus asesores de imaxe tenden a ser moi conservadores: o que non vai producir réditos inmediatos, deixalo estar.

Non sei se Núñez Feijóo ten asesor de imaxe. É probable que non. En tempos de crise e de coches sen blindar, non hai que tirar cos cartos nun asesor que recomende simplezas obvias que o Presidente ha de ter claras. Se é que o ten, conservador non é. Máis ben arrisca toda a partida a un único naipe. E mais a partida é longa; calquera movemento en falso pode guindar á varredura o traballo e as arelas de catro anos.

O escaso goberno de Núñez Feijóo ofrece elementos para a análise xornalística, de opinión e partidaria. Aló cada quen cos seus choios. Como eu non son xornalista nin opino para ningunha publicación periódica, aínda que procuro sempre tomar partido, non repetirei os lugares comúns de certas análises políticas. Arriscarei tanto coma os asesores de Feijóo; eu teño menos que perder. Para algo estamos no ano dedicado a Ramón Piñeiro.

Arrisquemos cunha sentenza: coa dereita que ocupa os despachos desta concesión administrativa chamada Autonomía, o piñeirismo está morto. Morto. Politicamente irrelevante. E talvez a obra de Ramón Piñeiro, disolta no tempo coa simpleza coa que se desfai unha cullerada de azucre nun vaso de auga quente.

A Autonomía conseguiu manter viva a ilusión de que a obra material e inmaterial de Ramón Piñeiro fora tan importante que propiciara a instalación dun sentido común identitario nas elites políticas de Galicia, independentemente dos partidos aos que se adscribiran, desde os sectores máis galeguistas (pensemos en Realidade Galega ou en personaxes como Sixto Seco ou o propio Fernández Albor) aos máis contundentemente españolistas, como o que pivotou ao redor de Fraga Iribarne. Unha doxa galeguista insculpida xa para sempre na nosa vida pública coma un petroglifo inalterable. O propio Fraga Iribarne chegou a ofrecerlle carácter filosófico: autoidentificación. Piñeiro, o seu maxisterio, os seus soños e as súas ideas triunfaban. Ese sentido común galeguista estenderíase coma o aire que respiramos: imperceptible, cordialmente, sen imposicións, vital. Os seus puntos fortes serían a defensa da lingua como principal sinal de identidade e mais unha aceptación sen estridencias das nosas expresións culturais como marca diferencial do ser galego. A identidade focalizada na lingua e nas manifestacións culturais, expresións espirituais, nada de materialismo, nada de proxectos emancipatorios, nada de multitudes nin suxeitos colectivos. Só o espírito como protagonista da alma galega. Con todo iso, o nacionalismo sería innecesario, inútil, contraproducente, antihistórico. Que llo pregunten a Franco Grande.

Mais ves que só faltou que chegara esta nova xeración de gobernantes para que o soño feito realidade se esvaecese no aire. Núñez Feijóo e os seus borraron sen un pestanexo ese sentido común galeguista ao dinamitaren os dous esteos nos que se sostiña: a lingua como sinal de identidade, sen merecer políticas normalizadoras mais si un discurso público contrario a resucitar vellos prexuízos e lugares comúns glotofáxicos, e a aceptación das nosas manifestacións culturais como expresión dunha colectividade diferenciada.

O novo discurso respecto ao galego é coñecido: unha absurda reconstrución dos peores lugares comúns do franquismo. A lingua galega non pode ser imposta, debe ser recluída aló onde non amole nin cheire demasiado. Igualdade lingüística, reclamación cínica ao tempo que se lexisla para favorecer a expansión invasiva da lingua que consideran realmente importante. Entre o principio de distancia duns e o temor á hipercaracterización dos outros. Das políticas do laissez faire pasamos a un discurso de rexeitamento sen complexos. Coa escusa da liberdade individual, do dereito a elixir, da non discriminación e da non imposición, coma se ningún deses principios rozase co castelán, hai unha negativa organizada a executar políticas que sirvan para dar algúns pasos, só que sexa lenta e timidamente, cara a unha igualdade real. Na xustiza, na empresa, nos espectáculos, no mercado, no deporte, nos xornais, nas radios, nas televisións, nas librerías, no ensino público, no ensino privado, entre os funcionarios, na sanidade, na música, nas salas de cinema… seguimos? Os extintores non sacian nunca as súas necesidades de destrución.

O novo discurso abrangue tamén os ámbitos da cultura: demolición. Non seremos nin aquela curiosidade diferencial do galeguismo cordial. Agora somos, seica, provincianismo, ausencia de cosmopolitismo, pailanismo en estado extremo, resistencia como sinónimo de aldeanismo. O edificio que construímos contra toda a adversidade, desde Rosalía, debe ser derrubado. Tampouco se pode impoñer unha cultura. Cómpre destituír os axentes armados que, a punta de pistola, levan anos obrigando a galegos e galegas a falar galego, a esquecer o castelán, a ler sen descanso a Curros, a Pondal, a Castelao, a Dieste, a Blanco-Amor, a Novoneyra, a Ferrín, a marxinar Valle-Inclán, Torrente e Cela. E o Consello da Cultura, cuxa única función é opinar, cala cómplice. Outros, afectados polo principio de distancia, seguen disparando contra a Academia.

O proxecto é claro: a subalternidade orgánica de Galicia, a supresión pública dos seus sinais de identidade, a súa conversión nunha provincia menor da Nación Española. A ese proxecto élle hostil toda manifestación cultural e lingüística autónoma. Nese escenario, o piñeirismo amósase unha inutilidade histórica. Porque ao primeiro soprido, esborrállase o fráxil castelo de naipes en que alicerzaba aquel sentido común galeguista, en realidade nunca compartido.

Se cadra é ocasión de os sectores da dereita cómodos con certa tradición galeguista tomaren a iniciativa e abxuraren dunha acción política que degora subalternidade, silencio, desaparición. Tamén o nacionalismo político, social e cultural debe reformular moitas tácticas, certos principios, algúns códigos e non poucos anacronismos sectarios. Non xa no ámbito puramente electoral, tamén nalgúns discursos. Hai vellas dependencias hipotecarias que pexan toda posibilidade de desenvolvemento e de consolidación social e política dunha hexemonía que no ámbito da cultura é xigantesca. A lingua e a cultura de Galicia non deben dar pasos atrás para protexerse e sobrevivir. O seu camiño tira para a fronte, consiste en avanzar, gañar espazos sociais, fortalecer a súa hexemonía e debuxar o futuro. Que choren outros pola morte do piñeirismo.

E que o Consello da Cultura Galega siga co seu longo e vergonzoso silencio cómplice.

]]>