hexemonía – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Piñeirismo esvaecido http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/16/pineirismo-esvaecido/ Thu, 16 Jul 2009 11:30:22 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=475 Non sei se co pesar e contra as intencións de alguén. Probablemente nin iso. No espectáculo da política como profesión, tan afastada á mantenta da realidade material que nos configura e nos condiciona, os actores senten moi a miúdo de máis a necesidade de gardar certas formas. Talvez porque pensan que un terremoto informativo ou un debate non moi produtivo electoralmente non son un bo mollo para o caldo que están cociñando. Se cadra, unicamente porque os seus asesores de imaxe tenden a ser moi conservadores: o que non vai producir réditos inmediatos, deixalo estar.

Non sei se Núñez Feijóo ten asesor de imaxe. É probable que non. En tempos de crise e de coches sen blindar, non hai que tirar cos cartos nun asesor que recomende simplezas obvias que o Presidente ha de ter claras. Se é que o ten, conservador non é. Máis ben arrisca toda a partida a un único naipe. E mais a partida é longa; calquera movemento en falso pode guindar á varredura o traballo e as arelas de catro anos.

O escaso goberno de Núñez Feijóo ofrece elementos para a análise xornalística, de opinión e partidaria. Aló cada quen cos seus choios. Como eu non son xornalista nin opino para ningunha publicación periódica, aínda que procuro sempre tomar partido, non repetirei os lugares comúns de certas análises políticas. Arriscarei tanto coma os asesores de Feijóo; eu teño menos que perder. Para algo estamos no ano dedicado a Ramón Piñeiro.

Arrisquemos cunha sentenza: coa dereita que ocupa os despachos desta concesión administrativa chamada Autonomía, o piñeirismo está morto. Morto. Politicamente irrelevante. E talvez a obra de Ramón Piñeiro, disolta no tempo coa simpleza coa que se desfai unha cullerada de azucre nun vaso de auga quente.

A Autonomía conseguiu manter viva a ilusión de que a obra material e inmaterial de Ramón Piñeiro fora tan importante que propiciara a instalación dun sentido común identitario nas elites políticas de Galicia, independentemente dos partidos aos que se adscribiran, desde os sectores máis galeguistas (pensemos en Realidade Galega ou en personaxes como Sixto Seco ou o propio Fernández Albor) aos máis contundentemente españolistas, como o que pivotou ao redor de Fraga Iribarne. Unha doxa galeguista insculpida xa para sempre na nosa vida pública coma un petroglifo inalterable. O propio Fraga Iribarne chegou a ofrecerlle carácter filosófico: autoidentificación. Piñeiro, o seu maxisterio, os seus soños e as súas ideas triunfaban. Ese sentido común galeguista estenderíase coma o aire que respiramos: imperceptible, cordialmente, sen imposicións, vital. Os seus puntos fortes serían a defensa da lingua como principal sinal de identidade e mais unha aceptación sen estridencias das nosas expresións culturais como marca diferencial do ser galego. A identidade focalizada na lingua e nas manifestacións culturais, expresións espirituais, nada de materialismo, nada de proxectos emancipatorios, nada de multitudes nin suxeitos colectivos. Só o espírito como protagonista da alma galega. Con todo iso, o nacionalismo sería innecesario, inútil, contraproducente, antihistórico. Que llo pregunten a Franco Grande.

Mais ves que só faltou que chegara esta nova xeración de gobernantes para que o soño feito realidade se esvaecese no aire. Núñez Feijóo e os seus borraron sen un pestanexo ese sentido común galeguista ao dinamitaren os dous esteos nos que se sostiña: a lingua como sinal de identidade, sen merecer políticas normalizadoras mais si un discurso público contrario a resucitar vellos prexuízos e lugares comúns glotofáxicos, e a aceptación das nosas manifestacións culturais como expresión dunha colectividade diferenciada.

O novo discurso respecto ao galego é coñecido: unha absurda reconstrución dos peores lugares comúns do franquismo. A lingua galega non pode ser imposta, debe ser recluída aló onde non amole nin cheire demasiado. Igualdade lingüística, reclamación cínica ao tempo que se lexisla para favorecer a expansión invasiva da lingua que consideran realmente importante. Entre o principio de distancia duns e o temor á hipercaracterización dos outros. Das políticas do laissez faire pasamos a un discurso de rexeitamento sen complexos. Coa escusa da liberdade individual, do dereito a elixir, da non discriminación e da non imposición, coma se ningún deses principios rozase co castelán, hai unha negativa organizada a executar políticas que sirvan para dar algúns pasos, só que sexa lenta e timidamente, cara a unha igualdade real. Na xustiza, na empresa, nos espectáculos, no mercado, no deporte, nos xornais, nas radios, nas televisións, nas librerías, no ensino público, no ensino privado, entre os funcionarios, na sanidade, na música, nas salas de cinema… seguimos? Os extintores non sacian nunca as súas necesidades de destrución.

O novo discurso abrangue tamén os ámbitos da cultura: demolición. Non seremos nin aquela curiosidade diferencial do galeguismo cordial. Agora somos, seica, provincianismo, ausencia de cosmopolitismo, pailanismo en estado extremo, resistencia como sinónimo de aldeanismo. O edificio que construímos contra toda a adversidade, desde Rosalía, debe ser derrubado. Tampouco se pode impoñer unha cultura. Cómpre destituír os axentes armados que, a punta de pistola, levan anos obrigando a galegos e galegas a falar galego, a esquecer o castelán, a ler sen descanso a Curros, a Pondal, a Castelao, a Dieste, a Blanco-Amor, a Novoneyra, a Ferrín, a marxinar Valle-Inclán, Torrente e Cela. E o Consello da Cultura, cuxa única función é opinar, cala cómplice. Outros, afectados polo principio de distancia, seguen disparando contra a Academia.

O proxecto é claro: a subalternidade orgánica de Galicia, a supresión pública dos seus sinais de identidade, a súa conversión nunha provincia menor da Nación Española. A ese proxecto élle hostil toda manifestación cultural e lingüística autónoma. Nese escenario, o piñeirismo amósase unha inutilidade histórica. Porque ao primeiro soprido, esborrállase o fráxil castelo de naipes en que alicerzaba aquel sentido común galeguista, en realidade nunca compartido.

Se cadra é ocasión de os sectores da dereita cómodos con certa tradición galeguista tomaren a iniciativa e abxuraren dunha acción política que degora subalternidade, silencio, desaparición. Tamén o nacionalismo político, social e cultural debe reformular moitas tácticas, certos principios, algúns códigos e non poucos anacronismos sectarios. Non xa no ámbito puramente electoral, tamén nalgúns discursos. Hai vellas dependencias hipotecarias que pexan toda posibilidade de desenvolvemento e de consolidación social e política dunha hexemonía que no ámbito da cultura é xigantesca. A lingua e a cultura de Galicia non deben dar pasos atrás para protexerse e sobrevivir. O seu camiño tira para a fronte, consiste en avanzar, gañar espazos sociais, fortalecer a súa hexemonía e debuxar o futuro. Que choren outros pola morte do piñeirismo.

E que o Consello da Cultura Galega siga co seu longo e vergonzoso silencio cómplice.

]]>
Dimensión reiterada http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/18/dimension-reiterada/ Fri, 17 Apr 2009 23:52:00 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=138 Houbo xa investidura e dis que hai novo Presidente, que seica gañou a votación Núñez Feijóo, aínda que non tomou posesión por ante as multitudes. Nada diferente ao xa coñecido se non fora por esa sensación de virmos de traspasar un burato de verme de estraños efectos na psicoloxía colectiva. Durante mes e pico vímonos expulsados da actualidade mentres iamos caendo, ao pairo pero sen remedio, nunha fracción bastante anterior da dimensión espazotemporal. Talvez as fantásticas viaxes no tempo, eses desvelos íntimos de calquera de nós nalgún momento das nosas vidas, consisten nun suave afundimento depresivo que nos fai sentir desolados, os seres máis desamparados do universo, e nos converte en protagonistas dun dejà vu colectivo que a ninguén lle apetece experimentar. Mais a política ten esas cousas. A representación ofrece case todas as posibilidades virtuais, mesmo o retroceso temporal. A realidade tanxible, a que se sofre, apenas ten permiso para coñecer cambios aparentes nos niveis máis superficiais. Talvez Matrix non nos é tan alleo. Benvidos ao deserto do real.

O profesor Alonso Montero dicía nunha entrevista en Vieiros que o importante non é a nación nin os seus mitos, senón a Seguridade Social, á que habería que lle facer unha homenaxe. Apúntome ás homenaxes que faga falta, pero creo que se engana. Porque os mitos son consubstanciais ás culturas humanas, por tanto instrumentos posibles de dominación e tamén de liberación, imprescindibles mesmo para existirmos como seres sociais, algo tan simple e tan complexo ás veces. Porque a propia Seguridade Social é un mito, un mito dunha esquerda sen utopía que teima en se azorrar ao aparente. Porque o realmente importante non é a Seguridade Social, que mesmo pode ser base eficaz da privatización da saúde, senón a Propiedade. Esa que ninguén ousa discutir. Alonso Montero enganábase nesa entrevista igual que se enganaba ao proclamar que o pobo galego ditou hai tempo a sentenza de morte contra a súa lingua. Porque todo materialista comprende que tras un conflito lingüístico hai unha base material que o explica e que empurra ás persoas a manexaren as súas identidades con sentidos de absoluta urxencia. Mais de lingua habemos ter ocasión de falar.

A sesión de Investidura non debeu dar moito de si. Pero espértanos e colócanos no presente, fainos ver que a viaxe no tempo polo de agora aínda é un soño da ciencia —todo se andará!—, que os retrocesos históricos nunca nos levan a momentos xa vividos senón á farsa do que outrora foi drama ou mesmo traxedia. A representación repítese. É o mesmo festival sempre. Dese lado, a absorción da capacidade política do pobo, o seu diferimento mediante expropiación; do lado de acó, nós, espectadores sempre. Simpatizamos máis con uns ca con outros, madia leva; o xogo así o esixe. Mais as nosas vidas pouco cambian porque, como moito, todo o que se xoga no envite son palabras relacionadas coa Seguridade Social; nunca está en perigo a Propiedade. No deserto do real, as vidas seguen os seus cursos, profilacticamente sometidas á representación, escindidas, aínda que aparentemente protagonistas do espectáculo. A dereita nunca defrauda os seus votantes; a esquerda está condenada a defraudalos sistematicamente mentres a representación política acugule as súas aspiracións. Refén da súa propia contradición.

A sensación de retorno temporal que atacou esta pequena nación durante mes e pico tal vez non se resolve coa investidura do novo Presidente de Galicia. Ao outro día, continúa o sometemento vital ao traballo asalariado. Exactamente igual que cando os protagonistas foron Touriño e Quintana. Nada mudou nestes anos con todo e seren os asalariados e as asalariadas (moitas delas sen salario) quen se mobilizaran para lle pegar á historia un pequeno empurrón. Ao parecer, a historia estaba adormecida; catro anos despois, o traballo asalariado segue fóra das marxes da representación.

No escenario da derrota, os vencidos buscan a maneira de retornar ao estrado. Se esa necesidade responde a unha pulsión transformadora, estariamos vivindo o paso atrás que inevitablemente acompaña os dous pasos adiante de todo cambio real. Demasiada inxenuidade, talvez. Sigamos con ela. Se o obxectivo é mudar as cousas para que mude todo, e máis que calquera outra cousa a vida da vil multitude, o esforzo non pode esgotarse nun cambio de líder ou nunha mellor ocupación dos espazos que a representación lle ofrece a ese actor de reparto con nula capacidade para improvisar. Hexemonía e unidade serán as palabras de orde. E a hexemonía só se conquista mediante a disolución na carne sen órganos da maioría social, chámese proletariado contemporáneo, multitude ou clases populares, tanto ten. Dándolle corpo, forma e vida orgánica a esa carne doente.

Esa é unha opción. A outra é lembrar con morriña que o logro máis visible do finado goberno bipartito foi mudarnos o horizonte, acoutárnolo con xigantescos muíños de vento. Privatizárnolo? Talvez.

]]>