Goberno de España – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Dura lex, sed lex http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/01/dura-lex-sed-lex/ Mon, 01 Jun 2009 00:00:10 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=324 Que Monseñor como se chame (Cañizares, Rouco, Barrio ou o propio Papa de Roma) opine que un aborto é peor que mil abusos a menores non debe sorprendernos. A Igrexa Católica clasifica moralmente cada conduta do ser humano, en soidade e en sociedade. No amplísimo catálogo de pecados incurables hai ben onde elixir para condenarse ao lume eterno nas caldeiras do inferno. Seguir ou non as súas prescricións e proscricións, cumprir ou non co que homes tan extraordinarios mandan e prohiben en materia de actos e pensamentos, de concepcións da vida, da materia, da historia e do propio universo é problema só dos que militan no Partido da Fe. A pesar de que é infinitamente máis difícil apostatar que mercar unha casa, ninguén está obrigado a esa militancia. Outra cousa é que nos fagan apandar coas súas manifestacións e nos obriguen a soster os seus vicios cunha parte dos nosos salarios.

A Igrexa Católica é o que é e o que foi. Non é nada novo esa teima en concibir os seus principios morais como unha necesidade social que debe impoñerse ao conxunto da cidadanía, independentemente das crenzas, da relixiosidade ou do ateísmo de cadaquén. No Estado español, segue a considerarse a garante do ben, da moral, dos bos costumes, de todo aquilo que fai de España esa reserva espiritual de Occidente e do mundo enteiro. No cerebro colectivo eclesiástico, o nacional-catolicismo nunca foi derrogado. Razón non lles falta: os representantes públicos seguen a axeonllarse ante os símbolos católicos, acoden ás procesións, presídenas e fan ofrendas ridículas. E a relixión fai parte dos plans de estudo. Se queremos saber de onde procede esa moda sarcástica da liberdade de elección, miremos para aí. Cando a lexislación non responde formalmente ás necesidades impositivas da Igrexa, velaí está a liberdade individual para reverter toda claridade democrática e laica. Os procesos que se seguen contra a lingua galega no ensino e na administración teñen idéntica orixe relixiosa. Alá, no fondo, o exemplo de Belarmino con Giordano Bruno e despois con Galileo. E tantos outros.

Probablemente a Igrexa Católica é unha das peores cousas que lle ocorreron á humanidade. Son dous mil anos de historia tétricos. E non polas súas crenzas, nin polos seus ritos, nin pola súa fe, sempre respectable e digna de que os seus practicantes gocen de todos os dereitos, senón pola súa obsesión totalitaria, a miúdo complementada cunha participación no poder e, por tanto, no dominio, no control e na brutal represión. Desde Constantino ata os nosos días, o norte da institución é abranguer co seu manto todos os espazos sociais, todos os ámbitos públicos e privados. A anulación do ser humano en nome dunha outra vida verdadeira, noutro lugar e a outra hora. Aquí, o sufrimento. Sobre todo para os pobres e os derrotados. A dor que purifica.

Que monseñor como se chame considere que o aborto é unha aberración é coherente co seu pensamento mítico. Se Deus é quen nos fai humanos no momento mesmo da concepción, derramar o proceso de xestación, interrompelo, é atacar a súa obra. E iso merece fogueira, aínda que as de hoxe sexan só (de momento) simbólicas. Non deberan o Goberno de España e o PSOE escandalizarse de máis porque un alto dirixente da Igrexa Católica lles reste profundidade aos propios crimes e eleve ao paroxismo a criminalidade de actos que non lle gustan. Farían mellor se miran a outro lado e se dedican a construír un estado laico, non sometido aos principios da Igrexa Católica, ás súas chantaxes nin aos seus intereses económicos e de dominio das subxectividades. Aí debe morrer o conto. Aínda que igual é posible aplicarlles a Lei de Partidos por non condenaren con contundencia o terror contra as vítimas máis inocentes —os menores encomendados ao coidado dos que abusan deles. Coñecerédelos polas súas obras, dis que dixo Xesús, o mesmo que expulsou, seica, os mercadores do templo.

Por contra, non son anecdóticas as manifestacións do candidato número un do Partido Popular ás Eleccións ao Parlamento Europeo. É totalmente respectable a súa fe, como o son os seus principios relixiosos e morais. El, coma calquera, ten dereito a seguir cegamente a doutrina da igrexa neste e noutros asuntos, a pensar o que queira verbo do aborto, do abuso de menores, da masturbación, da explotación, da pobreza, da fame, da miseria, da ignorancia orgullosa, da enfermidade, da transmisión da SIDA ou mesmo do dereito dunha rapariga de 16 anos a proseguir co seu embarazo aínda que seus pais queiran obrigala a abortar. Ou ao revés. Pero é chocante que quen foi Ministro do Interior e vai ser representante do pobo español no Parlamento Europeo aboie por enriba da lexislación vixente e criminalice un acto perfectamente legal ao tempo que suaviza a gravidade dun delito criminal abominable. Iso só ten un nome: fundamentalismo. Non só o hai no Islam. Porque cando se trata dun cargo público, aquí non contan os seus principios morais, as súas crenzas, os seus mitos e supersticións nin os seu gustos senón a lei. Dura lex, sed lex. Non era así?

A este paso, non haberá maneira de crer que a defensa do Estado de Dereito é o horizonte que guía sempre o comportamento público destes demócratas que tan cómoda e tranquilamente vivían con Franco.

]]>