Galicia Bilingüe – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Con Rosa estamos na Gloria http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/01/con-rosa-estamos-na-gloria/ Mon, 01 Mar 2010 20:30:47 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=614 Non sei se era cousa de froitos ou de obras. Pero dis que contan que o dixo Xesús Cristo. Algo así como “polos seus froitos os coñeceredes”. Certamente, hai dous mil e pico de anos pouca maneira había de saber dos homes e das mulleres —delas menos— se non era polos froitos que as súas obras puideran dar. Froitos maduros e podres, doces e amargos, saborosos e desagradables, vitais e velenosos, que de todo hai na viña do Señor, xa que estamos de referencias bíblicas. Naquela época, a comunicación era restritiva e fugaz. A Biblia asumiu a función de ordenar e interpretar o mundo, tal e como lles ocorre hoxe aos medios de comunicación de masas. Sagradas funcións! A comunicación lingüística substitúe a eficacia exemplar dos froitos que dan as obras humanas. Tamén a organizada con imaxes, de maior capacidade connotativa e menor exactitude semántica. Ideal para o caso.

Polos seus ditos os coñeceredes, poderiamos actualizar a sentenza escrituraria. No mundo da política profesional, a comunicación como mercadoría non só oculta senón que altera radicalmente o significado verdadeiro dos feitos. Sirva como exemplo a distancia real entre o discurso aparentemente progresista da socialdemocracia (esquerda oral) e as súas políticas económicas liberais. Ou a distancia entre o laicismo que se di defender e os froitos insalubres do vello e incuestionable nacional-catolicismo. Iso por non rebaixarnos ao nivel do estrume para casar certos discursos sobre imposición e dereitos lingüísticos cos froitos e as obras dos seus usuarios e inventoras.

Pero se o dicir das persoas públicas oculta convenientemente as súas intencións, tamén pode posuír a virtude de nos ofrecer o seu retrato máis exacto. Só é cuestión de saber descodificalo adecuadamente. Porque non existe o lapsus linguae. O ser humano é un animal extraordinariamente exacto no manexo da comunicación, en calquera lingua; para iso non se precisa formación de ningunha clase. Évos unha facultade innata, como durmir ou alimentarse.

O último exemplo témolo ben fresco: Rosa Díez e os galegos no sentido “máis pexorativo” do termo. Certo que a boa da deputada ten un dominio máis ben agreste da súa propia e amada lengua común por cojones. Pero iso non vén agora ao caso. Alá ela. O asunto é que tras escoitar a súa intervención e apalpar o bochorno en forma de silencio dese extraordinario profesional da aparencia que responde ao título de Gabilondo, dei en pensar que non debemos indignarnos. Non. Aproveita máis unha ollada displicente ca un cabreo.

Polas súas palabras os coñeceredes. Rosa Díez dirixe con tal destreza o Partido da Idiocia que non reparou en que cando pretendía insultar a Rodríguez Zapatero a función delatora da linguaxe estampou o seu retrato máis afinado. Comparemos. Cando un señor lle chama a outro “negro de merda”, por exemplo, non é o honor nin a dignidade do insultado o que se resente; é a imaxe do executor a que queda estampada. O reflexo de Rosa Díez no espello é atroz. Xa o era, pero ese pé mal afirmado é o trazo máis exacto da súa persoa. Non só da súa dignidade, da súa intelixencia, da súa elocuencia, da súa cultura e do seu proxecto político. Da súa persoa completiña.

Non son eu nada dado a alterarme nin a sentirme ofendido polo manexo de tópicos, chistes de galegos e demais trangalladas semellantes. Tendo a me rir un cacho largo e longo. Foi a primeira reacción que me ocasionou a ocorrencia da ilustre trapalleira. Despois lembrei a súa imaxe brazo con brazo doutra muller incomparable que se talla no seu propio espello tal cal é cada vez que abre a boquiña e se namora das simplezas que di. Hai en ambas, xuntas elas, un sentido transcendente da unidade por acumulación. Ou de anulación por duplicado. Con Rosa estamos na Gloria. Quen ousaría dubidalo? Recoñezo que tamén imaxinei a queima de Troia, Esparta, París e o propio Vaticano se algunha das moitas persoas odiadas pola caverna española —tan extensa coma escura— chega a manifestar que Rosa Díez é española no sentido máis pexorativo da palabra. Válgame Dios!

Entre o máis e o menos hai unha gradación de sentidos pexorativos, intúo. Non me importaría que Rosa Díez nolos explicase un a un con esa axilidade verbal que a caracteriza. Sería unha boa maneira de complementarmos o seu retrato. E o dos seus camaradas do Partido da Idiocia e da súa sucursal cuspida coma caguña en territorio de lingua galega.

Ao final, lembrei, e desa si que foi en serio e con inmenso pesar, a persecución langrina, necia, covarde e infame á que foi sometido aquel actor galego e catalán nos últimos anos da súa vida. Chamábase Pepe Rubianes. Iso si, quédame o consolo de que o seu nome será lembrado e recoñecido aínda cando as cinzas das obras e dos froitos de Rosa Díez e as súas camarillas anden atravesando ás apalpadas a materia escura coma neutrinos extraviados na inmensidade do cosmos. Borralla.

]]>
Mellor non dicir nada http://antondobao.blogaliza.org/2009/08/03/mellor-non-dicir-nada/ Mon, 03 Aug 2009 17:31:04 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=494 O patrimonio histórico e artístico non se toca. O inmaterial, que é intanxible por definición, curiosamente é máis dado a ser manipulado iso que a súa resistencia á destrución é superior aínda que aparente debilidade. A ninguén se lle ocorrería impulsar unha consulta para ver de manter en pé a muralla de Lugo, a Catedral de Santiago ou a Torre de Breogán. Se a alguén con poder institucional se lle chega a ocorrer tan estrambótica idea por non saber pensar noutros asuntos ou por non dar exercido as funcións públicas para as que fora elixido, non ousaría derrubar os monumentos se por mor dalgunha enfermidade colectiva o resultado da consulta marcase unha preferencia inconveniente. Co lume é mellor non brincar. Hai asuntos que non se someten a consulta a cada pouco, que habitan máis alá dunha deriva momentánea, que pertencen a todos sen exclusión: aos que viviron no pasado, aos que viven no presente e aos que vivirán en todos os futuros. É aberrante que uns poucos decidan sobre eses asuntos. Aos gobernantes tócalles protexelos do efecto corrosivo de intereses particulares inmediatos, que nestes casos nunca son nobres.

A lingua non é patrimonio inmaterial. Se algún día chegamos a defender tal identificación, estaremos confesando unha debilidade irreversible. E non é o caso. Que hoxe algunhas voces aludan a esa condición só indica un incomprensible descoñecemento do que é unha lingua e talvez certa tendencia a considerala unha peza de museo. Outra versión do principio de distancia. Por suposto, a lingua tampouco é o ridículo resultado dunha consulta ridícula.

A consulta debera ser boicoteada. Os pais preocupados por que aos seus fillos se lles ofreza un ensino público en condicións deberan enfrontarse ao disparate dunha Consellería de chiste e negarse a participar en semellante farsa provocativa cuxo único obxectivo é retirar a lingua galega do ensino, é dicir, do futuro. Non lles chega con que a escola sexa factor de castelanización; queren fumigar uns sons que non soportan, que lles derraman a pureza dos seus oídos e unha obsesión enfermiza por ostentar distancia irredutible. Freud saberá. Os pais e os funcionarios responsables están obrigados á desafección. E cada falante consciente desta vella nación, como Castelao lle chamaba.

Despois de ridículas reviravoltas, cos resultados da consulta coñecidos, todo volve ao lugar do que arrincaba. O goberno mantén un discurso que xoga á corda no gume dunha coitela oxidada. O cubil no que se asocian ignorantes e arelantes de extinción non sabe se festexar a derrota ou chorar a resistencia. Entremedias, unha consulta de lectura confusa, indecente e sospeitosa. Tanto o goberno coma os do cubil falsamente bilingüe non pensan proseguir coa empanada de consultas. Seica non se redactarán segundo este método os futuros programas de ensino. O regreso a formas de raciocinio máis propias do pensamento mítico ca do científico queda polo de agora medrando só nas marxes lamacentas dunha vulgar lingua vernácula. Ou sexa, de pobres e escravos. Certos clubs selectos non atopan bo acomodo nas searas da ciencia.

Se é certo que uns poucos milleiros de pais desexan para os seus fillos o descoñecemento da lingua de Galicia, entón quizais sufrimos unha pandemia máis daniña ca a da gripe A. Unha enfermidade social tan grave coma se esa cantidade de persoas avogase pola aplicación da lei do Talión, pola lapidación das adúlteras, pola submisión plena da muller ao seu posuidor ou pola pena de morte. Non teño dúbida de que a dereita estaría gozosa ante a idea de consultar acerca destes extremos. Pero hai cousas que non se someten ao xuízo temporal de certos grupos de persoas maltratadas por acumulacións de prexuízos e ignorancia.

Non diremos nada. Eis a consigna. O noso desprezo colectivo é a mellor resposta a unha ocorrencia grotesca que non debemos lexitimar. O goberno de Galicia debera ter a responsabilidade e o valor suficientes para planificar e executar a política lingüística que considere apropiada aos seus principios e ao tan aludido interese xeral sen necesidade de xustificar os seus actos con ocorrencias grotescas como a absurda consulta. O mesmo vale para o Secretario Xeral de Política Lingüística, que fai parte dese goberno. Xa terán a resposta que os falantes consideremos que deben ter. Valor e proxecto. Que fagan o que desexen coa súa consulta, que é súa e nada máis que súa; que derroguen o vixente decreto —moi tímido e nada normalizador, para que nos imos enganar— e que, como lles gusta dicir, muden o marco lexislativo de referencia. Que elaboren un novo decreto, pois, e que se dispoñan a aplicalo no ensino. Ese será xustamente o momento da resposta. E igual esta resposta é polimórfica e circula coma mil cobras en varias direccións e con diferentes intensidades. Ao mellor mesmo toca recorrer a todos os tribunais, en calquera lugar do mundo, para esixir garantías de exercicio dos nosos dereitos lingüísticos e o cumprimento escrupuloso, escrupulosísimo, da lexislación que en teoría protexe eses dereitos e obriga os poderes públicos de Galicia a potenciar a utilización do galego en todos os ámbitos da vida pública, cultural e informativa. Ou sexa, en todos. Falo do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización. E, se queren, que lle chamen imposición. Por moito que sigan a manipular estupidamente a semántica non conseguirán mudar a verdade dos feitos.

Consolémonos. É verdade que hai alumnos que non levan ben estudar galego. Tamén os hai aos que as matemáticas, a historia ou a física lles caen coma un punteirolo nas canelas. Confiemos en que a estulticia dos gobernantes non os conduza a consultar a posibilidade de eliminar esas ou outras materias pouco amables para os estudantes. Quen sabe que resultados sairían desa consulta. Consolémonos, logo. Aínda non superamos todas as barreiras da necidade. Polo de agora, aínda andan peor por Honduras. Non se consola quen non quere. Ora, o máis perigoso de certos exemplos é a súa extraordinaria potencia infecciosa. Instantánea.

]]>
As cousas casuais e cativas da Cultura http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/09/as-cousas-casuais-e-cativas-da-cultura/ Thu, 09 Jul 2009 11:34:18 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=465 O Conselleiro de Cultura está preocupado. Será esa humana preocupación, xenerosa sen dúbida, o que o obriga a pedir unha oportunidade para os galegos que traballan nun idioma diferente da lingua de Galicia. Pois por oportunidades que non sexa, home.

Cando o Conselleiro de Cultura fala en público, fai declaracións, responde entrevistas, a un nácelle a sensación de certo descoñecemento da rica e complexa realidade cultural de Galicia. Natural en alguén que leva tempo vivindo fóra. Pero o natural vira en preocupación se non se ven sinais de cambio ao cabo de certo tampo. Un Conselleiro de Cultura debe coñecer todos os aspectos da nosa realidade cultural e creativa, artística, literaria, audiovisual, teatral, musical, etc. E ás veces, Roberto Varela parece non darse feito con toda esa riqueza. Talvez por falta de bo asesoramento; se cadra por desinterese, cousa impensable ao se tratar dun cargo de tal transcendencia; quizais por prexuízos culturais e lingüísticos, o cal sería realmente grave.

Cando alguén observa desde fóra as manifestacións artísticas e culturais dunha comunidade tende a sometelas ao filtro dos propios prexuízos, das ideas preconcibidas arredor desa cultura e das súas manifestacións, dos lugares comúns normalmente emparentados co descoñecemento ou certos complexos de superioridade ou de inferioridade. De aí á folclorización desa cultura, a unha visión que remarca o exotismo, o pintoresco, e oculta as realidades, media só un treito microscópico. Bótenlle un ollo á película Los muertos van deprisa e verán do que falo. No caso de culturas propias de nacións subalternas, o fenómeno radicalízase. O mal ten cura, desde logo. Abonda con coñecer mellor os recantos en que fermenta esa cultura, as súas obras artísticas, os autores, os receptores, os diferentes axentes das industrias culturais, etc. Todo o que contribúe a elaborar universos simbólicos inseridos na tradición culta e na popular. Para un Conselleiro de Cultura, é tarefa obrigada.

Roberto Varela transmite sensacións de descoñecemento e de manexo torpe do lugar común. Ambas contribúen a darlle ao personaxe certo aire de inxenuidade entrañable, pura inocencia. Tamén os nenos son extraordinariamente hábiles no descoñecemento e delicadamente entrañables na fe absoluta coa que aceptan as mentiras con que seus pais procuran (inutilmente) perpetuarse no poder. Sempre é preferible pensar na inxenuidade e non na mala fe. Descoñecer a realidade ou observala a través dun veo translúcido que a deforma coma os espellos do San Froilán non é suficiente para mudar a realidade mesma. Os espellos do San Froilán son a versión autóctona dos do Callejón del Gato, que sen dúbida coñecerá perfectamente o noso Conselleiro de Cultura. Normalmente, o problema está no observador e non na realidade.

O Conselleiro de Cultura está preocupado. Fala nunha entrevista de autores que estiveron marxinados por escribir en castelán e cita a Valle-Inclán. E eu penso que alguén o está informando mal, ou que lle menten á mantenta, ou que ten por diante algún pano translúcido que lle deforma esperpenticamente a realidade. Porque non se me ocorre pensar que un Conselleiro de Cultura descoñeza a relación e a colaboración artística entre Valle-Inclán e Castelao, por exemplo, ou a admiración e o respecto que polo xenial escritor arousán comparte toda a literatura galega. Ou a normalidade coa que se relacionan escritores como Luísa Castro ou Susana Fortes coa lingua, coa literatura e cos escritores e escritoras galegas. Ou Marina Mayoral, que se incorpora tamén ao noso campo literario. Ou a relación sempre amigable e de admiración mutua entre os autores do campo literario galego e José Ángel Valente ou Carlos Oroza ou Torrente Ballester ou Camilo José Cela. Non sei en que manual se informaría o noso Conselleiro de Cultura para falar de marxinación de Valle-Inclán ou doutros escritores galegos pertencentes, por decisión propia, á literatura en lingua castelá. Outra cousa é confundir sistemas literarios. Ou acudir a aquela falsidade tan ligada ao analfabetismo cultural que empregou certo xornal para publicitar unha promoción: La mejor literatura gallega, se escribe en castellano. Pois non. Ningún dos autores arriba citados concordarían con aquela bobada usada coma arma para negar a existencia dunha literatura galega autónoma, non subalterna. Supoño que o Conselleiro de Cultura tampouco. Non sería decoroso en relación co seu cargo.

Tamén parece faltarlle algunha información ao noso Conselleiro cando se aventura a penetrar no proceloso mare magnum do audiovisual galego. Hai aí moita madeixa que debandar, e non é doado argallar ben o nobelo. Quede para outra ocasión o debate do que é ou non é audiovisual galego, de se existe ou é unha torre de fume ou de cal é a súa configuración e por que. Nalgún momento haberá que afrontalo con valor, a poder ser no propio sector audiovisual. Pero non parece propio dun Conselleiro de Cultura afirmar que non se pode discriminar unha película realizada en Galicia por galegos por estar feita en castelán. Non porque non sexa un bo desexo a ausencia de discriminación por razón de lingua (oxalá así fora), senón porque expresarse neses termos equivale a non coñecer cales foron ata hoxe os criterios para a subvención á produción audiovisual. Incluídos os anos de goberno bipartito e Consellería de Cultura dirixida polo BNG. Ora porque a información de que dispón o Conselleiro de Cultura é mala, ora porque hai algo entre os seus ollos e a realidade que lle impide vela tal como é e lla deforma. Mala cousa, en calquera dos dous casos. Confiemos en que algún funcionario lle achegue ao Conselleiro un informe detallado con todas as películas subvencionadas ata o presente, cos seus actores, directores, equipos técnicos e lingua orixinal. E nótese que o de lingua o digo en singular. Non creo que haxa no mundo un sector audiovisual con maior nivel de subalternidade ca o galego. Confiemos en que o Conselleiro de Cultura sexa quen de garantirnos a posibilidade de realizar (e de ver) cine na nosa lingua, o cal ata este mesmo día de hoxe non é posible. Estaranos marxinando alguén?

Para o Conselleiro de Cultura, a marxinación e a discriminación son furunchos que nacen pegados a certas erupcións lingüísticas e supoño que ideolóxicas. Como se na dereita e no teísmo non houbese ideoloxía. Le aconsejo que haga como yo, no se meta en política. Des que Roberto Vázquez chegou a Galicia, amosou unha enorme preocupación por aqueles e aquelas que, contra toda imposición, desexarían, e non poden, desenvolver unha obra literaria ou cinematográfica en castelán.

Ulos?

]]>
Extintores e Principio de Distancia http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/26/extintores-e-principio-de-distancia/ Fri, 26 Jun 2009 11:23:23 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=452 É sabido que Gloria Lago suspira pola extinción da lingua galega. Non unha extinción absoluta, home non; un esvaecemento balsámico que lla retire da vista, nada máis. O que non soportan Gloria Lago, Roberto Blanco Valdés e os ignorantes templarios de Galicia Bilingüe, incluído o filólogo de FAES que non dá lido correctamente a Saussure, é a presenza da lingua galega, a posibilidade odiosa do contacto, o noxo ao contaxio. Desde hai tempo sabemos que os odios ás linguas, os desexos de exterminio e os prexuízos concomitantes son unha grosa representación de conceptos e sentimentos irracionais referentes ás comunidades de falantes.

A lingua é cuestión de clase. En todos os sentidos. O tecnicismo normalización provén da ciencia da socioloxía da linguaxe e expresa a necesidade de inverter tendencias de substitución. Opoñerse, como fan os ignorantes múltiples, ás medidas tendentes a inverter tendencias implica apoiar a substitución lingüística, desexala. Ou sexa, querer que desapareza a lingua socialmente feble.

Que a lingua galega viva desde hai séculos nas capas sociais máis humildes propicia a aparición do principio de distancia. Este principio opera en moitas direccións. Contra uns modelos enxebres de oralidade; tamén en certas posicións que conciben imposible o galego como lingua de cultura. Aquela estupidez -a ignorancia sempre é moi atrevida- de expresar a imposibilidade de xuntar lingua galega e matemáticas, física e ciencias en xeral, xa respondida convenientemente por grandes científicos galegos, era unha manifestación radical do mesmo principio de distancia que pace na convicción transxénica de que a lingua galega é inservible e prescindible, de inferior categoría, por andar fozando nas capas máis humildes da sociedade. De confiarmos na estupidez, teriamos que concluír que aqueles que non posúen certo acomodo económico, un grao determinado de formación e ademais viven en zonas distantes do embigo da civilización non teñen dereito a vivir na súa propia lingua; nin sequera, a posuíla.

Galicia Bilingüe quere corrixir e moderar as expresións radicais da idiocia, proveñan de Blanco Valdés, de FAES ou de Demetrio Peláez. Non propugnan directamente o exterminio; confórmanse con que aos nosos fillos non os mesturen cos deles. Nin a nós con eles. Todos xuntos e en unión agochan as súas vergonzas no rocho das miserias. A distancia é o seu horizonte, o lugar onde se condensa todo o seu coñecemento, que colle nunha partícula microscópica. Vale, están dispostos a aturar a existencia da lingua galega, pero lonxe e sen posibilidade de contaxio. Fóra da vista, como se fai coas vergonzas propias. Chámanlle a ese exilio liberdade, igualdade e rexeitamento á imposición. Manexan o mecanismo trapalleiro da inversión da proba. Son os extintores.

Os extintores non operan sos. Hai presidentes de deputación, conselleiros e presidentes da Xunta con complexo de practicantes: subministremos as mellores vacinas para previr os peores contaxios. Pura vocación de servizo público; cómpre preservar a saúde e a hixiene de certas minorías sociais que desexan non ter moito roce con falas propias de seres inferiores. A cristalización política do principio de distancia. A vergonza da orixe humilde ou a soberbia da orixe acomodada; a consideración do castelán como unha lingua propia de seres superiores, máis cultos, máis educados, máis intelixentes, máis finos. Mellores.

Fronte á extinción, vida e contaminación. Xustamente o que lles pon tanto medo. A lingua galega en todos os ámbitos, fachendosa, orgullosa, mesmo cun punto de chulería. Ese é o peor pesadelo dos ignorantes. E cando non poida ser, cando se impoñan atrancos para que a lingua teña aire co que alimentarse, haberá que exercer dereitos e reclamalos ante calquera instancia, mesmo xudicialmente. Na concreción, na materialización da realidade en casos concretos, persoais, identificables, estará o triunfo do discurso normalizador. E demostrando día a día que a lingua galega está máis viva ca nunca e ten un brillante futuro. Sen mensaxes de derrota e desaparición. Os discursos que datan a derrota non van servir máis que para preparar os funerais.

O galego é a lingua propia de Galicia. Por tanto, de todos os galegos e galegas, falen o idioma que falen en cada caso. Quen son un fato de ignorantes e irresponsables para impedir que todos os nenos teñan plena competencia lingüística en galego? A quen e por que pode molestar algo tan imprescindible e ao mesmo tempo tan inocente? Só a eses ignorantes e irresponsables. Aos que teñen vergonzas que esconder. Aos que non soportan compartir espazo cos seres inferiores. Aos que, na súa estulticia, se cren superiores. Aos extintores.

]]>
Violencia http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/15/violencia/ Mon, 15 Jun 2009 19:56:25 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=431 Nun mundo levantado sobre piares de crueldade, chama a atención observar como se arman discursos de intereses ao redor de certos conceptos de violencia. O universo da competencia salvaxe, da miseria e da exclusión, da acumulación e o empobrecemento parece levarse mal coa violencia. E nós aínda lle acreditamos no conto.

A violencia vén cabo de nós, non se nos desapega, co seu alento frío debúxanos no espiñazo a cartografía do arreguizo. Unha veces escapamos ás súas poutas; outras, deixámonos conquistar pola fascinación, unhas veces épica e outras romántica, dos seus vapores. Na sociedade do simulacro, as formas máis evidentes de violencia cedéronlle terreo á representación. Esta engánchanos, introduce en nós un interese morboso, mergúllanos nas ficcións langrinas, sanguinarias. Quen non acouga ante a versión violenta da xustiza poética en ficción audiovisual? Ás veces o informativo tamén nos impulsa a ese acougo mórbido.

A violencia é a parteira da historia. Rodéanos como unha segunda pel. Ás veces parece unha garantía de supervivencia; sempre, expresa con múltiples rostros os fundamentos do sistema social e económico vixente. É o sangue da sociedade simulacro. Esta violencia múltiple, de infinitos rostros adopta formas suaves e invisibles, expresa a coerción sutil, o control baixo os avíos dunha liberdade só aparente. Quitados os momentos climáticos en forma de batallas sanguinarias e operacións bélico-policiais, a violencia da minoría poderosa contra a multitude é calada, sutil, constante, inalterable. Inxéctanos a alucinóxena aparencia de habitarmos a paz social absoluta. Mais non por iso deixa de ser violencia constitutiva e persistente, inseparable dos fundamentos do sistema, garante absoluta da propiedade, núcleo sistemático da explotación. O traballo asalariado sería imposible de non mediar unha potente violencia cotiá, disciplinaria, existencial.

A violencia repulsa, sen dúbida. Un bo obxectivo social é a súa redución á mínima expresión. Evidenciar as súas formas ocultas tamén axudará a expulsala. Mais ese obxectivo non fai parte do programa dos medios de comunicación de masas, cuxa gran preocupación é impedir que os marcos conceptuais, ideolóxicos, do sentido común se movan tanto que poidan chegar a poñer en perigo o sistema. Esa función conservadora adornarana cun teórico e hipotético respecto á liberdade de expresión e de opinión que nunca dá cristalizado. Que non se note que pola noite alguén vai ás leiras e volve mover os marcos para deixalos onde teñen que estar. Todos os medios teñen dono. As súas leccións coas violencias lexítimas e ilexítimas, reais e aparentes, instrumentais e estruturais son a miúdo moi produtivas.

Que a violencia poida ser unha arma política só é a constatación dun feito histórico. Non luxemos con isto a ética nin a estética. Que os traballadores do metal recorran a ínfimos anacos de aparente violencia para facer visibles as súas reivindicacións vitais non pode suxeitarse hipocritamente á consideración ética se non se mostra en toda a súa magnitude brutal a violencia xorda á que se enfrontan, o seu poder, o seu peso, as súas armas e o seu carácter invasivo. Aplíquese o mesmo para cada gromiño de violencia colectiva cuxa amplificación mediática contrasta grotescamente coa capacidade de ocultación da violencia contra a que se responde.

Gloria Lago exerce violencia contra a lingua galega, o cal quere dicir que intenta aplicárllela aos falantes, que, no seu patético imaxinario perturbado, somos seres cultural e socialmente incompletos, anomalías contaxiosas. Aos exterminadores non lle molesta a existencia da lingua galega nin dos seus falantes mentres non teñamos a ousadía de nos mesturar con eles. Os partidarios da extinción do galego, ou sexa, da ocultación da vergoña, exercen violencia simbólica e psicolóxica para borrar de todo escenario público unha lingua que asocian coa inferioridade social e cultural dos seus falantes. Será, daquela, comparable obxectivamente esa violencia continua co ataque que sufriu unha propiedade de Gloria Lago hai uns días? De ningunha maneira, pero é evidente que os medios de comunicación saberán manexar o caso en interese propio. O martiroloxio entra en escena. Mártires da liberdade e da tolerancia. Niso un tal Roberto Blanco Valdés é bo especialista.

Aí entran en xogo outras consideracións de determinadas manifestacións aparentemente violentas. Unha, relacionada cunha nova ética emancipadora que debera expulsar o castigo do propio universo conceptual pois é constitutivo das formas de violencia sistémicas. A outra, instrumental, porque cando un acto dana a quen se pretende defender é politicamente absurdo, inútil, propio de impulsos pouco lúcidos, contrario a toda lóxica racional. Ambas as reflexións deberan servirlles aos pouco lúcidos autores da gamberrada.

A violencia fai con nosoutros o traxecto da historia deica os nosos días. Contra o aparente, o sistema érguese en piares de violencia fundacional, estrutural e perversa, a máis xorda e eficaz, a que pretende deixarnos sen resposta, a que nos esixe interiorización e identificación coas súas causas, a que nos ata á explotación e ao control, a que nos somete. Os medios de comunicación vixían os nosos movementos. Necesitan que teñamos fe en que esta organización social e económica é pacífica e tende a proscribir toda manifestación de violencia. A nosa aspiración humana é esa, mais a realidade desmente a esperanza. Polo de agora, todo encirra a que unha lasca de violencia de abaixo arriba sufra todas as condenas. Mentres, a violencia estrutural é aceptada como virtude ao tempo que se promove a violencia horizontal nas camadas sociais inferiores para que a frustración existencial teña válvulas de escape constantes.

Crebar esa cadea ideolóxica e discursiva sería un triunfo no camiño dunha sociedade en paz, só posible sen clases enfrontadas entre si. Entrementres, cumpriría esixirlles a Gloria Lago e aos seus, sobre todo ao goberno de Galicia, que deteñan a súa violencia obsesiva contra o galego e os seus falantes.

]]>
O libro galego é un milagre http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/08/o-libro-galego-e-un-milagre/ Thu, 07 May 2009 23:37:00 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=233 Escribía X.L. Méndez Ferrín hai uns días arredor do mito da presunta sobreprotección que a literatura galega recibe da Xunta de Galicia ou, en xeral, das institucións públicas. A súa análise, coma sempre, é certeira. Nada que non poidamos comprobar día a día ao visitarmos unha librería ou abrir un xornal coruñés (ou de Galicia) calquera.

conselleiroO Conselleiro de Cultura inaugurou a semana pasada a Feira do Libro de Compostela, na que escritores e lectores coinciden durante uns días ao redor duns actos organizados pola Federación de Libreiros. Coma todos os anos, eu tamén paseei por diante de cada unha das casetas instaladas na Alameda, de vagar, coa intención de observar os libros que se expoñen, as novidades, as menos novidades, todo o que un pensa que pode ver nunha Feira do libro. E coma todos os anos, a Feira do Libro volve proxectar con boa fidelidade o que ocorre día a día case que en cada unha das librerías que hai por Galicia adiante.

O libro galego non está nos escaparates das librerías; no seu interior, non se ordena, como o resto da mercadoría bibliográfica, por autores, temas ou xéneros. Non. Cada librería ofrece un andel á parte rotulado como “gallego”, e alí está todo, que tende a non ser moito, amoreado. Poesía con narrativa e con ensaio, xornalismo e etnografía compartindo espazo con traducións ou contos para nenos. Un andel para o libro galego; o resto da librería para o libro en xeral. Editado en castelán, por suposto. Talvez os libreiros tamén conciben a normalidade sen apelidos e reservan a adxectivación para as manifestacións escritas da cultura galega. Por suposto, non existe ningún andel titulado como “castellano” ou “español”. Se acaso, os outros rótulos aluden a xéneros literarios ou temas ensaísticos. Coma nas ensinanzas públicas: a “Lengua” e a “Literatura” non precisan adxectivo; si a “lingua galega” e a “literatura galega”. Unha mostra peripatética da desigualdade cultural e lingüística a que son sometidos os fillos das señoras enmascaradas de Galicia Bilingüe. Cultura galega ou cultura sen máis? Feita en Galicia? Quen sabe.

Tras o meu paseo pola Feira de Santiago, marchei sen mercar un libro. E non porque non os houbese interesantes, que os había, senón porque seguía sendo difícil comprender por que razóns a presenza do libro galego en cada unha das dezaseis ou dezasete casetas era tan mesquiña. Anana e mesquiña, como a xente á que esfolaba o verbo de Celso Emilio. Agochados entre o cegador colorido do libro sen apelidos, é dicir, a literatura (normalmente de consumo rápido) en lingua española, de cando en cando, algún exemplar solto ou algunha curiosidade inesperada. Nin sequera as obras que se van presentando durante a feira. Imaxino que as expoñerán, brevemente, o día que os escritores e escritoras vaian presentar ou asinar os seus libros, e acabouse. Nin sequera os libros premiados durante este ano, algúns non hai moitos días. Nin sequera novidades de última hora, que as hai. Non paga a pena nin imaxinar a posibilidade de bater con libros publicados en anos anteriores. O libro galego segue gardado en caixas, fóra da vista do público, na Feira do Libro de Santiago. Ou, simplemente, non está. E esa parece ser a normalidade que non cómpre alterar; outramente, estariamos discriminando o pensamento nocilla e a literatura tulicrem.

Hai anos entraba nunha librería unha rapaza acompañada por un home de mediana idade. Ela dirixiuse á persoa que estaba ao cargo do establecemento; quería mercarlle a seu pai o extraordinario libro de relatos de Manuel Rivas titulado Qué me queres, amor? A persoa que a atendía botoulle ao pai, silencioso, un ollar de complicidade. Ofreceulle levar a versión castelá do libro. Probablemente lle sería máis proveitosa, aínda que non fose a orixinal. Evidentemente, non volvín pisar ese establecemento.

Teñen algún problema os libreiros co libro galego? Non o sei. Supoño que será máis ben cousa da manifestación superficial dun prexuízo persistente relacionado coa consideración que lles merece a creación cultural galega. Pero os escritores galegos, ou sexa, galegos galegófonos, como indica Ferrín no dito artigo, sabemos ben que nas nosas propias feiras a nosa literatura segue encartada en caixas ou nos andeis rotulados coa lexenda “gallego”. Como unha enfermidade contaxiosa. Cousa tamén de museo.

Visto o que vemos, sigo admirando os escritores e escritoras que sen vacilación optan pola lingua galega para armaren a súa obra literaria. E os editores, que contra toda lóxica mercantil manteñen o esforzo, ás veces iluso, dunha industria cultural que se soña normalizada nun país cunha cultura e unha lingua normalizadas. E mesmo algún libreiro, que ousa tratar a nosa literatura como algo propio e, como pouco, en pé de igualdade. E, claro, os lectores, que sortean todos os obstáculos e teiman en darlle soporte real a esta literatura, resistente malgré soi.

Galega e feita en Galicia.

]]>
Un museo para a lingua http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/28/un-museo-para-a-lingua/ Mon, 27 Apr 2009 23:39:03 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=213 Nin unha palabra de resposta a FAES e as súas liñas de pozo negro. Hai liortas na taberna en que as persoas sensatas non deben entrar. Sempre teñen máis que perder ca os matóns panforreiros. Unha labazada a destempo, unha navallada solta, cousas desagradables. Innecesarias, porque con esta caste de piratas a discusión nunca é produtiva. Non nos poñamos de cháchara cos cerebros escuros de FAES estercados co estrume do uniformismo nacional-católico e un psicótico sentido de superioridade cultural excluínte que en realidade oculta un complexo de inferioridade histórico. Sería darlle lexitimidade a quen segue designios divinos ou dunha razón absoluta antihistórica e inexistente. Se acaso, ben faría o reintegracionismo en revisar algunhas esperables coincidencias de argumentos que apuntan á vítima común: esa lingua rural, asilvestrada, de analfabetos. A lingua galega. Por elaboración, claro. Única no mundo.

Na mesma taberna beben Gloria Lago e os seus secuaces. A purrela que nela se serve, da que abusan a miúdo, causa cegueira e ausencia de actividade cerebral. A osmose entre dona Gloria e os cerebros fosilizados de FAES é frutífera. Beberán da mesma cunca? Agora, a profesora de sufridos alumnos e indignados compañeiros de claustro promete vixiar os museos. Non podía ser menos en persoa de tamaña cultura.

O novo goberno é bilingüe. Poida que non moito máis ca o anterior, que tamén o era. Aqueles ofrecéronnos un decreto e un laissez faire aburrido; estes prométennos o trío. No presente, parella tradicional con reparto de roles. Un, forte, responsable, sabio, ao mando das cousas importantes; a outra, na cociña e sen armar moito barullo. Mais o futuro brilla coa esperanza dun bo trío. E quen non soñou algunha vez con un trío?

Pouco lle vai afectar á lingua a fachenda con que FAES ostenta a súa ignorancia colectiva. Non saben nin ler en Saussure. Tampouco pasará de furuncho molesto a louca actividade de Gloria Lago e os seus. Aínda que sobre o humus do seu balorento nacionalismo, hexemónico entre os medios de produción simbólica e en boas capas da sociedade española, vaise depositando capa a capa o delirio uniformista de ambas as seitas. Que afoguen na súa propia ignorancia se así se senten máis útiles ao destino no universal.

As linguas non morren nin sobreviven por mor dos prexuízos que tecen os seus niños entre os falantes doutros idiomas. Unha lingua está viva mentres haxa dous falantes que a empreguen para se comunicaren entre si. Ao galego, non o dubide ninguén, quédalle tempo e tempo. Sobreviviranos. Os mortos que vós matades gozan de boa saúde. Por Celso Emilio. Manteñamos ese discurso.

Enfrontarnos a esta borrasca chuviosa e fría con ventos que sopran na mesma dirección mediante a manifestación e a oposición a aquelas medidas que nos parezan atentatorias contra os proxectos e as conquistas normalizadoras é un acto necesario de resistencia. Non suficiente. Talvez cómpre xa marcarmos a nosa propia axenda e non bailar ao ritmo que outros toquen, máis que nada cando eses outros son irrelevantes ignorantes. A historia da normalización da lingua galega, ou sexa, da recuperación e ocupación de todos os espazos sociais como lingua propia, debe iniciar aquí unha nova fase cuxa gran tarefa colectiva sexa reforzar a lealdade dos falantes. Ou sexa, estabilizar primeiro e reverter despois a perda de transmisión. Ese é o maior reto, pois tal perda arrinca de condicións materiais que non se transforman da noite para a mañá sen un cambio radical de sistema económico e por tanto político e social. Se cadra é o momento de reorganizarnos a partir dun grupo compacto de falantes conscientes dispostos a exercer dereitos sen condicións e sen esperar a que nolos concedan. Incluído o de educar os fillos en galego, mesmo que para iso teñamos que erguer as nosas propias escolas. E deixar constancia, alá onde se produza, da imposición real, ou sexa, da ausencia da lingua galega en moitos ámbitos da vida social. Que Gloria Lago visite os museos, que falta lle fará; tal vez empecemos nós a visitar os xulgados. E outros lugares en que o monolingüismo español se cre norma sagrada.

A única imposición que coñecemos é a que nos obriga a vivir parte da nosa existencia nunha lingua que non nos é propia. Esa experiencia histórica impúlsanos a socavar os alicerces da imposición en cada unha das súas manifestacións cotiás. Diga o que diga o goberno, Gloria Lago, FAES, os medios de comunicación e o sentido común do sistema e do réxime. Ao mellor mañá reclamamos os nosos dereitos en calquera lugar do Estado español. Xa veremos.

]]>