Futuro – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 2011 e o futuro http://antondobao.blogaliza.org/2011/01/10/2011-e-o-futuro/ Mon, 10 Jan 2011 11:12:20 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=843 Eu non descarto que, se no futuro é posible viaxar no tempo, entre nós estea de visita alguén que xa sabe o que vai ocorrer e como vai pasar. Viaxar no tempo, con todo, non é unha utopía. Vivir é viaxar continuamente no tempo, pero sen posibilidade de pausa nin de retroceso. Velaí os soños eróticos da humanidade: a pausa e o retroceso. Deter o tempo para esquivar a morte. Retroceder para corrixir certas cousas. Din os físicos, porén, que unha viaxe ao pasado non nos permitiría mudar nada; a realidade non resistiría certos paradoxos insoportables, como que un puidese matar o seu avó, se houbese valor para facelo, e evitar así o propio nacemento. De non ocasionar un colapso universal, esa sería unha posible forma de aborto, de suicidio ou de eutanasia por adiantado que non sei moi ben como tomaría a Igrexa Católica. Todo depende do prezo das cousas.

O viaxeiro que chegue ao pasado só poderá ser un simple espectador. Para transcender esa función pasiva, talvez só interesante para os historiadores, que poderían acudir persoalmente ás fontes orixinais, temos que considerar a posibilidade de que existan universos paralelos. Cada un deses universos paralelos xeraríase automaticamente sempre que tomamos unha decisión entre varias opcións posibles. Pese á rotundidade das leis da física, queda espazo e tempo para a liberdade. Se á viaxe no tempo lle engadimos o chouto a un universo paralelo, o pinchacarneiro será completo e, sobre todo, moi atractivo.

Andar cruzando as membranas que separan uns universos dos outros non parece tan doado como construír un buraco de verme que nos conecte con outro espazo e outro tempo. Se a materia, con todo, abre esas portas, talvez sexa posible poñer mesmo un pé no paraíso e ver o rostro de Deus. Pero a física non se preocupa maiormente por este tránsito. Ao contrario. Sabe que Deus non é necesario para explicar nada, por moito que Ratzinger ou Mario Conde teimen, tan sabios, no contrario. Só a fe, que é tan respectable como a súa ausencia, dá conta do lugar de Deus no Universo. Que cadaquén xogue ao que lle apeteza.

Se entre nós habita un visitante do futuro, ten que saber o que vai pasar neste 2011. Eu non o sei, e iso descarta de vez a miña procedencia do futuro. Confórmome con vivir este ano, e os que veñan, día a día, coa esperanza de ser coa miña xente o máis feliz que poida. E iso é unha declaración subversiva para a orde moral que se nega a abandonar a dirección de todas as existencias reais, pasadas, presentes e futuras. O dominio. Sempre hai quen procura que sobre a cabeza de quen aspira á felicidade, ao gozo, á utopía, pendure unha rocha granítica de varias toneladas de medo, culpa, cinismo e un devezo enfermizo polo sufrimento e o castigo.

A Igrexa Católica estende, coma o ollar de Deus, a súa influencia / influenza deica os confíns espaciais e temporais do Universo, se é que existen. Desenvólvese na trama do Reino do Castigo. Castigo por abortar, por pobreza, por feminidade, por homosexualidade, por calquera clase de sexualidade humana non reprodutiva, por morrer con dignidade, por non querer crucifixos na escola pública, por desexar un mundo novo, por programar e arelar un asalto ao ceo, por toda caste de gozo e felicidade, por crer no home, na muller, na ciencia, por non crer en Deus, por vivir, por querer vivir. Castigo orixinal por sermos materia, un simple accidente cósmico. Cando a Igrexa Católica se opón a que en certos estados a homosexualidade deixe de ser un crime castigado coa pena de morte está desvelando a súa fascinación polo castigo como base de toda relación social. Cando se opón a que as leis humanas permitan (ou non castiguen) o matrimonio homosexual, o aborto ou o divorcio, entre moitas outras cousas, está esixindo castigo para homes e mulleres que incorran en semellantes crimes. É o castigo o que máis lles excita a segregación de endorfinas.

Talvez exista cabo do noso un universo paralelo en que a seita católica impón o seu modelo social, as súas prescricións, proscricións, interdicións, premios e castigos. Puro pánico apocalíptico. Se houber algún visitante procedente dese universo, podería narrarnos como é a vida en tales condicións. Pero non dou acreditado nesa posibilidade. Non creo que nese futuro paralelo a ciencia teña lugar a explicar o mundo nin a facelo máis habitable nin a existir sequera para permitir unha viaxe ao pasado ou a outro universo paralelo co obxecto de evitar a traxedia. Teremos que ser nós quen construamos un futuro diferente liberado da moral do castigo.

Feliz 2011 sen sufrimento nin castigo.

]]>