Felipe González – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Trapalladas http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/19/trapalladas/ Fri, 19 Jun 2009 11:09:19 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=438 A José María Aznar todos o coñecemos ben. Aquel rostro sereno, pétreo, coma o dun semideus mentres posa para os dedos hábiles do escultor da historia. O bigote impávido, impasible o ademán, inmóbil. Aquela voz de seguridade dun home coas poutas espetadas no leme dunha España que ía moi avante toda á conquista do curuto do podio do Imperio. Daquela vella fotografía de familia, só sobrevive un. Os outros viven coma reis.

Hai ausencia de Aznar. Unha sutil e lene dor pola súa ausencia, luctuosa. Os propagandistas son persistentes coma as follas dos castiñeiros. Todo o día a remoer en voz alta, e algo de pouso sempre queda. A Grande Ausencia non a amortece Mariano, non, ben o saben na COPE-El Mundo-Libertad Digital-Vocento e o que faga falta. Mariano, ao cabo, é galego malgré lui. Tampouco Feijóo ten moitos admiradores e talvez por iso contratou a Gloria Lago para embaixadora ante a Santa Sé da comunicación.

Aznar é o recordado. A todos lles doe case como lles doe España. Dóelles na alma que a súa saída da Moncloa estivese tan atestada de infamia, indignidade e mesquindade. Para os testamenteiros da súa obra, o período que transcorre desde aquel infausto 14 de marzo é ilexítimo, unha paréntese á espera da restauración e de todo o que esta arrastra canda ela. ¡Vivan las cadenas! Mais para o seu acougo, Aznar vive a pesar de todo. Vive na súa obra política e tamén, xa, na ensaística. Escritor de best sellers, coma César Vidal, por exemplo, e superior a Pío Moa. Á Coruña chegou estes días para presentar unha nova peza bibliográfica. Xosé Manuel Pereiro deixounos unha crónica maxistral. Manuel Rico, outro galego, glosa o brillante ensaio aznariano.

A Miguel Ángel Fernández Ordóñez, Gobernador (sen sufraxio universal) do Banco de España non o coñece tanta xente. Lástima. O seu leme é sensible; non manexa un buque tan aparente coma o de Aznar, pero terma da súa carga con astucia e habilidade de renarte. Os méritos de Aznar son de dominio público, innumerables; os de Fernández Ordoñez fóronsenos da cabeza, ninguén os apuntou. Pero tenos, seguro. Igual foi número un da súa promoción ou sacou as oposicións sen estudar ou naceu no lugar adecuado e no momento xusto, que é o que adoita pasarlles aos homes senlleiros. E digo eu que para chegar á gobernación (sen sufraxio universal) do Banco de España e manexar a economía e a palabra con tal maxisterio algunha forma singular de aliñamento planetario se tivo que producir.

Aznar descóbrenos no seu ensaio a receita máxica para que España, ai, España, saia da crise nun pestanexo. Miguel Ángel Fernández Ordóñez predica para o seu cenobio de eremitas austeros e contemplativos a necesidade de certas reformas novidosas que nos botarán fóra da crise e do paro en menos do que canta un galo. Os dous homes notables coinciden, é o que pasa coa filosofía profunda cando rebota entre homes sabios. A reformar do mercado laboral, ese graal simbólico arrebolado de sangue mártir. Fernández Ordóñez chámalle reformas que permitan avanzar en produtividade e axustar custos, marxes e prezos. A pedra filosofal da comunicación non decodificable para obreiros, asalariados varios e demais persoas de escasa formación e menor cultura. Aznar engade España á ecuación infalible. Máis España!, consigna nacionalcatólica para tempos de crise. Felipe González, posiblemente un dos presidentes máis indignos, e el sabe por que, da historia de Occidente, tamén se uniu ao pranto: a ver se os traballadores prescinden do seu egoísmo e contribúen a que os empresarios durman tranquilos aceptando unha reforma do mercado laboral. Pena que ninguén lles axuste a eles os custos, as marxes nin os prezos. Trapalleiros.

A indecencia tende a non coñecer fronteiras. A crise dun modelo económico, dunha práctica especulativa, dun universo financeiro ha de resolverse, segundo estes (e outros) “cráneos previlegiados” (por don Latino de Hispalis) con máis traballo e menos salario, máis precariedade, máis despido barato ou gratis. Con menos custos, menores prezos e maiores marxes para os empresarios; con maiores cargas para os insolidarios asalariados. E asalariadas, moitas delas sen contrato. Precarios e precarias, eses que lles poñen a funcionar ás enxurradas as glándulas salivares a Aznar e a Fernández Ordóñez. E a Felipe González.

]]>
Un ser superior para tempos de crise http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/13/un-ser-superior-para-tempos-de-crise/ Sun, 12 Apr 2009 23:51:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=99 Coma Felipe González, que marchaba sen deixarse ir, Florentino Pérez escapou un día da presidencia do Real Madrid e deixou moitos orfos ao redor dos palcos do Santiago Bernabeu. O fútbol é demasiado complexo e impredicible, non ten a lóxica do tráfico de influencias nin dos negocios nin da obra pública; sempre hai algún burato polo que escorre un soño. Nada lles escapa ás leis do azar nin ao feito de que nun xogo de once en equipo non é posible triunfar con individuos con máis talento nos pés que na cabeza e desconectados do colectivo. Ao cabo, o fútbol reproduce procesos sociais. Talvez por iso ofrece a súa dimensión identitaria e non para case nunca de cativarnos. Se cadra por iso é tamén campo de ensaios e de observación.

Felipe González marchou brevemente para regresar por aclamación co cadáver de Marx debaixo do brazo. O PSOE non precisaba matar a Marx para executar as feroces políticas que caracterizaron o Felipismo, mais era preciso o simulacro, a representación. Felipe esixíao: ou todo ou quedades orfos de min. Algo parecido tivo que pensar Florentino Pérez cando decidiu un día triste anunciar atribulado que abandonaba o Real Madrid: marcho, pero sigo a observalo todo e regresarei aclamado porque son a antítese do caos.

E velaí que vén a parousía. Desde hai algo de tempo, a información deportiva e a xeral, veña de Madrid ou da Coruña, esténdenos na mesa o catálogo de artigos que o Ser Superior ofrece a prezo de incalculable orgullo e traerá na súa segunda chegada ao trono branco da sociedade que mellor representa a idea dunha España grande. Tal mercado non admite miudallas. Ninguén ousará violentar o sentido común lembrando, por exemplo, que durante o período en que foi Presidente do Real Madrid Florentino Pérez multiplicou o seu patrimonio persoal por 11. Que para enxugar unha débeda escandalosa do club da españolía se recualificasen terreos e se procedese con fachenda ao exercicio do denominado pelotazo, non só non constitúe demérito senón o sinal definitivo da capacidade de xestión de Florentino. O palco do Santiago Bernabeu foi durante o seu reinado un degorado local de importantes negocios. Ou sexa, o noso personaxe sabe moi ben o que é crear riqueza. Diso da fe a unanimidade de políticos, xornalistas, empresarios, banqueiros, construtores e sindicalistas, todos eles egrexios ocupantes do famoso palco. Nese período, ACS, a empresa que preside Florentino Pérez, tamén quintuplicou os seus activos. Polo menos.

Ou sexa, Florentino é un choiazo. Sábeo mesmo aquel ao que se lle ocorreu asar a manteiga. Desde PRISA ata as empresas de Pedro J. Ramírez (con El Mundo e Marca á cabeza) pasando por algún columnista de Público para quen o señor Pérez é un exemplo de actuación ética e de xestión e resultados brillantes. Todos apuntan na mesma dirección. Para a España que o Real Madrid representa, importa Florentino Pérez, o home elixido, o infalible, o que sabe manexar as institucións en crise, o que disolve o caos, o que regala felicidade.

O mundo vive tempos de crise. Seica o capitalismo está en proceso de ser refundado, e ben, e así virán novas maneiras de dirixir os destinos colectivos da humanidade. Italia adiantouse xa ao seu tempo por tres veces, e Berlusconi recuncou e recuncou para maior felicidade (e sentido do humor) de italianos e italianas. Hai tempo que o empresario decidiu coidar dos seus negocios coas súas mans e non con gobernantes interpostos. A que espera España, logo, para coroar a Florentino Pérez? O interés general ben o merece. Alguén con tanta sabedoría para os negocios, con ese extraordinario don de regalar felicidade dominical aos pobres e riqueza e poder aos ricos é o retrato exacto do gobernante ideal, o filósofo platónico contemporáneo. Un ser superior para tempos de crise. O político que esta época merece.

]]>