fe – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Contra a certeza, dúbida http://antondobao.blogaliza.org/2009/10/29/contra-a-certeza-dubida/ Thu, 29 Oct 2009 12:11:41 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=557 As túas conviccións outórganche a certeza absoluta; as miñas obríganme a dubidar de todo. Algo así, con outras palabras, vén a dicirlle Hipatia de Alexandría ao Bispo de Cirene en Ágora, a última película de Alejandro Amenábar. Unha paráfrase da historia da humanidade, da loita entre as conviccións relixiosas e a razón.

A historia do coñecemento do que fomos e somos e do universo inabarcable que nos acolle nun recanto afastado dunha apartada e pequena galaxia é unha loita a sangue e ferro contra o poder omnímodo da fe. O coñecemento, con todo e ser intenso en moitas disciplinas, é incompleto. E probablemente non chegará a dar conta de todo o que nos esixe interrogarnos. Velaí a súa grandeza. A razón é fascinante porque dubida. E isto nada ten que ver con relativismos morais nin outras argumentacións pouco consistentes inventadas para condenar —hoxe a fogueira ou a lapidación son só simbólicas, e é un avance— a aqueles seres humanos que ousan traspasar certas fronteiras só abertas á inconmensurable sabedoría de Deus. Por sorte para nós, humanos simples, o coñecemento, e non precisamente a fe, mediante a dúbida vainos facendo máis libres.

Stephen Hawking conta que Xoán Paulo II lles pediu aos científicos, nunha conferencia sobre cosmoloxía celebrada no Vaticano, que non estudasen a orixe do Universo, pois era o momento da Creación, é dicir, obra de Deus. Hawking presentara un relatorio no que teorizaba arredor o inicio do Universo, pero alegrouse de que o Papa non se decatase; non lle chistaba a idea de ser entregado á Inquisición, como lle ocorrera a Galileo. Talvez esaxera o científico, porque en 1992 o propio Xoán Paulo II asinou unha declaración na que a Igrexa recoñecía que a acusación contra Galileo fora un erro motivado por unha tráxica e mutua incomprensión. Ao bo do Galileo déralle por teimar en que a Terra andaba a voltas ao redor do sol. A Igrexa non foi tan severa con Galileo coma con Giordano Bruno, pero é que este sumaba varios crimes ao seu currículo, desde a submisión á ciencia deica a herexía. Hipatia de Alexandría, á que Amenábar lle rende unha fermosa homenaxe, tamén morreu violentamente. Pola razón.

A militancia na fe merece todo o respecto. E non necesariamente é incompatible coa militancia na razón. Mais o conflito é inevitable cando a fe, que inviste a existencia humana de transcendencia, impón os seus principios e as súas normas tanto no ámbito privado coma no público. Aí a fe é totalitaria. É a que define a Igrexa Católica desde Constantino. E non muda nin mudará.

Nesa liña totalitaria circulaba esoutro día Carlos Luis Rodríguez ao perseguir a Carlos Callón, naquela ignominiosa entrevista, para que comparase a manifestación a prol da lingua coa que un día antes atravesara Madrid para esixir a abolición do dereito ao aborto e o correspondente castigo terreal (o eterno está garantido) contra as mulleres que decidan non culminar embarazos e contra todo aquel que practique abortos. Rodríguez, non é nada novo, recorreu insistente á técnica do sofisma infantil: se vostedes din que o Goberno ten que escoitalos por saíren á rúa milleiros de persoas, entón recoñecerán que o Goberno de España ten que escoitar o clamor dos antiabortistas ou como sexa que haxa que denominalos. Ou sexa, somete a xuízo relixioso a ocupación pacífica da rúa e acubíllase no principio totalitario de que a única lexitimidade é a da representación, que é como dicir a da lei. Obvia, por tanto, que o dereito é posterior ao poder constituínte e que muda necesariamente cando muda este. Para el, non é o pobo quen máis ordena, senón a entidade abstracta da representación, que despois de cada proceso electoral queda fixada como vontade unitaria e inmutable, non sometida á multitude, por suposto. A soberanía residirá en cada caso nesa representación absoluta exenta de todo control democrático, só sometida ao control aristocrático das empresas comunicativas.

Sobre ese castelo de fume, o xornalista Rodríguez reitérase nun discurso sen raciocinio, de superficialidade relixiosa. Porque hai mal e hai ben que eticamente han de determinar as liñas de bo ou mal goberno. E para exemplo, as dúas manifestacións. Na estrafalaria concepción do xornalista Rodríguez, unha manifestación estaba amparada polo dereito de responder a un goberno que xeraba división social cunha decisión eticamente reprobable; a outra, por contra, disparaba contra a verdadeira soberanía popular residente no goberno que actúa conforme ao sentido común, á liberdade e á non imposición. As incoherencias profundas e superficiais do hipotético pensamento de Rodríguez darían para moitas páxinas. Mais a propia comparación en si de ambas as manifestacións é, como mínimo, perversa e tramposa. Porque os puntos de partida e de chegada son non xa opostos, senón incompatibles, profundamente antagónicos.

Se o círculo é a perfección, e a perfección é cousa de Deus, o mesmo ca a Creación da Terra e do home, non haberá peor crime que concibir a Terra en movemento elíptico ao redor do Sol. Se o pobo galego lle deu a maioría absoluta ao PP -non importa que as organizacións do bipartito sumasen máis votos- e este retira a lingua da vida pública e do ensino, o pobo galego desexa a extinción da súa propia lingua; negarse a esta vontade divinizada é un crime de lesa patria. Sedición totalitaria. Ambas as argumentacións representan as prevencións totalitarias da fe contra a razón. Pensamento Rodríguez.

A manifestación de Queremos Galego non facía máis que reclamar un dereito posto en perigo por un goberno lexítimo pero sometido a crítica e contestación social. Pola contra, a manifestación antiabortista reclamaba, con coherencia tradicionalista e relixiosa, o castigo para toda aquela muller (e home) que contraveña os preceptos morais dunha confesión relixiosa. Coma con Giordano Bruno e Galileo e tantos outros. Coma con tantas mulleres. Coma con Hipatia de Alexandría. Castigo á impudicia. Certeza totalitaria contra a dúbida racional.

]]>
Dura lex, sed lex http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/01/dura-lex-sed-lex/ Mon, 01 Jun 2009 00:00:10 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=324 Que Monseñor como se chame (Cañizares, Rouco, Barrio ou o propio Papa de Roma) opine que un aborto é peor que mil abusos a menores non debe sorprendernos. A Igrexa Católica clasifica moralmente cada conduta do ser humano, en soidade e en sociedade. No amplísimo catálogo de pecados incurables hai ben onde elixir para condenarse ao lume eterno nas caldeiras do inferno. Seguir ou non as súas prescricións e proscricións, cumprir ou non co que homes tan extraordinarios mandan e prohiben en materia de actos e pensamentos, de concepcións da vida, da materia, da historia e do propio universo é problema só dos que militan no Partido da Fe. A pesar de que é infinitamente máis difícil apostatar que mercar unha casa, ninguén está obrigado a esa militancia. Outra cousa é que nos fagan apandar coas súas manifestacións e nos obriguen a soster os seus vicios cunha parte dos nosos salarios.

A Igrexa Católica é o que é e o que foi. Non é nada novo esa teima en concibir os seus principios morais como unha necesidade social que debe impoñerse ao conxunto da cidadanía, independentemente das crenzas, da relixiosidade ou do ateísmo de cadaquén. No Estado español, segue a considerarse a garante do ben, da moral, dos bos costumes, de todo aquilo que fai de España esa reserva espiritual de Occidente e do mundo enteiro. No cerebro colectivo eclesiástico, o nacional-catolicismo nunca foi derrogado. Razón non lles falta: os representantes públicos seguen a axeonllarse ante os símbolos católicos, acoden ás procesións, presídenas e fan ofrendas ridículas. E a relixión fai parte dos plans de estudo. Se queremos saber de onde procede esa moda sarcástica da liberdade de elección, miremos para aí. Cando a lexislación non responde formalmente ás necesidades impositivas da Igrexa, velaí está a liberdade individual para reverter toda claridade democrática e laica. Os procesos que se seguen contra a lingua galega no ensino e na administración teñen idéntica orixe relixiosa. Alá, no fondo, o exemplo de Belarmino con Giordano Bruno e despois con Galileo. E tantos outros.

Probablemente a Igrexa Católica é unha das peores cousas que lle ocorreron á humanidade. Son dous mil anos de historia tétricos. E non polas súas crenzas, nin polos seus ritos, nin pola súa fe, sempre respectable e digna de que os seus practicantes gocen de todos os dereitos, senón pola súa obsesión totalitaria, a miúdo complementada cunha participación no poder e, por tanto, no dominio, no control e na brutal represión. Desde Constantino ata os nosos días, o norte da institución é abranguer co seu manto todos os espazos sociais, todos os ámbitos públicos e privados. A anulación do ser humano en nome dunha outra vida verdadeira, noutro lugar e a outra hora. Aquí, o sufrimento. Sobre todo para os pobres e os derrotados. A dor que purifica.

Que monseñor como se chame considere que o aborto é unha aberración é coherente co seu pensamento mítico. Se Deus é quen nos fai humanos no momento mesmo da concepción, derramar o proceso de xestación, interrompelo, é atacar a súa obra. E iso merece fogueira, aínda que as de hoxe sexan só (de momento) simbólicas. Non deberan o Goberno de España e o PSOE escandalizarse de máis porque un alto dirixente da Igrexa Católica lles reste profundidade aos propios crimes e eleve ao paroxismo a criminalidade de actos que non lle gustan. Farían mellor se miran a outro lado e se dedican a construír un estado laico, non sometido aos principios da Igrexa Católica, ás súas chantaxes nin aos seus intereses económicos e de dominio das subxectividades. Aí debe morrer o conto. Aínda que igual é posible aplicarlles a Lei de Partidos por non condenaren con contundencia o terror contra as vítimas máis inocentes —os menores encomendados ao coidado dos que abusan deles. Coñecerédelos polas súas obras, dis que dixo Xesús, o mesmo que expulsou, seica, os mercadores do templo.

Por contra, non son anecdóticas as manifestacións do candidato número un do Partido Popular ás Eleccións ao Parlamento Europeo. É totalmente respectable a súa fe, como o son os seus principios relixiosos e morais. El, coma calquera, ten dereito a seguir cegamente a doutrina da igrexa neste e noutros asuntos, a pensar o que queira verbo do aborto, do abuso de menores, da masturbación, da explotación, da pobreza, da fame, da miseria, da ignorancia orgullosa, da enfermidade, da transmisión da SIDA ou mesmo do dereito dunha rapariga de 16 anos a proseguir co seu embarazo aínda que seus pais queiran obrigala a abortar. Ou ao revés. Pero é chocante que quen foi Ministro do Interior e vai ser representante do pobo español no Parlamento Europeo aboie por enriba da lexislación vixente e criminalice un acto perfectamente legal ao tempo que suaviza a gravidade dun delito criminal abominable. Iso só ten un nome: fundamentalismo. Non só o hai no Islam. Porque cando se trata dun cargo público, aquí non contan os seus principios morais, as súas crenzas, os seus mitos e supersticións nin os seu gustos senón a lei. Dura lex, sed lex. Non era así?

A este paso, non haberá maneira de crer que a defensa do Estado de Dereito é o horizonte que guía sempre o comportamento público destes demócratas que tan cómoda e tranquilamente vivían con Franco.

]]>