FAES – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Extintores e Principio de Distancia http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/26/extintores-e-principio-de-distancia/ Fri, 26 Jun 2009 11:23:23 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=452 É sabido que Gloria Lago suspira pola extinción da lingua galega. Non unha extinción absoluta, home non; un esvaecemento balsámico que lla retire da vista, nada máis. O que non soportan Gloria Lago, Roberto Blanco Valdés e os ignorantes templarios de Galicia Bilingüe, incluído o filólogo de FAES que non dá lido correctamente a Saussure, é a presenza da lingua galega, a posibilidade odiosa do contacto, o noxo ao contaxio. Desde hai tempo sabemos que os odios ás linguas, os desexos de exterminio e os prexuízos concomitantes son unha grosa representación de conceptos e sentimentos irracionais referentes ás comunidades de falantes.

A lingua é cuestión de clase. En todos os sentidos. O tecnicismo normalización provén da ciencia da socioloxía da linguaxe e expresa a necesidade de inverter tendencias de substitución. Opoñerse, como fan os ignorantes múltiples, ás medidas tendentes a inverter tendencias implica apoiar a substitución lingüística, desexala. Ou sexa, querer que desapareza a lingua socialmente feble.

Que a lingua galega viva desde hai séculos nas capas sociais máis humildes propicia a aparición do principio de distancia. Este principio opera en moitas direccións. Contra uns modelos enxebres de oralidade; tamén en certas posicións que conciben imposible o galego como lingua de cultura. Aquela estupidez -a ignorancia sempre é moi atrevida- de expresar a imposibilidade de xuntar lingua galega e matemáticas, física e ciencias en xeral, xa respondida convenientemente por grandes científicos galegos, era unha manifestación radical do mesmo principio de distancia que pace na convicción transxénica de que a lingua galega é inservible e prescindible, de inferior categoría, por andar fozando nas capas máis humildes da sociedade. De confiarmos na estupidez, teriamos que concluír que aqueles que non posúen certo acomodo económico, un grao determinado de formación e ademais viven en zonas distantes do embigo da civilización non teñen dereito a vivir na súa propia lingua; nin sequera, a posuíla.

Galicia Bilingüe quere corrixir e moderar as expresións radicais da idiocia, proveñan de Blanco Valdés, de FAES ou de Demetrio Peláez. Non propugnan directamente o exterminio; confórmanse con que aos nosos fillos non os mesturen cos deles. Nin a nós con eles. Todos xuntos e en unión agochan as súas vergonzas no rocho das miserias. A distancia é o seu horizonte, o lugar onde se condensa todo o seu coñecemento, que colle nunha partícula microscópica. Vale, están dispostos a aturar a existencia da lingua galega, pero lonxe e sen posibilidade de contaxio. Fóra da vista, como se fai coas vergonzas propias. Chámanlle a ese exilio liberdade, igualdade e rexeitamento á imposición. Manexan o mecanismo trapalleiro da inversión da proba. Son os extintores.

Os extintores non operan sos. Hai presidentes de deputación, conselleiros e presidentes da Xunta con complexo de practicantes: subministremos as mellores vacinas para previr os peores contaxios. Pura vocación de servizo público; cómpre preservar a saúde e a hixiene de certas minorías sociais que desexan non ter moito roce con falas propias de seres inferiores. A cristalización política do principio de distancia. A vergonza da orixe humilde ou a soberbia da orixe acomodada; a consideración do castelán como unha lingua propia de seres superiores, máis cultos, máis educados, máis intelixentes, máis finos. Mellores.

Fronte á extinción, vida e contaminación. Xustamente o que lles pon tanto medo. A lingua galega en todos os ámbitos, fachendosa, orgullosa, mesmo cun punto de chulería. Ese é o peor pesadelo dos ignorantes. E cando non poida ser, cando se impoñan atrancos para que a lingua teña aire co que alimentarse, haberá que exercer dereitos e reclamalos ante calquera instancia, mesmo xudicialmente. Na concreción, na materialización da realidade en casos concretos, persoais, identificables, estará o triunfo do discurso normalizador. E demostrando día a día que a lingua galega está máis viva ca nunca e ten un brillante futuro. Sen mensaxes de derrota e desaparición. Os discursos que datan a derrota non van servir máis que para preparar os funerais.

O galego é a lingua propia de Galicia. Por tanto, de todos os galegos e galegas, falen o idioma que falen en cada caso. Quen son un fato de ignorantes e irresponsables para impedir que todos os nenos teñan plena competencia lingüística en galego? A quen e por que pode molestar algo tan imprescindible e ao mesmo tempo tan inocente? Só a eses ignorantes e irresponsables. Aos que teñen vergonzas que esconder. Aos que non soportan compartir espazo cos seres inferiores. Aos que, na súa estulticia, se cren superiores. Aos extintores.

]]>
Un museo para a lingua http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/28/un-museo-para-a-lingua/ Mon, 27 Apr 2009 23:39:03 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=213 Nin unha palabra de resposta a FAES e as súas liñas de pozo negro. Hai liortas na taberna en que as persoas sensatas non deben entrar. Sempre teñen máis que perder ca os matóns panforreiros. Unha labazada a destempo, unha navallada solta, cousas desagradables. Innecesarias, porque con esta caste de piratas a discusión nunca é produtiva. Non nos poñamos de cháchara cos cerebros escuros de FAES estercados co estrume do uniformismo nacional-católico e un psicótico sentido de superioridade cultural excluínte que en realidade oculta un complexo de inferioridade histórico. Sería darlle lexitimidade a quen segue designios divinos ou dunha razón absoluta antihistórica e inexistente. Se acaso, ben faría o reintegracionismo en revisar algunhas esperables coincidencias de argumentos que apuntan á vítima común: esa lingua rural, asilvestrada, de analfabetos. A lingua galega. Por elaboración, claro. Única no mundo.

Na mesma taberna beben Gloria Lago e os seus secuaces. A purrela que nela se serve, da que abusan a miúdo, causa cegueira e ausencia de actividade cerebral. A osmose entre dona Gloria e os cerebros fosilizados de FAES é frutífera. Beberán da mesma cunca? Agora, a profesora de sufridos alumnos e indignados compañeiros de claustro promete vixiar os museos. Non podía ser menos en persoa de tamaña cultura.

O novo goberno é bilingüe. Poida que non moito máis ca o anterior, que tamén o era. Aqueles ofrecéronnos un decreto e un laissez faire aburrido; estes prométennos o trío. No presente, parella tradicional con reparto de roles. Un, forte, responsable, sabio, ao mando das cousas importantes; a outra, na cociña e sen armar moito barullo. Mais o futuro brilla coa esperanza dun bo trío. E quen non soñou algunha vez con un trío?

Pouco lle vai afectar á lingua a fachenda con que FAES ostenta a súa ignorancia colectiva. Non saben nin ler en Saussure. Tampouco pasará de furuncho molesto a louca actividade de Gloria Lago e os seus. Aínda que sobre o humus do seu balorento nacionalismo, hexemónico entre os medios de produción simbólica e en boas capas da sociedade española, vaise depositando capa a capa o delirio uniformista de ambas as seitas. Que afoguen na súa propia ignorancia se así se senten máis útiles ao destino no universal.

As linguas non morren nin sobreviven por mor dos prexuízos que tecen os seus niños entre os falantes doutros idiomas. Unha lingua está viva mentres haxa dous falantes que a empreguen para se comunicaren entre si. Ao galego, non o dubide ninguén, quédalle tempo e tempo. Sobreviviranos. Os mortos que vós matades gozan de boa saúde. Por Celso Emilio. Manteñamos ese discurso.

Enfrontarnos a esta borrasca chuviosa e fría con ventos que sopran na mesma dirección mediante a manifestación e a oposición a aquelas medidas que nos parezan atentatorias contra os proxectos e as conquistas normalizadoras é un acto necesario de resistencia. Non suficiente. Talvez cómpre xa marcarmos a nosa propia axenda e non bailar ao ritmo que outros toquen, máis que nada cando eses outros son irrelevantes ignorantes. A historia da normalización da lingua galega, ou sexa, da recuperación e ocupación de todos os espazos sociais como lingua propia, debe iniciar aquí unha nova fase cuxa gran tarefa colectiva sexa reforzar a lealdade dos falantes. Ou sexa, estabilizar primeiro e reverter despois a perda de transmisión. Ese é o maior reto, pois tal perda arrinca de condicións materiais que non se transforman da noite para a mañá sen un cambio radical de sistema económico e por tanto político e social. Se cadra é o momento de reorganizarnos a partir dun grupo compacto de falantes conscientes dispostos a exercer dereitos sen condicións e sen esperar a que nolos concedan. Incluído o de educar os fillos en galego, mesmo que para iso teñamos que erguer as nosas propias escolas. E deixar constancia, alá onde se produza, da imposición real, ou sexa, da ausencia da lingua galega en moitos ámbitos da vida social. Que Gloria Lago visite os museos, que falta lle fará; tal vez empecemos nós a visitar os xulgados. E outros lugares en que o monolingüismo español se cre norma sagrada.

A única imposición que coñecemos é a que nos obriga a vivir parte da nosa existencia nunha lingua que non nos é propia. Esa experiencia histórica impúlsanos a socavar os alicerces da imposición en cada unha das súas manifestacións cotiás. Diga o que diga o goberno, Gloria Lago, FAES, os medios de comunicación e o sentido común do sistema e do réxime. Ao mellor mañá reclamamos os nosos dereitos en calquera lugar do Estado español. Xa veremos.

]]>