Facebook – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Os avíos do pirata http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/23/os-avios-do-pirata/ Wed, 22 Apr 2009 22:57:43 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=190 The Pirate Bay é unha páxina coñecida por millóns de persoas en todo o mundo ás que lles deu por compartir cousas. Maiormente produtos inmateriais, que son os que mellor viaxan polas estradas da rede. A sona da páxina leva unha temporada esbolsando en enxurrada grazas ao xuízo aos seus responsables, en Suecia, que os acaba de condenar a un ano de cadea e a indemnizar con 2.700.000 euros a catro sufridas e pobres entidades que mal fan para chegar a fin de mes: Warner Bros, Sony Music, EMI e Columbia Pictures. A razón desta condena posúe denominacións oficiais: piratería, así, na liña tradicional, ou ben descargas ilegais, segundo din os xornalistas que esquecen que descargar arquivos de internet non é ilegal. A reacción dos usuarios é contundente: as entradas en The Pirate Bay multiplícanse a diario.

A noticia case coincide co nomeamento de Ángeles González-Sinde como Ministra de Cultura de España. As reaccións foron unánimes. Os usuarios da rede deron en esixir o seu cesamento antes mesmo de que a señora prometese o cargo. Hai quen di dela que é o Ramoncín do cinema español dado o seu talento artístico e a súa contundencia verbal e visceral contra os piratas que fan descargas ilegais. Con tal bagaxe, a acollida parecía cantada. A estrela de Zapatero inspirou un grupo en Facebook, SINDE PÍRATE!, que integran xa 28.000 membros. A outra achega cultural da nova ministra é sen dúbida o seu apoio ao “Manifiesto por una lengua común”. A preocupación da cineasta polo descoñecemento que os nenos de certas autonomías teñen da Gran Lingua é xa un clásico en todos os foros e espazos da internet. A maiores, a nova ministra, que non parece especialmente dotada para a retórica, é empresaria do sector audiovisual español.

Nin a condena aos donos da páxina sueca nin o traxecto futuro da ministra nin sequera a máis que probable aprobación da nova lei francesa de propiedade intelectual, que enlama con deleite dereitos fundamentais, darán acabado cunha práctica multitudinaria, ou sexa, da multitude, que non ten volta atrás. Compartir contidos culturais, maiormente música e películas, ten o seu aquel inocente, pero non tanto. Impugna as bases do sistema económico e de relacións sociais. Mesmo non o querendo. Porque fai saltar polos aires toda mediación, censora en por si, manexada polos intereses das grandes industrias, e por tanto democratiza radicalmente o acceso dos creadores ao público e viceversa. As emisoras comerciais de radio perden o poder de decidir a música que cómpre escoitar e a que non debe existir fóra do gueto marxinal. A industria dos contidos, como aparatosamente se denomina, non está capacitada para conter a hemorraxia de forzas materiais e inmateriais que ata hai nada tiña controladas. Dominar os produtos, os circuítos e os fluxos culturais, reducilos ás estreitas marxes do mercado e permitir só un consumidor pasivo, é imprescindible para controlar os imaxinarios colectivos e facelos instrumentais ao poder en calquera das súas formas e manifestacións. Mais o intercambio de produtos culturais é desinteresacommunismdo, non persegue o lucro privado senón o gozo colectivo do que se considera obra de todos por estar elaborada con materia prima que a todos pertence, pola que ninguén paga ningún canon. Esa desmercantilización do produto cultural socava radicalmente os principios nos que se asenta o modo de produción capitalista.

Os esforzos da industria por lle poñer cancelas ao mar é inútil. Nin todas as leis xuntas, nin tribunais nin ministras poderán impedir que haxa intercambio desinteresado. Calquera persoa lle pode emprestar a un amigo un libro, un disco unha película. O desenvolvemento das forzas produtivas propicia que ese empréstimo se multiplique por millóns de persoas, o cal xera ocasións favorables a unha relación sen intermediarios entre o creador e o usuario. Só aos autores colocados nos postos privilexiados do establishment lles preocupa a morte das vellas mediacións industriais e a súa substitución por unha relación directa e aberta entre creadores e usuarios. Porque eles son, coas industrias, os principais beneficiarios dun sistema que xa non ten camiños de saída. As súas forzas de resistencia son poderosas, sen dúbida, e aínda se tensarán con certa contundencia. Mais o seu paso ao faiado da historia é un feito tan irreversible como o paso da produción artesanal á produción industrial. Só os reaccionarios, como diría Marx, senten morriña dos modos de produción que a historia xa desterrou. Quen son os verdadeiros piratas?

]]>