Estado Federal – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Indisoluble Unidade http://antondobao.blogaliza.org/2010/07/14/indisoluble-unidade/ Wed, 14 Jul 2010 12:02:27 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=699 A sentenza do Tribunal Constitucional contra o Estatuto de Autonomía de Cataluña ten algunhas virtudes que nunca moraron nos cálculos dos que presentaron o recurso nin nos dos autores da resolución.

A reforma estatutaria convertérona a dereita e o patriotismo español nunha declaración de guerra contra principios sagrados. A Indisoluble Unidade da Nación Española á fronte de todos eles. Este ben inmaterial periga ante o cruel acoso lingüístico, cultural e político dos nacionalismos destrutivos e excluentes. Levamos trinta e tantos anos aturando o mesmo discurso. Máis outros corenta anteriores. E aquí seguimos.

Nación non pode haber máis que unha, proclama con fachenda e temor o Tribunal Constitucional e así pon couto ao imposible. As nacionalidades históricas non son o que parecen. As autonomías -cos seus estatutos e institucións- non son o resultado dun pacto entre suxeitos políticos diversos senón xenerosas concesións administrativas. Igual cho dou como cho quito. Os pobos vasco, catalán e galego non existen nin existen as súas nacións. O Tribunal Constitucional establece que o marco xurídico-político é unha doazón, unha especie de novo Fuero de los Españoles. Non houbo acto constituínte senón herdanza dun poder ilexítimo. Xa o sabiamos, pero era ben que o recoñecesen.

A primacía de España sobre as outras nacións ibéricas, condenadas á non existencia e a unha condición subalterna infranqueable, reflíctese como nun espello no territorio das linguas. A Fundación FAES, inspiradora da política lingüística da Xunta de Galicia, triunfa na delirante sentenza do Tribunal Constitucional. O réxime non comprende as linguas vernáculas fóra da subalternidade. As comunidades autónomas non poderán executar políticas tendentes a situar as linguas propias sequera ao mesmo nivel ca a lingua española, que non é común nin propia neses territorios. O Tribunal Constitucional consagra a desigualdade entre linguas, real na vida diaria, e constrinxe a dimensión das políticas normalizadoras. Fosiliza o modelo lingüístico vixente no Estado español, que preserva a supremacía do castelán e profunda na subalternidade das outras linguas. Baixo o actual réxime, non hai futuro para as linguas minorizadas. Só a esperanza de que os procesos de substitución poidan ser retardados. E a resistencia.

A Indisoluble Unidade da Nación Española é a chave de bóveda do edificio político español. Pero por detrás da aparente fortaleza de tal mandamento, claramente relixioso, tanta insistencia só pode ocultar unha debilidade extrema. A nación española non é indisoluble, a menos que sexa o resultado dunha concepción e creación divina. Franquismo sen máis.

Para o proxecto patriótico español, excluínte e negador por natureza e tradición, a soñada unidade só se garante por imposición. Por iso é máis imposible que indisoluble, sempre sometida a conflito. Calquera unidade estable —nunca indisoluble— só sería posible mediante pacto libre de partes que se recoñecen mutuamente. Dunha banda, España; da outra banda, as outras nacións peninsulares. En pé de igualdade. O resultado sería un estado federal pactado libremente. Mais esa posibilidade non ten acollida dentro do vixente marco xurídico e político. A Constitución Española non a admite porque crebaría a supremacía exclusivista da nación española e a conseguinte subalternidade das outras nacións peninsulares, a base da actual arquitectura estatal. Ora ben, para que calquera pacto federal fose posible entre nacións iguais, a independencia de cada unha delas sería un requisito imprescindible. A fortaleza dun pacto baséase na liberdade das partes. O dereito a decidir é sempre irrenunciable para quen emproe cara á liberdade. Un estado federal só pode ser o resultado dun proceso constituínte protagonizado por nacións independentes. Ou sexa, a independencia é requisito ineludible para calquera solución democrática que traspase os lindes da subalternidade e a negación política, cultural e lingüística.

Para a dereita e o nacionalismo español, a unidade indisoluble da nación española é coma o matrimonio. É Deus quen o alenta e o institúe. Ao seu abeiro, á muller tócalle obedecer e ao home decidir. O divorcio ou outras formas de matrimonio non tradicionais e non patriarcais representan desviacións inaceptables e punibles. Sempre ese pracer morboso no dominio e na subalternidade do outro, do diferente. A negación como realización suprema. Talvez un acusado complexo de inferioridade, quen sabe,

O Tribunal Constitucional acaba de demostrarnos, por se non o sabiamos, que a Constitución Española é un cárcere para nacións, linguas e suxeitos políticos. E dos cárceres, os presos tenden a querer marchar. De dúas únicas maneiras: ou ben mediante fuga, ou ben mediante redución de pena, que vén a ser unha modalidade de pacto. Cando o Estado non admite a posibilidade do pacto, só queda a fuxida. O dereito a abandonar é en calquera caso irrenunciable.

Só nas decisións libres pode encontrarse expresión democrática. E en democracia, a lei ten que someterse á vontade popular, non ao revés.

]]>