ERE – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Non compraremos http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/07/non-compraremos/ Sun, 07 Jun 2009 18:41:19 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=339 Eu téñoo claro. Non comprarei marca Caramelo. Esa será a miña maneira, humilde e silenciosa, de lles dicir o que me importan os seus beneficios e o que me doe o futuro dos seus asalariados a eses directivos con apelidos dobres, pelo ben recortadiño, modos físicos e verbais de escola privada de barrio alto e sorriso a medio debuxar.

Recoñezámolo. O proceso de deslocalización ou, como din estes, de externalización parece inevitable. A necesidade de maiores beneficios implica man de obra máis barata e menos regulada, ou sexa, sen dereitos nin descanso. Por iso, a empresa Caramelo, coma tantas outras, desexa levar as súas factorías a lugares como Marrocos ou Tánxer, onde as traballadoras téxtiles sofren xornadas de 12 a 16 horas e soldos de miseria. Ou a China, onde as asalariadas traballan sete días á semana durante 16 horas diarias.

Non aceptar as condicións unilaterais que o capitalismo impón, con crise ou sen ela, é imprescindible para asalariados e asalariadas, pero reclamar unha volta atrás nas prácticas do sistema é tan inútil como absurdo. As empresas seguirán buscando man de obra en condicións extremas, e nada fará que cambien de criterio. Deberían as organizacións sindicais, por tanto, mudar estratexias e tácticas. A reivindicación non pode ser o imposible contra a utopía. De nada valerá reclamar que as empresas non externalicen a súa produción, porque procurar man de obra sobreexplotada e mundializar esa práctica fai parte das súas necesidades e da súa razón de ser. Negar a evidencia é reaccionario e favorece os intereses corporativos. En calquera caso, non é a mellor maneira de afrontar a realidade, de alterala, de vencela.

Tamén aquí parecemos ter perdida a batalla simbólica da comunicación. Os conceptos e as ideas hexemónicas non proveñen do universo das maiorías sociais senón das elites. O sentido común do sistema determina que a propiedade é o ben supremo mesmo para aqueles que carecemos dela; que o beneficio do empresario ha de ser infinito inda que para iso o asalariado teña que traballar doce ou dezaseis horas, cobrar o xusto para amortizar mensualmente a hipoteca ou marchar ao paro antes de que unha empresa teña que reducir beneficios. Os medios de produción simbólica, os medios de comunicación masiva, saben ben como e contra quen articular os seus discursos. Mais este sentido común triunfante porta en si o xerme da propia destrución. A ecuación é simple mesmo para os que somos de letras. Se os asalariados paran de percibir os seus salarios non poderán consumir; se non poden consumir, as actividades comerciais das empresas non serán rendibles; se non son rendibles, terán que pechar; se ameazan con pechar, haberá ERE e o Estado redistribuirá os impostos sobre a renda dos asalariados en incentivos ao consumo. Pero se non quedan asalariados, non haberá ERE nin impostos nin renda nin consumo: o sistema colapsa definitivamente. Xa sei que o fago moi simple, pero ás veces o simple é o probable.

Todo este proceso de desregulación e externalización (viva o eufemismo!) é un búmerang que volverá co verdadeiro proxecto do cazador: levar o traballo a zonas de desregularización para espallar por todo o territorio do Imperio o virus contaxioso das novas condicións, ou sexa, as xornadas de 12 – 16 horas, os salarios ínfimos e os dereitos na lembranza. A lóxica da fragmentación pide estratificar ata o paroxismo o traballo asalariado, acentuar a súa división, desconectar o cerebro común do proletariado contemporáneo, abolir o general intellect (Marx), evitar así a súa configuración como suxeito activo. Mais se o proxecto é dividirnos entre non consumidores e consumidores de diversos graos, tamén nese caso o sistema colapsará. Ao final, o antagonismo entre burgueses e proletarios (Marx e Engels) non podería obviarse de ningunha maneira. Ben farían, logo, as organizacións sindicais en formar a conciencia de pertenza a unha mesma clase, independentemente do lugar e das condicións en que se desenvolve o traballo de cadaquén. Porque esa batalla, coma a da comunicación, tamén se está perdendo, sometidos como estamos á ineludible urxencia das nosas necesidades. En tempos de revolución tecnolóxica, a man de obra tería que necesitar menos horas de traballo para producir máis. Ou sexa, a redución da xornada e, con ela, emprego pleno e mellores salarios. Se ocorre xustamente o contrario é porque o sistema, ademais de inxusto, é irracional.

Se a empresa Caramelo ten que externalizar a produción para poder continuar, que non continúe. Que o seguinte paso nas loitas de asalariadas e asalariados sexa a ocupación. Os seus coñecementos e as súas habilidades non precisan de executivos de soldos millonarios nin de donos de empresa. Elas e eles abondan. Se cesan executivos e donos, todo podería continuar o mesmo. Se todos os asalariados e asalariadas do mundo decidisen parar só que fora un día completo, o colapso sería brutal e irreversible. Probamos, a ver?

Algo hai no interior do sistema que cheira a podre. Talvez é tempo de facer limpeza.

]]>