Deus – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 2011 e o futuro http://antondobao.blogaliza.org/2011/01/10/2011-e-o-futuro/ Mon, 10 Jan 2011 11:12:20 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=843 Eu non descarto que, se no futuro é posible viaxar no tempo, entre nós estea de visita alguén que xa sabe o que vai ocorrer e como vai pasar. Viaxar no tempo, con todo, non é unha utopía. Vivir é viaxar continuamente no tempo, pero sen posibilidade de pausa nin de retroceso. Velaí os soños eróticos da humanidade: a pausa e o retroceso. Deter o tempo para esquivar a morte. Retroceder para corrixir certas cousas. Din os físicos, porén, que unha viaxe ao pasado non nos permitiría mudar nada; a realidade non resistiría certos paradoxos insoportables, como que un puidese matar o seu avó, se houbese valor para facelo, e evitar así o propio nacemento. De non ocasionar un colapso universal, esa sería unha posible forma de aborto, de suicidio ou de eutanasia por adiantado que non sei moi ben como tomaría a Igrexa Católica. Todo depende do prezo das cousas.

O viaxeiro que chegue ao pasado só poderá ser un simple espectador. Para transcender esa función pasiva, talvez só interesante para os historiadores, que poderían acudir persoalmente ás fontes orixinais, temos que considerar a posibilidade de que existan universos paralelos. Cada un deses universos paralelos xeraríase automaticamente sempre que tomamos unha decisión entre varias opcións posibles. Pese á rotundidade das leis da física, queda espazo e tempo para a liberdade. Se á viaxe no tempo lle engadimos o chouto a un universo paralelo, o pinchacarneiro será completo e, sobre todo, moi atractivo.

Andar cruzando as membranas que separan uns universos dos outros non parece tan doado como construír un buraco de verme que nos conecte con outro espazo e outro tempo. Se a materia, con todo, abre esas portas, talvez sexa posible poñer mesmo un pé no paraíso e ver o rostro de Deus. Pero a física non se preocupa maiormente por este tránsito. Ao contrario. Sabe que Deus non é necesario para explicar nada, por moito que Ratzinger ou Mario Conde teimen, tan sabios, no contrario. Só a fe, que é tan respectable como a súa ausencia, dá conta do lugar de Deus no Universo. Que cadaquén xogue ao que lle apeteza.

Se entre nós habita un visitante do futuro, ten que saber o que vai pasar neste 2011. Eu non o sei, e iso descarta de vez a miña procedencia do futuro. Confórmome con vivir este ano, e os que veñan, día a día, coa esperanza de ser coa miña xente o máis feliz que poida. E iso é unha declaración subversiva para a orde moral que se nega a abandonar a dirección de todas as existencias reais, pasadas, presentes e futuras. O dominio. Sempre hai quen procura que sobre a cabeza de quen aspira á felicidade, ao gozo, á utopía, pendure unha rocha granítica de varias toneladas de medo, culpa, cinismo e un devezo enfermizo polo sufrimento e o castigo.

A Igrexa Católica estende, coma o ollar de Deus, a súa influencia / influenza deica os confíns espaciais e temporais do Universo, se é que existen. Desenvólvese na trama do Reino do Castigo. Castigo por abortar, por pobreza, por feminidade, por homosexualidade, por calquera clase de sexualidade humana non reprodutiva, por morrer con dignidade, por non querer crucifixos na escola pública, por desexar un mundo novo, por programar e arelar un asalto ao ceo, por toda caste de gozo e felicidade, por crer no home, na muller, na ciencia, por non crer en Deus, por vivir, por querer vivir. Castigo orixinal por sermos materia, un simple accidente cósmico. Cando a Igrexa Católica se opón a que en certos estados a homosexualidade deixe de ser un crime castigado coa pena de morte está desvelando a súa fascinación polo castigo como base de toda relación social. Cando se opón a que as leis humanas permitan (ou non castiguen) o matrimonio homosexual, o aborto ou o divorcio, entre moitas outras cousas, está esixindo castigo para homes e mulleres que incorran en semellantes crimes. É o castigo o que máis lles excita a segregación de endorfinas.

Talvez exista cabo do noso un universo paralelo en que a seita católica impón o seu modelo social, as súas prescricións, proscricións, interdicións, premios e castigos. Puro pánico apocalíptico. Se houber algún visitante procedente dese universo, podería narrarnos como é a vida en tales condicións. Pero non dou acreditado nesa posibilidade. Non creo que nese futuro paralelo a ciencia teña lugar a explicar o mundo nin a facelo máis habitable nin a existir sequera para permitir unha viaxe ao pasado ou a outro universo paralelo co obxecto de evitar a traxedia. Teremos que ser nós quen construamos un futuro diferente liberado da moral do castigo.

Feliz 2011 sen sufrimento nin castigo.

]]>
Contra a certeza, dúbida http://antondobao.blogaliza.org/2009/10/29/contra-a-certeza-dubida/ Thu, 29 Oct 2009 12:11:41 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=557 As túas conviccións outórganche a certeza absoluta; as miñas obríganme a dubidar de todo. Algo así, con outras palabras, vén a dicirlle Hipatia de Alexandría ao Bispo de Cirene en Ágora, a última película de Alejandro Amenábar. Unha paráfrase da historia da humanidade, da loita entre as conviccións relixiosas e a razón.

A historia do coñecemento do que fomos e somos e do universo inabarcable que nos acolle nun recanto afastado dunha apartada e pequena galaxia é unha loita a sangue e ferro contra o poder omnímodo da fe. O coñecemento, con todo e ser intenso en moitas disciplinas, é incompleto. E probablemente non chegará a dar conta de todo o que nos esixe interrogarnos. Velaí a súa grandeza. A razón é fascinante porque dubida. E isto nada ten que ver con relativismos morais nin outras argumentacións pouco consistentes inventadas para condenar —hoxe a fogueira ou a lapidación son só simbólicas, e é un avance— a aqueles seres humanos que ousan traspasar certas fronteiras só abertas á inconmensurable sabedoría de Deus. Por sorte para nós, humanos simples, o coñecemento, e non precisamente a fe, mediante a dúbida vainos facendo máis libres.

Stephen Hawking conta que Xoán Paulo II lles pediu aos científicos, nunha conferencia sobre cosmoloxía celebrada no Vaticano, que non estudasen a orixe do Universo, pois era o momento da Creación, é dicir, obra de Deus. Hawking presentara un relatorio no que teorizaba arredor o inicio do Universo, pero alegrouse de que o Papa non se decatase; non lle chistaba a idea de ser entregado á Inquisición, como lle ocorrera a Galileo. Talvez esaxera o científico, porque en 1992 o propio Xoán Paulo II asinou unha declaración na que a Igrexa recoñecía que a acusación contra Galileo fora un erro motivado por unha tráxica e mutua incomprensión. Ao bo do Galileo déralle por teimar en que a Terra andaba a voltas ao redor do sol. A Igrexa non foi tan severa con Galileo coma con Giordano Bruno, pero é que este sumaba varios crimes ao seu currículo, desde a submisión á ciencia deica a herexía. Hipatia de Alexandría, á que Amenábar lle rende unha fermosa homenaxe, tamén morreu violentamente. Pola razón.

A militancia na fe merece todo o respecto. E non necesariamente é incompatible coa militancia na razón. Mais o conflito é inevitable cando a fe, que inviste a existencia humana de transcendencia, impón os seus principios e as súas normas tanto no ámbito privado coma no público. Aí a fe é totalitaria. É a que define a Igrexa Católica desde Constantino. E non muda nin mudará.

Nesa liña totalitaria circulaba esoutro día Carlos Luis Rodríguez ao perseguir a Carlos Callón, naquela ignominiosa entrevista, para que comparase a manifestación a prol da lingua coa que un día antes atravesara Madrid para esixir a abolición do dereito ao aborto e o correspondente castigo terreal (o eterno está garantido) contra as mulleres que decidan non culminar embarazos e contra todo aquel que practique abortos. Rodríguez, non é nada novo, recorreu insistente á técnica do sofisma infantil: se vostedes din que o Goberno ten que escoitalos por saíren á rúa milleiros de persoas, entón recoñecerán que o Goberno de España ten que escoitar o clamor dos antiabortistas ou como sexa que haxa que denominalos. Ou sexa, somete a xuízo relixioso a ocupación pacífica da rúa e acubíllase no principio totalitario de que a única lexitimidade é a da representación, que é como dicir a da lei. Obvia, por tanto, que o dereito é posterior ao poder constituínte e que muda necesariamente cando muda este. Para el, non é o pobo quen máis ordena, senón a entidade abstracta da representación, que despois de cada proceso electoral queda fixada como vontade unitaria e inmutable, non sometida á multitude, por suposto. A soberanía residirá en cada caso nesa representación absoluta exenta de todo control democrático, só sometida ao control aristocrático das empresas comunicativas.

Sobre ese castelo de fume, o xornalista Rodríguez reitérase nun discurso sen raciocinio, de superficialidade relixiosa. Porque hai mal e hai ben que eticamente han de determinar as liñas de bo ou mal goberno. E para exemplo, as dúas manifestacións. Na estrafalaria concepción do xornalista Rodríguez, unha manifestación estaba amparada polo dereito de responder a un goberno que xeraba división social cunha decisión eticamente reprobable; a outra, por contra, disparaba contra a verdadeira soberanía popular residente no goberno que actúa conforme ao sentido común, á liberdade e á non imposición. As incoherencias profundas e superficiais do hipotético pensamento de Rodríguez darían para moitas páxinas. Mais a propia comparación en si de ambas as manifestacións é, como mínimo, perversa e tramposa. Porque os puntos de partida e de chegada son non xa opostos, senón incompatibles, profundamente antagónicos.

Se o círculo é a perfección, e a perfección é cousa de Deus, o mesmo ca a Creación da Terra e do home, non haberá peor crime que concibir a Terra en movemento elíptico ao redor do Sol. Se o pobo galego lle deu a maioría absoluta ao PP -non importa que as organizacións do bipartito sumasen máis votos- e este retira a lingua da vida pública e do ensino, o pobo galego desexa a extinción da súa propia lingua; negarse a esta vontade divinizada é un crime de lesa patria. Sedición totalitaria. Ambas as argumentacións representan as prevencións totalitarias da fe contra a razón. Pensamento Rodríguez.

A manifestación de Queremos Galego non facía máis que reclamar un dereito posto en perigo por un goberno lexítimo pero sometido a crítica e contestación social. Pola contra, a manifestación antiabortista reclamaba, con coherencia tradicionalista e relixiosa, o castigo para toda aquela muller (e home) que contraveña os preceptos morais dunha confesión relixiosa. Coma con Giordano Bruno e Galileo e tantos outros. Coma con tantas mulleres. Coma con Hipatia de Alexandría. Castigo á impudicia. Certeza totalitaria contra a dúbida racional.

]]>
Deus no Universo http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/21/deus-no-universo/ Mon, 20 Jul 2009 23:18:27 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=478 É curioso que a nosa obsesiva observación do ceo fose dando lugar ao abandono de vellas referencias míticas sobre os espazos do alén destinados a proporcionarnos felicidade ou sufrimento eternos. O ceo perde valor mítico ao tempo que gaña para nós en significado real. Canto máis coñecemos o que nos rodea, menos cremos no que non vemos. Talvez a ciencia e a fe non son incompatibles, pero coincidiremos crentes, agnósticos e ateos en que a ciencia non precisa de Deus para atopar explicacións, non o necesitamos para colmar aos poucos as nosas arelas de coñecemento. Deus non é necesario. Sería inxusto e inaceptable que por mor desta constatación os crentes fosen obrigados a renegar da súa fe e do amor ao seu Deus e a renunciar ás particulares normas das súas seitas, confrarías, relixións ou como mellor se lles queira chamar. A liberdade de credo relixioso é un dereito indiscutible —defendido normalmente por ateos.

A contemplación e o coñecemento do Universo ten a capacidade de abraiarnos. Observarmos algo que ocorreu hai miles ou millóns de anos mergúllanos no regato da ficción científica. A ciencia é cada vez máis unha extraordinaria narración capaz de manter no punto máis elevado a nosa atención como receptores. Nesta altura do coñecemento, é difícil atoparlle un acomodo a Deus. A relixión explicaba cousas que desde hai moito tempo teñen xa explicación racional arredada de construcións míticas. Todo é materia, esa antagonista eterna do espírito, mesmo os soños. As vellas ideas da elevación da espiritualidade fronte á baixeza do material son absurdas e negan o ser humano e o que o arrodea. Para algúns, esta potencia da materia é sinal de degradación; a perda de espiritualidade dirixe á apocalipse, ao final dunha humanidade que renuncia a disolverse no espírito de Deus. Para outros, ese desequilibrio sería imprescindible para o coñecemento e, por tanto, para sermos máis libres e felices nesta existencia sen necesidade de esperar por outra vida cuxa realidade non pode ser probada.

A relixión é o opio do pobo, deixou dito Karl Marx para ilustrar o efecto anestésico da fe nos seres humanos. A relixión dálle xustificación moral á explotación, aos actos dos poderosos, serve para acougar aparentemente o sufrimento dos desposuídos e para xustificar a necesidade da opresión mediante a súa sublimación. Se Deus, que todo o pode, todo o ordena e todo o fai con algunha finalidade conforme a unha intelixencia que a razón humana é incapaz de comprender, determina que un home ou unha muller ha de sufrir privacións, dor, dominio e opresión será porque lle ten reservada unha felicidade imposible de imaxinar xusto para cando termine o seu paso por este val de lágrimas. O pobre, o miserable, terá que aceptar resignadamente os designios da intelixencia divina e vivir con alegría a súa penosa situación á espera do ceo prometido. Rebelarse sería o peor dos pecados. A soberbia de enfrontarse aos designios de Deus ten pena que non dará abranguido a imaxinación humana: o inferno. Para inferno, o que me toca vivir, pensarán algúns, e nese mesmo pensamento está insculpido o pecado. Acaso non aceptou o propio Xesús Cristo con resignación o sufrimento sabendo que proviña da intelixencia infinita do Creador?

Mentres o ser humano teima no coñecemento das leis da materia, do universo, a Igrexa non se move dunha particular interpretación da Lei Natural. Cando Rouco Varela supedita o dereito positivo ao dereito natural exhibe unha concepción totalitaria coherente coa súa fe pero incompatible cunha organización democrática e igualitaria da sociedade humana. É a necesidade de imposición da propia fe e dos valores que dela emanan á totalidade dos individuos humanos, independentemente das crenzas de cada un deles. Desexo extemporáneo, amais de irracional, pois o ser humano leva tanto tempo como a totalidade da súa propia historia nunha batalla irreconciliable contra as determinacións da Lei Natural. E non desexa volver a épocas felizmente superadas.

Ao reclamar a Igrexa primacía do dereito natural sobre o dereito positivo pretende que os seus principios morais sexan hexemónicos na sociedade, a expresión dunha totalidade cuxo exterior non debe existir. Cando Rouco Varela acode á Lei Natural para expresar a necesidade de que o dereito positivo estea supeditado a ela, esixe un código penal con castigo severo para as desviacións que atentan contra ese dereito natural que ha de estar na orixe de todo. Ditado por Deus a través dos seus ministros na terra. Fascismo clerical, chámanlle algúns. O hedonismo anatemizado; o deber do ser humano é sufrir, sufrir sen pausa para purificar os propios pecados e acadar a felicidade nunha vida eterna de contemplación do rostro do Creador. Ora que os principios de sacrificio e gozo non son iguais para todos.

Rouco Varela, e con el a Igrexa Católica, desexa vieiros de santidade, e para eles esixe a pesada carga da lei contra quen se desvíe dos seus preceptos. Castigo e sufrimento na terra, que, coma as fogueiras da Inquisición, purifican as almas pecadoras. Pena civil para quen aborte, sexa crente ou non; castigo para quen practique a homosexualidade, sexa crente ou non; prohibición de separación matrimonial, haxa matrimonio eclesiástico ou non, sexa con malos tratos ou sen eles. E así interminablemente.

O obxectivo da relixión non é procurar cidadáns cada vez máis libres. Libres de pesares, libres de explotación e libres de pobreza. Non. Ao contrario; a súa razón de ser habita no control e o dominio. E ten o castigo como norma suprema. Pero se a felicidade non existe nesta vida, se non é posible nada que a imite ata despois da morte, por que non agardan a que sexa Deus na outra vida quen castigue os pecadores á pena eterna do inferno e teiman en inflixir en nós sufrimento antes da derradeira sentenza? É dicir, por que non nos deixan coas nosas leis e cos nosos desexos de ser o máis felices que poidamos e de gozar canto nos sexa posible. E eles, mentres, que se dediquen ao suplicio como vía purificadora para alcanzar a virtude.

]]>