descargas ilegais – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Piratas e pirañas http://antondobao.blogaliza.org/2009/12/03/piratas-e-piranas/ Thu, 03 Dec 2009 10:10:47 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=574

Seica os artistas españois están dispostos ao que faga falta para terminar coa piratería. Como nos ataca aínda aos galegos a sombra deformada do Alakrana, cando escoitei a noticia pola mañá cediño na radio, pensei que os comprometidos e sufridos proletarios da arte se ofrecían ao esquerdista goberno de España para que os pesqueiros que vaian coller peixe polo mundo adiante leven embarcados músicos de talento en vez de homes armados. Sempre se dixo que a música amansa as feras. Ora, se un se deixa levar pola maldade filoxenética que se manifesta virulenta antes do almorzo e reconstrúe vellas imaxes infantís non evitará imaxinar malvados piratas somalís atados a cadeiras mentres sofren tortura obrigados a escoitar o repertorio completo dos artistas embarcados. Ao vivo.

Pero as aparencias enganan, e as percepcións; ao pouco, soubemos que os 2.500 artistas que se indignan coa piratería (canto artista ten España!) interpretaban un popurrí no que incluían os negros que venden discos enriba das mantas e sobre todo os diabólicos seres humanos de toda idade que despois de pagar canons, impostos e conexións de banda inmensa comparten cos amigos produtos elaborados con materia prima pola que ninguén paga canon de ningunha clase. Polo (ab)uso das palabras, de rimas ridículas e de notas musicais ninguén lle paga dereitos de autoría á sociedade. E esa actividade xera lucro, non a descarga de música, que, por certo, non está prohibida por ningunha lei. Disparan contra as descargas ilegais, pero non hai tal ilegalidade. Tan concienciados artistas manifestáronse, non podía ser doutra maneira, escoltados por propietarios da industria discográfica. Esíxenlle ao Goberno español medidas valentes e ousadas, como o ilegal (ese si!) corte de comunicacións de quen descargue unha canción. Valentes e comprometidos ata as últimas consecuencias. Nunca lles faltou afouteza.

Ser serán artistas, pero confúndeno todo. Ou non. Non comprenden o desenvolvemento das forzas produtivas nin das novas modalidades de intercambio non lucrativo. Como aínda poñéndolle cancelas ao mar a auga corre o mesmo, ningunha das valentes medidas que esixe este fato de reaccionarios deterá un proceso que está a transformar as relacións entre creadores e usuarios de cultura, os conceptos de valor de uso e valor de cambio e quen sabe se as propias relacións de produción, o mercado e o sistema. Se un fabricante de mobles non pode impedirme que lles deixe aos meus amigos sentar na cadeira que merquei, tampouco o van poder facer outros empresarios, por moito que pertenzan ao difuso mercado da cultura e o préstamo se multiplique por milleiros de persoas. Para estes artistas e empresarios, a cultura é mercado cando hai que consumila e cultura só cando hai que subvencionala.

Sexa como for, talvez algo de boa idea haxa nas propostas de Alejandro Sanz, Álvaro Urquijo, Ana Belén, Ana Torroja, Dani Martín, Loquillo, Pereza, Aute, Malú, La Oreja de Van Gog (estes non pagan canon nin dereitos de autor por desacreditar o nome do artista), Estopa, Manolo García, Antonio Carmona, Calamaro, Tamara, Conchita, Chenoa, David de María, Bunbury, Rosario e así deica dous mil e pico de artistas de primeira liña. A min non me van pillar nunha desas, pero o Goberno de España debería pensar na posibilidade de lle cortar a conexión a quen descargue algunha canción destes artistas.

Porque xa fai falta ter mal gusto.

]]>