Democracia – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 As cousas, como deben ser http://antondobao.blogaliza.org/2010/07/01/sagrada-constitucion/ Thu, 01 Jul 2010 11:47:17 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=695 Por riba de todo, mesmo dun Parlamento ou de certa manifestación de soberanía popular en forma de referendo, está a necesidade de que as decisións dos representantes non alteren os principios nos que se inspiraron os constituíntes, que veñen a ser uns Pais da Patria moi listos. Esa necesidade inobxectable era expresada non hai moito tempo por un mangado de importantes xuristas españois consultados pola intelixencia mediática ao redor do parto montesío do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de Cataluña. Os especialistas ábrennos aos abismos fundamentais do sistema e do réxime. A restauración tivo as formas dun pacto. A ver quen o desata.

A Soberanía reside no Parlamento español. E non de todo. Por exemplo, no plano económico, reside no FMI, nos mercados e na súa inestable confianza. Non hai máis suxeitos soberanos. Non o é o pobo español, se é que existe. Tampouco o catalán, o vasco, o galego. Nin sequera ningún dos seus parlamentos. A Indivisible Unidad de la Patria, sintagma tenebroso que alude a unha vontade transcendente e non humana, é referencia de orde e ética suprema. Amais doutras importantes institucións, o Tribunal Constitucional vela con firmeza e sacrificio para que as bases do pacto de hai trinta e tantos anos non poida crebalas vontade popular ningunha, sexa de expresión directa sexa mediante representación.

O dereito é posterior ao poder constituínte, é o aparello legal que garante os principios e os privilexios da clase social dominante, a súa ditadura. Os gobernos representan o poder constituído, por tanto evitarán a tentación de alterar o inmutable. Ningunha política económica atacará os intereses dos propietarios; non haberá medidas lexislativas que poñan en perigo calquera aspecto crucial dun pacto constitucional que os menores de cincuenta anos non tivemos ocasión de votar. Velaí a teimuda destrución da memoria ou a non menos teimuda preservación de indecentes privilexios para a Igrexa Católica. Só pequenos detalles. Se accidentalmente a un goberno o atacase a tentación de alterar o inmutable, ao rescate virá a salvagarda constitucional. Unha cara do simulacro ten forma de Tribunal Constitucional cuxos membros non responden ante a sociedade nin son elixidos por esta.

O Estatuto de Cataluña é soamente unha anécdota. A sentenza non terá demasiada transcendencia. O realmente importante é asegurar que por riba da decisión popular ou de calquera parlamento haxa sempre un teito infranqueable. A lexitimidade dun golpe de estado contra a legalidade republicana, seguido de tres anos de guerra e corenta de ditadura. Fóra da Unidade Indisoluble de España, nada existe. Non pode haber máis nación nin máis cultura nin máis lingua nin máis pobo nin máis soberanía. Por iso non é casual que unha parte non residual da cultura española, dos seus medios de comunicación e do seu pensamento reaccione con saña contra as linguas cooficiais, contra toda manifestación de nacionalidades alternativas, contra calquera idea que poña en cuestión a posibilidade (obrigatoria) dun proxecto patriótico español uniformizador e negador. Totalitario. E imposible, eternamente sometido a conflito.

O democrático sería mudar a Constitución para dea cabida á decisión soberana de cada nación. Pero o democrático bate de fronte co constitucional, co réxime e co pacto de Restauración. Invalidar, como fai o Tribunal Constitucional, a decisión do pobo e do Parlamento de Cataluña, aínda que só afecte a unha pequena parte do articulado do Estatut, é unha proba de como se ataca a democracia no nome da propia democracia. Ou a formalidade democrática como coartada. Porque entre as formas do réxime e a democracia real media un abismo escuro e intransitable.

Lasciate ogni speranza, voi ch’entrate

]]>
A confianza dos mercados http://antondobao.blogaliza.org/2010/05/24/a-confianza-dos-mercados/ Mon, 24 May 2010 11:22:58 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=651 Primeiro, está por ver que o déficit público sexa unha cousa tan perversa para a economía. Ou sexa, para a comodidade material das persoas. A economía ao servizo da xente ou todos somos súbditos da tiranía mercantil e financeira, e que me perdoen os de El País polo anatema. A biblia do sistema non dá lugar a interpretacións. O déficit é unha cousa moi malísima. E xa está. Despois, o que non teña capacidade de consumo que procure a absolución dos seus pecados mediante a adquisición de débeda, sempre privada, sempre o privado, con eses gardiáns das esencias chamados bancos. Ou caixas, sexan de onde sexan. Mira que un consumidor sen capacidade de consumo, ou sexa, sen diñeiro, non é nada. Apenas un cidadán de terceira clase, da clase dos non consumidores. Máis ou menos pura purrela social,

Así que, os especialistas determinan que o déficit é moi malo. Aínda nunca nos dixeron por que, pero tampouco nos interesa. Non en balde, a economía xa foi retirada das perigosas mans da posibilidade política. Salvagardada, que non se mesture con malas tentacións que poderían alterar a tranquilidade dos investidores, uns seres talvez humanos, como sabemos, ao parecer con certa tendencia ao desacougo. O déficit é malo porque atranca se cadra o harmonioso fluír do diñeiro. Se o estado gasta en ensino gratuíto ou en atención médica, eses negocios terán máis dificultades para competir libremente. E así seguido. A festa ten que continuar como sexa, e, xa se sabe, canto máis subsidio menos eficacia. Se nolo dan todo feito a ver se imos tender ao parasitismo. Tomemos como exemplo o empresariado exemplar e sirva a redundancia pero non hai outro léxico posible. É responsabilidade do Estado garantirlle o negocio e non ofrecerlle competencia desleal. Non que non. O Estado bastante ten con financiar a súa dimensión coercitiva, a única necesaria. En fin, e a Igrexa Católica.

Segundo, é evidente que para reducir o déficit e a débeda e o gasto do Estado en cousas tan indecentes como subsidios ou medicina ou ensino ou comunicación ou servizos sociais ou investigación ou pensións ou o que sexa que engole os impostos dos asalariados cómpre apuntar ao corazón do problema. Vale, os outros tamén pagan algo de cando en vez ao botaren gasolina e ao mercaren coches de luxo. A ciencia liberal é indiscutible, e iso quere dicir que non se debe querer discutir. As medidas do goberno de España son paradigmáticas. Nada de cargar con impostos as rendas máis altas, o patrimonio, as herdanzas, a riqueza, o capital, etc. Iso derramaría para sempre o acougo dos investidores, e a súa intranquilidade deixaríanos sen actividade económica porque escaparían coma quen foxe da peste. Apocalíptico. A solución, por tanto, é ofrecerlle plenas garantías ao Capital: competitividade, flexibilidade, xubilación, despedimento, xornada laboral, dereitos laborais, así, en xeral, e o que faga falta. Cando se pacte a inevitable reforma laboral, para alivio dun Banco de España tan exento de control democrático coma o FMI, o Banco Mundial ou o Banco Central Europeo, os sindicatos terán que buscarse nas engurras do esquecemento, a ver se alí lles quedaron enganchadas as asaduras.

Terceiro, está claro que o máis importante é a confianza dos mercados. E como se lles dá confianza aos mercados? Igual que se lles dan lavaduras aos porcos. Nin os mercados nin os marraos entenden de chuchameles. Cómpre seleccionar ben a alimentación. Para iso, a socialdemocracia é destra. Que o diga o xenio filosófico de Giddens e a praxe de Blair. Meritocracia exenta de control democrático. Nada máis ca a capacidade dun mellor manexo nas toldadas augas do mercado. E que me perdoe outravolta o agudísimo editorialista de El País. Benvidos á vía morta. En tempos de crise, o gardaagullas pon viseira socialdemócrata, sempre disposto a demostrar adhesión inquebrantable. Quen mellor ca eles para sintetizar as aspiracións dos asalariados e excluídos coas necesidades dos posuidores. A esquerda oral fede. Halitose ideolóxica. Vomita un discurso mal dixerido de compromiso social e fai gargarexos cunha política económica ultraliberal.

Marx deixou dito que para o Capitalismo a mellor forma de goberno era a República Democrática. Errou. O fascismo foi forza de choque moi útil. Agora, a confianza dos mercados é a coartada excelsa dun goberno mundial esquivo ao que non é posible aplicarlle ningún control democrático dentro das institucións vixentes. O Capitalismo sempre se sentiu incómodo coa incerteza das decisións democráticas. A confianza dos mercados é, pois, o obxectivo de calquera goberno que se queira sentir ben considerado, sexa en Madrid, sexa en Brasilia. Á socialdemocracia tócalle na función representar o papel de criado atento que procura sempre asegurar a inestable confianza do amo. Asalariados e asalariadas pagan a orxía dos donos con máis dedicación, menos salario e menos vida. Os sindicatos maioritarios navegan na fascinación do pacto, nun sentido idiota da responsabilidade e na asunción dun novo papel de narcóticos sociais. Outros permanecen atrapados nun universo paralelo no que rexen outras regras. Marx chamaríalles neoidealistas.

Concluíndo, parece obvio que a esperanza real que nos queda é a perda absoluta da nosa confianza nos mercados. A ver se é verdade.

]]>
Enunciar o imposible http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/09/enunciar-o-imposible/ Tue, 09 Mar 2010 00:15:21 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=617 O importante non é o que dixo o bo actor Willy Toledo no medio da poeira tóxica que se organizou arredor da pequena illa de Cuba. O importante é que ao falar socavou os equilibrados alicerces do real, encofrados coa comunicación pública. A especulación do ladrillo, aí está.

A opinión do actor, como toda opinión, é discutible. A resistente experiencia revolucionaria acumula, é verdade, erros e defectos ao longo do tempo. E con eles, necesidades: maior protagonismo do suxeito proletario e, por tanto, maiores espazos de liberdade, de xustiza e de participación democrática plena. E non falamos de representación, de constitucionalismo burgués nin de retorno da propiedade privada; falamos de democracia absoluta, de capacidade de decisión. Das virtudes da revolución escusarei falar. Con todo e seren silenciadas, son insultantemente visibles.

Pero volvamos. O importante non é o que opine Willy Toledo sobre Cuba; o importante é que exprese a súa opinión. O acto en si, non o contido. Se reparamos nas reaccións ao dito polo actor, nas que -ai, que casualidade!- coinciden desde Intereconomía á Cadena SER, sobresairá que o seu peor delito consiste en expresar unha posibilidade allea á doxa do réxime e do sistema.

Que os donos dos medios de produción, e descúlpeseme esta recorrencia consciente á terminoloxía clásica máis que nada para amolar os espíritos máis puros e lúgubres, falen da posibilidade dun contrato de escravitude para menores de trinta anos non é importante polo contido da súa proposta. Coma no caso de Rosa Díez (e de Arcadi Espada, oh, o irrepetible Arcadi Espada!), o discurso dos empresarios retrátaos con exactitude asombrosa. O importante, tamén neste caso, é a posibilidade, aquí con sentido diferente. Se o discurso de Willy Toledo sobre Cuba creba os límites da realidade, a proposta empresarial non fai máis que reforzala ampliándoa mediante o recurso a incluír unha nova posibilidade. Porque só o que é posible é real. Non importa que a proposta non teña éxito a curto prazo; os conceptos que manexa serán constitutivos das relacións sociais aínda que non queiramos. Non importa que Willy Toledo exprese a posibilidade dunha organización social, económica, humana, alternativa; se a doxa a prohibe, non existirá.

A configuración do mundo que nos explota, que nos expropia e que nos aliena depende dos límites entre o posible e o imposible. Por iso é importante para o poder que todo o prohibido sexa necesariamente imposible e irreal. Non existe. E o que non existe non admite discusión. Eis a razón daqueles berros a Oleguer Presas en todos os campos de fútbol de España, a prisión de Arnaldo Otegi, a persecución cruel de Pepe Rubianes ou tantos outros castigos aos intentos de recoñecer o imposible.

España é unha construción relixiosa. Como tal, sempre estivo obsesionada cos límites entre o real e o irreal, é dicir, entre o institucional e o prohibido, entre o posible e o imposible. Aí armou a súa fronteira inmóbil. A ousadía de poñer un pé en territorio prohibido será necesariamente castigada. Foino en 1936, cando as multitudes se desataron nun soño prohibido que ameazou con desfigurar a realidade e ofrecerlle outras coordenadas. E éo hoxe, cando persegue disidencias ou crucifica os que pronuncien o impronunciable, que é outra modalidade do imposible. Opinar contra a consigna con palabras diferentes, recobrando a facultade comunicativa expropiada, mesmo asumindo o risco da equivocación, desvela que a realidade é un corpo flexible e dúctil. Velaí o peor delito contra o réxime dos corpos inanimados que se nos impón.

Por iso, entre outras cousas, brindo por Willy Toledo e por quen enuncia o imposible.

]]>
Un conto real http://antondobao.blogaliza.org/2009/12/28/un-conto-real/ Mon, 28 Dec 2009 11:53:51 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=581 A auga empozou nas simas da lama, e a esas horas déitase en camadas de lazo. Non son máis ca as nove e cuarto. Na rúa escura, a luz balorenta dunha vella tasca escapa polas ventás e pola porta de cristal. Algún coche no exterior sofre a burla branca da xeada coma se lle saísen canas. As beirarrúas están sen acabar de construír. Cemento duro, sen brillo, e lama conxelada comparten o chan desta travesía dun barrio tan antigo coma a propia cidade. O concello teno en obras desde hai máis de dous meses. Será por iso que ningún farol funciona agás un, a pouquiños metros do bar, que oscila dubidoso entre a luz e a tebra. As casas son todas de unha ou dúas plantas, con tellado de lousa a dúas augas, ben apegadas. Sorrín co fulgor da actividade de preparación das ceas. En case todas, algunha sombra se ve a través das ventás de cuartos con lámpadas acesas. Na taberna, que nunca tivo nome, pouco máis de media ducia de homes de case todas as idades agardan a que as mulleres terminen de preparar o bacallau con coliflor. É máis mesto o fume dos cigarros ca a cor dos viños tintos que navegan en todas as dimensións dese espazo cativeiro. O barullo, sen ser estrondoso, dálle sentido á mudez do televisor de trinta e tantas polgadas, pantalla panorámica. Algúns van saíndo sen pousar os chistes, con gargalladas e saúdos amables, sen parar de ollar reloxos. Tras o mostrador, unha muller termina de lavar uns vasos con mañas áxiles. Case sen mirar para os dous clientes máis próximos a ela, sérvelles cadanseu viño dunha botella sen etiqueta. O home máis vello case non fala. Leva o pescozo envolveito nunha bufanda de cadros. O seu acompañante, embutido nunha cazadora de coiro marrón, acena para a figura militar que ocupa a totalidade da pantalla do televisor sen voz. Ninguén máis mira.

—Dígocho eu. Ten un par de pelotas así de grandes —nunha man, o vaso de viño; na outra, o cigarro; ambas as dúas abren un abano para demostrar o tamaño dos atributos—. Tenas coma o cabalo de Santiago. Dígocho eu.

—Cóbrame.

A muller seca as mans no mandil e recolle os cartos que lle acada o home da bufanda de cadros. Na televisión, o Rei de España enfoca co seu ollar o local completo; observa todo o que se move, seres vivos e obxectos, cunha ollada de inocencia impostada. Ninguén se sente aludido. O home da bufanda de cadros e o mozo da cazadora de coiro van quedando sos.

—Dúas pelotas coma dúas bólas do mundo, o Patxi López, faime caso. Des que gañou as eleccións, aquilo éche outra cousa. Dígocho eu, que levo trece anos traballando en Bilbao. Agora dá gusto tanta liberdade. E este ano, aí o tes, o rei tamén fala pola televisión vasca. Non que non. Se queren independencia, que se vaian, pero que nos paguen o que deben e que respecten a liberdade e a democracia.

—Aí ta, a democracia e a liberdade de elixir —di o máis vello, cun ton un pouco distante, mentres escorre as derradeiras pingas do vaso e exercita un ricto de desagrado.

—Non que logo!

A taberneira óllaos con intención de botalos. Interrómpeo todo a irrupción dun home de aspecto elegante, xa maior, cun abrigo de alpaca negro por riba dun traxe gris e gravata morada. Dá dous pasos pouco harmoniosos no interior do local e proxecta un berro sen deixar de pousar o ollar na pantalla.

—Azuzena, sácame esa merda de aí! Pon anque sexa o Luar, que é noiteboa.

Camiña ao mostrador para tomar un vaso. Azuzena, a taberneira, sorrí. Sérvelle o vaso, apaña o control remoto da televisión e preme sen parar nas teclas de cambio de programa. Na pantalla nada se altera; soamente mudan as iconas das emisoras. O mesmo personaxe cos mesmos movementos e a mesma mímica ocúpao todo.

O rapaz da cazadora de coiro separouse do seu acompañante. Agora está chantado, firme, coa cabeza erguida, fronte ao televisor. Non lles quita ollo aos acenos mudos do monarca. De cando en cando, asente convencido. O home da bufanda a cadros achégase ao do abrigo negro, que apura case dun grolo o viño, disposto a saír da taberna se non hai outro vaso. Azuzena quita o mandil e sae para fóra do mostrador. Baixa persianas, apaga máquinas eléctricas e varre as últimas cabichas. Volve o ollar á figura hierática da televisión.

—Se mañá chovese, só que fora un pouco, xa non caía esta xeada.

Os tres homes están de acordo. O da cazadora de coiro, coa elocuencia silenciosa do monarca; os outros dous, coa exactitude de Azuzena.

]]>
Normalidade sen anomalías http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/03/normalidade-sen-anomalias/ Thu, 03 Sep 2009 12:02:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=506 En Chile, a xustiza puxo orde de busca e captura contra militares implicados na criminal represión do réxime do golpista Pinochet, que enterrou o goberno lexítimo de Salvador Allende vai facer 36 anos de aquí a uns días. En Galicia, un tal Antonio D. Olano deleita co seu pregón das festas de Vilalba os mecanismos viscerais da dereita franquista española. E perdón pola redundancia. Ao seu carón, nas pouquiñas fotografías que nos ofrecen uns medios mestres na ocultación, o novo Conselleiro de Cultura escacha coa risa. Alguén os cría para se eles arrexuntaren.

Olano non é a excepción que luxa a tradición democrática da dereita española; todos zugan do mesmo chafariz. Na Europa republicana de filiación democrática burguesa, a dereita é antifascista. En España non sabe nin pode nin quere selo. En Europa, o negacionismo está perseguido; en España, non só concorren ás eleccións cantas candidaturas fascistas queiran presentarse senón que o revisionismo filofranquista espállase en emisoras de radio, xornais e televisións, xusto alá onde gusta de alternar o noso Presidente Feijóo, que se ve por Intereconomía ou pola COPE máis fachendoso ca un rato no pico dun queixo.

Que Antonio D. Olano vaia a Vilalba e largue no seu pregón de don Franco coa admiración que se lle supoñía é unha anécdota sen importancia. Pero dá indicios. Alguén imaxina que ocorrería en Francia se o seu Ministro de Cultura acudise a lle aplaudir e a lle rir as ocorrencias a un conferenciante que se dedicase a loar a Pétain? Tan inverosímil a posibilidade como que á súa Ministra de Sanidade lle dera por se guiar publicamente conforme ás súas lexítimas crenzas relixiosas e desprezase a falta de forza moral de cidadáns e cidadás que non comparten o seu pensamento mítico e supersticioso, e perdón agora polo oxímoro. Pilar Farjas e Roberto Varela son, por contra, unha beizón hispana.

Mentres os xuíces de Chile poñen en orde de busca e captura militares implicados na represión da ditadura, os españois estudan a maneira de esbarrancar decisións parlamentarias, ou sexa, teoricamente, da soberanía popular. A soberanía española que non reside en militares, xuíces, banca e igrexa é só aparente. A tutela destes sectores vixía calquera posibilidade de decisión das diferentes nacións do Estado. A morte do ditador non supuxo un cambio de réxime senón unha restauración que lle poñía o ramo a calquera remota esperanza de reposición histórica da República asaltada polos militares fascistas un 18 de xullo de 1936 como reacción contra as conquistas das nacións sen estado e das clases traballadoras. Non houbo saneamento, non houbo castigo, non houbo restitución, non houbo xustiza histórica. Por iso Pilar Farjas, Antonio D. Olano, Roberto Varela ou Mayor Oreja non son anomalías; son a normalidade española. Contra as linguas, contra as culturas, contra as nacións, contra a capacidade de decidir, contra a tradición republicana, contra o laicismo, contra a liberdade, contra o proletariado. Contra a democracia, en definitiva, adobíen como adobíen o seu nacional-catolicismo.

Menos mal que temos aí a Don Santiago Rey, ese home enteiro, de aspecto xuvenil aínda que rexo, de peso intelectual apoiado en man dereita e mirada ao infinito, certeiro, primeira persoa, sempre el, que vela por nosoutros, que nos axuda a comprender a realidade, que sufriu e sofre por Galicia, que foi reprimido, que non dorme para ofrecernos a súa sabenza e entrega xenerosa, que é galeguista ben entendido, que usa o seu xornal para acumular diñeiro público por actividades que despois ataca, que chantaxea desde as súas páxinas con ameazas ao estilo das mafias menos sutís. O filántropo, editor, intelectual polifacético, sabio, fillo predilecto de Galicia enteira se non do Universo en expansión, volveunos iluminar hai días esta gruta lóbrega cun tratado breve pero excelso. A súa prosa é brillante, sinxela pero profunda. Lóxico é que haxa quen non dea penetrado en toda a carne do seu ser dialéctico. Non hai problema. Para mellora vital deses seres vulgares, Xosé Luís Barreiro veu a glosárnolo con próxima, aínda que non parella, iso nunca, mestría. Ao lelo, calquera tería a sensación de ulir o betume de lle limpar as botas co que o profesor enxaugaba a boca. Imprescindible, Barreiro.

Se eu fora Feijóo, que por sorte para el non o son, pedíalle audiencia inmediata ao Gran Editor-Filántropo-Filósofo-Fillo Predilecto Universal para lle solicitar de contado informe de todo o que precisa, do que desexa, do negocio que mellor lle viría. Outramente, talvez corra perigo o Presidente de ver borrosa a súa impoluta imaxe nas exemplares páxinas xornalísticas que don Santiago mantén ao noso servizo. Este non é Mefistófeles. Manexa o lume infernal con mellor destreza.

Deus, o da Conselleira, lle conserve por moitos anos ese aspecto xuvenil.

]]>
Chantaxes orixinarias http://antondobao.blogaliza.org/2009/08/31/chantaxes-orixinarias/ Mon, 31 Aug 2009 10:00:47 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=503 A lexitimidade do capitalismo estéase en varias chantaxes orixinarias. Talvez por iso sempre está suxeita a impugnación e é tan evanescente que se disipa no aire en canto nota unha turbulencia. Coa acumulación primitiva, a chantaxe inicial, nace o monstro. Os seus mecanismos aínda latexan; así ocorre en Galicia e noutros territorios en que os efectos do desenvolvemento desigual mancan máis. O capitalismo nace desposuíndo de toda propiedade os suxeitos humanos que se verán obrigados a vender a prezo de saldo a súa forza de traballo para poder sobrevivir. O único que lles queda.

Outra chantaxe orixinaria, se cadra non tan patente, proxéctase coma un halo relixioso sobre o asunto económico, esa materia que nos afecta e sobre a que carecemos de potestade. Esta chantaxe, moi ligada a aquela masiva forza gravitatoria da subalternidade, esíxenos a fe inmutable nun concepto tan simple como eficaz: para que a economía progrese (non importa o que iso realmente signifique), é imprescindible que os donos dos medios de produción acumulen riqueza sen taxa. Ou sexa, que incrementen progresivamente o seu beneficio. Que fagamos o necesario para que non opere a caída tendencial da taxa de ganancia. Só así poderemos aspirar a un progreso e benestar aparentes, é dicir, a ser consumidores Outramente, o mundo esborrallaría en anacos. O reino da entropía social. Os nacidos para traballar terán que se sacrificar polo ben común, que, como sabemos de hai tempo, é a acumulación de beneficios. Serán recompensados co Reino dos Ceos, no que admirarán o acougado repouso contemplativo dos ricos á Dereita de deus Padre. Sempre á dereita.

Na incubadora da súa lexitimidade institucional e ideolóxica, o capitalismo disfraza as súas chantaxes cos avíos dunha natural orde das cousas; a súa lexitimación é relixiosa. O sacerdocio liberal exérceno os medios de produción simbólica ao carón dos políticos profesionais, da dereita e da mal chamada esquerda. Os integristas, coma un tal Ramón Tamames ou os seus ridículos e pintorescos discípulos galegos, ofrecen as súas pregarias máis estridentes ao Deus omnipotente para que abra portelos e portóns e disolva calquera linde que poña atranco á gloriosa explotación permanente e sen pexa, ese estado místico de perfección polo que ouvean día tras día desde a súa caverna. Contra o paro, salmodian, a mellor receita é o despedimento libre e gratuíto e a abolición de dereitos e conquistas: a protección requírea o empresario. Capitalismo como Deus manda, beneficio para o empresario e traballos para os de abaixo.

Para paliar os efectos da crise, os gobernos, ora liberais ora socialdemócratas, focalizan necesidades e expectativas dos donos do diñeiro. Entréganlle a riqueza pública á banca, que enfeita os seus balances e se nega ás necesidades da xente e ás economías produtivas para impoñer o seu modelo universal especulativo, incluído o investimento en masivas doses opiáceas coma a coñecida operación Cristiano Ronaldo, que tanto contento orgulloso transporta ás casas dos pobres. Tamén os produtores de automóbiles reciben cartos detraídos dos salarios, cos que tamén se axuda a manter e acrecentar os beneficios das grandes empresas e a precariedade laboral. Alixéirase a presión fiscal aos podentes pero elévase a que recae con máis dureza nos que menos teñen: impostos indirectos e IVE, que por algunha estraña lei da física tende a quedar atoado nos angostos circuítos do capital. A fraude fiscal, unha práctica consubstancial ao mundo dos filántropos emprendedores, resólvea o Estado incrementando os impostos indirectos.

Visto que España é un estado moderno que procura sempre estar á altura das circunstancias, o seu goberno, aparentemente progresista, formalmente interesado no benestar da maioría social, cumpre ao pé da letra os seus compromisos co poder. A socialdemocracia saborea coma ninguén a dozura acaramelada dos salóns institucionais e comprende que a súa principal función na vida política consiste en aparentar verbalmente a defensa dos intereses das maiorías sociais traballadoras ao tempo que executa políticas económicas reaccionarias que benefician a acumulación de riqueza da clase empresarial. O simulacro progresista consiste en aparentar o que nunca se fará. Tal que a defensa dos intereses dos traballadores, da sanidade pública ou da laicidade do Estado, por exemplo. Entre os meneos verbais e as medidas reais adoptadas polos gobernos socialdemócratas florece unha ecuación de capitalismo impúdico. Cando o ministro José Blanco bota a voar o globo sonda dunha suba de impostos ás rendas máis altas, cumpre a primeira fase de acción de goberno socialdemócrata clásica, que consiste en adormecer verbalmente os sectores sociais dos que se extrae o combustible electoral. Ä hora de lexislar, xa o farán, coma sempre, a favor da minoría social que detén o poder real. Por se acaso, as reaccións á prospección gobernamental dun posible incremento impositivo sobre as rendas máis altas non demoraron: desde o PP ao Xornal de Galicia, pasando por CiU, a preocupación é notoria: ningún poderoso está disposto a ceder un céntimo ao ben común. Soamente aceptar a posibilidade dunha política impositiva de esquerda real espiría a chantaxe orixinaria e con ela a lexitimidade mesma do sistema. O PSOE coñece ben a súa responsabilidade: nada de que paguen máis os que máis teñen. O seguinte paso virá co incremento das taxas indirectas e do IVE envolto na alegría de que os impostos non soben, esa chave de bóveda para a reactivación da economía, seica. O capitalismo é mestre en paradoxos.

Toda medida económica ten que pasar por reverter a caída de ganancia dos que acumulan riqueza sen pausa para que asalariados e asalariadas poidan seguir vendendo barata a súa forza de traballo, é dicir, a súa vida, e non teñan necesidade de descender aos abismos do paro, ou sexa, da exclusión e da perda da privilexiada condición de consumidores.

É o natural. Como din os sabios, sempre foi e sempre será. Ou sexa, uns vão bem e outros mal.

]]>
Democracia cualitativa http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/13/democracia-cualitativa/ Mon, 13 Jul 2009 10:19:53 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=467 Ninguén dos que estamos a esta banda do muro que organizan os medios de comunicación para distanciarnos convenientemente da realidade sabe como vai terminar o golpe de estado de Honduras. Desde o día en que xurdiu a noticia, aterradora pola súa brutal capacidade evocadora, outra vez coma visitación dalgún fragmento espacio-temporal antigo, observamos a sucesión dos poucos acontecementos que nos é dado coñecer. E esperamos un final inmediato con derrota para os golpistas. Sempre derrota e golpistas xuntas na fraseoloxía dos nosos desexos.

Pero hai que recoñecer que os golpes de estado non parecen o que eran. Agora adoptan formas contemporáneas que non teñen moito que ver formalmente coas intervencións militares de hai trinta e tantos anos, aínda que a correlación de forzas e a toma de partido dos militares seguen semellando fundamentais. No golpe de estado contra o presidente de Honduras, Manuel Zelaya, reprodúcese un vello axioma: as forzas armadas responden instrumentalmente aos intereses das elites económicas e sociais que ven ameazados os seus privilexios pola teimosía dun gobernante lexitimamente elixido e maioritariamente apoiado polo pobo. Pero a cuestión non é de cantidade, senón de calidade. A democracia cualitativa e o seu sentido común non permiten certas desviacións dos cometidos que aos gobernantes e ás masas populares, organizadas ou non, lles corresponde.

A reacción ao golpe de estado en Honduras foi novidosa. Como os Estados Unidos manifestaron a súa oposición ao golpe, os estados e organizacións internacionais néganse a darlle lexitimidade e recoñecemento ao goberno ilexítimo de Roberto Micheletti. Obama distínguese en certos xestos importantes, sen dúbida. Tamén é novidosa a raíz do golpe. Manuel Zelaya foi elixido presidente como candidato do Partido Liberal. A súa viaxe a posicións esquerdistas detráelle o apoio do seu propio partido pero amécelle o soporte das masas populares, dos pobres, dos excluídos. A reviravolta de Zelaya, coma outros exemplos da Latinoamérica dos nosos días, pon en corentena vellas mitoloxías arredor dos partidos como únicos mediadores posibles entre o pobo e os aparellos institucionais. A organización da multitude reborda por todas as marxes os estreitos lindes das vellas institucións políticas. En termos de transformación social, pode haber multitude sen partido, pero non partido sen multitude. Cando así ocorre, este só é un instrumento de autorreprodución, enxoito, infértil, inútil, un atranco para calquera avance colectivo. Diso a vella esquerda institucional europea debera saber moito.

Zelaya é deposto polos gardiáns da Constitución Hondureña, polo exército e mais pola clase política e xudicial do seu país, contra a maioría social que o apoia mesmo a risco real da propia vida. O golpe xa se alimentou con sangue, como non podía ser doutra maneira. Na democracia cualitativa, está prohibido consultar. O pobo, concibido polas elites da política profesional como unha entidade indiferenciada, monolítica, inmutable, só ten dereito a elixir periodicamente, entre dous ou tres candidatos selectos, quen vai gobernar algunhas cousas públicas. A económica, non; esa é para expertos, exentos de se someteren ao sufraxio de cidadáns e cidadás sen nocións reais da gran relixión da economía.

A democracia cualitativa non ten retorno. Ti depositas unha papeleta hoxe nunha urna, elixes o que as burocracias partidistas deciden e agardas o período correspondente para exercer a túa capacidade política de exame do traballo realizado polos teus hipotéticos representantes. Os partidos do sistema din que cada proceso electoral é unha oportunidade para exercer o dereito de revogación, pero tamén aí menten: cando as posibilidades de escoller están taxadas, non hai liberdade de elección nin dereito á revogación. Non hai democracia real, esa é a primeira lei da democracia cualitativa.

Na democracia cualitativa non hai dereito á devolución. Haino no mercado, pero non na política. En canto o voto escapa da nosa man facemos entrega total da soberanía política. Con razón insisten os medios de comunicación en que a soberanía reside no parlamento, contravindo así os principios democráticos da ilustración, que propugnaban que fose o pobo a súa residencia permanente. Que a soberanía abandone as mans da multitude para quedar pechada na caixa forte do Consello de Administración dos negocios da clase dominante ten as súas consecuencias. Unha delas é a inmutabilidade radical das formas políticas. O estrito rigor co que se vela para que non haxa gromos que enturben o natural discorrer das institucións e das tomas de decisión. En Honduras, Manuel Zelaya cae por cometer a imperdoable ousadía de querer consultar en referendo se unha parte pequena dese edificio podería ser obxecto dalgunha reforma. A consulta, na democracia cualitativa, é unha das maiores afrontas que un gobernante pode cometer. Porque pon en dúbida os alicerces mesmos de todo o edificio xurídico e institucional, que se ha de sentir firme e inabordable para poder cumprir cos seus cometidos. Porque alude sen rubor ao dereito a decidir. E ese é incompatible coa orde xurídica e institucional.

Quizais non sexa necesario acudir a Honduras para apalpar máis manifestacións deste fenómeno inherente á representación política na era do capitalismo serodio. No estado español viviuse como preocupación diaria de cada súbdito o abaneo daquela cruel ousadía do Lehendakari Ibarretxe, cuxa proposta política incluía unha consulta popular. No caso vasco, o golpe de estado non se produce cos mesmos modos, senón mediante a prohibición sistemática dunha opción electoral e o consecuente pacto parlamentario entre as dúas pólas do Partido da Orde: PP e PSOE. A prohibición política dunha parte importante da sociedade vasca crea a ilusión dunha maioría parlamentaria do nacionalismo español que non casa coa realidade social. España segue a ser modélica en formas democráticas inalterables: rexe unha constitución sobre cuxa vixencia non temos dereito a opinar os menores de 50 anos. A monarquía vai no mesmo paquete. Non é casual que os medios de comunicación condenen coa boca pequena o golpe de estado en Honduras ao tempo que anatemizan a indesexable intención plebiscitaria de Zelaya.

O delito é patente: atentar contra a doxa.

Nunha democracia real, a lexitimidade non reside nas propias institucións. Iso é lexitimidade auto-outorgada, non ten mérito. É a multitude, o pobo, a única instancia que outorga lexitimidade. Núñez Feijóo aínda non o comprende.

]]>
Azul Europa http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/11/azul-europa/ Wed, 10 Jun 2009 22:05:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=419 Cando a Núñez Feijoo lle deu por dicir que votar polo BNG era votar a ERC estaba a manexar unha imaxe-estímulo. As campañas electorais non serven para facer chegar propostas, senón para probar na masa informe de votantes-consumidores a eficacia de estímulos diversos. Moi útil experimento para o mercado. A alusión a a unha formación legal e lexítima como ERC por parte do Presidente da Xunta de Galicia responde á técnica de aplicar o estímulo da irracionalidade para conseguir reaccións funcionais aos propios intereses. É a lóxica publicitaria. Moi democrática, como intuímos, pois potencia a liberdade de elección esa que tanto lles gusta. Todos somos autómatas.

O BNG respondeu asumindo o complexo de can. Mente Feijóo, bradou o Portavoz Nacional, votar BNG non é votar ERC. Pero Feijóo non mentía: votar a lista na que estaban os candidatos do BNG implicaba votar candidatos de ERC, e tamén de Aralar, de Eusko Alkartasuna e doutras forzas. Quen votou esa candidatura conseguiu colocar en Europa un deputado de ERC, non a Ana Miranda, aínda que os acordos lle permitan estar en Estrasburgo arredor de ano e medio. Ninguén sabe como se lles vai explicar aos votantes galegos desa candidatura, que introduciron na urna unha papeleta co anagrama do BNG e só cos candidatos do BNG.

Obviamente, o problema non é que o BNG concorra en coalición con outros partidos nacionalistas de centro esquerda. Ao contrario; é o normal, dadas as afinidades ideolóxicas (menos na cuestión nacional, curiosamente: ERC, Aralar e Eusko Alkartasuna son independentistas; o BNG, non). O grave é asumir o discurso do inimigo, aceptalo e contribuír a espallalo na práctica. Dada a mala prensa dos independentistas de ERC, o BNG prefire esquivar a realidade ante os propios electores. Xoga na representación que o réxime lle ofrece, acéptaa e reprodúcea. O desexo de ocultar a súa coalición é a reacción ao pánico que sente a formación nacionalista ante a potencia da doxa do réxime e do sistema. Ocultar antes que explicar. Un dique de contención da conciencia, única forza liberadora. Quen sabe se ese pánico e a práctica que xera ten algo que ver coa hemorraxia electoral.

Dos 40.000 votos que renunciaron ao BNG, parece que ningún quixo buscar acomodo en Iniciativa Internacionalista, que consegue en Galicia apenas os 3.000 votos que habitualmente recaen no peto da FPG. Un clásico. É certo que a ilusionante candidatura tivo un parto accidentado, sufriu criminalización primeiro e despois tragou silencio, mais iso non pode ser explicación suficiente para tal inmobilidade nunhas eleccións nas que tanta xente deixa de votar polo BNG. Xa ocorreu coa FPG nas autonómicas, a pesar dun candidato extraordinario e dunha campaña humilde pero moi ben armada e cun discurso forte.

Non será doado dar con todas as razóns desta acumulación de derrotas, pero a esquerda está na obriga de realizar o esforzo. Sería talvez necesario que se abrise algún proceso de reorganización da esquerda nacionalista, pero iso requiriría tanto unha reflexión sen prexuízos como un desprendemento xeneroso que, sinceramente, non se albisca próximo. Sempre é máis cómodo abeirarse á calor do lume da lareira. Fóra vai frío.

E é certo. Toda Europa sofre unha vaga de frío azul na que só conserva a temperatura corporal a dereita liberal. A esquerda ten síntomas de conxelación. Esa esquerda nominal, entregada desde hai décadas á relixión do Capital, que recibe o pagamento adecuado ás súas políticas de dereita ou aos seus pactos con Merkel para lle pexar os pés á esquerda de Lafontaine. E tamén a esquerda real, que segue escachizada, presa nuns casos de desorientación e noutros de incapacidade de reorganizar as forzas despois das batallas perdidas. Con razóns pero sen forzas.

É verdade que os índices de participación son tan ridículos que deslexitiman as futuras decisións dese Parlamento sen capacidade lexislativa. Esta Europa ármase tan distante dos pobos que a compoñen que representa a expropiación da capacidade política e dos dereitos de participación da multitude. A cidadanía excluída, por Francisco Sampedro. Mais a impugnación radical desta Europa das multinacionais e do mercado non deben cegarnos nin evitar que recoñezamos que en tempo de crise, cando as siglas ERE dominan as primeiras páxinas de todos os xornais, cando a banca non para de acumular beneficios, cando o recorte de dereitos laborais conquistados é obxectivo político de primeira necesidade, cando se carga o peso da crise nos lombos máis febles, a maioría social non está organizada, carece de capacidade de resposta e déixase fascinar polos discursos da dereita liberal e da extrema dereita. Porque entre o medio millón de votantes do PP en Galicia hai obreiros, labregos e mariñeiros pobres. E así, nación a nación, en toda Europa. Hai nestas condicións eido estercado para que prenda o fascismo? Probablemente non co rostro do fascismo do século XX, pero si con novos modos. Non é tan difícil cheiralo.

Nesta altura histórica, o proletariado contemporáneo, a multitude, non posúe organización. Nin política nin sindical, por moito que haxa partidos e sindicatos que cumpren máis que dignamente coas súas responsabilidades. Iso quere dicir que a esquerda ten a necesidade inmediata de reconstituírse. O ideal sería partir de cero e empezar a nacer no seo dos diferentes sectores de asalariados e asalariadas. Pero teño a sensación de que ninguén está disposto a renunciar á propia miseria.

]]>
Candidatos de mérito http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/03/candidatos-de-merito/ Wed, 03 Jun 2009 19:32:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=332 O desenvolvemento da campaña electoral presente non dista moito do sucedido en todas as anteriores. A candidatura de Iniciativa Internacionalista non ía estrearse en condicións diferentes. Sorte tivo, pensarán algúns, de non ser prohibida e de atopar un sitio para esparexer as súas proclamas incendiarias: o dereito a decidir e a crítica ao capitalismo. Así de simple, así de grave.

A práctica inspirada na doutrina Aznar dá sempre os seus froitos. Desta volta, foi Rubalcaba pluma ilustre da máis fermosa poesía social: ou se está cos votos, ou se está coas bombas. Non se sabe se tería por inspiración a Javier Solana, a Felipe González ou a Toni Blair. Ou a ámbolos tres, como dixera hai anos unha xornalista da Radio Galega ao informar sobre a toma de posesión de tres Conselleiros de Coalición Galega naquel famoso goberno de González Laxe. Eu téñoo claro; estou cos votos. Non me gusta que me priven dese dereito aínda sendo un impenitente pecador por entender que a democracia reducida a ese exercicio é unha caste de simulacro totalitario. Teimas miñas. En calquera democracia real, Rubalcaba estaría fóra da actividade política despois de o Tribunal Constitucional sentenciar que todo o proceso ese dos votos contra as bombas (ou as bombas contra os votos) non viña moi ó dereito. A democracia tería estas cousas. Dereito de revogación? Iso soa a programa da Comuna. Ou sexa, terrorismo.

Ó final, a candidatura do ruín Alfonso Sastre, en palabras dunha novelista española que se cadra nunca leu La mordaza, pode concorrer ás Eleccións ó Parlamento Europeo en teórica igualdade de oportunidades co resto das candidaturas presentadas. Pero o proceso iniciado coa impugnación da candidatura tivo o seu éxito. No estado español, sobre todo a partir da doutrina Aznar (todos somos terroristas mentres non se demostre o contrario), a acusación implica culpa. Non sempre, iso non; só no caso de organizacións, de grupos, de persoas que se xuntan para transformar algún anaco de realidade. As persoas serán seguramente inocentes, pero ó se xuntaren e determinaren actuar politicamente xeran un instrumento que por principio é reo de todos os crimes e, por tanto, suprimible. Ben mediante a prohibición, ben mediante a súa non existencia na realidade contada e transmitida, recreada.

X. L. Méndez Ferrín achega o seu extenso historial político á candidatura que encabeza o ruín Sastre. Pode achegar tamén o seu valor literario, porque o ser humano non debe escindirse, pero non é o caso. Ocorre igual con Sastre. Ferrín achega, cos outros integrantes da candidatura, as arelas de emancipación dunha parte dos galegos e galegas que non lles temen aos soños, ao futuro nin aos desexos. Unha parte pequena, é certo, pero non por iso irrelevante nin menos importante.

Marta Rivera e Xosé Luís Franco Grande coincidiron estes días, curiosamente, ou non, en disparar contra o candidato Ferrín. Probablemente a novelista e o espantallo tráxico están de acordo en máis do que parece. É posible que, entre outras cousas, no desprezo, expresado con modos semellantes, polo que Ferrín poida representar politicamente. Ambas as (dúas, neste caso) intervencións son viscerais e achegan unha carga de necidade que nunca é conveniente no debate político, literario ou cultural. En calquera caso, ambas as persoas teñen dereito a opinar o que desexen acerca de Ferrín, de Piñeiro, de Sastre, da esquerda, do nacionalismo ou da saia da Carolina sen que o Universo deixe de expandirse ou contraerse ou permanecer arrebolado nunha éxtase celestial.

Defender a Ferrín destas dúas xoias literarias e xornalísticas sería tan absurdo como innecesario. Non é cousa de perder o tempo en tales asuntos banais habendo, por exemplo, tan boa literatura por ler, como tal a do propio Ferrín, que a novelista talvez non coñece. O importante será que o domingo á noite o candidato Sastre sexa proclamado, entre outros compañeiros de lista, Deputado no Parlamento Europeo. Será un honor para Europa. Como o é o candidato Ferrín e cada un dos compoñentes desa lista furunculosa chamada Iniciativa Internacionalista.

]]>
Urxente http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/17/urxente/ Sun, 17 May 2009 00:13:42 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=269 Non por esperada, a noticia deixa de ser indignante. Ou é máis indignante precisamente por esperada. Porque aquí algunhas cousas xa se saben antes de que ocorran, e así o tempo e as súas incertezas non derraman o previsible, a solidez do infame, nin os actos das multitudes, dos suxeitos colectivos, de homes e mulleres, poden alterar os nomes e a fasquía da tona da realidade.

A candidatura de Iniciativa Internacionalista foi anulada polo Tribunal Supremo Español. Todo o que se pode dicir xa está dito. Apenas redundaremos na convicción de que a democracia é outra cousa, de que o control da liberdade de opinión e de pensamento é a constante dun réxime que non ten solución de continuidade desde xullo de 1936, cando o Xeneral Franco se levantou en armas contra a República e instaurou un réxime fascista co obxectivo triplo de dar paso a unha restauración monárquica, de ceifar as arelas de soberanía das nacións subalternas e reducir ao folclore as súas linguas e as súas culturas, de frear toda manifestación da loita de clases. Hoxe non vivimos baixo un réxime fascista, claro que non, non hai que menosprezar a súa capacidade de mutación e de substitución da tiranía polo control e o dominio, mais esa tríade de demos fundacionais (o republicanismo laico, o dereito a decidir das nacións subalternas e as aspiracións das clases traballadoras) gaña hoxe a primeira liña ao anular unha candidatura para as Eleccións Europeas. Alfonso Sastre e Méndez Ferrín acumulan nas súas historias persoais máis dignidade que todo un réxime nacido do dedo moribundo dun sanguinario ditador. Os medios de comunicación fan parte gozosa da trama, tan preocupados polos asubíos e as bandeiras dun partido de fútbol como por garantir a exclusión do outro, de todo aquel que pensa e propón realidade alternativa. A súa eliminación da realidade representada.

Talvez terminou aquí o periplo electoral de Iniciativa Internacionalista. Talvez empezan agora as manifestacións de apoio e solidariedade, de compromiso coa causa da liberdade e do dereito a decidir, aínda que a decisión sexa tan básica como depositar unha papeleta válida nunha urna. Aínda que sexa só esa. Talvez agroma tamén a derradeira encrucillada das formacións que se reclaman da esquerda e do nacionalismo —BNG, IU, etc.—, condenadas a decidir o seu lugar na farsa: ou cos que anulan dereitos fundamentais, ou cos que esixen o dereito de todos e todas a exercitalos. Os anulados.

Non é tempo de silencio. Ou si?

Engado este domingo á noite, despois dunha multitudinaria manifestación de apoio á lingua propia de Galicia, o documento  que as Redes Escarlata acaban de facer público. Coa mesma urxencia. Con determinación e claridade. Velaí o tedes.

A DEMOCRACIA ESPAÑOLA NON É SÓ A FISCALÍA DO ESTADO

Ante a ilegalización da candidatura Iniciativa Intenacionalista, que tiña previsto concorrer ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo, as Redes Escarlata queren deixar constancia do seguinte:

1.-Aínda que a nosa militancia pertence a diversas opcións políticas, consideramos boa nova o artellamento dunha candidatura que defende a autodeterminación desde posicións inequívocas de esquerda.

2.-O Estado marcou no seu horizonte a eliminación física de calquera ideoloxía hostil á monarquía constitucional. Nese proxecto común do PSOE e do PP quedan significativamente dentro da legalidade -así o advertimos no seu momento ao denunciarmos a Lei de Partidos- as organizacións ultradereitistas de signo xenófobo, nazi, católico, etc.

3.-A resposta contra este novo esmagamento das ideoloxías que España desexa expulsar da libre confrontación nun proceso electoral non debe vir só das propias institucións europeas, senón dos partidos, sindicatos e plataformas que se din democráticas. De non se dar unha inmediata reacción por parte do resto do espectro político galego, coidamos que no futuro será realmente difícil evitar a sospeita de que o silencio e a insolidariedade sirvan outro amo diferente do que, unha vez máis, criminaliza a defensa da autodeterminación e do anticapitalismo.

Saúde e República
Compostela, 15 de maio de 2009

logo2003

]]>