Cuba – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Enunciar o imposible http://antondobao.blogaliza.org/2010/03/09/enunciar-o-imposible/ Tue, 09 Mar 2010 00:15:21 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=617 O importante non é o que dixo o bo actor Willy Toledo no medio da poeira tóxica que se organizou arredor da pequena illa de Cuba. O importante é que ao falar socavou os equilibrados alicerces do real, encofrados coa comunicación pública. A especulación do ladrillo, aí está.

A opinión do actor, como toda opinión, é discutible. A resistente experiencia revolucionaria acumula, é verdade, erros e defectos ao longo do tempo. E con eles, necesidades: maior protagonismo do suxeito proletario e, por tanto, maiores espazos de liberdade, de xustiza e de participación democrática plena. E non falamos de representación, de constitucionalismo burgués nin de retorno da propiedade privada; falamos de democracia absoluta, de capacidade de decisión. Das virtudes da revolución escusarei falar. Con todo e seren silenciadas, son insultantemente visibles.

Pero volvamos. O importante non é o que opine Willy Toledo sobre Cuba; o importante é que exprese a súa opinión. O acto en si, non o contido. Se reparamos nas reaccións ao dito polo actor, nas que -ai, que casualidade!- coinciden desde Intereconomía á Cadena SER, sobresairá que o seu peor delito consiste en expresar unha posibilidade allea á doxa do réxime e do sistema.

Que os donos dos medios de produción, e descúlpeseme esta recorrencia consciente á terminoloxía clásica máis que nada para amolar os espíritos máis puros e lúgubres, falen da posibilidade dun contrato de escravitude para menores de trinta anos non é importante polo contido da súa proposta. Coma no caso de Rosa Díez (e de Arcadi Espada, oh, o irrepetible Arcadi Espada!), o discurso dos empresarios retrátaos con exactitude asombrosa. O importante, tamén neste caso, é a posibilidade, aquí con sentido diferente. Se o discurso de Willy Toledo sobre Cuba creba os límites da realidade, a proposta empresarial non fai máis que reforzala ampliándoa mediante o recurso a incluír unha nova posibilidade. Porque só o que é posible é real. Non importa que a proposta non teña éxito a curto prazo; os conceptos que manexa serán constitutivos das relacións sociais aínda que non queiramos. Non importa que Willy Toledo exprese a posibilidade dunha organización social, económica, humana, alternativa; se a doxa a prohibe, non existirá.

A configuración do mundo que nos explota, que nos expropia e que nos aliena depende dos límites entre o posible e o imposible. Por iso é importante para o poder que todo o prohibido sexa necesariamente imposible e irreal. Non existe. E o que non existe non admite discusión. Eis a razón daqueles berros a Oleguer Presas en todos os campos de fútbol de España, a prisión de Arnaldo Otegi, a persecución cruel de Pepe Rubianes ou tantos outros castigos aos intentos de recoñecer o imposible.

España é unha construción relixiosa. Como tal, sempre estivo obsesionada cos límites entre o real e o irreal, é dicir, entre o institucional e o prohibido, entre o posible e o imposible. Aí armou a súa fronteira inmóbil. A ousadía de poñer un pé en territorio prohibido será necesariamente castigada. Foino en 1936, cando as multitudes se desataron nun soño prohibido que ameazou con desfigurar a realidade e ofrecerlle outras coordenadas. E éo hoxe, cando persegue disidencias ou crucifica os que pronuncien o impronunciable, que é outra modalidade do imposible. Opinar contra a consigna con palabras diferentes, recobrando a facultade comunicativa expropiada, mesmo asumindo o risco da equivocación, desvela que a realidade é un corpo flexible e dúctil. Velaí o peor delito contra o réxime dos corpos inanimados que se nos impón.

Por iso, entre outras cousas, brindo por Willy Toledo e por quen enuncia o imposible.

]]>