Cosmoloxía – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Contra a certeza, dúbida http://antondobao.blogaliza.org/2009/10/29/contra-a-certeza-dubida/ Thu, 29 Oct 2009 12:11:41 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=557 As túas conviccións outórganche a certeza absoluta; as miñas obríganme a dubidar de todo. Algo así, con outras palabras, vén a dicirlle Hipatia de Alexandría ao Bispo de Cirene en Ágora, a última película de Alejandro Amenábar. Unha paráfrase da historia da humanidade, da loita entre as conviccións relixiosas e a razón.

A historia do coñecemento do que fomos e somos e do universo inabarcable que nos acolle nun recanto afastado dunha apartada e pequena galaxia é unha loita a sangue e ferro contra o poder omnímodo da fe. O coñecemento, con todo e ser intenso en moitas disciplinas, é incompleto. E probablemente non chegará a dar conta de todo o que nos esixe interrogarnos. Velaí a súa grandeza. A razón é fascinante porque dubida. E isto nada ten que ver con relativismos morais nin outras argumentacións pouco consistentes inventadas para condenar —hoxe a fogueira ou a lapidación son só simbólicas, e é un avance— a aqueles seres humanos que ousan traspasar certas fronteiras só abertas á inconmensurable sabedoría de Deus. Por sorte para nós, humanos simples, o coñecemento, e non precisamente a fe, mediante a dúbida vainos facendo máis libres.

Stephen Hawking conta que Xoán Paulo II lles pediu aos científicos, nunha conferencia sobre cosmoloxía celebrada no Vaticano, que non estudasen a orixe do Universo, pois era o momento da Creación, é dicir, obra de Deus. Hawking presentara un relatorio no que teorizaba arredor o inicio do Universo, pero alegrouse de que o Papa non se decatase; non lle chistaba a idea de ser entregado á Inquisición, como lle ocorrera a Galileo. Talvez esaxera o científico, porque en 1992 o propio Xoán Paulo II asinou unha declaración na que a Igrexa recoñecía que a acusación contra Galileo fora un erro motivado por unha tráxica e mutua incomprensión. Ao bo do Galileo déralle por teimar en que a Terra andaba a voltas ao redor do sol. A Igrexa non foi tan severa con Galileo coma con Giordano Bruno, pero é que este sumaba varios crimes ao seu currículo, desde a submisión á ciencia deica a herexía. Hipatia de Alexandría, á que Amenábar lle rende unha fermosa homenaxe, tamén morreu violentamente. Pola razón.

A militancia na fe merece todo o respecto. E non necesariamente é incompatible coa militancia na razón. Mais o conflito é inevitable cando a fe, que inviste a existencia humana de transcendencia, impón os seus principios e as súas normas tanto no ámbito privado coma no público. Aí a fe é totalitaria. É a que define a Igrexa Católica desde Constantino. E non muda nin mudará.

Nesa liña totalitaria circulaba esoutro día Carlos Luis Rodríguez ao perseguir a Carlos Callón, naquela ignominiosa entrevista, para que comparase a manifestación a prol da lingua coa que un día antes atravesara Madrid para esixir a abolición do dereito ao aborto e o correspondente castigo terreal (o eterno está garantido) contra as mulleres que decidan non culminar embarazos e contra todo aquel que practique abortos. Rodríguez, non é nada novo, recorreu insistente á técnica do sofisma infantil: se vostedes din que o Goberno ten que escoitalos por saíren á rúa milleiros de persoas, entón recoñecerán que o Goberno de España ten que escoitar o clamor dos antiabortistas ou como sexa que haxa que denominalos. Ou sexa, somete a xuízo relixioso a ocupación pacífica da rúa e acubíllase no principio totalitario de que a única lexitimidade é a da representación, que é como dicir a da lei. Obvia, por tanto, que o dereito é posterior ao poder constituínte e que muda necesariamente cando muda este. Para el, non é o pobo quen máis ordena, senón a entidade abstracta da representación, que despois de cada proceso electoral queda fixada como vontade unitaria e inmutable, non sometida á multitude, por suposto. A soberanía residirá en cada caso nesa representación absoluta exenta de todo control democrático, só sometida ao control aristocrático das empresas comunicativas.

Sobre ese castelo de fume, o xornalista Rodríguez reitérase nun discurso sen raciocinio, de superficialidade relixiosa. Porque hai mal e hai ben que eticamente han de determinar as liñas de bo ou mal goberno. E para exemplo, as dúas manifestacións. Na estrafalaria concepción do xornalista Rodríguez, unha manifestación estaba amparada polo dereito de responder a un goberno que xeraba división social cunha decisión eticamente reprobable; a outra, por contra, disparaba contra a verdadeira soberanía popular residente no goberno que actúa conforme ao sentido común, á liberdade e á non imposición. As incoherencias profundas e superficiais do hipotético pensamento de Rodríguez darían para moitas páxinas. Mais a propia comparación en si de ambas as manifestacións é, como mínimo, perversa e tramposa. Porque os puntos de partida e de chegada son non xa opostos, senón incompatibles, profundamente antagónicos.

Se o círculo é a perfección, e a perfección é cousa de Deus, o mesmo ca a Creación da Terra e do home, non haberá peor crime que concibir a Terra en movemento elíptico ao redor do Sol. Se o pobo galego lle deu a maioría absoluta ao PP -non importa que as organizacións do bipartito sumasen máis votos- e este retira a lingua da vida pública e do ensino, o pobo galego desexa a extinción da súa propia lingua; negarse a esta vontade divinizada é un crime de lesa patria. Sedición totalitaria. Ambas as argumentacións representan as prevencións totalitarias da fe contra a razón. Pensamento Rodríguez.

A manifestación de Queremos Galego non facía máis que reclamar un dereito posto en perigo por un goberno lexítimo pero sometido a crítica e contestación social. Pola contra, a manifestación antiabortista reclamaba, con coherencia tradicionalista e relixiosa, o castigo para toda aquela muller (e home) que contraveña os preceptos morais dunha confesión relixiosa. Coma con Giordano Bruno e Galileo e tantos outros. Coma con tantas mulleres. Coma con Hipatia de Alexandría. Castigo á impudicia. Certeza totalitaria contra a dúbida racional.

]]>