Comuna – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Candidatos de mérito http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/03/candidatos-de-merito/ Wed, 03 Jun 2009 19:32:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=332 O desenvolvemento da campaña electoral presente non dista moito do sucedido en todas as anteriores. A candidatura de Iniciativa Internacionalista non ía estrearse en condicións diferentes. Sorte tivo, pensarán algúns, de non ser prohibida e de atopar un sitio para esparexer as súas proclamas incendiarias: o dereito a decidir e a crítica ao capitalismo. Así de simple, así de grave.

A práctica inspirada na doutrina Aznar dá sempre os seus froitos. Desta volta, foi Rubalcaba pluma ilustre da máis fermosa poesía social: ou se está cos votos, ou se está coas bombas. Non se sabe se tería por inspiración a Javier Solana, a Felipe González ou a Toni Blair. Ou a ámbolos tres, como dixera hai anos unha xornalista da Radio Galega ao informar sobre a toma de posesión de tres Conselleiros de Coalición Galega naquel famoso goberno de González Laxe. Eu téñoo claro; estou cos votos. Non me gusta que me priven dese dereito aínda sendo un impenitente pecador por entender que a democracia reducida a ese exercicio é unha caste de simulacro totalitario. Teimas miñas. En calquera democracia real, Rubalcaba estaría fóra da actividade política despois de o Tribunal Constitucional sentenciar que todo o proceso ese dos votos contra as bombas (ou as bombas contra os votos) non viña moi ó dereito. A democracia tería estas cousas. Dereito de revogación? Iso soa a programa da Comuna. Ou sexa, terrorismo.

Ó final, a candidatura do ruín Alfonso Sastre, en palabras dunha novelista española que se cadra nunca leu La mordaza, pode concorrer ás Eleccións ó Parlamento Europeo en teórica igualdade de oportunidades co resto das candidaturas presentadas. Pero o proceso iniciado coa impugnación da candidatura tivo o seu éxito. No estado español, sobre todo a partir da doutrina Aznar (todos somos terroristas mentres non se demostre o contrario), a acusación implica culpa. Non sempre, iso non; só no caso de organizacións, de grupos, de persoas que se xuntan para transformar algún anaco de realidade. As persoas serán seguramente inocentes, pero ó se xuntaren e determinaren actuar politicamente xeran un instrumento que por principio é reo de todos os crimes e, por tanto, suprimible. Ben mediante a prohibición, ben mediante a súa non existencia na realidade contada e transmitida, recreada.

X. L. Méndez Ferrín achega o seu extenso historial político á candidatura que encabeza o ruín Sastre. Pode achegar tamén o seu valor literario, porque o ser humano non debe escindirse, pero non é o caso. Ocorre igual con Sastre. Ferrín achega, cos outros integrantes da candidatura, as arelas de emancipación dunha parte dos galegos e galegas que non lles temen aos soños, ao futuro nin aos desexos. Unha parte pequena, é certo, pero non por iso irrelevante nin menos importante.

Marta Rivera e Xosé Luís Franco Grande coincidiron estes días, curiosamente, ou non, en disparar contra o candidato Ferrín. Probablemente a novelista e o espantallo tráxico están de acordo en máis do que parece. É posible que, entre outras cousas, no desprezo, expresado con modos semellantes, polo que Ferrín poida representar politicamente. Ambas as (dúas, neste caso) intervencións son viscerais e achegan unha carga de necidade que nunca é conveniente no debate político, literario ou cultural. En calquera caso, ambas as persoas teñen dereito a opinar o que desexen acerca de Ferrín, de Piñeiro, de Sastre, da esquerda, do nacionalismo ou da saia da Carolina sen que o Universo deixe de expandirse ou contraerse ou permanecer arrebolado nunha éxtase celestial.

Defender a Ferrín destas dúas xoias literarias e xornalísticas sería tan absurdo como innecesario. Non é cousa de perder o tempo en tales asuntos banais habendo, por exemplo, tan boa literatura por ler, como tal a do propio Ferrín, que a novelista talvez non coñece. O importante será que o domingo á noite o candidato Sastre sexa proclamado, entre outros compañeiros de lista, Deputado no Parlamento Europeo. Será un honor para Europa. Como o é o candidato Ferrín e cada un dos compoñentes desa lista furunculosa chamada Iniciativa Internacionalista.

]]>