castigo – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 2011 e o futuro http://antondobao.blogaliza.org/2011/01/10/2011-e-o-futuro/ Mon, 10 Jan 2011 11:12:20 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=843 Eu non descarto que, se no futuro é posible viaxar no tempo, entre nós estea de visita alguén que xa sabe o que vai ocorrer e como vai pasar. Viaxar no tempo, con todo, non é unha utopía. Vivir é viaxar continuamente no tempo, pero sen posibilidade de pausa nin de retroceso. Velaí os soños eróticos da humanidade: a pausa e o retroceso. Deter o tempo para esquivar a morte. Retroceder para corrixir certas cousas. Din os físicos, porén, que unha viaxe ao pasado non nos permitiría mudar nada; a realidade non resistiría certos paradoxos insoportables, como que un puidese matar o seu avó, se houbese valor para facelo, e evitar así o propio nacemento. De non ocasionar un colapso universal, esa sería unha posible forma de aborto, de suicidio ou de eutanasia por adiantado que non sei moi ben como tomaría a Igrexa Católica. Todo depende do prezo das cousas.

O viaxeiro que chegue ao pasado só poderá ser un simple espectador. Para transcender esa función pasiva, talvez só interesante para os historiadores, que poderían acudir persoalmente ás fontes orixinais, temos que considerar a posibilidade de que existan universos paralelos. Cada un deses universos paralelos xeraríase automaticamente sempre que tomamos unha decisión entre varias opcións posibles. Pese á rotundidade das leis da física, queda espazo e tempo para a liberdade. Se á viaxe no tempo lle engadimos o chouto a un universo paralelo, o pinchacarneiro será completo e, sobre todo, moi atractivo.

Andar cruzando as membranas que separan uns universos dos outros non parece tan doado como construír un buraco de verme que nos conecte con outro espazo e outro tempo. Se a materia, con todo, abre esas portas, talvez sexa posible poñer mesmo un pé no paraíso e ver o rostro de Deus. Pero a física non se preocupa maiormente por este tránsito. Ao contrario. Sabe que Deus non é necesario para explicar nada, por moito que Ratzinger ou Mario Conde teimen, tan sabios, no contrario. Só a fe, que é tan respectable como a súa ausencia, dá conta do lugar de Deus no Universo. Que cadaquén xogue ao que lle apeteza.

Se entre nós habita un visitante do futuro, ten que saber o que vai pasar neste 2011. Eu non o sei, e iso descarta de vez a miña procedencia do futuro. Confórmome con vivir este ano, e os que veñan, día a día, coa esperanza de ser coa miña xente o máis feliz que poida. E iso é unha declaración subversiva para a orde moral que se nega a abandonar a dirección de todas as existencias reais, pasadas, presentes e futuras. O dominio. Sempre hai quen procura que sobre a cabeza de quen aspira á felicidade, ao gozo, á utopía, pendure unha rocha granítica de varias toneladas de medo, culpa, cinismo e un devezo enfermizo polo sufrimento e o castigo.

A Igrexa Católica estende, coma o ollar de Deus, a súa influencia / influenza deica os confíns espaciais e temporais do Universo, se é que existen. Desenvólvese na trama do Reino do Castigo. Castigo por abortar, por pobreza, por feminidade, por homosexualidade, por calquera clase de sexualidade humana non reprodutiva, por morrer con dignidade, por non querer crucifixos na escola pública, por desexar un mundo novo, por programar e arelar un asalto ao ceo, por toda caste de gozo e felicidade, por crer no home, na muller, na ciencia, por non crer en Deus, por vivir, por querer vivir. Castigo orixinal por sermos materia, un simple accidente cósmico. Cando a Igrexa Católica se opón a que en certos estados a homosexualidade deixe de ser un crime castigado coa pena de morte está desvelando a súa fascinación polo castigo como base de toda relación social. Cando se opón a que as leis humanas permitan (ou non castiguen) o matrimonio homosexual, o aborto ou o divorcio, entre moitas outras cousas, está esixindo castigo para homes e mulleres que incorran en semellantes crimes. É o castigo o que máis lles excita a segregación de endorfinas.

Talvez exista cabo do noso un universo paralelo en que a seita católica impón o seu modelo social, as súas prescricións, proscricións, interdicións, premios e castigos. Puro pánico apocalíptico. Se houber algún visitante procedente dese universo, podería narrarnos como é a vida en tales condicións. Pero non dou acreditado nesa posibilidade. Non creo que nese futuro paralelo a ciencia teña lugar a explicar o mundo nin a facelo máis habitable nin a existir sequera para permitir unha viaxe ao pasado ou a outro universo paralelo co obxecto de evitar a traxedia. Teremos que ser nós quen construamos un futuro diferente liberado da moral do castigo.

Feliz 2011 sen sufrimento nin castigo.

]]>
Pracer e castigo http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/24/pracer-e-castigo/ Fri, 24 Jul 2009 12:19:55 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=480 A dereita vive obsesionada co castigo. Non porque os que se adscriben a esa beira ideolóxica nazan con algún xene que lles determine o pracer por penalizar inflexiblemente os seus conxéneres. Tampouco será porque sufran ningunha eiva física, como lle ocorría a aquel personaxe da película Todos din I Love You, de Woody Allen, que sendo fillo de demócrata militaba nas ringleiras conservadoras e antiabortistas por mor dun tumor que non lle deixaba chegar sangue e osíxeno ao cerebro.

Ese culto ao castigo dos conservadores talvez ten máis que ver coa súa posición social, cos lugares que ocupan nas relacións de poder e tamén coa propiedade. Non todos os conservadores, liberais, dereitistas ou mesmo fascistas teñen poder nin gozan de propiedade, iso é evidente, pero o poder e a riqueza exercen unha atracción que axuda a reproducir comportamentos e a asumir principios aínda que atenten en moitos casos contra os propios intereses. A fascinación da autoridade, da xerarquía e do dominio. Mesmo os hai dispostos a o sacrificaren todo, o que son e o que poderían aspirar a ser, polo benestar, a riqueza e a felicidade dos amos.

Algunha conexión ha de haber entre a fascinación polo castigo e a centralidade deste na relixión, tanto no plano mítico -o gran castigo eterno- coma no social e no individual -o castigo como referencia proscritiva do dereito natural; o castigo como porta á penitencia camiño da purificación. O sentido relixioso da orde social conecta a dereita coa devoción polo castigo.

A autolesión, porén, non está incluída entre as patoloxías da dereita. O autocastigo queda reservado para os febles, e a febleza é incompatible, ben o sabemos, coa alta responsabilidade de guiar colectividades material e espiritualmente. Probablemente esa será a razón pola que a cúpula -e os votantes- do Partido Popular non quere saber nada dos gromos de corrupción que lles xorden na hortiña da casa mesma. A corrupción é inherente ao sistema, parte do seu motor; non merece castigo. Se cadra, soamente discreción. O pico da pirámide social non pode someterse aos xuízos infundados das dimensións inferiores. O xuízo só é concibible se o emite a superioridade, outro non é posible. A xustiza ten que ser fiel á súa función de garantir a inmobilidade social absoluta. Tampouco o poder divino admite xuízo. Só Deus pode xulgar os homes, nunca os homes a Deus. Iso sería o máis mortal dos pecados e xustificaría o castigo máis cruel e os tormentos máis atroces. A orde require esta garantía de inmobilidade que tan cara lle é á dereita e á que tanto lle gusta aproximarse a esquerda institucional. O importante é que nada mude, que nada altere o statu quo. Os votantes son instrumentos de lexitimación mediante a reprodución de tan esquemáticos, simples e infantís razoamentos.

O xuízo de arriba abaixo. De Deus aos homes. Por iso a corrupción será unha práctica só posible nos de abaixo. Nos de arriba é negocio. Para que querería corromperse un rico empresario se xa ten todo o que desexa? Máis doado será que se corrompa un pobre ao que lle falta de todo para o ter todo. De aí xorde a cegueira ante os propios pecados e tamén a severidade na aplicación de castigos inflexibles e exemplares aos inferiores por mor das súas debilidades conxénitas. Seguimos no lugar de sempre: se unha muller aborta, aínda que sexa por necesidade, castigo. Se alguén practica sexualidade contra natura, castigo. A forma é variedade. Desde a pena de privación de liberdade á privación de dereitos. Tamén a pena de morte, se é precisa. A dereita excítase coa privación allea. Será a síndrome da acumulación.

Os espantosos crimes contra dúas nenas ocorridos hai uns días, con menores como odiosos protagonistas, volveron excitar na dereita o degaro de castigo. Voceiros do PP e reprodutores mediáticos das ideoloxías conservadoras coinciden na necesidade urxente, nada máis urxente e necesario, de reformar a lei do menor para facer dos nenos suxeitos de castigo de privación de liberdade. Entre un neno, Bárcenas e Camps, o linde entre o castigo ao inferior e a inocencia do modélico competidor.

O castigo non cumpre ningunha función social positiva, pero sérvelle ao poderoso para enfatizar o seu dominio sobre os corpos e os cerebros e mais para sacralizar a propiedade e a orde dela derivada. O castigo non é espello refractario que convide aos delincuentes en potencia a non cometer delitos. Iso é mentira. Como é mentira que a ausencia de castigo convide ao delito, ou que a despenalización do aborto convide ao aborto por puro pracer. Mentira e froito dun razoamento primitivo, inferior á idade penal.

Se o Estado non ten dereito a entremeterse na educación dos nenos, nin no tocante ás linguas vehiculares do ensino nin na aprendizaxe de materias non relixiosas que a dereita considera doutrinarias; se a responsabilidade da educación e dos valores dos nenos corresponde aos pais en exclusiva, talvez sexan os pais os que deban responder dos actos de seus fillos pequenos que aínda se están formando como persoas.

Que busquen a dereita, Andrés Aberasturi e outros as razóns do crime na propia miseria dos seus principios sociais, económicos e políticos. No modelo de convivencia que se lles transmite aos pequenos, na exaltación da competencia e do poder, no desprezo á solidariedade e ao común, na institucionalización da humillación do inferior, no rexeitamento obsesivo de todo o diferente.

Eles son os culpables. Que non queiran, por riba, gozar co castigo alleo.

]]>