Bieito XVI – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Negocio dobre http://antondobao.blogaliza.org/2010/11/02/negocio-dobre/ Tue, 02 Nov 2010 12:29:18 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=741 Cos mandos eclesiásticos ocórreme igual que cos militares: non os distingo. Non sei se vai diante un Capitán ou un Cardeal, un Bispo ou un Tenente Coronel, un Arcebispo ou un Sarxento. É un defecto intelectual e cultural que, sinceramente, non penso emendar. Vexo na obediencia e a disciplina como normas de conduta e valores supremos un canto á submisión e ao poder absoluto. A min gústame máis a contestación.

Comprendo que no mundo militar a disciplina e a xerarquía son un deber. Os individuos dilúense, o exército ten que comportarse como un só home, decidido, astuto e valente, disposto á vitoria a calquera custo. Incluída a morte. O individuo, se non ten mando, non conta. Máis complicada xustificación ten a estrutura piramidal de mando e tan intensa xerarquización nunha organización que fachendosamente se autodenomina Asemblea. Outro misterio. Ou será que se consideran un exército disposto a canta cruzada sexa necesaria, con territorios por conquistar e individuos por anular.

Algúns mandos do exército católico veñen insistindo, seguramente non con intención propagandística senón evanxélica, en que a próxima visita do Sumo Pontífice a Compostela será un negocio espiritual e tamén económico. Dobre negocio. Non é novo, nin escaso, o coñecemento que a xerarquía católica ten dos significados e usos do negocio. Das súas arestas, dos seus beneficios e custos, das súas dimensións éticas e estéticas, das súas concordancias plenas con cada letra do Evanxeo. Igrexa Católica e negocio son dúas caras dunha mesma moeda de ouro sen data de caducidade. O negocio espiritual, que é económico, é a estrela de oriente que os guía pasiño a pasiño polos dificultosos carreiros da Historia. Non hai por tanto contradición nin antagonismo nos dous termos. Negocio e espírito esíxense mutuamente. O negocio esixe espiritualidade para manter en pé o edificio opresivo, de mando, de explotación, fronte ao perigo da aluminose das pulsións liberadoras do ser humano. O espírito esixe negocio para exercitar a súa invasión totalitaria das vidas das persoas, dos seus soños, dos seus desexos. Dos seus temores. Ao mando eclesiástico sempre o vén a ver a inspiración da exactitude: a visita do Papa de Roma é un negocio espiritual e económico. Non teñamos dúbida.

A visita dun par de horas do máximo representante dunha confesión relixiosa ao territorio dun Estado teoricamente aconfesional sairá bastante cara. Bieito XVI en Compostela é o título da representación teatral máis custosa da historia deste pequeno país. O espectáculo pagarémolo a escote, aínda que non asistamos ao show. Despois apandaremos coas consecuencias da austeridade e da contención do gasto en bobadas como a saúde, o ensino público, a cultura, os medios de comunicación públicos e outras necesidades superfluas. Cousas do negocio bipolar. Pero a min non me dan saído as contas. Nin o meu espírito será máis rico, nin a miña economía máis sa. No caso dalgúns empresarios, estou convencido, as contas serán diferentes. Todo sexa polo ben común.

A visita de Bieito XVI a Compostela é un dereito do máximo representante dunha confesión relixiosa. De calquera. Que sexamos os cidadáns, todos, os crentes e os non crentes, os espirituais e os materiais, os relixiosos, os agnósticos, os xudeus, os protestantes, os musulmáns, os budistas, os satánicos, os cienciólogos e os ateos os que teñamos que sufragar a farsa económica e espiritualmente é un atentado ao mínimo sentido común democrático, cultural, de respecto a dereitos e liberdades fundamentais, desde o de circulación ao de non estarmos obrigados a soportar propaganda sectaria pola forza.

Eles ben o saben, pero o santo cinismo axúdalles na peregrinación. Nós necesitamos dicilo.

Coda
A autoridade civil e a eclesiástica pactaron o paroxismo simbólico do autoodio. Para Xunta e Igrexa, o nome galego de Bieito non é adecuado á alta dignidade do Santo Padre. É demasiado vulgar. Só o nome castelán, Benedicto, é adecuado. Ambas as autoridades, civil e eclesiástica, quedan definidas polos seus actos. Non é a lingua galega a indigna, son indignos os que non a consideran adecuada. Indignos e profunda e orgullosamente incultos.

]]>