audiovisual – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Televisión… Manipulación? http://antondobao.blogaliza.org/2009/11/26/television-manipulacion/ Thu, 26 Nov 2009 00:16:53 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=572

Rimar televisión con manipulación non queda demasiado brillante. Se analizamos todas as noticias dos medios de comunicación e as filtramos pola nosa percepción dos acontecementos, dos seus antecedentes e contextos, dos suxeitos participantes, chegaremos a conclusións divertidas. A primeira adiántoa eu: contar a realidade implica manipulala. Desde cando e quen decide o que se debe contar e o que non ata o propio proceso de elaboración, pasando pola posición que unha noticia ocupa nunha páxina dun xornal ou nun espazo informativo radiofónico ou televisivo. Falar, por tanto, de manipulación como marca de identidade dunha televisión (neste caso, que casualidade, pública) fronte aos outros medios vén a ser como non dicir nada. Haberá máis manipulación na TVG que na SER, na COPE, en Intereconomía, en VEO, en Tele5, en Antena3, en TVE, en La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, El País e así deica o infinito? Rotundamente, non. O problema é que se faga digna de confianza a lenda urbana segundo a cal os medios públicos están sometidos á censura e á manipulación política mentres os privados responden a intereses de información e servizo á cidadanía e son garantía de liberdade.

A TVG leva 25 anos apegada a non poucas mensaxes críticas. Habendo múltiples aspectos dos nosos medios públicos profundamente mellorables, sorprende que toda preocupación recaia na información e na súa relación coas forzas parlamentarias. Instrumentalización a tres bandas. A obsesión dos funcionarios dos partidos non é a contribución dos nosos medios públicos aos procesos de normalización, a creación de universos simbólicos propios, a configuración dun audiovisual galego que mereza realmente tal nome. O que lles quita o sono é o cronómetro: cantos segundos de atención informativa merece cada partido ou en que medida están representados -eles e ninguén máis ca eles, é a perversión da representación- en diferentes zonas da programación. Pero a ninguén lle importa que a CRTVG reciba case un 8% menos de investimento público para o ano 2010.

Ninguén reflexiona sobre os medios de comunicación que necesitamos e para que os precisamos. Iso obrigaríanos a abandonar a consigna, tan doada como baleira, tan eficaz para socavar, palabra a palabra, o prestixio que os medios públicos precisan nunha batalla desigual cos medios privados e os seus intereses. Sobre todo cando os medios públicos son unha illa anómala en lingua galega rodeada por todas as partes por medios monolingües en castelán. A irresponsabilidade é compartida. Non sería mala cousa saber que rumbo leva o barco que tanto precisamos para non afogar no medio dun océano hostil e alleante, tan imprescindible para a lingua e a cultura de Galicia coma o osíxeno para os nosos pulmóns. O barco, quero dicir.

A reformulación necesaria dos medios públicos de Galicia pasa por un compromiso co seu futuro plasmado, en primeiro lugar, nun novo Consello de Administración non ocupado polas burocracias partidistas nin polo capital privado das produtoras audiovisuais, senón por sectores diversos da sociedade non condicionados por intereses de lucro nin de hexemonía partidaria. Unha nova concepción das audiencias televisivas tería que iluminar esta reformulación. Cómpre acabar coa imaxe falsa dunha audiencia monolítica e uniforme manexada polos intereses das axencias publicitarias, aos que se somete todo o mundo. Cómpre abrirlle a porta á multiplicidade de audiencias potenciais, con gustos e intereses diferentes, que merecen igual atención dunha televisión pública.

Encetemos o debate con xenerosidade e coa intención de posuírmos uns medios públicos ao servizo dunha lingua e dunha cultura, que estean en mans da sociedade. Seguirá habendo diferenzas de criterio no tocante ás informacións, porque a comunicación de masas crea a realidade, non a reflicte. O importante será determinar que realidade desexamos que os nosos medios públicos contribúan a crear. En todos os seus espazos, non só no reducido, endogámico, sobrevalorado e sectario ámbito da información.

As tres forzas parlamentarias deberan dar o primeiro paso. Pero non creo que o fagan.

]]>
As cousas casuais e cativas da Cultura http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/09/as-cousas-casuais-e-cativas-da-cultura/ Thu, 09 Jul 2009 11:34:18 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=465 O Conselleiro de Cultura está preocupado. Será esa humana preocupación, xenerosa sen dúbida, o que o obriga a pedir unha oportunidade para os galegos que traballan nun idioma diferente da lingua de Galicia. Pois por oportunidades que non sexa, home.

Cando o Conselleiro de Cultura fala en público, fai declaracións, responde entrevistas, a un nácelle a sensación de certo descoñecemento da rica e complexa realidade cultural de Galicia. Natural en alguén que leva tempo vivindo fóra. Pero o natural vira en preocupación se non se ven sinais de cambio ao cabo de certo tampo. Un Conselleiro de Cultura debe coñecer todos os aspectos da nosa realidade cultural e creativa, artística, literaria, audiovisual, teatral, musical, etc. E ás veces, Roberto Varela parece non darse feito con toda esa riqueza. Talvez por falta de bo asesoramento; se cadra por desinterese, cousa impensable ao se tratar dun cargo de tal transcendencia; quizais por prexuízos culturais e lingüísticos, o cal sería realmente grave.

Cando alguén observa desde fóra as manifestacións artísticas e culturais dunha comunidade tende a sometelas ao filtro dos propios prexuízos, das ideas preconcibidas arredor desa cultura e das súas manifestacións, dos lugares comúns normalmente emparentados co descoñecemento ou certos complexos de superioridade ou de inferioridade. De aí á folclorización desa cultura, a unha visión que remarca o exotismo, o pintoresco, e oculta as realidades, media só un treito microscópico. Bótenlle un ollo á película Los muertos van deprisa e verán do que falo. No caso de culturas propias de nacións subalternas, o fenómeno radicalízase. O mal ten cura, desde logo. Abonda con coñecer mellor os recantos en que fermenta esa cultura, as súas obras artísticas, os autores, os receptores, os diferentes axentes das industrias culturais, etc. Todo o que contribúe a elaborar universos simbólicos inseridos na tradición culta e na popular. Para un Conselleiro de Cultura, é tarefa obrigada.

Roberto Varela transmite sensacións de descoñecemento e de manexo torpe do lugar común. Ambas contribúen a darlle ao personaxe certo aire de inxenuidade entrañable, pura inocencia. Tamén os nenos son extraordinariamente hábiles no descoñecemento e delicadamente entrañables na fe absoluta coa que aceptan as mentiras con que seus pais procuran (inutilmente) perpetuarse no poder. Sempre é preferible pensar na inxenuidade e non na mala fe. Descoñecer a realidade ou observala a través dun veo translúcido que a deforma coma os espellos do San Froilán non é suficiente para mudar a realidade mesma. Os espellos do San Froilán son a versión autóctona dos do Callejón del Gato, que sen dúbida coñecerá perfectamente o noso Conselleiro de Cultura. Normalmente, o problema está no observador e non na realidade.

O Conselleiro de Cultura está preocupado. Fala nunha entrevista de autores que estiveron marxinados por escribir en castelán e cita a Valle-Inclán. E eu penso que alguén o está informando mal, ou que lle menten á mantenta, ou que ten por diante algún pano translúcido que lle deforma esperpenticamente a realidade. Porque non se me ocorre pensar que un Conselleiro de Cultura descoñeza a relación e a colaboración artística entre Valle-Inclán e Castelao, por exemplo, ou a admiración e o respecto que polo xenial escritor arousán comparte toda a literatura galega. Ou a normalidade coa que se relacionan escritores como Luísa Castro ou Susana Fortes coa lingua, coa literatura e cos escritores e escritoras galegas. Ou Marina Mayoral, que se incorpora tamén ao noso campo literario. Ou a relación sempre amigable e de admiración mutua entre os autores do campo literario galego e José Ángel Valente ou Carlos Oroza ou Torrente Ballester ou Camilo José Cela. Non sei en que manual se informaría o noso Conselleiro de Cultura para falar de marxinación de Valle-Inclán ou doutros escritores galegos pertencentes, por decisión propia, á literatura en lingua castelá. Outra cousa é confundir sistemas literarios. Ou acudir a aquela falsidade tan ligada ao analfabetismo cultural que empregou certo xornal para publicitar unha promoción: La mejor literatura gallega, se escribe en castellano. Pois non. Ningún dos autores arriba citados concordarían con aquela bobada usada coma arma para negar a existencia dunha literatura galega autónoma, non subalterna. Supoño que o Conselleiro de Cultura tampouco. Non sería decoroso en relación co seu cargo.

Tamén parece faltarlle algunha información ao noso Conselleiro cando se aventura a penetrar no proceloso mare magnum do audiovisual galego. Hai aí moita madeixa que debandar, e non é doado argallar ben o nobelo. Quede para outra ocasión o debate do que é ou non é audiovisual galego, de se existe ou é unha torre de fume ou de cal é a súa configuración e por que. Nalgún momento haberá que afrontalo con valor, a poder ser no propio sector audiovisual. Pero non parece propio dun Conselleiro de Cultura afirmar que non se pode discriminar unha película realizada en Galicia por galegos por estar feita en castelán. Non porque non sexa un bo desexo a ausencia de discriminación por razón de lingua (oxalá así fora), senón porque expresarse neses termos equivale a non coñecer cales foron ata hoxe os criterios para a subvención á produción audiovisual. Incluídos os anos de goberno bipartito e Consellería de Cultura dirixida polo BNG. Ora porque a información de que dispón o Conselleiro de Cultura é mala, ora porque hai algo entre os seus ollos e a realidade que lle impide vela tal como é e lla deforma. Mala cousa, en calquera dos dous casos. Confiemos en que algún funcionario lle achegue ao Conselleiro un informe detallado con todas as películas subvencionadas ata o presente, cos seus actores, directores, equipos técnicos e lingua orixinal. E nótese que o de lingua o digo en singular. Non creo que haxa no mundo un sector audiovisual con maior nivel de subalternidade ca o galego. Confiemos en que o Conselleiro de Cultura sexa quen de garantirnos a posibilidade de realizar (e de ver) cine na nosa lingua, o cal ata este mesmo día de hoxe non é posible. Estaranos marxinando alguén?

Para o Conselleiro de Cultura, a marxinación e a discriminación son furunchos que nacen pegados a certas erupcións lingüísticas e supoño que ideolóxicas. Como se na dereita e no teísmo non houbese ideoloxía. Le aconsejo que haga como yo, no se meta en política. Des que Roberto Vázquez chegou a Galicia, amosou unha enorme preocupación por aqueles e aquelas que, contra toda imposición, desexarían, e non poden, desenvolver unha obra literaria ou cinematográfica en castelán.

Ulos?

]]>