Anxo Lorenzo – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Fausto e Mefistófeles http://antondobao.blogaliza.org/2009/05/20/fausto-e-mefistofeles/ Wed, 20 May 2009 14:38:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=277 Durante a campaña electoral, o doutor Fausto entregouse ao pauto con Mefistófeles. O trato parecía vantaxoso: Mefistófeles evitaría a fuga de votos ao partido ultranacionalista de Rosa Díez a cambio da alma do doutor Fausto transubstanciada en novas políticas lingüísticas acordes coas esixencias do Demo Maior, ese poderoso espírito multiforme: de COPE a FAES, de Blanco Valdés e La Voz de Galicia a Carlos Luis Rodríguez e Libertad Digital; sempre o imposible proxecto patriótico español, negador e uniformizador, pura quimera. Mefistófeles, carrexador de almas, un simple gregario, adopta na nosa historia a forma dun pintoresco trasno de xénero feminino que esixe agora, pasadas as eleccións, a satisfacción da prenda prometida. O doutor Fausto dubida. Deus é bo, pero o demo non é malo.

Fausto parece cómodo na dualidade. Ao tempo que mantén o pauto intacto, nomea a Anxo Lorenzo Secretario Xeral de Política Lingüística, un nome que soa a exorcismo e casa mal con ese absurdo discurso baseado en tres piares -imposición, discriminación, igualdade- e un decorado -liberdade de elección. Desexará expulsar o demo do corpo? Talvez. Polo de agora, a Secretaría Xeral de Política Lingüística perde a transversalidade necesaria e pasa a depender organicamente da Consellería de Educación. Mais ao mesmo tempo, conforme ao que puidemos ir lendo e oíndo estes días, será ao propio Presidente, e non ao Conselleiro de Educación, a quen teña que lle render contas Anxo Lorenzo. Temos que interpretar con iso que a Política Lingüística será transversal aínda dependendo organicamente de Educación? Pois non o sabemos.

Anxo Lorenzo, que acumula máis méritos que todos os seus antecesores, merece toda a nosa confianza crítica, quitado que lle dea por cometer algunha desfeita, o cal non me parece moi probable. Sería imprudente condenalo antes de comezar a realizar o seu traballo. E inxusto, sobre todo se temos en conta que os seus antecesores no cargo moran no limbo exactamente por non facer absolutamente nada. Ou sexa, por executaren a política lingüística do laissez faire, de deixar andar o proceso de substitución sen sobresalto, sen que se manifeste o conflito, co ritmo pausado do inevitable. Esa foi a verdadeira característica de todas as políticas lingüísticas anteriores. Incluída a do bipartito. Non nos enganemos.

Igualdade, imposición, discriminación e liberdade de elección. Eses parecen ser os eixos, en negativo e en positivo, da política lingüística do novo goberno. Con tales alicerces, as medidas estelares parecen resumirse, á marxe da derrogación ou modificación do famoso decreto, na elaboración dunha enquisa entre os pais que garanta, supoño, a súa liberdade de elección. Postos a facer enquisas, que ten que ser un mundo de divertido, tamén podían aproveitar e preguntarlles se prefiren que os seus fillos aprendan que o Universo responde ás intuicións de Aristóteles, tan poético e harmonioso, ou que coñezan as hipóteses, os traballos, as deducións e algunhas das conclusións de Copérnico, de Newton, de Einstein, de Hawkins. Postos a preguntar, que lles dean a elixir entre Xeografía, Historia, Literatura, Matemáticas ou un compendio intensivo de teoría e práctica futbolística. Un futbolista de elite ten un futuro económico ben máis brillante ca un licenciado, doutor ou catedrático calquera.

Non hai no mundo un país cuxo poder executivo consulte cos pais cal vai ser a lingua vehicular dos diferentes niveis do ensino. Ademais de absurda, a hipotética consulta é tramposa. Ou ben se realiza ano a ano e se modifican segundo os resultados os programas de estudos, os libros de texto e as linguas vehiculares, ou ben se obriga ás futuras xeracións a apandaren coa opinión e os prexuízos dos consultados, ese exquisito grupo de escollidos. E que ocorrería cos que non atinen nas enquisas? Serán varridos os seus dereitos só por seren minoría? Ou nese caso xa non serían pertinentes tales dereitos como non o son hoxe de feito para os galegófonos? Non sei. A ocorrencia da consulta soa máis a coartada ca a outra cousa. Porque tal elección é imposible, absurda e xera desigualdades insostibles. Un pai de Guadalajara, poñamos por caso, non tería o mesmo dereito a esa elección ca un de Melide. Un pai galego que viva en Madrid, en Asturias ou en Cantabria, tampouco gozaría do dereito a elixir a lingua vehicular dos estudos dos seus fillos. Pero non quedamos en que todos eramos iguais ante a lei?

Outra variante do mesmo delirio é a posibilidade de separar os alumnos en aulas diferentes segundo opten seus pais por galego ou por castelán. A Lei de Normalización Lingüística (LNL), que identifica o galego como Lingua Propia de Galicia, con todo o que iso significa, é bastante clara cando obriga as autoridades educativas da Comunidade Autónoma a “arbitrar as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino”. O cal quere dicir, ata onde chega o meu entendemento, un uso cada vez maior do galego como lingua vehicular nos diferentes niveis do ensino. Casa esta prescrición do Artigo 13.2 coas pretendidas intencións do Goberno? As manifestacións de Núñez Feijóo e do seu Conselleiro de Educación parecen distanciarse da legalidade vixente. Non parece moi boa cousa en dous membros tan cualificados do poder executivo. O seguinte punto da LNL, o Artigo 13.3 tamén é transparente: “Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razóns da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas diferentes.” Tamén neste caso parece o poder executivo galego disposto a promover a creba do estipulado con tanta claridade na lexislación vixente.

Non pode ser verdade, parecemos pensar todos. Non hai maneira real de implementar esa política lingüística que, coma se fose unha alma antes pura, Mefistófeles lle segue esixindo ao doutor Fausto como pagamento. Non a hai, a menos que o discurso dea un paso máis e declare a inferioridade obxectiva da lingua galega respecto á Lengua Nacional de todos los españoles e, por tanto, superior en si mesma. E iso non vai ocorrer tan axiña, aínda que certas manifestacións mefistofélicas non teñen reparo en manexarse neses termos. O rebumbio parece, iso si, outorgarlles unha boa baza aos defensores dun esmorecemento paulatino, lento pero seguro, dunha lingua que aínda consideran non apta para o mundo contemporáneo.

No medio de tanto balbordo, e sen case decatármonos do que ocorría, atentos aos movementos tácticos de demos, demiños e trasnos, fomos deixando encartados nalgún armario hermético obxectivos e necesidades de normalización. Coma se de golpe nos conformaramos coas políticas lingüísticas institucionais que precederon a Núñerz Feijóo. Coma se ante a visión arrepiante dese monstro de feira denominado “bilingüismo cordial” orásemos polo regreso urxente do vello “bilingüismo harmónico”. De socato, da noite para a mañá, represéntansenos salvadoras as políticas lingüísticas anteriores e non paramos de clamar polo cumprimento da legalidade vixente e pola volta a un consenso que en case 30 anos non deu freado o proceso de substitución lingüística, que non impediu que acelerase, que non foi capaz de inverter tendencias. A eficacia do barullo en que enfociñamos consiste precisamente en obrigarnos a abandonar, coma se fose decisión propia, os criterios que deben guiar toda política lingüística normalizadora. Trocamos necesidades de normalización por posicións de supervivencia precaria. Ninguén parece atreverse a esixir políticas verdadeiramente ambiciosas, audaces, normalizadoras. Ninguén parece querer falar de inmersión lingüística, unha forma democrática e necesaria de recuperar usos sociais para a lingua propia de Galicia, para a que sofre substitución, con todo o que iso significa. E esa modificación tácita de obxectivos normalizadores é o triunfo verdadeiro do seu discurso. Conseguiron empurrarnos contra a trincheira, e teño a sensación de que non dámos saído dela. Pero para situarmos a lingua no futuro cómpre abandonar a trincheira, dar pasos adiante, construírmos a nosa propia axenda, promover para a lingua propia de Galicia medidas de protección, de desenvolvemento, de discriminación positiva que como mínimo a equiparen en usos sociais á que lidera o proceso de substitución. Porque o obxectivo será reverter o proceso de substitución, para o cal a política do laissez faire é ineficaz e sobre todo suicida. Se para iso hai que tirar á varredura un decreto que non garante nunca que a escola deixe de ser un elemento de desgaleguización, pois tirámolo. Sen fetichismos. Peor é caer nas redes do seu discurso e dalo por bo coas nosas involuntarias renuncias motivadas pola súa estratexia.

A manifestación do Día das Letras, multitudinaria, demostra que a percepción social da lingua é positiva. A lingua vívese, non é un cadáver. A sociedade galega no seu conxunto e os núcleos de falantes máis conscientes debemos manexarnos coa lingua neses termos. Serios e belixerantes pero optimistas. Trazando a nosa propia axenda normalizadora, elaborando un discurso propio. Mentres haxa falantes, haberá lingua. Os que percorremos o domingo as rúas de Compostela non faciamos mais que proclamar a nosa decisión de exercer o dereito a vivir a nosa vida na nosa lingua, un dereito que non está garantido nin de lonxe, por certo, pese a esa teima na inversión da proba que caracteriza o discurso uniformizador. E proclamamos esa decisión por enriba de tácticas partidarias inmediatas, con toda a pluralidade e a diversidade, desde puntos de vista coincidentes en moitos aspectos e diverxentes noutros. Porque a lingua, necesariamente, é de todos.

E que opinará o silencioso Consello da Cultura Galega?

]]>